E-dixgal, incorporación do libro dixital aos centros de ensino galegos

 

“Indubidablemente, unha parte da función da educación consiste en axudarnos a escapar non do tempo que nos toca vivir, pois estamos atrapados nel, senón das limitacións emocionais e intelectuais do noso tempo.”

 

T.S.Eliot

 

Estimados amigos e amigas:

Como se sabe, este curso académico, no marco do programa E-dixgal da Consellería, máis de dous mil escolares galegos do nivel de quinto curso de ensino primario, pertencentes a 84 centros xa previamente integrados no proxecto Abalar, deixaron na casa a mochila de libros para comezar a utilizar o libro dixital.

Este novo contorno virtual de aprendizaxe está apoiado en tres elementos documentais diferentes: por provisión de materiais adquiridos á editorial EDEBÉ e á empresa de contidos dixitais Netex; a través dos recursos educativos dixitais xa dispoñibles no espazo Abalar e, o que resulta máis innovador, mediante a incorporación da “mochila dixital” de cada docente, que permitirá ofrecerlle ao alumnado os contidos de produción propia e todos aqueles de carácter complementario que considere o profesor como elementos de utilidade para a clase. Desta maneira, iníciase unha experiencia realmente prometedora en canto supón a irrupción da revolución dixital nas aulas, da que, seguramente, deberemos esperar moito.

É obvio que o libro dixital aplicado á escola conta con vantaxes evidentes respecto do convencional, non só en canto a volume ocupado, facilidade de almacenaxe ou resistencia á deterioración. O esencial aquí é, desde logo, explorar as posibilidades que ofrece a conectividade e a interactuación dixital a través da rede de redes e, incluso, o traballo interactivo sen conexión á rede  se o alumnado dispón de elementos previamente cargados no seu notebook. A ninguén se lle escapa que as posibilidades que se abren con esta iniciativa son case infinitas e, dalgunha maneira, introducen os centros de ensinanza de Galicia nun futuro esperanzador e acorde cos tempos que están por vir. Este número 68 da Revista Galega de Ensino non pode amosarse alleo a este amencer do libro dixital nas nosas aulas, é máis, esperamos poder dar moi pronto conta aquí mesmo das múltiples experiencias e iniciativas que a implantación do proxecto E-dixgal vai xerar nos próximos meses no seo das nosas comunidades escolares e, naturalmente, será unha honra e un privilexio poder facelo.

Felices e merecidas vacacións, co desexo dun novo ano cheo de éxitos persoais e profesionais para todos.

 

Juan Granados
Director da Revista Galega do Ensino

 

Sección: