Paseando polas nubes
Julia Fernández Rodríguez
xula@edu.xunta.es
Aula Hospitalaria CHUV
O traballo cos nenos e nenas hospitalizados ten dificultades que non atopamos noutros centros educativos: a propia enfermidade e os seus tratamentos, os cambios físicos ou psicolóxicos, a debilidade; a diferenza de idades e de capacidades, en ocasións con dificultades de aprendizaxe severas; as interrupcións continuas para facerlles probas; a non obrigatoriedade de asistencia á aula; o non saber canto tempo vai permanecer con nós o alumnado… Ademais de todo o anteriormente subliñado, se algo fai diferentes estas aulas son os estados emocionais fortes polos que pasan as nenas e nenos, o illamento que poden sufrir lonxe das súas relacións normais (colexio, amigos…), a baixa autoestima á que poden chegar e a sensación de encarceramento que manifestan.
Todos os cursos desenvolvo proxectos que responden a necesidades que observo no alumnado, normalmente relacionados co estado emocional e coa autoestima. Ademais, estes proxectos tamén abranguen obxectivos relacionados con cada unha das competencias básicas: saber manexar medidas de capacidade e volume e calcular tantos por cento (c. matemática); implicarse na colocación de carteis no hospital para o aforro de auga (c. social e cidadá); traballar co que temos ao noso alcance relacionando uns coñecementos con outros e sabendo unir o científico e o emocional (c. aprender a aprender).
O pasado curso estaba deseñando un proxecto titulado “Paseando polas nubes”. Respondía á necesidade de paliar no posible a idea de falta de liberdade que os nenos e nenas manifestan ao estaren hospitalizados. Era preciso atoparlles unha saída ao exterior. Ocorréuseme proporlles mirar para as nubes, pasear por elas.
O noso paseo tiña un compoñente de regulación emocional, pero tamén mirabamos as nubes desde o aspecto físico, económico, musical, plástico, ambiental… As nubes eran o centro a partir do cal organizabamos o currículo de terceiro ciclo de primaria e primeiro ciclo da ESO.
Na aula hospitalaria dispoño de cinco ordenadores con conexión á rede que utilizamos para a busca de información, xogar e procesar textos.
Había tempo que tiña a sensación de que non aproveitaba todos os recursos que me podían ofrecer as tecnoloxías, así que me apuntei ao curso Nivel básico en tecnoloxías da información e da comunicación. Pretendía botar unha ollada a todo aquilo que podería ser interesante e enriquecer o meu proxecto ou outros futuros.
Aplicando todo o aprendido puiden ir engadíndolle ao proxecto obxectivos e actividades relacionadas coas TIC. Agora non só iamos ver as nubes de forma directa desde as ventás do hospital, senón que poderiamos pasear entre elas a partir de vídeos de Youtube; realizar actividades da rede coas que aprender, mirar, xogar, investigar e experimentar sobre o que son as nubes, o ciclo da auga, a súa importancia; ver vídeos sobre a auga, os incendios e como só esta pode axudar a sufocalos; facer fotos delas e composicións plásticas tratándoas con programas como o Gimp Portable ou outros programas gratuítos de tratamento da imaxe da rede (VER) ; tomar datos da choiva e coa folla de cálculo ordenalos, obter medias e facer gráficas; co Impress poderiamos elaborar presentacións interdisciplinares con información e fotos sobre as nubes, o ciclo da auga, fenómenos atmosféricos, poesías, frases (VER) ; crear os nosos propios pop up (VER) ; realizar traballos audiovisuais
No curso convencinme de que as redes sociais poden ter un gran labor educativo para motivar, intercambiar e espallar traballo e tamén disipar a sensación de illamento. Así creamos a nosa páxina en Facebook: Aulahospitalariachuvi (VER)
Ademais de empregar as TIC para aproveitar todas as posibilidades que ofrecían, debía manter os principios pedagóxicos que lle desen auténtico sentido ao proxecto para garantir as aprendizaxes dos alumnos e alumnas e a atención á diversidade.
As actividades, ademais de variadas, necesitaron de distintos materiais (cartón, témpera, pedras, papel…) e soportes (fotografía, vídeo…). Algunhas actividades eran para facer individualmente, outras realizáronse en parellas ou en grupo. Incluíronse actividades propostas polo alumnado. Ao rematar a sesión remataba a actividade, así se algún neno ou nena só asistía un día o seu traballo tiña sentido en si mesmo (principio de actividade e participación).
A aprendizaxes xiraron arredor das nubes e ofreceron un contexto significativo que axudou a que o proceso fose inclusivo; ninguén quedou fóra e cadaquén traballou segundo as súas capacidades e intereses, só ou axudado (principio de globalización e principio de inclusión).
Adaptámonos ao ritmo de traballo de cada alumna e alumno, tendo en conta a súa situación física e emocional, potenciando o positivo de cadaquén (principio de personalización).
A profesora propuña o traballo e guiábao, pero aceptaba as propostas do alumnado, xa que era fundamental que se creasen relacións afectivas positivas e de axuda entre eles (principio de interacción).
As sesións eran curtas para evitar o cansazo dos rapaces e rapazas e sempre seguindo o principio da amenidade, evitando en todo momento a clase maxistral.
En canto á organización dos espazos, utilizouse o dedicado á aula dentro da planta de pediatría, pero tamén os cuartos, o vestíbulo e a rotonda chea de ventás da planta 14 para unha mellor observación das nubes.
Polo que respecta á temporización, realizouse o proxecto diariamente en sesións de 11.30 a 12.45 e de 15.00 a 16.00, do 1 de marzo ao 10 de abril.
As actividades realizadas para conseguir os nosos obxectivos foron moitas e variadas e podemos agrupalas en:
Actividades de observación e fantasía: observamos as nubes directamente, subindo á planta 14 do hospital cunhas magníficas vistas tanto da cidade coma do ceo e a través de vídeos e fotos. Para que? Para emocionarnos con elas, para relaxarnos, para ter sensación de liberdade, para fotografalas, para gravalas, para debuxalas, para contarlles as nosas cousas, para xogar con elas asociando as súas formas a animais, escenas, monstros…
Actividades de regulación emocional, fundamentalmente a través de producións artísticas. Lemos relatos, poesías, frases… onde as nubes tiñan presenza. Elaboramos os nosos propios escritos reflectindo o noso estado de ánimo ou contándolles ás nubes como estabamos e nos sentiamos (VER) . Tamén fixemos acrósticos coa palabra nube (VER). Observamos cadros de nubes na rede e elaboramos as nosas propias obras nas que as nubes eran protagonistas. Tamén o foron de chaveiros, bandexas, caixas, disfraces (VER).
Actividades de investigar e aprender cousas delas. Estudamos, a partir de tarefas propostas na rede e en caderniños deseñados para este fin, que son as nubes, como se forman, o ciclo da auga, tipos de nubes, fenómenos atmosféricos, unha estación meteorolóxica, cantidade de auga que cae coa choiva, medidas de capacidade e volume. Analizamos como inflúe a choiva na nosa flora, fauna, economía, construcións, costumes, cultivos… Para iso utilizamos tarefas da rede, vídeos de Youtube. Aproveitamos a visita dun meteorólogo que nos explicou e nos trouxo aparellos dunha estación meteorolóxica e recipientes con diferentes medidas de capacidade. Tamén colaboraron no proxecto un avó agricultor e nais e pais que nos contaron refráns e ditos sobre o tempo e as nubes.
Actividades de ecoloxía, comprendendo a importancia da auga e que non hai que desperdiciala.
Actividades de espallamento e motivación, utilizando as redes sociais dos propios rapaces para contar o que estaban a facer e ensinar o que facían. Creamos unha páxina en Facebook para motivar os rapaces e rapazas e así espallar o traballo realizado. Ademais, organizamos unha exposición final nunha sala da cidade (VER).
Conseguimos o que queriamos?
É moi difícil nun hospital valorar a consecución dos obxectivos por parte do alumnado, pois non dispoñemos do tempo de estancia suficiente para saber se interiorizaron o que queriamos conseguir. De todos xeitos, como o obxectivo principal deste proxecto era a superación de agonía que lles producía a falta de liberdade e a satisfacción deles a pesar da situación de enfermidade pola que estaban a pasar, podemos constatar que isto se foi conseguindo, polo menos mentres desenvolvían as actividades. Os rapaces implicábanse nas tarefas con moito interese e, nos cuestionarios tanto orais coma escritos que lles pasabamos, a valoración realizada sempre foi altamente positiva. A asistencia a todas as sesións por parte dos nenos e nenas tamén é un bo indicador de que lles interesaba o que se estaba a facer, pois se non deixarían de vir.
O proxecto tivo unha grande incidencia no hospital. Ademais das familias, contouse coa colaboración do persoal sanitario, tanto facilitándonos a subida a plantas superiores como axudando no desenvolvemento dalgunha das actividades e facilitando horarios e espazos. En canto á súa continuidade, en principio desenvolverase durante os próximos cursos.
O noso paseo sería o mesmo sen as TIC?
Seguro que non. Perderiamos o poder pasear entre nubes como o fixemos virtualmente desde un avión; sería imposible ver todas as clases de nubes e os fenómenos meteorolóxicos que se producen: tormentas, choiva, sarabia etc.
O proxecto puido ser estupendo utilizando só recursos tradicionais, de feito combinamos en todo momento ambos os dous; penso que xa non habería que facer distinción entre uns recursos e outros, senón formular bos proxectos e a partir de aí utilizar todos os recursos que nos axuden a que estes sexan o máis atractivos, actuais e de calidade posible. Non todo o que se fai coa tecnoloxía ten calidade nin o que se fai a través de recursos tradicionais é malo.
Penso que o noso “Paseo” gañou grazas ás TIC en modernidade, motivación e proximidade ás xeracións actuais, ademais de axudar ao seu espallamento e ao aumento da creatividade e expresión artística dos rapaces e rapazas, así como a evitar o illamento dos nenos e nenas hospitalizados grazas ás redes sociais.