Os ciclos profesionais fóra das aulas

Viaxes formativas internacionais
A globalización é unha realidade no mundo actual e, precisamente por iso, apostouse pola participación nun proxecto de internacionalización que permita a adquisición de coñecementos que vaian un paso máis alá do puramente académico, facilitando a adquisición de competencias que fomenten a autonomía do alumnado.

Emma Crespo Sevilla. Profesora de Administración de Empresas
IES Punta Candieira (Cedeira-A Coruña)

 

Contextualización

Esta actividade foi realizada no IES Fernando Wirtz Suárez, ao longo do primeiro trimestre do curso 2023/24 co alumnado en formación dual do segundo curso de Administración e Finanzas e do primeiro curso de Deseño de Aplicacións Web, dentro dun proxecto de internacionalización da FP dual lanzado pola Xunta de Galicia no mes de setembro.

 

Obxectivos

Os propósitos previstos para o desenvolvemento desta actividade xurdiron coa convocatoria da mobilidade por parte da Consellería de Educación. Esta oportunidade de internacionalización permitiu poñer en práctica valores transversais ao propio currículo educativo das dúas especialidades de formación profesional que se viron mesturadas neste proxecto.

Por iso, os principais obxectivos que se trataron de acadar coa actividade en cuestión foron:

1. Fomentar a aprendizaxe intercultural promovendo a tolerancia e o respecto a outras formas de pensamento.

2. Mellorar as competencias lingüísticas a través da práctica da lingua inglesa e da inmersión lingüística nun contorno real.

3. Desenvolver as habilidades sociais e profesionais a través da participación na propia organización da mobilidade, potenciando a autonomía e o traballo en equipo.

4. Coñecer o sistema educativo estranxeiro e os sistemas de apoio ao emprendemento ligados ás universidades que hai nos Países Baixos.

 

Recursos empregados

Os recursos para a planificación da mobilidade que se empregaron foron os ordenadores e a conexión a Internet do instituto para a busca de información nas primeiras etapas. Para a execución da actividade contouse co orzamento posto á disposición do instituto por parte da Consellería de Educación, que foi empregado para lles facer fronte aos gastos en medios de transporte, aloxamento e custo das entradas e da organización das diferentes visitas e actividades.

 

Descrición da actividade

A actividade de internacionalización foi executada en dous pasos. En primeiro lugar, a súa organización e planificación por parte do alumnado, contando sempre coa supervisión por parte da profesora, e, finalmente, o desenvolvemento da mobilidade en si mesma, que tivo lugar ao longo da terceira semana do mes de novembro de 2023.

A primeira parte da actividade, é dicir, a súa organización por parte do alumnado, estruturouse en cinco etapas ben definidas.

Etapa 1: Decisión do destino

Na primeira etapa, o alumnado seleccionou os destinos que poderían ser de maior interese para os obxectivos descritos. Esta decisión levouse a cabo a través dun proceso participativo no que profesorado e alumnado puideron propoñer diferentes opcións que se someteron a votación. Tras considerar diferentes factores, os destinos finais foron dous: París e Ámsterdam.

Etapa 2: Solicitude de orzamentos

Tendo en conta os destinos finalistas, o alumnado foi o encargado de buscar diferentes axencias de viaxes para solicitar e obter orzamentos, coa finalidade de comparar diversas opcións e elixir a máis axustada ás necesidades e ao orzamento do proxecto. Alén dos contactos coas axencias de viaxes, o alumnado tiña que incluír o custo das visitas que se realizarían en cada destino para obter un orzamento o máis axustado posible.

A participación nesta fase foi vital para a adquisición de coñecementos prácticos sobre a xestión de diferentes orzamentos e tamén para a comprensión da organización dunha viaxe, tendo en conta a antelación necesaria para acudir ao aeroporto, os diferentes medios de transporte necesarios para chegar ao destino final etc.

Etapa 3: Votación

Na terceira etapa levouse a cabo unha votación entre as diversas opcións, para seleccionar o destino final e planificar a viaxe dunha forma máis profunda, tendo en conta a loxística da viaxe e os obxectivos que se pretendían acadar. Con esta votación fomentouse a participación democrática e a aceptación de decisións tomadas pola maioría, aínda que vaian contra os intereses individuais.

Etapa 4: Busca de actividades e investigación do país e da súa historia

Esta etapa foi empregada para a preparación do alumnado na inmersión cultural e lingüística. O estudantado fixo investigacións sobre a historia e cultura dos Países Baixos, o que incluía a elección dos museos que visitar, as universidades nas que facer unha inmersión educativa e outras posibles visitas que xa foran tidas en conta na segunda etapa de planificación da mobilidade.

Etapa 5: Execución da viaxe planificada

Na última etapa levouse a cabo a mobilidade á capital dos Países Baixos, co que o alumnado puido comprobar os froitos das súas xestións previas.

 

Desenvolvemento da mobilidade

A mobilidade tivo lugar desde o domingo 19 ata o domingo 26 de novembro. Ao longo desta tiveron que desenvolver as competencias lingüísticas nun idioma estranxeiro en diferentes momentos: no hotel, na participación en diferentes charlas, nas visitas a museos etc. As principais actividades levadas a cabo ao longo da semana foron as recollidas nos seguintes parágrafos.

Durante a súa estancia, o alumnado participou en actividades moi diversas que incluíron as visitas a empresas, universidades e actividades culturais, ademais de permitirlle desfrutar de tempo de ocio para coñecer a cidade pola súa conta.

As alumnas e alumnos tiveron a oportunidade de visitar o Amsterdam Science Park, un viveiro de empresas de ámbito fundamentalmente tecnolóxico moi ligado á Universidade de Ámsterdam. Escoitaron as explicacións e fixeron preguntas sobre dous dos proxectos que lles foron presentados nunha sala con apoio de material audiovisual e coñeceron a propia universidade ao longo dunha visita guiada feita posteriormente.

 

 

Tamén houbo actividades máis enfocadas ao alumnado da rama de informática, como a asistencia a un simposio sobre o blockchain, pero que lles permitiu a todos poñer en práctica a súa comprensión lingüística en idioma estranxeiro.

O alumnado puido comparar o funcionamento entre dúas universidades coa visita á Vrije Amsterdam Universiteit e o seu correspondente viveiro de empresas. Este viveiro de empresas está máis ligado á universidade, de modo que teñen proxectos de fomento do emprendemento entre o alumnado, así como outros que non son puramente tecnolóxicos, en contraposición ao que se puido ver no Amsterdam Science Park.

 

 

Outra das actividades desenvolvidas foi a visita ao Centro de Información do Distrito Financeiro Zuidas, no que unha persoa lles explicou a historia do barrio financeiro de Ámsterdam xunto coa planificación que teñen para os próximos anos, dando moita importancia ás zonas verdes e tamén contextualizando os problemas de vivenda que teñen, asemade, no centro de Europa.

 

 

Os últimos días empregáronse para facer visitas culturais a diferentes museos de arte contemporánea, así como científicos e tecnolóxicos.

 

Conclusións

O proxecto de internacionalización levado a cabo en Ámsterdam foi unha experiencia enriquecedora tanto para o alumnado coma para o profesorado. Os obxectivos expostos foron acadados e os beneficios desta actividade reflíctense en varios aspectos:

- Mellora da competencia lingüística a través dun incremento nas habilidades comunicativas en inglés, conseguindo unha comunicación máis fluída ca aquela que tiñan antes de facer a mobilidade.

- Ampliación de horizontes culturais. A inmersión na cultura holandesa, xunto co maior coñecemento do seu sistema educativo e produtivo, permitiu promover unha mentalidade máis aberta co desenvolvemento de maior comprensión e respecto a culturas diferentes á nosa.

- Acrecentamento das habilidades profesionais. As visitas ás empresas, ás universidades e aos viveiros de emprendemento permitiron adquirir outra perspectiva sobre as dinámicas laborais e as perspectivas dos estudantes noutro país.

- Fortalecemento do traballo en equipo. A planificación e execución da viaxe fomentaron o traballo en equipo, a colaboración e resolución de problemas, a empatía e a mellora na xestión de problemas, habilidades que son fundamentais no ámbito profesional.

- Enriquecemento profesional do alumnado e do profesorado. A capacidade de adaptación e a responsabilidade e autonomía do alumnado viuse fortalecida ao longo da experiencia que permitiu, ademais, que persoas que nunca viaxaran en avión tivesen a súa primeira experiencia con este medio de transporte. Os dous profesores acompañantes obtiveron, tamén, a súa primeira experiencia actuando como tales, o cal enriquece a súa profesión e lles abre novos retos.

- Beneficio ao alumnado con menores oportunidades. Tendo en conta que a actividade incluía a todo o grupo, sen discriminación por mor de titulación, coñecemento lingüístico, expediente académico ou calquera outro tipo de circunstancias, esta experiencia permitiu que se beneficiase dela o alumnado que non podería, doutro xeito, ter a oportunidade de saír ao estranxeiro e coñecer outra cultura.

 

 

Logo de consultar o estudantado que participou da propia mobilidade, conclúe, na súa ampla maioría, na valoración positiva desta tanto desde o punto de vista dunha aprendizaxe persoal coma desde a adquisición de competencias que responden a un incremento da súa autonomía e que poden redundar nun mellor desempeño laboral na súa futura incorporación ao mercado de traballo.

En resumo, a actividade de internacionalización a Ámsterdam foi un éxito rotundo, cumprindo cos obxectivos educativos e profesionais planificados e ofrecéndolle ao noso alumnado unha experiencia inesquecible que enriquecerá a súa formación e lle permitirá afrontar os retos do mundo laboral globalizado. Este tipo de iniciativas son fundamentais para formar profesionais competentes e versátiles, capaces de desenvolverse nun contorno internacional e multicultural.

 

 

Sección: