A biblioteca escolar motor dinamizador do centro educativo
Carmen Suárez López
Coordinadora da biblioteca
carmenmsuarez@gmail.com
A Biblioteca do IES David Buján de Cambre comezou a súa andaina practicamente desde a apertura do centro educativo na década dos noventa do século pasado, aínda que a súa actividade tal e como imos expor neste artigo comezou no ano 2005, cando foi bautizada como Biblioteca A3P.
O nome é toda unha declaración de intencións, A3P: A porque queremos unha biblioteca aberta, activa, autónoma e actualizada e 3P porque queremos a participación activa da comunidade escolar, a promoción da lectura e da creación literaria e a profesionalización dos participantes do grupo da biblioteca.
Consta dunha superficie útil de 91 m2 e de 36 postos de traballo/estudo, de seis de lectura informal e de cinco ordenadores para consultas e traballo, ademais dun posto para a xestión da acción da biblioteca e dun pequeno almacén. Este curso ampliamos o espazo de lectura informal fóra do seu espazo físico –denominámolo loft lector–.
O noso centro incorporouse ao PLAMBE no ano 2007 e esta incorporación permitiu ampliar o espazo da biblioteca, actualizar os seus fondos e dotala de ordenadores.
A nosa biblioteca funciona como un departamento didáctico, cunha hora de reunión semanal na que participan varios membros do equipo e onde se coordinan as actividades que se van realizar. O profesorado que pertence ao equipo da biblioteca realiza algúns dos seus períodos de garda na biblioteca para o desenvolvemento das actividades e o apoio aos compañeiros que veñen traballar nela e somos os membros do equipo os que atendemos o alumnado durante os recreos. Á parte da apertura durante os recreos para o préstamo e a devolución de fondos, lectura, consulta e estudo, a biblioteca está aberta durante algúns dos períodos lectivos, coa finalidade de atender o alumnado e o profesorado que o precise.
Tanto a coordinadora coma todos os membros do equipo da biblioteca posúen formación específica para o desenvolvemento do seu labor, formación que se actualiza anualmente grazas á oferta que realiza a Administración (Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, CFR etc.) e aos diferentes programas de formación en centros que realizamos (grupos de traballo e seminarios).
Todos os cursos, o equipo da biblioteca elabora a súa programación, que se inclúe na programación xeral anual e que forma parte do proxecto lector de centro. Así mesmo, o equipo elabora a memoria de actividades realizadas ao finalizar cada curso.
Os obxectivos do noso traballo na biblioteca son os seguintes:
- Apoiar e facilitar a consecución dos obxectivos do proxecto educativo do centro e dos programas de ensino.
- Ofrecer oportunidades de crear e utilizar a información para adquirir coñecementos, comprender, desenvolver a imaxinación e entreterse.
- Traballar nos diferentes departamentos didácticos de xeito coordinado cunha finalidade común.
- Desenvolver un traballo integrado na contorna na que vive o alumnado.
- Ensinarlle ao alumnado as habilidades para avaliar e empregar a información dunha maneira crítica en calquera soporte, formato ou medio, tendo en conta a sensibilidade polas formas de comunicación presentes na súa comunidade.
- Proporcionarlle acceso aos recursos locais, rexionais, nacionais e mundiais que lle permitan ao alumnado pórse en contacto con ideas, experiencias e opinións diversas.
- Organizar actividades que favorezan a toma de conciencia e a sensibilización cultural e social.
- Traballar co alumnado, profesorado, administración do centro e familias para cumprir os obxectivos do proxecto educativo do centro.
- Actuar como elemento compensador das desigualdades de orixe social, potenciando o acceso aos recursos e á información daqueles nenos e nenas que non dispoñen deles na súa contorna.
- Mellorar a convivencia e o ambiente escolar.
- Proclamar a idea de que a liberdade intelectual e o acceso á información son indispensables para adquirir unha cidadanía responsable e participativa nunha democracia.
Para acadar todos estes obxectivos, o traballo cotián da biblioteca articúlase ao redor dos seguintes aspectos:
1. Xestión técnica e organización
Catalogación de fondos. Todos os fondos documentais adquiridos e recibidos no centro son catalogados na biblioteca, independentemente de que a súa situación sexa na propia biblioteca ou noutro espazo do instituto, por exemplo, os departamentos didácticos. Catalogamos os nosos fondos no programa Meiga, o cal nos permite facerlle publicidade ao noso catálogo na rede e poder consultalos desde calquera terminal a través da páxina da Rede de Bibliotecas de Galicia.
Actualización periódica dos fondos da biblioteca, tanto no que se refire ás novidades editoriais coma a outros fondos: DVD, CD, videoxogos etc.
Empréstito e devolución de fondos.
Elaboración de estatísticas e listaxes (número de préstamos realizados nun período determinado, libros máis emprestados, alumnado máis lector, alumnado que debe devolver libros que están fóra do prazo establecido...).
2. Formación de usuarios
Unha das seccións máis importantes da biblioteca escolar é a formación de usuarios, que vai unida á educación documental. Consiste non só en que o alumnado coñeza a disposición dos fondos na biblioteca ou as súas normas de funcionamento, senón que inclúe tamén actividades de procura de información para que o alumnado aprenda a consultar fontes diversas, é dicir, iniciar o alumnado na alfabetización informacional (ALFIN).
Todos os cursos se desenvolven as seguintes actividades nesta sección:
Xornada de acollida para o alumnado novo (principalmente focalizada no alumnado de 1.º da ESO e 1.º de bacharelato), o profesorado novo e pais e nais de alumnos e alumnas. Durante esta sesión explícanse os obxectivos da biblioteca escolar, así como as normas de funcionamento e a distribución do seu espazo. Tamén invitamos a todos a colaborar nas diferentes actividades que a biblioteca organiza.
Alumnado colaborador. Contamos cada curso con alumnado que nos axuda durante os recreos na biblioteca. A súa colaboración consiste en colocar os libros devoltos nos seus andeis, axudar os compañeiros a localizar un fondo determinado, colocar carteis das diferentes actividades que realiza a biblioteca etc.
Actividades de educación documental. Co fin de desenvolver as competencias básicas, sobre todo a competencia para aprender a aprender, a autonomía e iniciativa persoal e o tratamento da información e competencia dixital, realizamos unha serie de actividades distribuídas por trimestres do seguinte xeito:
Primeiro trimestre: Torneo Medieval. Esta actividade está inspirada na que, co mesmo título, realizaron hai algúns anos na biblioteca Ánxel Casal do IES de Monte Alto. O torneo desenvólvese do seguinte xeito: en primeiro lugar, organízanse os equipos e dáselles cadanseu sobre coa etiqueta dun libro que deberán localizar e no cal se atopa outro sobre cunha pregunta que deberán contestar buscando a información en diferentes fondos (dicionarios, enciclopedias e, xa na última pregunta, en internet). Cada vez que o equipo responde correctamente unha pregunta, recibe unha peza para vestir o xograr que temos na biblioteca. En total, cada grupo deberá localizar cinco libros, responder cinco preguntas e xuntar cinco pezas do vestiario de xograr: calzas, xibón, escarpíns, pucha e laúde. Gaña o equipo que antes localice a información para responder as preguntas e xunte as cinco pezas. Os gañadores reciben un diploma de escudeiros polo seu enxeño á hora de procurar a información.
Segundo trimestre: Concurso Coñeces esta Muller? Co fin de lle dar visibilidade ao traballo das mulleres ao longo da historia, organízase ao redor do 8 de marzo. Consiste en publicar cada día as fotos de cinco mulleres relacionadas con diferentes ámbitos (científico, artístico, político etc.) e dar cinco pistas de cada unha delas para que o alumnado, en grupos de catro como máximo, busque a información precisa para o seu recoñecemento. O xogo dura cinco días e, segundo os grupos van acertando, van sumando puntos. Se ao final hai empate, lévase a cabo desempate nun recreo e gaña o grupo que antes dea coa identidade da muller proposta. En total, son vinte e cinco mulleres as que aparecen na exposición que se vai realizando segundo vai avanzando o certame.
Terceiro trimestre: Megacertame. Esta é a actividade de máis longa tradición no noso instituto e xurdiu por iniciativa dos departamentos de Grego e Latín. Pretende investigar, mediante as novas tecnoloxías, a cultura clásica, utilizando a aula virtual e o blog específico desta actividade ao que podedes acceder desde a nosa páxina web: http://megacertame.blogspot.com.es/
3. Dinamización lectora e creación literaria
a. Boletín/Blog da biblioteca. Desde o ano 2005, a biblioteca vén publicando un boletín onde se recollen diferentes achegas do alumnado: opinións sobre libros lidos, traballos sobre temas culturais, debuxos e ilustracións e poemas e relatos de creación propia. Nun primeiro momento, a publicación foi mensual pero na actualidade é trimestral. Pódense consultar todos os boletíns publicados na sección da biblioteca da páxina web do centro. Ademais, publicamos noticias de interese para os lectores e informamos das diferentes actividades da biblioteca a través do noso blog.
http://www.edu.xunta.es/centros/iesdavidbujan/node/17
http://bibliotecaa3p.blogspot.com.es/
b. Hora de Ler. Este curso puxemos en funcionamento unha actividade recollida no noso proxecto lector que consiste en dedicar 20 minutos diarios de lectura libre e en silencio. De momento, a actividade realízase só en 1.º e 2.º da ESO, pero, unha vez avaliados os resultados, está previsto estendela a todos os cursos da ESO. Para que actividade se desenvolva mellor, en cada aula hai unha caixa con fondos da biblioteca que o alumnado pode utilizar para este fin. Pódese consultar o blog Hora de Ler para máis información: http://www.edu.xunta.es/centros/iesdavidbujan/blog/100
c. Club de lectura. Debido á situación do noso centro, o club de lectura desenvólvese durante os recreos. O noso club de lectura denomínase Avelaíña e está subdividido en grupos. Cada grupo reúnese un recreo á semana para comentar os capítulos acordados na reunión anterior. É esta unha actividade totalmente libre na que participa o alumnado amante da lectura. No noso centro os clubs de lectura están organizados por niveis (1.º ESO, 2.º ESO...) e as lecturas compartidas decídense nas propias reunións. Ata o de agora a experiencia sempre foi moi gratificante. Ao final do curso realízase unha ruta literaria sobre algunha das lecturas realizadas. Temos un blog específico para esta actividade: http://clublecturavelainha.blogspot.com.es/
d. Concursos: Continúa Ti, Banda Deseñada, Ilustración. Desde a biblioteca tamén propoñemos outras actividades de creación como o concurso Continúa Ti, que consiste nun texto tirado dunha obra de literatura que se lle propón ao alumnado coa idea de que constrúa unha historia partindo del. Outra proposta creativa consiste na adaptación de capítulos de obras literarias a cómic ou a creación de historias utilizando a banda deseñada. Tamén se propoñen actividades de ilustración de certos textos que logo se publican no boletín.
e. Desde a biblioteca tamén realizamos outras actividades ao longo do curso: exposición de fondos temáticos, realización de marcadores de lectura, celebración do Día contra a Violencia de Xénero, Día Internacional dos Dereitos Humanos, Día da Paz, Día do Libro, Día das Letras Galegas, Día do Medio Natural...
4. Proxectos que implican a todo o centro educativo.
Un dos obxectivos da biblioteca é servir de motor de todas as actividades do centro, xa que logo, cada ano desenvolvemos unha serie de proxectos en colaboración cos departamentos didácticos.
Proxecto interdisciplinar de 1.º da ESO (PRIN). Desde que comezou o PRIN, a biblioteca coordina o proxecto xunto co profesorado encargado del. Cada ano proponse unha serie de temas e, xunto cos titores, escóllese o que mellor parece. O pasado curso, como había Olimpíadas en Londres, o PRIN desenvolveu actividades relacionadas con este tema e, pola súa vez, estivo incluído no Proxecto documental integrado. Este curso estamos a traballar sobre o medio natural e o desenvolvemento sustentable.
Proxecto documentais integrados (PDI). Nos últimos cursos, desde a biblioteca estivemos coordinando diferentes proxectos. Un PDI consiste en poñerse de acordo todos os departamentos didácticos (ou polo menos un número significativo deles) para traballar sobre un mesmo tema ao longo dun curso escolar. Unha vez decidido o tema, cada departamento inclúe na súa programación unha ou varias actividades relacionadas con el, as cales desenvolverá nalgún momento do curso. No noso centro, temos dúas experiencias ata o momento: hai dous anos traballamos sobre os bosques e o pasado curso sobre os xogos olímpicos. En ambos os casos os resultados foron excelentes, pois a participación dos departamentos foi moi numerosa. A función da biblioteca consiste en coordinar a actividade e fornecerlles aos diferentes departamentos os fondos axeitados para levar adiante as actividades programadas.
Apoio aos departamentos didácticos. Consiste en coordinar a adquisición de fondos, a elaboración de guías de materiais da biblioteca e axudar o alumnado na documentación precisa para a elaboración dos seus traballos didácticos.
5. Relación da biblioteca con outras comunidades
a) Relación coas familias: club de lectura, Mochilas Viaxeiras
Nos centros educativos resulta fundamental a relación coas familias. Desde a biblioteca realizamos esta función por medio das Mochilas Viaxeiras, que son unha extensión da biblioteca do centro e que inclúe lectura para toda a familia (novela, poesía, DVD e CD) e un caderno para que os membros da familia opinen sobre os fondos compartidos e valoren a súa pertinencia ou non. De acordo con estes comentarios, variamos ou non os contidos das mochilas; en calquera caso, os fondos compartidos cambian cada trimestre.
Desde hai cinco anos mantemos un club de lectura aberto aos adultos da comunidade escolar. Este está composto por nais de alumnos e profesorado do centro e reúnese unha vez ao mes, xeralmente o terceiro luns do mes ás 19.00 horas na biblioteca do instituto.
b) Relación co concello e con outros centros educativos de Cambre: guías de lectura. Desde hai algúns anos todos os centros educativos do concello, coordinados pola biblioteca municipal, realizamos dúas guías de recomendacións de lecturas e audiovisuais (unha no Nadal e outra no verán) co obxecto de dar a coñecer novidades interesantes para que as familias poidan realizar agasallos ou para que tomen os fondos emprestados das diferentes bibliotecas. As guías abranguen suxestións para lectores desde os 0 anos ata a idade adulta.
c) Relación con outros centros: realización de traballos en colaboración con outros centros, ben no marco do PLAMBE –publicacións conxuntas nos blogs de cada centro para celebrar diferentes acontecementos (a última foi a celebración da entrada na RAG da escritora Fina Casalderrey–; ben en colaboracións bilaterais –este curso estamos a traballar co equipo da biblioteca do IES Miraflores de Oleiros na realización de actividades como concursos conxuntos ou lecturas compartidas a través do club de lectura-.
d) Traballo en colaboración con institutos doutras comunidades autónomas: no marco do Programa ARCE, desenvolvemos o proxecto Navegando entre Libros, xunto cos IES Orriols de Valencia e o IES Torre Almirante de Alxeciras. Este proxecto tiña como eixe central as lecturas compartidas polo alumnado dos tres centros, unha serie de actividades ao redor delas e a elaboración de materiais por parte de cada centro e en conxunto. Os programas ARCE teñen unha duración de dous cursos escolares e nós desenvolvémolo durante os cursos 2010-2011 e 2011-2012. Entre outras actividades, realizamos visitas a cada centro participante e durante estas léronse obras significativas de cada lugar: na visita a Cambre, as lecturas foron O bosque animado de Wenceslao Fernández Flórez, cuxa fundación visitamos, e As flores radioactivas de Agustín Fernández Paz; en Alxeciras realizamos a lectura do libro de contos El cementerio de los suicidas, de Juan Emilio Ríos Vera, autor nacido nesa localidade; previamente á visita a Valencia desenvolvemos un obradoiro de poesía, pois a obra compartida era unha escolma dos poemas de Vicent Andrés Estellés e o libro de poemas Inconformable de Tomás Moreno. No noso instituto traballouse no obradoiro coa antoloxía Poetízate, de Fran Alonso, segundo se explica no wiki do proxecto. Pódese ver máis información nas seguintes ligazóns: http://navegandoentrelibros.wikispaces.com/ e http://recursostic.educacion.es/var/arce/web/proyectos
e) Proxectos europeos: e-twinning Dickens’ Year 2012. Este curso desenvolvemos un proxecto e-twinning xunto con centros educativos de Polonia, Croacia, Francia, Italia, Reino Unido e Grecia. Dado que en 2012 se celebraban os 200 anos do nacemento de Charles Dickens, este proxecto consistiu na lectura compartida de dúas obras deste autor: Conto de Nadal e Oliver Twist. No noso centro, o alumnado implicado neste proxecto é o alumnado participante no club de lectura de 2.º da ESO. No marco deste proxecto realizamos exposicións de fondos do autor na biblioteca e lectura e comentario de ambas as obras, así como traballos sobre a época do autor e que estaba a suceder nese momento no noso país. Pódese consultar o seguinte enderezo:http://new-twinspace.etwinning.net/web/p87311/homepage
Para concluír, podemos dicir que as bibliotecas escolares hoxe en día supoñen o motor dos centros educativos, tal e como se pode comprobar polas actividades realizadas anualmente, pero para que poidan realmente desenvolver todos os obxectivos que lle son propios, cómpre un recoñecemento por parte da Administración educativa da figura da persoa coordinadora da biblioteca para os efectos de redución horaria, unha hora de reunión semanal do equipo da biblioteca e que os membros do equipo dispoñan de reducións horarias na medida do posible para este fin e que realicen as gardas que lles correspondan nos seus horarios na biblioteca. Só deste xeito as bibliotecas poderán ser activas e axudarán ao desenvolvemento das competencias básicas.