Psicomotricidade e dislexia
Dra. Cristina de la Peña Álvarez
Profesora Formación Profesional
cristinapalv@yahoo.es
1. Introdución
A propia natureza da dislexia, así como a diversidade de ámbitos cognitivos e de comportamento que afecta, require formulacións interdisciplinares. Neste sentido, docentes, especialistas e orientadores interróganse sobre os factores que poden paliar esta dificultade de aprendizaxe ou desenvolver estratexias facilitadoras. De toda a diversidade de factores, a experiencia profesional no campo da orientación educativa en educación infantil e primaria lévanos a preguntarnos sobre os beneficios que a psicomotricidade ten para a prevención e intervención da dislexia, mellorando o rendemento xeral dos escolares e influíndo na solución do problema.
Neste artigo pretendemos revisar a participación da psicomotricidade na dislexia, partindo da idea de que a intervención psicomotriz durante a educación infantil e a educación primaria pode atenuar os efectos da dislexia sobre os escolares, mellorando a súa execución no proceso lector e o seu rendemento académico.
2. Contextualización
O estudo da dislexia viuse enriquecido polas achegas de diferentes formulacións teóricas de diverso valor científico que intentaron dar conta dos procesos alterados na lectura. A investigación actual revela que a dislexia ten unha orixe neurobiolóxica e para Peña (2012) é unha síndrome neuropsicolóxica produto de complexas interaccións xenética-ambiente, que pode provocar dificultades no proceso lector e se manifesta de forma variable nas persoas. Nos últimos anos, a incorporación das técnicas de neuroimaxe ao estudo das dificultades de aprendizaxe e especificamente da dislexia permite coñecer os mecanismos cerebrais implicados e a orixe dos síntomas disléxicos. Concretamente, advertimos a existencia de estruturas cerebrais implicadas na dislexia que son tamén a base neuroanatómica da psicomotricidade, como os ganglios basais, o cerebelo e o córtex cerebral (áreas somatosensoriais e áreas motoras e promotoras). Isto explicaría a aparición en escolares disléxicos dos síntomas psicomotores mesmo antes do diagnóstico desta dificultade de aprendizaxe.
Na revisión da investigación científica, a teoría actual que dá conta dos síntomas psicomotores da dislexia é a teoría cerebelar que explica a baixa capacidade de disléxicos en tarefas de coordinación motora e secuenciación motora; Fawcett e Nicolson (2011) establecen que o córtex motor, o cerebelo e os ganglios basais están presentes na aprendizaxe inicial da adquisición da habilidade motora e propoñen unha explicación causal ontoxenética da dislexia na que os problemas cerebelares, presentes xa dende o nacemento, xeran dificultades nas habilidades motoras, na articulación e automatización arredor dos cinco anos e provocan, pola súa vez, dificultades en soletreo, lectura e escritura.
Os síntomas e/ou manifestacións que presentan os escolares disléxicos relacionados co ámbito psicomotor son os seguintes:
- Dificultades na elaboración do esquema corporal: recoñecemento das partes do corpo.
- Dificultade coa definición e afianzamento da lateralidade: recoñecemento dereita-esquerda.
- Dificultade coa coordinación dinámica e estática.
- Dificultade coas habilidades motoras finas.
- Dificultade coa organización temporal: secuenciación, ritmo.
- Dificultade co equilibrio.
- Dificultade coas relacións espaciais: orientación espacial.
Estas necesidades que teñen os escolares disléxicos no ámbito psicomotriz levan a formularnos como mestres e orientadores que os contidos de psicomotricidade relevantes na dislexia son: control postural, esquema corporal, lateralidade, control práxico, control tónico, estruturación temporal e estruturación espacial. O traballo con estes contidos permítenos chegar á consecución dos seguintes obxectivos:
- Facilitar a detección temperá da dislexia en educación infantil.
- Facilitar o diagnóstico da dislexia en educación primaria.
- Mellorar a intervención psicopedagóxica en educación primaria.
- Proporcionar ferramentas, en forma de actividades, para orientadores, mestres e pais.
- Mellorar a intelixencia intrapersoal do alumnado disléxico.
- Desenvolver a autoestima e o autoconcepto.
3. Avaliación psicopedagóxica dos contidos psicomotrices
Os mestres e orientadores de educación infantil e primeiro ciclo de educación primaria podemos obter información dos síntomas psicomotores da dislexia mediante:
- a. Probas estandarizadas que valoran o dominio psicomotor:
- Cumanin (Portellano, Mateos, Martínez, Granados e Tapia, 2000): contén subprobas que avalían a psicomotricidade, a visopercepción, a estruturación espacial e a estruturación rítmico-temporal.
- Escalas McCarthy de aptitudes e psicomotricidade para nenos (McCarthy, 1996): ten unha escala perceptivo-manipulativa formada polas seguintes probas: orientación dereita-esquerda, construción de cubos, secuencia de golpeo, crebacabezas, copia de debuxos e dun neno; a escala de motricidade contén coordinación de pernas, coordinación de brazos e acción imitativa, copia de debuxos e dun neno.
- Aptitudes en educación infantil (Cruz, 1999): ten tarefas de visomotricidade e orientación espacial.
- BADIMALE (Molina, 1984): formado por tarefas de orientación dereita-esquerda, estruturación rítmico-temporal e organización espacial.
- Brunet-Lézine revisado (Brunet e Lézine, 1998): escala de desenvolvemento psicomotor da primeira infancia.
- Currículo Carolina (Jhonson, Jens, Attermeier e Hacker, 1994): entre as probas valora motricidade grosa e fina.
- Inventario de desenvolvemento Battelle (Newborg, Stock e Wnek, 1996): contén unha área motora.
- Avaliación da psicomotricidade en preescolar (Cruz e Mazaira, 1998): contén as probas de locomoción, equilibrio, coordinación de pernas, brazos e mans e esquema corporal.
- Figura complexa de Rey (Rey, 1997): valora visopercepción.
- Cuestionario de Humphrey (en Peña, 2012): avalía lateralidade.
- b. Observación materializada en rexistros de observación, nos cales recollemos información dos distintos contidos de psicomotricidade relevantes na síndrome disléxica:
- Esquema corporal: coñecer as partes do corpo, denominación das partes do corpo, localización no seu corpo, no avaliador e no papel.
- Lateralidade: coñecer dereita e esquerda en si mesmo e no outro.
- Control tónico: correr, marchar, xirar, saltar, subir, baixar etc.
- Control postural: equilibrio e posturas
- Estruturación do espazo: coñecer conceptos espaciais, debuxos, construcións etc.
- Estruturación do tempo: coñecer conceptos temporais, secuenciar ritmos etc.
- Praxias: coordinación visomanual (lanzamentos, abrochar un botón, manipular obxectos etc.).
Deste xeito, unha vez detectada a necesidade de traballar o ámbito psicomotor, como prevención ou como intervención, procedemos a adestrar os síntomas psicomotores da dislexia, co fin de proporcionar unha experiencia rica, educativa e axustada ás necesidades de cada alumno.
4. Intervención psicomotriz na dislexia
Na actuación dos síntomas psicomotores, somos conscientes das demandas do propio profesorado e das familias, que requiren estratexias para desenvolver o traballo na aula e na casa; por iso propoñemos, de forma práctica, como realizar unha sesión psicomotriz e exemplos de exercicios para o seu desenvolvemento. A intervención psicomotriz pódese realizar mediante dous enfoques, un máis directivo por parte do adulto que potencia as aprendizaxes mediante a normalización da conduta a través da actividade corporal e outro menos directivo e máis vivenciado en que o adulto observa e atende as demandas do escolar, pero non dirixe a sesión. De forma concreta, na aula de psicomotricidade en educación infantil ou na clase de educación física en educación primaria, estruturamos as sesións de psicomotricidade en tres partes: unha primeira parte de introdución, cunha duración aproximada de dez/quince minutos que consisten na posta en marcha –explicación do que se fará, realización dos saúdos, establecemento das normas de clase etc.–; unha segunda parte constituída polo desenvolvemento, que consiste en traballar os contidos psicomotores mediante circuítos, danzas, dramatizacións e xogos, cunha duración aproximada de vinte e cinco/trinta e cinco minutos; e unha terceira parte que consiste en volver á calma durante dez ou quince minutos, na cal podemos facer unha relaxación, canción ou reflexión final. A continuación, propoñemos exercicios para traballar os síntomas psicomotores da dislexia na aula ou na casa:
- Identificar debuxos na mesma ou distinta posición.
- Percibir figuras incompletas.
- Facer crebacabezas.
- Recortables.
- Xogos do enredo.
- Peletre.
- Ditar direccións.
- Palabras desordenadas.
- Colorear e recortar partes do corpo.
- Indicar partes do corpo segundo dereita e esquerda.
- Recortar.
- Facer bucles e grecas.
- Diferenciar dereita e esquerda no plano.
- Atar os cordóns dos zapatos.
- Abrochar e desabrochar os botóns.
- O mundo ao revés.
- Xogar con plastilina.
- Danzas e secuencias rítmicas.
- Dramatización de contos.
- Conto motor.
- Circuítos (bancos, cadeiras, aros etc.).
- Xogo do espello.
- Construcións.
- Facer colares.
- Presentación por xestos.
Este tipo de exercicios propostos está dirixido a escolares cun diagnóstico de dislexia ou para probables e futuros disléxicos co fin de abordar, solucionar e superar con éxito as súas dificultades, proporcionando unha intervención específica axeitada ao seu problema e situación que mellore o proceso lector, o rendemento académico e o seu benestar persoal, escolar e social.
5. Reflexións finais
En síntese, a psicomotricidade trata de relacionar dúas áreas, por un lado, o desenvolvemento psíquico na súa vertente afectiva e cognitiva e, por outro, o desenvolvemento motor co fin de normalizar ou mellorar o comportamento do alumnado disléxico. A estimulación do desenvolvemento psicomotor e a adquisición de habilidades motoras básicas son fundamentais durante os primeiros anos de vida porque melloran as capacidades cognitivas como a linguaxe e a aprendizaxe da lectura.
A relación entre psicomotricidade e dislexia pode redundar en beneficio da comunidade educativa, facilitando o desenvolvemento de plans, estratexias, protocolos de actuación e demais ferramentas para a prevención, diagnóstico e intervención en contextos diversos, para situacións variadas e dende enfoques distintos, atendendo ás características e singularidade de cada escolar
BRUNET, O. e LÉZINE, I. (1998). Brunet-Lézine revisado. D. Josse [Tr. Santiago Pereda Martín]. Madrid: PSYMTEC.
CRUZ, M.ª V. DE LA (1999). Aptitudes en educación infantil. Madrid: TEA.
CRUZ, M.ª V. DE LA e MAZAIRA, M.ª C. (1998). Escala de evaluación de la psicomotricidad en preescolar. Madrid: TEA.
GARCÍA, J. e BERRUEZO, P. (2004). Psicomotricidad y educación infantil. Madrid: Cepe.
GARCÍA, L., MARTÍNEZ, M.ª e QUINTANAL, J. (2000). Dislexias. Diagnóstico, recuperación y prevención. Madrid: UNED.
JOHNSON-MARTIN, N.; JENS, K.; ATTERMEIER, S. e HACKER, B. (1994). Currículo Carolina. Madrid: TEA.
MCCARTHY, D. (1996). Escalas McCarthy de aptitudes y psicomotricidad para niños. Madrid: TEA.
MOLINA, S. (1986). BADIMALE. Madrid: CEPE.
NEWBORG, J.; STOCK, J. e WNEK, L. (1996). BATTELLE. Inventario de desarrollo. Madrid: TEA.
NICOLSON, R. e FAWCETT, A. (2011). Dislexia, dysgraphia, procedural learning and the cerebellum. Cortex, 47, 117-127.
PEÑA, C. DE LA. (2012). La dislexia desde la neuropsicología infantil. Madrid: Sanz y Torres.
PORTELLANO, J.; MATEOS, R.; MARTÍNEZ, R.; GRANADOS, M.ª J. e TAPIA, A. (2000). CUMANÍN, Cuestionario de madurez neuropsicológica infantil. Madrid: TEA.
REY, A. (1997). Test de copia de una figura compleja. Madrid: TEA.