Tecendo historias

Rede de clubs de lectura das bibliotecas escolares de Ponteareas
Unha das fórmulas de maior interese para o fomento do hábito da lectura é a posta en marcha dun club. Con esta premisa, levamos esta práctica de socialización e creación de comunidades de intereses ao redor dos libros e da lectura á nosa comarca: Ponteareas. Iniciamos unha andaina colectiva na que os oito centros da contorna colaboramos en diferentes actividades arredor dos clubs de lectura.

Sabela Seoane Lorenzo
CEIP Plurilingüe Mestre Ramiro Sabell Mosquera (Ponteareas - Pontevedra)
sabseoane@edu.xunta.gal
Alejandra Inmaculada Souto Moure
IES do Barral (Ponteareas - Pontevedra)
alejandra.souto.moure@edu.xunta.gal

 

Orixe

Para contar unha historia como as que nós lemos nos clubs hai que remontarse aos inicios. E eses están nas colaboracións esporádicas que xa facían os clubs de lectura do CEIP Fermín Bouza Brey e do IES Val do Tea desde o ano 2019. Ano tras ano compartiron libros, ciencia, recomendacións, películas, xantares; todo co obxectivo de medrar e gozar da lectura compartida.

No mes de setembro de 2023, a rede comezou a soñar con ser máis grande cando o CEIP Ramiro Sabell fai as primeiras chamadas contactando cos diferentes IES da comarca. Xurdiron neste inicio dúas propostas totalmente diferentes, pero que coinciden na intención de buscar puntos de encontro entre o alumnado dos clubs de lectura de diferentes centros e niveis:

O CEIP Ramiro Sabell e O IES Val do Tea buscaron unha lectura común, un título para compartir e, a partir del, crear unha actividade conxunta. Participou alumnado de quinto e sexto do CEIP e alumnado da ESO do IES. A obra elixida foi A señorita Bubble de Ledicia Costas. A partir da súa lectura en cada club de xeito independente, máis tarde realizouse unha xuntanza intercentros para comentala e para ver a película de Tim Burton El hogar de Miss Peregrine para niños peculiares. O alumnado puido comentar, debater e falar ao redor de libros e ilustracións. Tim Burton xera nos seus filmes unha atmosfera e unha animación moi semellante ao mundo creado por Ledicia e as ilustracións de Andrés Meixide, polo que había unha unión clara que deu pé a varias conversas.

 

 

Por outra banda, no IES do Barral e no CEIP Ramiro Sabell creouse un novo club de lectura: Álbums Encantados. A idea comeza coa intención de facer algo en común entre o alumnado de cuarto de primaria do CEIP e o de primeiro da ESO do IES. Parecía complicado atopar lecturas que puidesen compartir os alumnos e alumnas de idades tan distantes e aí foi onde xurdiu a idea de utilizar o álbum ilustrado como eixe vertebrador e como medio de comunicación interxeracional. Nesta liña parecía perfecto clausuralo cunha actividade final que consistiría na visita a un centro de día e a lectura compartida do noso alumnado coas persoas usuarias do centro. A liña interxeracional facíase así máis longa.

 

 

Inicio

Ao final dese curso 2023/24, as coordinadoras dos clubs de lectura atopámonos con máis centros da contorna nas xornadas do mes de maio organizadas por Bibliotecas Escolares en Santiago e sentimos a necesidade de dar un pasiño máis que fixese que a rede medrase. Planificamos o primeiro encontro para setembro, contactamos con todos os centros da zona e demos lugar á primeira xuntanza á que acudimos as coordinadoras dos clubs de lectura e das bibliotecas escolares dos oito centros de Ponteareas e arredores da comarca: CEIP Plurilingüe As Veigas, CEIP Fermín Bouza Brey, CEIP Plurilingüe Mestre Ramiro Sabell Mosquera, CEIP Plurilingüe Santiago de Oliveira, CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera, IES Val do Tea, IES do Barral e IES Pedra da Auga.

 

 

Había moita ilusión e moita esperanza nese encontro. Deunos, ademais, a oportunidade de comezar a coñecer as distintas bibliotecas nas que traballamos, coas súas características propias e os diferentes clubs de lectura que alí se xestan.

No ámbito organizativo atopamos pronto un xeito de axudarnos: compartindo fondos das nosas bibliotecas. É frecuente que os clubs de lectura precisemos varias copias dun mesmo título e isto resulta difícil de xestionar. Contar cos fondos de todos os centros para ter a posibilidade dun préstamo interbibliotecario na mesma localidade pode facilitar moitas iniciativas, así que acordamos compartir listaxes ou acceso aos fondos.

A maiores, compartir experiencias e incertezas sobre a xestión dos clubs de lectura, dúbidas etc. dános seguridade e crea unha rede de apoio marabilloso. Parte das coordinadoras é da propia comarca, pero outras non. Para estas últimas, traballar en equipo con persoas da propia contorna axuda a personalizar as propostas para a propia idiosincrasia da zona. Esta rede ten o seu efecto na comunidade educativa, xa que enriquece as propias propostas que despois faga cada biblioteca.

Tivemos en conta tamén que, ao vivir nun mesmo contexto social, as necesidades e vivencias do noso alumnado teñen moitos puntos en común. Coñecernos e observar iso tamén lle dá máis forza ao traballo individual de cada centro.

Xurdiron, ademais, propostas arredor do deseño e colaboración en certas actividades ao longo do curso. O noso obxectivo desde o inicio foi coñecer diferentes xeitos de traballo, compartir lecturas e experiencias e visibilizar todo o que os equipos fan nas bibliotecas. Buscamos que o alumnado se coñeza e poida compartir experiencias lectoras e momentos únicos arredor delas.

Para isto organizamos un calendario con catro grandes encontros no curso:

A primeira data sinalada foi o 25 de outubro, na que inaugurariamos oficialmente o curso dos clubs de lectura cunha xuntanza de todos os rapaces e rapazas que forman parte deles nos seus centros.

A segunda sería o Día do Libro, como data sinalada para poder levar a cabo algunha instalación colectiva no centro de Ponteareas para reivindicar o pracer da lectura e invitar a ler e compartir. Unha festa da lectura na que ler sexa un acto social e non só individual.

As Letras Galegas tamén foi unha data barallada neste encontro co obxectivo de levar a cabo unha proposta artística común que promovese a lectura en galego e, polo tanto, sempre en coordinación cos equipos de dinamización da lingua galega de cada centro.

Pensamos, así mesmo, que era importante pechar o curso cunha celebración conxunta que nos fixese gozar xuntas a todas as persoas que compartimos tempo arredor da lectura ao longo do curso en todos os centros. Decidimos que unha excursión sería unha boa idea e, se a podiamos organizar arredor dunha lectura, sería o remate perfecto. Deste xeito, pensamos en acordar un lugar que fose escenario ou protagonista común de diferentes obras literarias. A nosa intención é buscar títulos que teñan ese lugar como punto en común e que sexan diversos e adecuados ás idades de todo o noso alumnado. Este sería o xeito de escoller a última lectura de cada club e a excursión final será ao lugar escollido para poder convertelo nunha ruta literaria.

 

 

O día 25 de outubro, no marco do Día das Bibliotecas Escolares, a nosa rede comezou a súa andaina con esa primeira xuntanza que tiñamos acordada. Inauguramos os nosos clubs de lectura no auditorio de Ponteareas con case 200 alumnos e alumnas e tamén con participantes dalgúns dos clubs de lectura de adultos. Contamos coa colaboración do coordinador do club de lectura da biblioteca municipal e de Susana Lamela e Juan Abalde, autores da contorna que compartiron tempo e experiencias co alumnado que era o protagonista indiscutible. Foi a rapazada quen lle presentou os seus clubs e as súas lecturas ao auditorio, pero nesa xuntanza, por riba de todo, houbo conexión, emoción e sorrisos, sabendo que todos e todas compartían unha mesma inquedanza: a lectura.

Sendo un dos nosos obxectivos visibilizar as curiosidades lectoras da rapazada da contorna, tivemos a sorte de poder ter voz na radio ,así como no Faro Educa, onde puidemos compartir a nosa experiencia e intentamos transmitir a nosa ilusión polo que estaba comezando a nacer.

 

Soños de futuro

A lectura en voz alta, con todos os aspectos emocionais, sociais e de adquisición de coñecementos que comporta, pode ser un estímulo importante para potenciar e consolidar aspectos cognitivos clave para a infancia, a adolescencia, a xuventude e a idade adulta. (Bueno et al., 2023)

Como boas soñadoras, a nosa andaina segue en marcha abrindo novos capítulos desta historia que escribimos. Camiñaremos en equipo, da man das iniciativas propostas en setembro e botando a vista atrás en cada paso para aprender dos erros e gozar dos acertos. Todo iso, cun horizonte común: a lectura compartida en comunidade.

Este, polo tanto, non é un final, senón o inicio da nosa historia coral, como «o relato dunha fabulosa aventura colectiva, a paixón calada de tantos seres humanos unidos por esta misteriosa lealdade» (Vallejo, 2019) que, sen dúbida, é a lectura.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Bueno, D., Forés, A. e Ruiz Bueno, A. (2023). La lectura en voz alta: sus beneficios. Octaedro.

Vallejo, I. (2019). O infinito nun xunco: a invención dos libros no Mundo Antiguo. Ed. Xerais.

 

Sección: