
Entrevista a Encarna Cuenca
Entrevista realizada por Juan Granados Loureda, director de Eduga
No contexto do XXV Encontro de Consellos Escolares que se realizou en Santiago de Compostela os días 24 e 25 de outubro deste 2024, a Revista Galega do Ensino. EDUGA tivo o pracer de entrevistar a Encarna Cuenca Carrión, presidenta do Consello Escolar do Estado.
Encarna Cuenca foi directora do Organismo Autónomo Programas Educativos Europeos (OAPEE), subdirectora xeral de Aprendizaxe ao Longo da Vida, directora da División Erasmus no Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos, directora da Axencia Sócrates na Subdirección Xeral de Programas Europeos, xefa de Rexistro de Centros da Subdirección Xeral de Programas Educativos Europeos, así como responsable de Programas Europeos de Educación e tradutora do Gabinete de Ensino e Uso do Valenciano na Consellería de Cultura, Educación e Ciencia da Comunidade Valenciana.
Exerceu a docencia en centros educativos de educación primaria e institutos de educación secundaria.
Desde setembro de 2015 ata o seu nomeamento como presidenta do Consello Escolar do Estado foi presidenta do Consell Escolar da Comunitat Valenciana e, como membro da Xunta de Participación Autonómica, participou nos traballos e debates do Consello Escolar do Estado.
Juan Granados: Estimada Encarna, tivemos o privilexio de realizar en Galicia o XXV aniversario dos Encontros de Consellos Escolares Autonómicos. Unha efeméride certamente redonda, que nos fala da boa saúde destes organismos participativos, creados, como é sabido, ao amparo da LODE, impulsada polo ministerio de José María Maravall. Unha lei que, en boa parte, a través do RD 2376/1985 regulaba a participación no ensino da comunidade educativa, o dereito á educación e determinaba a dirección democrática do noso sistema escolar non universitario. Creo que este é un excelente momento para lembrar aqueles primeiros pasos e como fomos evolucionando en participación no sistema educativo español. Encarna, cales son para ti os maiores logros nesta evolución e que retos cres que nos quedan pendentes?
Encarna Cuenca (EC): Moitas grazas, Juan, e grazas á RGE. EDUGA por esta invitación para reflexionar xuntos. Realizar o XXV aniversario destes encontros é, sen dúbida, motivo de alegría e tamén de mirada a través do retrovisor. Percorremos un camiño significativo desde aqueles primeiros pasos onde a participación e o diálogo comezaron a tecerse na estrutura educativa do noso país. O próximo ano celebraremos corenta anos do Consello Escolar do Estado.
Na miña opinión, un dos maiores logros foi consolidar a idea de que a educación é un proxecto colectivo, onde cada voz conta e enriquece manifestando as súas necesidades e achegando solucións. É necesario poñer en valor a comunidade educativa. A corresponsabilidade na toma de decisións permitiu que distintas perspectivas converxan, xerando solucións máis integrais e adaptadas ás necesidades reais da comunidade educativa.
Con todo, aínda quedan retos importantes. Un deles é achegar máis os consellos escolares á sociedade. Moitas persoas descoñecen a súa existencia e o seu labor. Por iso, no próximo ano, cando faremos corenta anos de participación, enfocarémonos en dar a coñecer estes órganos e en abrir novos espazos de reflexión. Queremos salientar a importancia da participación para mellorar a nosa contorna educativa e, en consecuencia, os resultados académicos e persoais do noso alumnado.
Despois do camiño percorrido pódense ver certas vías de mellora, como a importancia da presenza do alumnado nos consellos escolares, autonómicos e do Estado e a relevancia de que a súa participación conte con garantías suficientes para que sexa de calidade. Talvez sería conveniente tamén reflexionar sobre a presenza das voces dos colectivos máis vulnerables.
Outro dos aspectos abordado neste encontro consistiu en profundar sobre a maneira de comprender a participación dentro do ecosistema educativo. Entendemos que a participación non se limita á aula senón que abarca tamén os contornos informais e comunitarios. Traballamos a través de estratexias e metodoloxías participativas, para cocrear unha guía de consellos escolares para a participación. Esta ferramenta axudará os centros a reflexionar sobre o seu nivel de participación e ofrecerá ideas para potenciala, fortalecendo así o sentido de pertenza e a cohesión comunitaria.
JG: Nestas xornadas, púxose especial énfase na participación do alumnado no sistema educativo. Que papel cres que xoga o estudantado neste contexto?
EC: O alumnado é o corazón de todo proceso educativo. A súa participación non é só desexable, senón esencial. Os centros educativos deben ser espazos onde o alumnado, todos e cada un dos alumnos e alumnas, se sintan escoitados, valorados e competentes para influír na súa contorna e moldear a realidade. Cando os mozos participan activamente non só nas votacións, senón no diagnóstico, na toma de decisións cotiás e na súa valoración, fórmanse cidadás e cidadáns conscientes, críticos e comprometidos.
A participación é un acto de xenerosidade e responsabilidade, tanto cun mesmo como cos demais. É comprender que as nosas accións teñen impacto e que, xuntos, podemos construír unha comunidade máis xusta e solidaria. Con todo, aínda temos camiño por percorrer. Dispoñemos de canles de participación, pero debemos mellorar o seu funcionamento, xerar espazos onde o alumnado poida desenvolver as súas capacidades para o debate, a reflexión e a toma de decisións. Só así formaremos persoas capaces de contribuír de maneira positiva nunha sociedade democrática.
JG: Durante o encontro, analizastes o ecosistema educativo desde tres perspectivas: formal, informal e comunitaria. Poderías profundar nestes conceptos e na súa relevancia?
EC: Por suposto. Adoptamos o termo «ecosistema» porque reflicte a interconexión e a interdependencia de todos os elementos que conforman a educación. Cada decisión que tomamos inflúe non só na nosa contorna inmediata, senón tamén no conxunto do sistema educativo.
O ecosistema formal representa o espazo regrado e estruturado do centro educativo. Inclúe o currículo, as metodoloxías, as interaccións entre docentes e alumnos, as instalacións e os recursos. É o ámbito onde se desenvolve o proceso de ensino-aprendizaxe de maneira planificada e organizada.
Doutra banda, o ecosistema informal refírese aos espazos menos estruturados, pero igualmente formativos, como os patios, os corredores ou o comedor. Nestes lugares, prodúcense interaccións espontáneas que contribúen ao desenvolvemento social e emocional do alumnado. Aquí, o alumnado aprende a relacionarse, a resolver conflitos e a construír relacións significativas nun contexto máis libre e natural.
Finalmente, o ecosistema comunitario abarca todo o que rodea o centro educativo fóra dos seus muros. Inclúe as familias, a comunidade local e as organizacións e institucións que inflúen na educación e socialización do alumnado. Este ecosistema é fundamental porque conecta a escola coa realidade da contorna, enriquecendo a aprendizaxe e fomentando o sentido de pertenza e compromiso social.
Entender e traballar nestes tres ecosistemas permítenos abordar a educación de maneira integral, recoñecendo que a aprendizaxe non ocorre unicamente na aula, senón en todas as interaccións e experiencias que vive o alumnado dentro e fóra do centro.
JG: Cara ao final do encontro, presentáronse traballos e propostas para fomentar a participación nos centros educativos. Poderías resumir as principais liñas e conclusións que se abordaron?
EC: Claro que si. As propostas centráronse en tres eixes fundamentais que se entrelazan e complementan, reflectindo a riqueza e complexidade da participación educativa: o proceso de ensino-aprendizaxe, as estruturas de participación e as normas de participación e convivencia.
No proceso de ensino-aprendizaxe, dentro do ecosistema formal, resaltouse a necesidade de implementar metodoloxías activas e colaborativas, que involucren o alumnado na súa propia aprendizaxe, mantendo unha actitude que fomente a participación democrática. Así, promovemos a súa participación na adaptación do currículo ao contexto do centro e fomentamos procesos de autoavaliación e coavaliación. Isto non só enriquece a aprendizaxe, senón que tamén apodera o alumnado, facéndoo protagonista da súa formación.
No ecosistema informal, subliñouse a importancia de mellorar a comunicación e coordinación entre o profesorado e as familias. Involucrar as familias en actividades educativas e apoialas no seguimento da aprendizaxe dos seus fillos e fillas é esencial. Esta colaboración fortalece o tecido comunitario e crea unha contorna máis cohesionada e favorable para o desenvolvemento do alumnado.
En canto ao ecosistema comunitario, propuxéronse iniciativas que relacionan o currículo coa contorna, como proxectos de aprendizaxe-servizo que benefician a comunidade e lle permiten ao alumnado aplicar os seus coñecementos en contextos reais. Desta maneira, foméntase unha educación máis conectada coa realidade social e promóvese o compromiso cívico.
Con respecto ás estruturas de participación, no ecosistema formal, avogouse por fortalecer o papel dos delegados e delegadas e as asembleas de clase. Ao promover procesos democráticos e formativos, dinamizamos os consellos escolares para que sexan espazos efectivos de participación. Isto asegura que as decisións reflictan as necesidades e perspectivas de todos os actores involucrados. Tamén se incidiu na importancia da formación con respecto á linguaxe pedagóxica específica dos documentos do centro, para tratar de facelo accesible cognitivamente a toda a comunidade educativa, promovendo así a inclusión e participación das familias máis vulnerables.
No ecosistema informal, propúxose fomentar a creación de asociacións estudantís e a súa participación en actividades extraescolares. Ademais, o aproveitamento das tecnoloxías e redes sociais como ferramentas para a participación e a aprendizaxe abre novas vías de interacción e colaboración, adaptándose ás linguaxes e dinámicas propias das novas xeracións.
Dentro do ecosistema comunitario, incentivouse a participación en consellos de infancia e adolescencia no ámbito municipal. Promovendo o voluntariado e a colaboración con organizacións locais, fortalecemos os lazos entre a escola e a comunidade, enriquecendo a experiencia educativa e fomentando o sentido de responsabilidade social.
Finalmente, no ámbito das normas de participación, inclusión e convivencia, no ecosistema formal, salientouse a importancia de traballar na inclusión educativa. Asegurar que todos os estudantes se sintan acollidos e valorados é fundamental. Elaborar e revisar de maneira democrática as normas de convivencia e formar o alumnado en competencias emocionais e de resolución de conflitos: trátase de accións clave para construír un clima escolar positivo.
No ecosistema informal, destacouse a necesidade de involucrar o alumnado en programas de mediación e axuda entre iguais, promovendo así un ambiente de respecto e colaboración. Tamén se propuxo actualizar o proxecto educativo do centro coa participación de toda a comunidade educativa, reforzando o sentido de pertenza e adaptándoo ás necesidades actuais.
Por último, no ecosistema comunitario, animouse a participar en actividades culturais e solidarias na contorna. Promover valores cívicos e colaborar con institucións locais non só enriquece a experiencia educativa, senón que tamén contribúe ao desenvolvemento integral do alumnado como cidadanía consciente e comprometida.
En definitiva, estas propostas e conclusións reflicten a convicción de que a participación debe ser transversal e multidimensional. Ao integrar estes eixes nos distintos ecosistemas, construímos un sistema educativo máis inclusivo, democrático e acorde coas demandas da nosa sociedade.
JG: Encarna, foi un verdadeiro pracer contar coa túa perspectiva e experiencia. Esperamos que o Consello Escolar do Estado continúe sendo un alicerce na construción dunha educación participativa e de calidade. Grazas por compartir este tempo connosco en Galicia.
EC: O pracer foi meu, Juan. Agradezo de corazón a acollida que nos brindou Galicia, a implicación da Xunta, do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de seu equipo. O apoio en todo momento do Consello Escolar, de Manuel Corredoira e todos os centros educativos que colaboraron para conseguir un clima de benestar que nos permitiu traballar en harmonía.
Continuaremos colaborando, con ilusión e compromiso, para que a educación siga sendo ese espazo onde construímos xuntos un futuro mellor. A participación é o camiño social e é responsabilidade individual percorrelo.
Grazas por este espazo de diálogo e reflexión. Moitas grazas.