Agueiro, aula invertida e deseño universal de aprendizaxe

Este proposta consiste en utilizar a plataforma Agueiro como soporte do ensino da materia Historia da Música e da Danza (segundo de bacharelato) para a utilización de metodoloxías activas, como o deseño universal da aprendizaxe, a aula invertida ou a aprendizaxe colaborativa.

Eliseu Mera Quintas
Departamento de Música
IES de Valga (Pontevedra)

 

1. Contextualización

No contexto actual, pertenzo ao grupo de docentes que consideran necesaria a transformación do noso papel tradicional como o principal emisor de coñecemento e do estudante como receptor pasivo. Isto implica o fomento dunha maior participación e responsabilidade do alumnado no seu propio proceso de ensino-aprendizaxe. Esta mudanza implica non só un cambio de roles, senón tamén unha redefinición dos métodos e das estratexias utilizadas na salas de aulas.

Por un lado, as novas tecnoloxías convertéronse en ferramentas indispensables na práctica educativa actual, é pouco frecuente encontra docentes que non fagan uso delas en maior ou menor medida, pois ofrecen unha infinidade de posibilidades para enriquecer o proceso de ensino-aprendizaxe, facilitando o acceso á información, promovendo a interactividade e fomentando a creatividade do alumnado. Non obstante, convén subliñarmos que estas tecnoloxías deben ser complementadas con recursos tradicionais, como os libros en papel, para garantir un enfoque equilibrado e inclusivo no proceso. Este é un asunto sobre os que xa nos temos manifestado previamente a respecto do programa E-Dixgal (Mera Quintas, 2024) e da utilización da intelixencia artificial (Mera Quintas, 2023).

Por outro lado, cómpre promovermos modelos colaborativos en que o alumnado traballe de maneira solidaria. A través do traballo en equipo, desenvólvense non só habilidades de comunicación e de resolución de problemas, senón que tamén se aprenden a valorar a diversidade de perspectivas e a colaborar para alcanzar obxectivos comúns. Este enfoque non só enriquece o proceso de aprendizaxe, senón que tamén promove unha cultura de inclusión e de respecto mutuo na aula.

Finalmente, consideramos imprescindible recoñecer a importancia das metodoloxías activas de aprendizaxe e das novas tecnoloxías para atender os diferentes ritmos e estilos de aprendizaxe do alumnado (Mera Quintas, 2024). Cada estudante ten necesidades e intereses únicos, que deben ser adaptados ao proceso de ensino-aprendizaxe para satisfacelas de maneira efectiva. Algunhas delas, como o deseño universal de aprendizaxe, a aula invertida ou o jigsaw, proporcionan oportunidades para a personalización e diferenciación do ensino, permitindo que cada alumno progrese ao seu propio ritmo e alcance o seu máximo potencial. Habitualmente, este tipo de metodoloxías é máis frecuentemente aplicado nas primeiras etapas do ensino, redúcese na ESO e ten pouca presenza no bacharelato. Con este traballo pretendemos mostrar como pode ser aplicada a unha materia de segundo de bacharelato, Historia da Música e da Danza, mesmo para a preparación das probas de acceso á universidade (ABAU).

Todo este traballo precisa dun espazo virtual onde ser subido. Para esta proposta utilizamos a plataforma corporativa Agueiro que, como ela mesma indica, combina as funcionalidades de rede social, portafolio de aprendizaxe e espazo de almacenamento que permite crear unha comunidade educativa virtual onde poderá participar todo o profesorado e alumnado do propio centro. Ao ser deseñada pola propia Administración, temos a seguridade da garantía da privacidade e de que non se vai producir transferencia internacional de datos ningunha, e de que pode ser complementada, ou mesmo substituída, coa aula virtual.

 

2. Obxectivos

Sintetizamos esta proposta en cinco obxectivos básicos:

1. Fomentar a autonomía e a responsabilidade do alumnado. Cada estudante debe ser capaz de asumir un papel activo no seu propio proceso de aprendizaxe, accedendo aos recursos proporcionados previamente para adquirir os coñecementos necesarios e xestionando o seu tempo de estudo de forma eficiente.

2. Promover unha comprensión profunda dos contidos. Cada alumna ou alumno debe ser capaz de comprender os conceptos fundamentais da materia a través da exploración dos materiais fornecidos na aula invertida, así como aplicar estes coñecementos en diferentes contextos e situacións.

3. Facilitar o acceso e a inclusión. Os materiais proporcionados deben estar deseñados de forma que sexan accesibles para todo o alumnado, independentemente das súas habilidades, estilos de aprendizaxe ou necesidades individuais.

4. Desenvolver habilidades de pensamento crítico e resolución de problemas. O alumnado debe ser capaz de analizar de forma crítica a información proporcionada nos materiais da aula invertida, identificar as súas propias preguntas e áreas de interese, e aplicar o seu coñecemento para resolver problemas complexos e tomar decisións fundamentadas.

5. Fomentar a metacognición e a autorreflexión. Cada estudante debe ser capaz de reflexionar sobre o seu propio proceso de aprendizaxe, identificando as estratexias e recursos que lle resultaron máis útiles, así como as súas áreas de dificultade e posibles áreas de mellora. O portafolio de aprendizaxe pode ser unha ferramenta útil para rexistrar estas reflexións e avances ao longo da actividade.

 

3. Recursos

Precisaríase de diversos recursos necesarios tanto para a preparación previa dos materiais coma para o desenvolvemento das actividades nas aulas:

1. Vídeos educativos. Selección de vídeos educativos que introduzan os conceptos clave da materia, como propostas de audicións, explicacións de estilos, formas, organoloxía ou aspectos relevantes dos principais compositores. Estes vídeos poden ser propostos previamente ao alumnado, quen tamén poderá localizar outros que considere de interese e proporllos ao profesor para a súa revisión.

2. Lecturas e materiais de apoio. Ofrecer bibliografía en papel e en liña e preparar materiais escritos, como lecturas, artigos, ou en programas de presentación gráfica (LibreOffice, Microsoft PowerPoint, Canva, Genial.ly…) que complementen os vídeos e proporcionen información adicional sobre os temas que se van tratar na actividade.

3. Plataforma en liña. Utilizar unha plataforma educativa en liña, como Agueiro, co apoio da aula virtual, onde os estudantes poidan acceder aos recursos da aula invertida, participar en actividades interactivas, e intercambiar información e comentarios cos seus compañeiros e co profesor.

4. Materiais de apoio accesibles. Asegurarse de que todos os materiais proporcionados son accesibles para todos os estudantes, incluíndo subtítulos nos vídeos para estudantes con dificultades auditivas, ofrecendo opcións de lectura en diferentes formatos para estudantes con dificultades de visión, e proporcionando traducións a outras linguas para estudantes con necesidades lingüísticas específicas.

5. Recursos de apoio. Preparar actividades interactivas, materiais manipulativos, instrumentos musicais, partituras e outros recursos de apoio para as actividades na clase que promovan a participación activa do alumnado e que axuden a aplicar os coñecementos adquiridos na aula invertida.

6. Portafolios de aprendizaxe. Proporcionar unha estrutura onde o alumnado poida organizar e rexistrar as súas reflexións, traballo realizado, e avances ao longo da actividade. Isto pode incluír unha combinación de diarios de aprendizaxe, ensaios reflexivos e exemplos de traballo realizado. O propio Agueiro tamén cumpriría con esta función.

 

 

4. Descrición da actividade

Trátase dun exemplo práctico da metodoloxía da aula invertida, que busca inverter a tradicional orde de ensino, colocando o material de aprendizaxe fóra da aula e reservando o tempo en aula para discusións, actividades prácticas e colaborativas.

4.1. Configuración dos grupos

Nesta actividade proposta, o alumnado é distribuído en grupos de, aproximadamente, catro persoas e fornécenselles materiais de consulta (tanto en papel coma dixitais), así como contidos distribuídos usando a técnica do jigsaw ou quebracabezas. Iso implica que cada grupo recibe unha parte específica do contido total para estudar en profundidade.

É importante que os grupos vaian variando de compoñentes en cada traballo e evitar a formación de guetos. Con esta intención, propomos que se configuren mediante un sorteo, para o cal dispomos de múltiples ferramentas en liña como, por exemplo, AppSorteos.

Nesta imaxe podemos ver como se distribuíron as seccións que se ían traballar con respecto á música e á danza durante o Barroco.

 

 

4.2. Realización dos traballos

Durante a actividade, os alumnos colaboran para comprender e dominar o contido atribuído a eles seguindo os principios da aprendizaxe colaborativa e da aula invertida. Isto implica traballar os materiais na casa e, posteriormente, realizar na clase unha colaboración que pode incluír discusións, análise de textos, resolución de problemas ou calquera outra estratexia que consideren útil para entender completamente o material.

O alumnado vai almacenando na súa conta persoal da aplicación Zotero as referencias aos recursos utilizados co fin de mostralas no formato APA 7 no final de cada tema. Unha vez finalizado o traballo, este subiríase para o espazo indicado dentro da plataforma Agueiro.

 

 

4.3. Exposición pública

Unha vez que cada grupo teña dominado o contido da súa sección, realiza unha presentación para o conxunto do alumnado da materia, onde o profesor verificará que se realizou unha aprendizaxe significativa dos contidos asignados.

Estas presentacións proporcionan unha oportunidade para que os alumnos ensinen e aprendan uns dos outros, consolidando así a súa comprensión do contido.

4.4. Avaliación

A persoa docente, mediante unha rúbrica exposta previamente na aula virtual, valorará o resultado do traballo de cada grupo, e a cualificación poderá ser diferente para cada membro.

 

5. Metodoloxía

Para o desenvolvemento desta actividade utilizáronse as seguintes metodoloxías activas de aprendizaxe:

1. Jigsaw. É unha estratexia de aprendizaxe cooperativa na que o alumnado é dividido en grupos pequenose cada un destes é responsable dunha parte específica do contido total. Os membros de cada grupo convértense en especialistas no seu tema asignado e, a continuación, comparten as súas descubertas cos outros membros do grupo. Isto promove a responsabilidade individual e a colaboración, xa que cada alumno é esencial para o éxito do grupo.

2. Aula invertida. Esta metodoloxía implica mudar a tradicional estrutura de ensino, xa que o alumnado adquire os principais coñecementos fóra das aulas, moitas veces a través de materiais de lectura, vídeos ou outros recursos, e logo utiliza o tempo lectivo para a realización de actividades interactivas, discusións e aplicación do coñecemento adquirido. Neste caso, o alumnado recibe os materiais de consulta para seren traballados na casa e utiliza o tempo na aula para colaborar co resto do grupo e presentar os resultados da súa aprendizaxe.

3. Aprendizaxe colaborativa. A actividade baseada na metodoloxía do jigsaw promove a aprendizaxe colaborativa, dado que o alumnado traballa conxuntamente en grupos pequenos para alcanzar obxectivos comúns. Comparten coñecemento, discuten ideas, resolven problemas e ensínanse uns aos outros. Esta aproximación non só fortalece a comprensión do contido, senón que tamén desenvolve habilidades sociais e de comunicación, ademais de promover un ambiente de aprendizaxe inclusiva.

4. Deseño universal de aprendizaxe (DUA). Trátase dunha aproximación pedagóxica que procura crear ambientes de aprendizaxe que atendan as necesidades de todo o alumnado, independentemente das súas habilidades, estilos de aprendizaxe ou características individuais. Na actividade descrita, o uso do jigsaw e da aula invertida pode ser considerado unha aplicación do DUA, xa que permite que o alumnado acceda ao contido de diferentes maneiras e participe activamente na aprendizaxe colaborativa, adaptándose así ás diversas necesidades e estilos de aprendizaxe do alumnado.

Esta aproximación promove a participación activa do alumnado, o traballo en equipo, a responsabilidade individual e a comprensión profunda do material. Ademais, ao ensinárenlle o que aprenderon ao resto do curso, o alumnado consolida o seu propio coñecemento de maneira significativa e potencia as súas habilidades comunicativas.

 

6. Avaliación

Unha vez finalizado o período lectivo, o alumnado cubriu de maneira anónima un formulario no AbalarBoxcon respecto ao desenvolvemento desta proposta, participando dezaseis das dezaoito persoas matriculadas cos seguintes resultados extraídos da propia aplicación:

- Nivel de dificultade de uso da plataforma Agueiro. Media (1-5): 1,8.


 

- Calidade dos recursos postos á túa disposición para a realización dos traballos. Media (1-5): 3,7.



- Conveniencia do modelo de «aula invertida» para esta materia. Media (1-5): 4.



- Nivel de satisfacción xeral polo desenvolvemento da materia. Media (1-5): 4,3.



- Que valoras mellor de Agueiro? Pregunta de escolla múltiple.



- Que mellorarías de Agueiro? Como nesta pregunta podían introducir o texto libremente, realizamos un gráfico simplificando as respostas.

 

 

7. Conclusións

As conclusións desta enquisa entre o alumnado confirman a eficacia e a aceptación positiva da proposta de actividade baseada na metodoloxía da aula invertida e do jigsaw. Os resultados indican o seu apoio á necesidade de modificar o rol tradicional do docente e promover unha maior participación e responsabilidade do alumnado no proceso de aprendizaxe.

Ademais, os datos recollidos tamén poñen de manifesto a importancia de contar tanto coas novas tecnoloxías coma con recursos tradicionais na práctica docente. O alumnado valora a combinación destes recursos como unha forma efectiva de enriquecer o seu proceso de aprendizaxe e facilitar o acceso á información de maneira equilibrada e inclusiva.

A enquisa tamén destaca a relevancia dos modelos colaborativos no contexto educativo. Os resultados indican unha clara preferencia polo traballo en equipo e a colaboración solidaria como estratexias efectivas para promover unha cultura de inclusión e respecto mutuo na aula. Este apoio subliña a importancia de fomentar habilidades sociais e de traballo en equipo como parte integrante do proceso educativo.

Por último, os datos recollidos reforzan a idea de que as metodoloxías activas de aprendizaxe e as novas tecnoloxías son fundamentais para atender os diferentes ritmos e estilos de aprendizaxe. Esta preferencia indica unha certa conciencia da importancia de adaptar o proceso de ensino-aprendizaxe para satisfacer as necesidades individuais de cada alumno e promover unha verdadeira inclusión educativa.

A miña valoración como docente é positiva, vistos os resultados de aprendizaxe e o nivel de implicación, en comparación con outros cursos. Convén sinalar que aplicar o modelo de aula invertida non supón delegar responsabilidades no alumnado para traballar menos, senón que require dunha maior esixencia, pois non nos limitamos a coñecer os contidos dun libro de texto en particular, senón que debemos asesorar o alumnado na selección de fontes e valorar cales fornecen contidos cientificamente adecuados e cales son máis imprecisas. Con todo, paga a pena.

 

 

Bibliografía: 

 

 

AppSorteos (sen data). AppSorteos. Obtido o 21 de febreiro de 2024, https://app-sorteos.com/pt/apps/gerador-numeros-aleatorios

Aronson, E. (sen data). TheJigsawin ten easysteps. TheJigsawClassroom. Obtido o 15 de Abril de 2024, https://www.jigsaw.org/

CAST. (2018). Universal Design for LearningGuidelinesversion 2.2. https://udlguidelines.cast.org/

Khan Academy (2023). Aprendizagem significativa: o que é e qualsuaimportância. Khan AcademyBlog. https://blog.khanacademy.org/pt-br/aprendizagem-significativa/

Mera Quintas, E. (2023). ChatGPT. Unha proposta didáctica con perspectiva crítica. Eduga. Revista galega do ensino, 85. http://www.edu.xunta.gal/eduga/2430/experiencias/chatgpt-unha-proposta-didactica-con-perspectiva-critica

Mera Quintas, E. (14 de maio de 2024). E-Dixgal, sen complexos. La Voz de Galicia, 10.

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2024/05/13/span-langgle-dixgal-sen-complexosspan/00031715626120418683438.htm

Mera Quintas, E. (2024). Herramientas para una educación inclusiva en Bachillerato. En 3er Congreso Internacional Educación crítica e inclusiva. Hacia una práctica inclusiva y comprometida socialmente. Libro de Actas (pp. 274–278). Universidad Complutense de Madrid. https://docta.ucm.es/entities/publication/ce7b1f00-4c47-40a1-af73-0dabb79e940b

Sáez López, J. M., Domínguez Garrido, M. C., Medina Rivilla, A. e Ruiz Cabezas, A. (2021). Didáctica general. Formación teórica y práctica para educadores. Universitas.

Xunta de Galicia (sen data). Agueiro. Comunidades educativas dixitais. Obtido o 6 de maio de 2024, https://agueiro.edu.xunta.gal/

Zotero (sen data). Obtido o 21 de febreiro de 2024, https://www.zotero.org/

 

 

Sección: