Nós tamén debatemos

Proxecto de desenvolvemento comunicativo do alumnado de ESO e Bacharelato do IES Saturnino Montojo de Ferrol (Programa Parlamento Xove)
Nós tamén debatemos é un proxecto dentro do programa Parlamento Xove co que pretendemos pór en alza o valor da palabra: para argumentar, debater, entreter, convencer, axudar a solucionar problemas, expresar sentimentos... En definitiva, para comunicármonos, porque a comunicación é o camiño para a convivencia, a colaboración e o progreso.

Mª do Carme Fernández Miranda
Corona Tato García
Profesoras de Lingua e Literatura Galega
IES Saturnino Montojo de Ferrol (A Coruña)
carmefernandez@edu.xunta.es
ctato@edu.xunta.es

 

As nosas expectativas

Cremos que a actividade de Parlamento Xove está na liña de traballo que se demanda nestes tempos: un traballo creativo e aberto no que o alumno é o protagonista da súa aprendizaxe. Esta actividade, relacionada coa vida real, esixe investigación, espírito crítico, razoamento, toma de decisións, memorización, contacto coa actualidade, manexo da prensa e novas tecnoloxías...

Nesta era da comunicación instantánea, do predominio dos medios audiovisuais, das emoticonas, das abreviaturas..., o noso propósito é corrixir as eivas frecuentes dos nosos alumnos cando intentan expresarse oralmente. A miúdo non conseguen plasmar o que realmente pensan, quedan sen palabras, deféndense atacando en vez de convencendo, nos seus discursos falta adecuación... Con esta actividade pretendemos mellorar a súa competencia.

O programa Parlamento Xove seduciunos desde o primeiro momento no que consultamos o plan Proxecta e todo o claustro aprobou unanimemente a nosa participación.

Obxectivos

Xerais

  • Mellorar a competencia  oral en lingua galega,  tantas veces esquecida nas aulas por motivos moi diversos: a súa difícil avaliación, a falta de tempo,  o ensino demasiado orientado á gramática e incluso a falta dun modelo teórico explicativo sobre a oralidade.
  • Entender  a oratoria e o debate como instrumentos necesarios e útiles  e saber  combinalos coas novas tecnoloxías para que ambas sumen e  enriquezan tanto o alumnado participante directamente como a outros compañeiros e profesores que puidesen colaborar con suxestións ou na realización dalgunha das tarefas.
  • Crear unha dinámica de traballo que teña  continuidade no tempo e implique a toda a comunidade educativa, non só a un reducido equipo.
  • Contribuír á consecución das competencias básicas.

Específicos

  • Aprender a apreciar o debate como ferramenta didáctica de valor na área de Lingua e no ámbito  da formación cidadá.
  • Entender a importancia da linguaxe non verbal: acenos, ton, entoación e  actitudes, cortesía á hora de intercambiar argumentos…
  • Desenvolver as técnicas de persuasión e convencemento para  aproximar, compartir, disentir… e así conseguir un bo instrumento de exposición e discusión respectuosa das ideas.
  • Promover a resolución razoada dos conflitos de opinión.
  • Fomentar a participación dos estudantes nos procesos democráticos.
  • Aprender a defender unha idea a partir dunha correcta argumentación.
  • Entender que para realizar un debate o primeiro  que hai que facer é coñecer o tema e prepararse para debatelo.
  • Exercitar a expresión oral e a escoita, pensando sempre o que se quere  expresar e escoitando con respecto os razoamentos  dos demais.
  • Desenvolver o pensamento crítico cuestionando o establecido,  desde un punto de vista aberto e razoado, sen caer na demagoxia ou nos ataques persoais.
  • Normalizar o uso do galego como lingua que non só é unha materia, senón unha ferramenta de comunicación cotiá entre persoas dunha mesma comunidade, amosando e demostrando ao noso alumnado que noutros lugares de Galicia o seu uso é natural e lóxico  ao competir con centros doutras vilas galegas.
  • Fomentar a lectura, escritura, o emprego das TIC e o respecto ás ideas dos demais.
  • Colaborar con outros departamentos para desenvolver un proxecto integrador, que non se limitase a un pequeno equipo de catro alumnos e tres profesores.

 

Metodoloxía e desenvolvemento do proxecto

Empregamos unha metodoloxía activa na que os participantes construíron a súa propia aprendizaxe ao interactuar cos materiais e aprender durante o proceso de preparación, non só espertando o seu interese pola investigación (cando buscan información, fontes e citas coas que argumentar), senón tamén cando adoptando decisións consensuadas.

Empregamos técnicas de traballo grupal, cooperativo, así como recursos metodolóxicos e coñecementos  diversos procedentes do campo da dinámica de grupos. 
Delimitamos  con precisión, sistematicidade e cun criterio de funcionalidade todos e cada un dos aspectos: tarefas, asignación de funcións e responsabilidades, espazos, materiais,...

En principio o regulamento de Parlamento Xove restrinxe a participación a catro alumnos (respectando unha distribución equilibrada de mozos e mozas), pero nós tentamos que a actividade tivese unha repercusión moito maior.

Tras coñecer o tema do debate (Está a servir a crise global para que a xuventude tome conciencia dun consumo responsable?) comezamos a elaborar os nosos argumentos, diferenciando varios tipos:

  • Argumentos estatísticos e de datos: son obxectivos e dan rigor e carácter científico ao texto.
  • Argumentos de autoridade: apelan a grandes personalidades ou institucións con coñecemento na materia.
  • Argumentos por exemplificación: ilustran con claridade a nosa postura.
  • Argumentos de experiencia persoal, posto que os nosos rapaces son parte da xuventude á que se alude nos temas do debate.
  • Xeneralizacións indiscutibles: evidencias, comunmente aceptadas pola sociedade, baseadas no sentido común.

Levamos a cabo un labor informativo e de solicitude de colaboración que se concretou do seguinte xeito:

Departamento de Lingua Galega:

  • En segundo de BAC, na área de Lingua Galega, na que se traballa o comentario crítico, escolléronse textos relacionados co tema do debate que serviron para enriquecer argumentos e dar exemplos.
  • En cuarto da ESO, curso ao que pertencían os membros do equipo, decidimos traballar a modalidade textual argumentativa e a oratoria, que se incluíron especificamente na programación de aula deste nivel.
  • Campaña de concienciación nas clases de Ciencias e Lingua Galega de primeiro da ESO, elaborando  textos publicitarios e artigos de opinión (salientable a colaboración de Mª Xosé Martínez).

Departamento de Ciencias Naturais:

  • Posto que o tema do debate tiña que ver co consumo responsable, traballouse este tema nas clases de Ciencias de cuarto da ESO e en primeiro de BAC en Ciencias para o Mundo Contemporáneo (implicouse directamente a profesora Mª Nieves Aguilera) e realizáronse enquisas a todos os alumnos do instituto. Foi un traballo laborioso, pero moi produtivo. Aproveitouse o tema do debate para tentar fomentar a reflexión que leve a un consumo responsable. Pódese consultar o resultado das enquisas, que puxemos en gráfico (traballamos así a competencia matemática e a dixital) en Google Docs.

Departamento de  TIC:

  • Participación tanto na elaboración dos blogs e das enquisas, como na busca  de información e mesmo na elaboración de presentacións sobre o consumo responsable (tema da fase inicial) nalgunha clase de Informática de cuarto da ESO.

Departamento de Ciencias Sociais:

  • Organización e busca de información na biblioteca do instituto, integrando a actividade no PLAMBE, de cuxo equipo forma parte Pilar García, unha das integrantes do equipo. Esta actividade foi moi importante, pois supuxo a ampliación da base do argumentario e a valoración da importancia da biblioteca escolar na formación integral do alumnado.
  • Preparación e desenvolvemento da xornada formativa para os membros do equipo coa socióloga Antía Guillén, que tratou temas de estatística e busca fiable de información, a delimitación de conceptos sociolóxicos esenciais  para elaborar o tema do debate (xuventude, consumo responsable …) e nos facilitou importantes documentos para a elaboración do noso argumentario. 

 

Temporización das actividades

Outubro de 2012:

As responsables do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, Mª do Carme Fernández Miranda e Corona Tato García, logo da lectura da convocatoria do certame  Parlamento Xove  e animadas polo director do centro, Luis Bergantiños, deciden facer a proposta ao alumnado de cuarto da ESO para  participar nel. A profesora Carme Fernández, coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, actúa  como coordinadora do Proxecto.

Reunión informativa  cos alumnos interesados en participar que se comprometen a cumprir coas tarefas necesarias con ilusión e responsabilidade. Constituímos un grupo numeroso porque integramos esta actividade nunha máis ampla que denominamos Club Debate, pois pensamos participar tamén no certame que impulsan diversos concellos de Galicia desde os EDLG.

O grupo queda constituído inicialmente por nove alumnos. A coordinadora proporcionálle ao grupo unha visión xeral sobre as actividades que se van realizar, traballando a oratoria.

Novembro de 2012:

Coa colaboración do director do IES inscribímonos oficialmente e incorporamos ao grupo a profesora Pilar García, do Departamento de Ciencias Sociais.

Decembro de 2012:

O venres 14  asistimos á xornada de formación do Parlamento Xove en Ferrol. Tras a reunión explicamóslle ao grupo como imos organizar o traballo e,  atendendo ás capacidades, gustos e intereses do alumnado, asignamos inicialmente os roles  de oradores e investigadores. Os demais membros da liga de debate colaboran nas diversas actividades que imos propoñendo.

Xaneiro de 2013:

- Elaboración do Blog Follas Novas e disposición dun grupo de correo electrónico en gmail que se converteron nun foro de diálogo aberto onde os membros do equipo puidemos interactuar dixitalmente coa finalidade de articular debates, analizar  artigos de prensa relacionados co tema,  preparar  enquisas, etc.

- Establecemos un calendario de preparación e comezo dos ensaios  de cada unha  das técnicas necesarias na competición: estrutura dos discursos e conclusións, redacción dos discursos, investigación e busca de argumentos que se empregarían nas refutacións, preparación de presentacións, gravacións, realización de enquisas... 

- Debido a que un dos oradores se foi do instituto (Simón Pazos marcha a Australia coa súa familia; desde alí colaborou e animounos a continuar) e a compromisos doutro dos participantes, vímonos obrigadas a reestruturar o equipo, o cal supuxo un gran reto.

- A medida que se aproxima a data do debate,  traballamos na busca de información fiable, tanto en internet como na biblioteca. Resultou moi curto o prazo para preparar todos os aspectos dos debates para a fin de semana do 16 de febreiro, porque coincidiron as vacacións de Entroido na semana anterior e iso complicou os ensaios.

A socióloga Antía Guillén veu ao centro convidada pola profesora Pilar García e axudounos no labor de selección de información e de elaboración de enquisas.

Febreiro 2013: 

- Participación das profesoras Corona Tato e Carme Fernández  no III Encontro de EDLG organizado pola Coordinadora de Equipos de Dinamización da Lingua Galega en Santiago de Compostela o sábado 2 de febreiro e no que un dos obradoiros foi "A oralidade desde o debate de competición: o Parlamento Xove". Achegamos algunha das ideas ao noso equipo.

- Xornada de formación na UNED promovida polo Concello de Ferrol para a actividade de Club Debate, que nos permite mellorar as nosas estratexias para Parlamento Xove.

- Elaboración de gráficas coas estatísticas de consumo responsable no noso centro.

- Organización da información e subida ao blog de todos os materiais: discursos, artigos, enlaces, estatísticas... Pódese acceder á bibliografía consultada para preparar a actividade en Google Docs.

- O mércores de cinza, aínda estando de vacacións, realizamos un ensaio xeral durante toda a mañá na casa da xuventude, que nos cedeu o Concello de Ferrol.

- Últimos retoques á preparación e labor de cohesión e motivación do grupo por parte da profesora coordinadora que viaxa cos alumnos e pernoita con eles a noite anterior ao debate.

- Participación no debate realizado no Pazo de Mariñán os días 15 e 16 de febreiro. Acompañan o equipo a súa coordinadora Carme Fernández e Corona Tato.

 

 

 

- Contacto coa prensa local, que recolleu noticias sobre a nosa participación na actividade:

Maio de 2013:

Elaboración da memoria e difusión da actividade entre toda a comunidade educativa do noso instituto a través da revista Nós, Tamén e da páxina web do centro, grazas á colaboración do coordinador TIC, Marcos Padín.

 

 

Grao de consecución dos obxectivos

A través das actividades desenvolvidas consideramos acadados de xeito satisfactorio todos os obxectivos específicos indicados no apartado 3 deste artigo. Ademais, esta actividade contribuíu á adquisición das competencias básicas do currículo do seguinte xeito:

  • A competencia lingüística traballouse en todas as súas dimensións: ler, escribir, escoitar,  discriminar o esencial do accesorio,  ter capacidade de síntese, fomentar o espírito crítico,  desenvolver un discurso oral correcto e adecuado...
  • A competencia matemática foi  traballada mediante a construción de  gráficas a partir do resultado das enquisas e interpretando datos, táboas e porcentaxes.
  • A competencia de aprender a aprender e a de autonomía  e iniciativa persoal reforzáronse constantemente en numerosas tarefas: organización de estratexias á hora de planificar o traballo, asunción de responsabilidades, cumprimento dos prazos, traballo en grupo.
  • A competencia social e cidadá reforzámola ao respectar o traballo dos demais, saber escoitar, argumentar con contundencia, pero respectando aos contrarios, ser  xenerosos cando os opoñentes teñen problemas, coñecer as dinámicas de traballo en grupo e convivir.
  • A competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico e competencia cultural e artística foron melloradas coa viaxe e estadía no Pazo de Mariñán, onde gozamos dunha xoia da arquitectura galega  e dun espazo xeográfico marabilloso.

 

  • A competencia da información e competencia dixital  foi reforzada  co  emprego de tecnoloxías multimedia para realizar as enquisas, manexar programas para facer gráficas, presentacións, montaxe de vídeos, tratamento de imaxes, creación dun blog e preparación da documentación informativa que recolle todos os traballos realizados.

Cabe salientar a realización dun traballo globalizado e interdisciplinario, pois  implicamos os Departamentos de Novas Tecnoloxías,  Dinamización da Lingua Galega, Lingua Galega,  Ciencias Sociais, Ciencias Naturais e Economía que nos asesoraron en aspectos concretos.

Avaliación do proxecto

Se consideramos os obxectivos  que nos propuxemos e posto que empregamos unha metodoloxía activa e aberta, a avaliación do noso proxecto non foi algo puntual, senón que se realizou en cada unha das fases do mesmo.

Analizamos sempre os factores ou causas dos progresos e dos atrancos, para poder corrixilos sobre a marcha: modificamos estratexias, redistribuímos as  tarefas cando foi necesario etc.

A avaliación  do noso proxecto estivo estruturada  en tres fases:

Fase inicial: avaliación da proposta inicial tendo en conta que fose realista, factible e  ben estruturada para acadar os obxectivos propostos.Permitiunos coñecer as fortes carencias do grupo, tanto no relativo a técnicas de debate como ás grandes dificultades que tiñan á hora de expresarse oralmente en galego.

Fase intermedia: avaliación de cada un dos pasos que fomos  dando e  que nos foron permitindo a retroalimentación, a corrección de deficiencias, a inxección de motivación en momentos baixos…

Fase final: avaliación da experiencia no seu conxunto, despois de celebrada a fase de debate no pazo de Mariñán. Aínda que, sen dúbida, o importante sexa participar, a verdade é que a actuación do equipo foi exitosa: un dos oradores do noso equipo, Mateo Buján Varela, foi nomeado mellor orador e o noso equipo, a pesar de non se clasificar, foi o segundo mellor valorado en puntuación. Ademais o equipo foi felicitado reiteradamente pola súa actitude solidaria cun dos equipos co que debatemos e que tivo problemas. Afianzamos importantísimos valores no que se refire á competencia social e cidadá.

A experiencia do propio debate tamén nos ensinou a traballar coa presión que producen os nervios e a tensión, a empatizar cos nosos rivais e xogar limpo, respectando ao máximo as normas do debate; a asumir a derrota cando perdemos unha rolda e a saborear o trunfo cando a gañamos. A convivencia no pazo de Mariñán cos demais equipos compartindo as comidas e facendo amigos completou unha experiencia moi positiva.

O instrumento de avaliación máis potente co que contamos foi observación e análise durante os meses que durou a preparación do debate. Nas numerosas reunións e ensaios realizados fixemos sempre unha análise dos aspectos a mellorar, daqueloutros aos que debiamos renunciar  por ser inviables e da potenciación dos nosos puntos fortes. 
 

Conclusión

A conclusión final á que chegamos é que esta é unha actividade moi positiva, que permitiu a mellora das estratexias de comunicación dun xeito absolutamente espectacular.  A Dirección do centro e gran parte do equipo docente estivo sempre apoiando o noso traballo e iso tamén o percibiron os rapaces, polo que resultou motivador.

Tamén consideramos moi enriquecedora esta actividade porque, a maiores de perfeccionar as habilidades comunicativas, comprobamos que os alumnos experimentaron unha interesante evolución na análise e comprensión da realidade, un afondamento no pensamento crítico e rigoroso e unha mellora do traballo  corporativo.

 

 

Sección: