TRABALLO NA ESCOLA DE OMBRE
O noso centro é unha escola rural formada por cinco niveis educativos que inclúen os tres últimos cursos de infantil e os dous primeiros de primaria. As profesoras que estamos impartindo docencia no centro somos a titora, a especialista de Lingua Inglesa e a profesora de Relixión. O corpo docente colabora moi estreitamente cos pais e as nais do centro e lévase a cabo un labor de axuda mutua que facilita e enriquece considerablemente a realización dos proxectos e traballos educativos.
Creamos unha biblioteca
No centro dispoñiamos dunha aula que non tiña ningún cometido concreto e, entre todos, decidimos darlle unha función moi especial: sería a nosa biblioteca. Despois de que o Concello pintase as paredes, decidimos entrar a decorala co grupo de artistas que temos na escola: varias nais decoraron as paredes cos seus debuxos e co seu saber manual, algúns pais axudaron a concretar os espazos –biblioteca, almacén, ludoteca– e os nenos e profesoras axudamos a decorar o recinto e a encher a biblioteca de contidos. Todo isto permitiunos ter unha biblioteca luminosa, con cor, divertida e chea de historias.
Puxemos en marcha unha cálida cociña
Dado que o noso centro é unha antiga escola rural, dispoñiamos dunha vella cociña en desuso. De novo, coa inestimable axuda do Concello, obtivemos un servizo de auga corrente (a cociña non dispoñía dela) e dotamos a cociña cunha serie de utensilios que nos axudan moito na realización de actividades culinarias. O equipo de traballo adulto tivo que empregarse a fondo para limpar e acondicionar o espazo. Grazas a todo iso, hoxe dispoñemos dun lugar que nos permite levar a cabo unha serie de actividades moi interesantes e atractivas para os nenos e nenas.
Situámonos no tempo e no espazo
Seguindo unha metodoloxía activa nun ensino integral, favorecedor do desenvolvemento das capacidades dos nenos e nenas, comezamos situando os nosos proxectos de aprendizaxe nun binomio espazo-tempo. Nestas dúas variables imos colocando todos os saberes e experiencias cos que nos imos atopando. O desenvolvemento de procedementos e coñecementos está, en todo momento, entrelazado con valores (imprescindibles no tecido educativo) que propicien unha conciencia de respecto e tolerancia cara aos demais e cara ao medio no que vivimos. Dadas as idades dos alumnos e alumnas do centro, o achegamento ao espazo e ao tempo tiña que partir dunha concreción de fácil comprensión para eles. O elemento de partida foi a data na que eles naceran e, a partir de aí, iniciar unha viaxe polo tempo anterior a eles. Paralelamente a estas viaxes imaxinarias, iniciamos outro método de traballo baseado na reciclaxe de materiais, intentando afondar no respecto ao medio e o desenvolvemento das posibilidades lúdicas que isto nos podía reportar.
A nosa liña do tempo comezou, nunha esquina da clase, cando naceron os nenos e nenas e, tras un periplo, rematou noutro lugar da aula, coa grande explosión. Esta liña imaxinaria estaba sustentada nun fío que se ía desenvolvendo a partir dun novelo e que abría paso ás idades históricas nas que o ser humano poboara a Terra: contemporánea, moderna, media, antiga e prehistoria. Seguimos cara a atrás no tempo, chegamos aos primeiros seres vivos que estaban no planeta, presenciamos a formación dunha gran bola celeste: a nosa Terra, que se configuraba partindo de pequenos anacos de plastilina-materia. Non nos cansamos de viaxar e seguimos ata 15.000 millóns de anos. Chegamos a aquel momento máxico no que comezou o Universo e no que apareceron os átomos dos que estamos formados. Durante a viaxe do tempo iamos pendurando letreiros de cartón reciclado aos que lles rotulabamos o nome do período histórico no que estabamos.
Ao finalizar a viaxe no tempo (cara a atrás), volviamos reiniciala cara a diante. O noso novelo histórico íase repregando e gardando as etapas históricas das que falabamos, ata volver ao presente no que nos atopamos.
Gústanos a cartografía
Despois, pasamos a reflectir en papel a viaxe histórica que fixeramos. Como tamén traballamos países seleccionados democraticamente polo alumnado, decidimos facer un atlas xeográfico e histórico no que poñeriamos todo o que estaban coñecendo. Acudimos ao taller RRR e, utilizando cartón, papeis…, fixemos uns flamantes atlas.
Temos un taller chamado RRR
Neste taller o lema é “Reducir, reutilizar e reciclar”. Xa sabían da importancia de coidar o noso planeta e, agora, despois da viaxe sideral, percibían que esa materia non estaba aquí sen ningún esforzo, senón que, coma eles, era froito dunha historia universal.
O taller de reciclaxe dábanos respostas ecolóxicas e lúdicas. Primeiro elaboramos o edificio que ía soster o noso proxecto ecolóxico. Con cartóns recollidos en distintos ámbitos, montamos as nosas paredes e o tellado, onde gardariamos todo o material que iría chegando. Foi decorado e tomaron posesión del para lle dar renda solta ao seu maxín. Dende ese momento, o taller foi academia de policía, base militar, academia do amor etc. Segundo a fantasía que desenvolvían no momento, o taller desdobraba a súa función: taller de reciclaxe e o nome que eles inventaban nos seus xogos. Converteuse nun elemento indispensable do seu ocio.
Unha vez configurado o taller de traballo, acudiamos a el na procura de materiais para facer os nosos traballos.
Antes de edificar o espazo de taller físico, tiñamos un taller disperso pola aula e xa empregaramos moitas veces o material para reutilizar. Agora xa tiñamos un espazo concreto.
Creamos unha compañía de teatro chamada Bolboreta Tornasolada
Gústanos moito facer teatro no que se desenvolve a expresión artística da escenificación e a da creación de textos teatrais. Creamos obras que despois representamos. Logo facemos os decorados co cartón e co material de reciclaxe do noso taller RRR.
Creamos unhas editoriais; fixémonos editores
O curso pasado fixemos un libro de cartón co título de Don Quixote da Mancha. Dentro del, cada neno e nena debuxou e escribiu un resumo da historia de Don Quixote.
Este curso, as creacións literarias e gráficas dos nenos deron pé á idea de crear un soporte físico-ecolóxico no cal gardar esas obras. Xunto co oficio de escritores e ilustradores que xa realizaban, apareceu o oficio de editores. O traballo ilusionante estaba en marcha. Cada neno e nena inventou un nome para a súa editorial, deseñou o seu libro de cartón , pegoulle as gardas, fixo as dedicatorias, escribiu as súas historias, traduciu, autocorrixiu as galeradas antes da súa edición, preparou o lapis e as cores para a rotativa… En definitiva, gozou dun labor creativo fantástico.
Os nenos de infantil, nos seus libros, achegaban a parte gráfica e os maiores axudaban na elaboración dos textos deses libros.
Unha vez rematados os primeiros exemplares, comezaron a elaboración de dous libros que ían ser agasallos para a escritora e a ilustradora do libro Man, o alemán de Camelle. A escritora é unha profesora que lles dera clase, Beatriz Maceda Abeleira, e a ilustradora, Laura Veleiro Suaréz, é unha amiga da escritora, que xa estivera na escola e nos pintara o emblema da nosa compañía de teatro: una radiante bolboreta irisada.
Beatriz e Laura, logo da publicación do seu libro, ían vir presentárnolo á escola. Como cada neno tiña elixido o nome da súa editorial; decidimos, entre todos, inventar un nome para a editorial que ía editar estes dous libros de agasallo. Acordamos que se chamase Bosque de Papel. Fixeron dous libros moi fermosos que lles foron entregados á escritora e á ilustradora antes mencionadas nun acto no que elas nos leron o seu libro e nós lles fixemos unha actuación para presentar a nosa editorial conxunta de Ombre: Bosque de Papel.
Na clase había un fantástico bosque no que representabamos a nosa Fraga do Eume. Tiña unha especial característica: das súas árbores estaban pendurados os libros de cartón. Queriamos mostrar o noso amor pola literatura e pola natureza. No obra, os nenos de segundo dicían este poema.
BOSQUE DE PAPEL
A nós gústanos ler nun bosque de papel,
onde as follas sexan historias
de piratas e cenorias.
As pólas medren no aire
e movan, con moito donaire,
os libros que nós escribimos e
cos que nos divertimos.
No río da nosa fraga,
a lúa reflicte os contos
e a súa luz vaga
por eses, os nosos contos,
que nós, nun día de tormenta,
inventamos con moita pementa.
Ai, que diversión!
Ler e escribir
Un montón.
Aquí pendurados,
tedes libros de coidado.
Avisamos, son divertidos!
Adiante, co voso pitido!
Queremos dicir, co voso sorriso!
Foi un acto de intercambio cultural e de amizade que a todos nos encheu de benestar e satisfacción.
Unha vez máis, a colaboración de todos foi imprescindible e rematamos con delicias culinarias feitas na nosa cociña.
No respecto á natureza está a idea de reducir o consumo. Dentro do noso proxecto 3R, todo o que chega ao centro que sexa reutilizable axúdanos a ser creativos e a reducir o consumo. Facendo fincapé nestes principios, seguimos coa editorial en marcha para crear os nosos libros-poemarios nos que fomos introducindo os caligramas, os poemas, os acrósticos divertidos e os acrónimos dos nosos nomes e apelidos. A editorial vai vento en popa.
Temos un fantástico invernadoiro e árbores froiteiras
Grazas á axuda do Concello de Pontedeume, temos instalado un fermoso invernadoiro no que traballamos o cultivo do horto e da xardinería, coa inestimable axuda das nais que nos acompañan nas tarefas do campo.
Para saber o que tiñamos plantado ou para que os demais viran o que había no horto, fixemos un cartel cos nomes das hortalizas e das flores que plantamos: brócoli, leitugas, coliflor… tulipáns, xacintos, narcisos…
Cando as plantas medraron, decidimos doar parte dos produtos do noso invernadoiro á Cociña Económica de Ferrol coa que xa colaboraramos e visitaramos; a primeira colleita de coliflores e brócolis foi parar alí. Intentamos desenvolver nos nenos e nenas unha conciencia de axuda aos demais. A posibilidade de entregar algo de froito do noso esforzo parécenos moi importante e vivímolo como algo moi gratificante.
A carón do invernadoiro temos unhas maceiras que plantou a Asociación da Froita Autóctona do Eume. No outono, gozamos das súas exquisitas mazás.
Este curso, xunto co invernadoiro, o Concello plantou unha serie de cerdeiras típicas desta zona do Eume. Nos próximos cursos gozaremos da súa floración e da posterior degustación.
A idea da ecoloxía, da natureza e da creación artística está en todos os ámbitos do noso traballo…
Un día iniciamos o estudo da cor mediante a mestura de colorantes alimentarios e alimentos. Creamos unha tinta natural formada por unha masa de fariña e auga que nos permitiu facer unha paleta de cores. Despois inventamos e escribimos (coa tinta natural que fixeramos) un poema da primavera nun cartón reutilizable. Co engrudo natural pegamos anacos de plantas recollidas no noso colexio. Dado que estamos recollendo follas e flores para facer un herbario (tamén feito de cartón reutilizado), decidimos combinar a lírica coa natureza e fixemos un herbario poético.
Xa viramos por internet o herbario poético de Pablo Neruda na súa “Oda ás flores de Datitla”. No noso atlas histórico colocamos a Pablo Neruda e, no xeográfico, situamos Chile e Uruguai. Neste último país, Neruda escribiu o herbario poético.
Para lle dar un toque final á nosa obra, botámoslle azucre, previamente coloreado. Anteriormente, na nosa cociña xa fixeramos unhas madalenas e, na clase, decorarámolas con nata de cores. As cores e os irisados permítennos gozar e investigar.
A primavera vai chegando á escola e ao noso arredor a natureza vístese de matices de cores. Nós quixemos renderlles tributo ás raíñas da fraga: as grandes árbores. Entre elas facemos as nosas andainas estacionais para descubrir os cambios que se producen. Collemos elementos naturais e mesturámolos con envoltorios, materiais sintéticos e cartón para facer unha árbore multicor, anunciadora da estación que está chegando.
Somos construtores de cartón
O cartón está presente en todas as facetas do traballo na escola. Fixemos unha palloza de cartón e palla para o castro celta que montamos no Samaín. Nese momento aproveitamos para falar da prehistoria. Edificamos unha catedral de cartón para estudar a Idade Media e faremos un castelo que nos permita xogar a damas e cabaleiros. Seguro que será un elemento de xogo fantástico.
En definitiva, os nenos e nenas teñen moitas ideas para lle dar utilidade a todo o material de reciclaxe que chega ao centro e o que producimos na clase: os rotuladores gastados convértense en aguerridos paus das velas dun barco, os tubos vellos de pegamento van ser sólidas columnas de edificios, os … van aparecer nos sitios máis insospeitados. A imaxinación voa e constrúen xogo, deleite, aprendizaxe, respecto…
Seguimos coa creación e a reciclaxe
Chegou unha vella billa á escola. Cun pouco de imaxinación e o apoio loxístico dun pai da escola, fixemos esta escultura que quere representar unha simbiose entre un vello obxecto sintético (unha vella billa), o medio natural no que estamos, o consumo responsable de auga, as posibilidades lúdicas de uso da escultura e a creación artística. Fixemos unha escultura que pode servir de xoguete e de elemento concienciador na tarefa de aforro dun ben tan importante como é a auga.
Epílogo
Ao comezo do artigo, faise mención da comunidade escolar. Neste centro traballamos en conxunto os profesores cos pais e nais porque cremos nun ensino participativo e enriquecedor no que caben as contribucións de todos os membros desa comunidade.
Vivimos nun parque natural: a Fraga do Eume. Queremos renderlle homenaxe á súa riqueza mediante o estudo, o respecto e a creatividade. É o noso medio e querémolo conservar, gozando del.