Premio Francisco Giner de los Ríos
As irmás Ángeles Abelleira e Isabel Abelleira, de segundo ciclo de educación infantil en centros educativos de Ames, obtiveron o premio Francisco Giner de los Ríos á mellora da calidade educativa na súa XXVIII edición outorgado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte polo seu blogue InnovArte Educación Infantil.
Este proxecto nado en xaneiro de 2010, recibe unha media diaria de 1.500 visitas e conta cun arquivo de máis de 800 entradas. O blog, de formato bilingüe, é consultado tanto desde Galicia e o resto do Estado español como desde outros países da Unión Europea -Italia, Portugal- e desde varios países iberoamericanos, como Venezuela, Perú ou Arxentina, entre outros.
O conselleiro Xesús Vázquez Abad puxo a estas profesoras como exemplo do “incalculable valor do labor que os docentes galegos están a realizar para elevar a excelencia do noso sistema educativo” destacando o seu esforzo por adaptarse aos novos tempos e poñer en marcha iniciativas pedagóxicas innovadoras a prol da mellora da calidade dun ensino cada vez máis preparado para dar resposta aos retos que a vida actual lle propón.
Así mesmo, Vázquez Abad valorou moi positivamente o feito de que as autoras do blog teñan incluído nel un código deontolóxico no que se recollen as pautas ás que se teñen que axustar as entradas publicadas, e no que se recollen principios tan importante como a relación entre a familia e a escola, entendida desde a súa participación e corresponsabilidade, ou o impulso a actividades que dean resposta a problemas reais da vida cotiá, e nas que os pequenos sexan parte activa, non meros executores.
Accede aquí ao BLOG