
Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta
Nuria Regina Fortes Pintos, profesora de Formación e Orientación Laboral
CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense)
nfortes@edu.xunta.gal
Contextualización
Luísa Villalta (1957-2004) foi unha destacada escritora, poeta, dramaturga e activista cultural que contribuíu significativamente á literatura galega na que reflectiu unha profunda preocupación pola identidade, a lingua e a cultura galegas, así como polo seu compromiso social e feminista. Coa exposición e guía didáctica «Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta», o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel quixo renderlle homenaxe á figura da escritora Luísa Villalta, marcada pola súa defensa do feminismo e activismo social.
Este marcado carácter social da súa vida e obra foi un dos motivos decisivos para que o noso centro educativo se presentase ao concurso como unha das actividades desenvolvidas dentro do noso proxecto Ábrete á vida, enmarcado no programa Por 365 días de respecto e igualdade do Plan Proxecta+.
Esta viaxe polo metaverso con Luísa Villalta invita a percorrer a traxectoria persoal e profesional da autora a través do seu avatar. Nesta realidade virtual poden descubrirse imaxes, recursos, actividades interactivas, dez Escape Rooms e diferentes xogos para coñecer a autora e a súa traxectoria.
O metaverso, un universo virtual compartido e interactivo, ofrece novas posibilidades para a educación e a divulgación cultural. Ao integrar a figura de Villalta neste contexto dixital, búscase atraer tanto o público novo coma os amantes da literatura e da cultura galegas, proporcionando unha experiencia inmersiva e educativa. O proxecto permite acceder a 11 metaversos diferentes, nos que os visitantes poden explorar unha recreación virtual da Coruña natal da autora, incluídos lugares significativos como a súa casa, centros educativos e espazos culturais que influíron na súa formación e obra.
Tanto na guía didáctica coma nos carteis, intentouse respectar coa máxima fidelidade posible a vida, obra e principios da autora herculina, caracterizada polo seu rigor, pensamento apaixonado e compromiso social, para darlle a coñecer á mocidade a figura desta escritora que definiu o verdadeiro triunfo das mulleres na literatura como aquel momento «cando se mira ao ceo e se ve nel a inmensidade do espazo que temos para voar».
A través dos carteis da exposición, as actividades propostas na guía didáctica e os recursos contidos no metaverso preténdese facer xermolar a curiosidade e a investigación do alumnado nesta apaixonante viaxe polo inmenso ceo que Luísa Villalta percorreu a través de diferentes xéneros nos que se desenvolveu con mestría, paixón e compromiso social.
En todos eles se intentou conxugar modernidade e tradición en consonancia coa interdisciplinariedade e contemporaneidade da obra de Luísa Villalta. Deste xeito, neste proxecto combínanse métodos de aprendizaxe máis tradicionais, como lectura e comprensión de textos, dinámicas de grupo orais, escoita de recitais, e actividades máis innovadoras, como a visita ao metaverso e xogos interactivos accesibles mediante ordenador ou dispositivos móbiles.
Carteis da exposición
Cales son os principais obxectivos da exposición «Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta»?
1. Divulgación da obra e da vida de Luísa Villalta:
-Facer máis accesible a súa figura a un público amplo e diverso.
2. Innovación educativa:
- Emprender novas formas de ensinanza a través da tecnoloxía do metaverso.
- Crear os medios dixitais necesarios para que o galego prospere como lingua viva na era dixital mediante ferramentas de acceso libre que posibiliten a interacción en galego entre as persoas usuarias e os dispositivos tecnolóxicos.
3. Promoción da cultura galega:
- Fomentar o coñecemento e a apreciación da lingua e da cultura galegas a través dunha experiencia interactiva.
- Contribuír a incrementar o ecosistema galego innovador arredor das tecnoloxías da linguaxe, así como desenvolver recursos e ferramentas para a aprendizaxe e uso do galego que permitan aplicar diferentes metodoloxías con diferentes graos de adquisición e ampliación para o alumnado.
4. Participación activa do alumnado e dos visitantes do metaverso:
- Crear un ambiente onde os usuarios non só consuman información, senón que tamén interactúen e participen activamente nas Escape Rooms e obradoiros.
Cales foron os principais recursos que se empregaron na elaboración da exposición?
Para a realización da exposición, empregáronse diversos recursos tecnolóxicos e humanos:
1. Plataforma do metaverso: unha plataforma dixital que permite a creación e exploración de espazos virtuais.
Genial.ly para as Escape Rooms:
Captura do metaverso cartel 1
2. Contidos multimedia: vídeos, audios, textos dixitais e representacións gráficas das obras e da vida de Villalta.
3. Recreacións virtuais: espazos interactivos que representan lugares significativos na vida de Villalta.
4. Colaboración do profesorado e do alumnado do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel: persoal docente das catro familias profesionais existentes no noso centro educativo das especialidades de Formación e Orientación Laboral, familia profesional de Informática, Química, Sanidade e Seguridade e Medio Ambiente, así como o persoal non docente que axudou a acondicionar os espazos e materiais para o desenvolvemento de actividades relacionadas co proxecto.
5. Equipamento de realidade virtual (RV) e impresión 3D para a conmemoración do Día das Letras Galegas: lentes e dispositivos de RV para unha inmersión total e impresoras 3D para marcapáxinas conmemorativos do Día das Letras Galegas e da biografía de Luísa Villalta.
Marcapáxinas 3D realizados polo alumnado de Informática
Descrición da actividade
A exposición «Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta» está estruturada en dez temáticas diferentes para destacar as facetas primordiais da vida e da obra da autora.
1. Rumbo á biografía: «Mírame, mírate, mírame en ti e escólleme para soñarte»
No metaverso do cartel 1 e na parte correspondente da unidade didáctica, pódese acceder a toda a información sobre a vida e a obra da autora, imaxes e vídeos sobre a súa vida e a súa cidade natal xunto a unha ruta polos lugares máis significativos reflectidos na súa obra e unha Escape Room da súa biografía.
2. Rumbo á poesía: «Velaí a poesía. Un camiño de coñecemento»
A poesía de Luísa Villalta é unha exploración profunda da identidade e das emocións humanas. No metaverso correspondente ao cartel 2, poden lerse e escoitarse recitacións das súas obras poéticas máis importantes ou cancións realizadas a partir dos seus poemas. Tamén hai actividades interactivas, como talleres de escritura creativa e recitación de poesía, que buscan fomentar a creatividade dos participantes.
3. Rumbo á prosa: «Eu xa non teño memoria do silencio puro, o silencio que sobresalta»
A prosa de Villalta, rica en reflexións e descricións detalladas, está representada nesta sección a través de lecturas interactivas e debates virtuais. No metaverso e na unidade didáctica poden lerse extractos das súas novelas, analizar a vinculación da narrativa coa ciencia, a economía, a metereoloxía, así como participar en actividades interactivas.
4. Rumbo ao teatro: «Sempre o teatro á procura da verdade»
O teatro foi outro dos campos nos que Villalta destacou. Nesta sección, visualizar unha pequena representación virtual dunha das súas obras teatrais.
A experiencia teatral no metaverso e na unidade didáctica busca transmitir a paixón de Villalta pola procura da verdade a través do drama a través da proposta de dinámicas de grupo e actividades que achegan as artes escénicas ao alumnado.
5. Rumbo ao ensaio: «Emigrar é non perder nunca de vista a posibilidade do retorno»
Os ensaios de Villalta ofrecen unha visión crítica e reflexiva sobre diversos temas sociais e culturais. Esta sección permite ler e debater os seus ensaios máis influentes, así como visualizar vídeos de expertos que analizan o impacto e a relevancia do seu pensamento.
6. Rumbo á música: «Velaí a música, que brota como río da existencia»
Como violinista e amante da música, a relación de Villalta con esta arte é explorada nesta sección. Os visitantes poden escoitar gravacións dunha das orquestras das que formou parte e explorar a influencia da música na súa obra literaria a través das opinión de expertos recollidos en audiovisuais, así como participar en actividades e análises de textos que combinan música e literatura.
7. Rumbo á docencia: «A nena que aínda teño que chegar a ser»
A traxectoria profesional de Villalta como docente é celebrada nesta sección, onde se destacan as súas contribucións á educación e ao ensino da lingua galega. No metaverso e na guía didáctica, recollen a información dos centros educativos nos que desenvolveu a súa profesión docente e diferentes ensaios da autora sobre a educación nos que enxalzou a educación como «a posibilidade… de fluencia entre as clases sociais e de mellora» e como «un servizo… para a formación individual… e para a consecución dunha sociedade máis madura».
8. Rumbo ao feminismo: «A inmensidade do espazo que temos para voar»
O compromiso feminista de Villalta está presente en toda a súa obra e vida. Nesta sección, poden explorarse os escritos e accións feministas da autora, participar en actividades de reflexión sobre igualdade de xénero e acceder a fragmentos da obra da autora que promoven a igualdade e o feminismo.
9. Rumbo ao activismo social: «Comezo a expresar o necesario»
Villalta foi unha activa defensora de diversas causas sociais. Esta sección do metaverso e da unidade didáctica presenta as súas iniciativas de activismo, permítelles aos visitantes aprender sobre as causas que defendía e participar en actividades que fomentan o compromiso social: a guerra de Irak, o conflito israelí-palestino, a catástrofe ecolóxica do Prestige e as reunións en prol dun acordo ortográfico.
10. Rumbo aos méritos: «Non me abandono e formo parte»
Nesta última sección, destácanse os numerosos premios e recoñecementos recibidos por Villalta ao longo da súa carreira que poden ser explorados nunha galería virtual que mostra os seus logros e contribucións á cultura galega, así como en diversos vídeos conmemorativos.
Alumnado de Informática colaborando no metaverso
Metodoloxía
A metodoloxía da exposición «Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta» céntrase en proporcionar unha experiencia educativa participativa, inmersiva, interactiva, colaborativa, funcional, significativa e con diferentes graos de participación, ampliación e accesibilidade:
1. Aprendizaxe participativa e inmersiva: o uso da realidade virtual permítelles aos visitantes experimentar de forma directa e emocional os diferentes aspectos da vida e obra de Villalta. A exposición usa a realidade virtual para permitirlles aos visitantes experimentar directamente e emocionalmente os diferentes aspectos da vida e obra de Luísa Villalta. A inmersión no metaverso ofrece unha conexión máis profunda coa materia, facendo que a aprendizaxe sexa máis efectiva e memorable.
2. Interactividade: os visitantes poden interactuar con contidos e espazos virtuais e, entre eles, o que promove unha aprendizaxe activa e personalizada. Amais disto, as Escape Rooms permiten achegarse á información das diferentes facetas da autora dunha forma sinxela e interactiva. Amais disto, os obradoiros de escritura creativa, creación de caligramas, recitais de poesía, debates virtuais e outras actividades interactivas fomentan a participación activa e a creatividade dos participantes.
Alén disto, os espazos interactivos que representan lugares significativos na vida de Villalta, como a súa cidade natal, escolas e centros culturais, permítenlles aos visitantes explorar estes lugares como se estivesen fisicamente alí.
3. Colaboración: as actividades como debates, representación teatrais e outros obradoiros propostos fomentan a participación e a colaboración entre os visitantes, creando unha comunidade de aprendizaxe.
4. Funcionalidade e significación: as Escape Rooms, recreacións virtuais, obradoiros de escritura creativa, debates, reflexión sobre obras teatrais, comprensión de textos, análise do espírito emprendedor, elaboración do curriculum vitae… fomentan o pensamento crítico tratando de buscar a utilidade e a relación coa realidade do alumnado e a súa función para o seu desenvolvemento profesional e social.
5. Accesibilidade: a exposición está deseñada para ser accesible a persoas con diversas capacidades, garantindo a inclusión de todos os públicos e a diferentes estilos de aprendizaxe.
Alumnado de FP Básica participando no metaverso
Avaliación
A avaliación por parte do profesorado das actividades propostas varía en función do tipo da actividade:
1. Escape Rooms: son autoavaliables e o profesorado pode recoller datos da participación do alumnado mediante a obtención do código final de cada unha delas.
2. Obradoiros e actividades colaborativas propostas: deben ser avaliados polo propio profesorado.
Análise de datos da plataforma virtual:
- Método: monitorizamos o comportamento dos usuarios na plataforma, incluídos o tempo de interacción, as áreas máis visitadas e as actividades máis populares. Os carteis 1 e 2 correspondentes á biografía e á poesía son os máis visitados, cun sumatorio total de 3000 visitas. O resto de carteis ten aproximadamente un número de 500 visitas cada un deles.
- Salas con maior número de visitas: cada cartel conta con 5 salas que admite un número simultáneo de 50 persoas como máximo. As salas máis visitadas foron as que son accesibles mediante o código QR que aparece nos carteis, mentres que as salas que son accesibles mediante o código QR e ligazóns da guía presentan moito menor número de visitas.
- Beneficios: axuda a identificar que aspectos das actividades son máis efectivos e onde se poden realizar melloras para aumentar o compromiso e a aprendizaxe.
Conclusións
A exposición «Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta» podería destacarse polo seu impacto lingüístico, dixital e social.
Aspecto lingüístico
Podería afirmarse que esta proposta didáctica que combina a realidade virtual con metodoloxías analóxicas máis tradicionais permitiu achegar a figura de Villalta a un público máis amplo e diverso, tratando de espertar un maior interese pola literatura e a cultura galegas.
Aspecto dixital
Un dos obxectivos centrais do proxecto, ademais de divulgar a vida e a obra de Luísa Villalta, é promover a presenza dixital do galego, garantindo que a nosa lingua non fique excluída dos novos desenvolvementos TIC, mediante a creación dunha ampla variedade de ferramentas e recursos de alta calidade que postos, de xeito gratuíto e libre á disposición de todos os públicos. Deste xeito, ademais de garantir os dereitos lingüísticos das galegas e galegos no mundo dixital, tamén se contribuirá á modernización e dixitalización de recursos didácticos que promovan o uso da lingua galega dunha forma interactiva e amena para a mocidade.
Aspecto social
A formación en igualdade non pode ser allea ao proceso de ensinanza e aprendizaxe, en todos os niveis educativos e máxime cando se trata de enxalzar a figura de Luísa Villalta, defensora da igualdade, feminismo e xustiza social. As normas, os valores, os elementos que entran en xogo nas relacións persoais e sociais son incorporados polos suxeitos no proceso de ensino-aprendizaxe, polo que é sumamente importante achegar estes valores á sociedade dun xeito atraente e axustado aos tempos actuais.
Captura do metaverso cartel 2
En resumo, a exposición «Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta» ofrece unha combinación innovadora de educación, tecnoloxía e cultura, destinada a preservar e promover a rica herdanza literaria e cultural galega na era dixital.
Villalta, L. (2004). En concreto. Editorial Espiral Maior.
Villalta, L. (1996). «As damas que antano cantaron», Publicación Festa da Palabra Silenciada, p. 123.
Villalta, L. (30 de xaneiro de 2003). «Da indignación á dignidade». A Nosa Terra, p. 34.
Villalta, L. (2005). «Da indignación á dignidade». Libro das Colunas. Editorial A Nosa Terra.
Villalta L. (2001). «Mulleres si, pero». Publicación Festa da Palabra silenciada, pp. 48-49.
Villalta, L. (2005). «Quen terma de quen», Semanario A Nosa Terra.
Villalta, L. (2005). «Quen terma de quen». Libro das Colunas. Editorial A Nosa Terra.
Villalta, L. (1991). Silencio, ensaiamos. Editorial Vía Láctea.
Webgrafía:
https://view.genial.ly/65a73ac257f3da001485ca7c/interactive-content-1-biografia-Luísa-villalta