Ecorush, a carreira polo carro da compra verde

A compra pública sostible de alimentos representa un compromiso social para liderar a transición cara a un sistema alimentario máis ético e resiliente que beneficie tanto o medio ambiente coma a saúde da poboación. Ecorush é un xogo de mesa que, no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles, integra principios de sostibilidade ambiental e promoción de hábitos saudables, alentando os xogadores a competir estratexicamente para adquirir a maior cantidade de produtos alimentarios mentres minimizan a pegada de carbono e procuran unha dieta equilibrada. Empregando o CO2 como moeda de cambio, cada xogador ou xogadora navega por un taboleiro que representa diversas categorías de alimentos. Os eventos inesperados tamén lle afectan ao xogo, introducindo impostos ambientais, subsidios ecolóxicos e outras variables que desafían a xestión ambiental e financeira dos xogadores e xogadoras. Gañará quen demostre a mellor capacidade para equilibrar compras efectivas cun impacto ambiental reducido.

Cristina Cambeses-Franco. Profesora de Física e Química no IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa-Pontevedra).
Estudante de doutoramento no centro CRETUS, Departamento de Enxeñería Química, Universidade de Santiago de Compostela.
cristinacambesesfranco@edu.xunta.gal

 

 

1. Contextualización

A medida que as poboacións se fan máis prósperas e se urbanizan, as dietas van cambiando de tal forma que cada vez se consome un maior número de calorías asociadas a alimentos e produtos animais máis elaborados. Os cambios recentes nos padróns de consumo contribúen a aumentar os impactos na saúde e no medio ambiente (EAT-Lancet Commissioners, 2023).

Hoxe en día, unha gran parte da poboación mundial sofre algunha forma de malnutrición (desnutrición, vitaminas ou minerais insuficientes, sobrepreso, obesidade ou algunha enfermidade asociada á dieta). En 2022, aproximadamente 390 millóns de adultos de 18 anos ou máis en todo o mundo tiñan baixo peso, mentres que 2500 millóns tiñan sobrepeso. Entre os rapaces e adolescentes de 5 a 19 anos, 390 millóns tiñan sobrepeso, incluídos 160 millóns de persoas que vivían con obesidade. Outros 190 millóns eran demasiado delgados para a súa idade. Se as actuais traxectorias dietéticas continuasen durante os próximos anos, os datos poderían empeorar (FAO et al., 2024).

Por outra banda, a agricultura representa o 70 % dos recursos de auga doce no ámbito mundial, domina o 38 % da superficie terrestre e un terzo da enerxía mundial emprégase na produción e subministración de alimentos (Mclaren et al., 2021). Ademais, a produción de alimentos xera un terzo das emisión globais de gases de efecto invernadoiro (European Environment Agency, 2024).

No marco deste contexto, resulta imprescindible promover a sostibilidade alimentaria como unha estratexia que debe seguirse nos contornos alimentarios educativos. É preciso tomar acción para poder cumprir cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles como parte da Axenda 2030. Este proxecto xorde como froito desta necesidade e pretende comprometer o alumnado cos hábitos de vida saudables e sostibles a través dunha experiencia de xogo na aula. Desenvólvese no IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa) como un elemento transversal dentro da programación de Física e Química de terceiro da ESO.

 

2. Obxectivos

Os obxectivos que se propoñen son:

  • Concienciar, formar, promover e difundir entre os adolescentes a importancia de seguir unha dieta saudable e sostible.
  • Achegar ao ámbito escolar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles impulsados polas Nacións.
  • Ensinarlle ao público máis novo a comprar seguindo criterios de sostibilidade.
  • Sensibilizar o alumnado sobre os problemas relacionados coa produción de alimentos como responsables do cambio climático a través do indicador da pegada de carbono.
  • Fomentar o debate e o espírito crítico con respecto á alimentación e ao seu contorno.
  • Conseguir un cambio nos hábitos alimentarios da mocidade a través da reflexión sobre o impacto das nosas acción diarias.
  • Fomentar a difusión da dieta atlántica para a saúde e o benestar.

 

3. Recursos empregados

  • 1 taboleiro de xogo.
  • 20 tarxetas de alimentos consumidos no marco da dieta atlántica coa súa correspondente pegada de carbono. A cor da tarxeta establécese segundo a categoría de alimentos á que pertence: carne, froitas, vexetais, peixe e marisco, produtos a base de amidón, aceite de oliva, produtos lácteos, ovos e froitos secos.
  • 20 tarxetas de oferta.
  • 20 tarxetas de eventos: situacións que afectan as finanzas e as oportunidades de compra dos xogadores.
  • Diñeiro do xogo: billetes con denominacións de CO2 (por exemplo, 1 kg, 5 kg, 10 kg de CO2).
  • Dados para mover as fichas no taboleiro.

 

4. Descrición da actividade

Ecorush é un xogo de mesa baseado no intercambio e compra de alimentos. O orzamento baséase no CO2 e o prezo dos produtos está taxado en función das emisións de gases de efecto invernadoiro que xeran.

4.1 Elaboración do taboleiro

O taboleiro de xogo (fig. 1) foi elaborado co software Genially. Os alimentos seleccionados para incluír no taboleiro son típicos da dieta atlántica, o padrón dietético tradicional do noroeste de España e Portugal, baseado na abundancia de elementos de temporada, locais, frescos e minimamente procesados. Esta dieta caracterízase por un alto consumo de vexetais, froitas e aceite de oliva, así como produtos a base de amidón (patacas e pan) e de peixe, produtos lácteos e carne.

 

Figura 1. Taboleiro de xogo

 

A elaboración das tarxetas de alimentos, así como das tarxetas de oferta e de eventos, fíxose co software Canva.

 

4.2 Creación das tarxetas de xogo

4.2.1 Tarxetas de alimentos

A elaboración das tarxetas dos alimentos (fig. 2) baséase no indicador da pegada de carbono, un dos indicadores con maior impacto mediático relacionado co quentamento global asociado á emisión de gases de efecto invernadoiro. Defínese como a cantidade de dióxido de carbono equivalente que un produto xera nun período de tempo ao longo do seu ciclo de vida. Na táboa 1 amósase a pegada de carbono dos alimentos recollidos no taboleiro de xogo.

 

Táboa 1. Pegada de carbono dos alimentos en Ecorush

 

Figura 2. Exemplos de tarxetas de compra de alimentos

 

4.2.2 Tarxetas de oferta

As tarxetas de oferta proporciónanlles aos xogadores descontos e promocións especiais que se poden empregar para reducir a pegada de carbono (custo) dos produtos que se compran. Na figura 3 amósanse exemplos de tarxetas de oferta.

 

Figura 3. Exemplos de tarxetas de oferta

 

4.2.3 Tarxetas de eventos

As tarxetas de evento introducen elementos de sorpresa e desafíos adicionais no xogo. Na figura 4 preséntanse exemplos de tarxetas de evento.

 

Figura 4. Exemplos de tarxetas de eventos

 

4.3 Establecemento das normas de xogo

O obxectivo do xogo é ser o xogador que elabore unha dieta completa e o máis equilibrada posible ao menor custo en termos de CO2.

1. Colocar o taboleiro no centro da mesa.

2. Barallar as tarxetas de alimentos e colocalas nun montón.

3. Barallar as tarxetas de oferta e colocalas nun segundo montón.

4. Colocar as tarxetas de eventos nun terceiro montón.

5. Elixir un xogador para que sexa o banqueiro, o cal se encargará de levar a cabo as transaccións entre os xogadores. Recibirás diñeiro do banqueiro ao pasar pola casa de saída e cando así o digan as tarxetas de oferta e as tarxetas de evento. Pagaraslle diñeiro ao banqueiro ao comprar produtos, para saír do cárcere e cando o establezan as tarxetas de oferta e as tarxetas de evento.

6. Cada xogador escolle unha ficha e colócaa na casa de inicio.

7. Repárteselle unha cantidade inicial de diñeiro a cada xogador (por exemplo, 25 000 g CO2)

8. Os xogadores lanzan os dados. O xogador coa puntuación máis alta é o primeiro, e a quenda pasa ao da esquerda.

9. Cando sexa a súa quenda, tira os dous dados e avanza arredor do taboleiro na dirección da frecha. Máis dun peón pode estar á vez sobre a mesma casa. Dependendo da casa sobre a que caeses podes:

a) Comprar un alimento polo prezo requirido (se non o posúe outro xogador). A cambio recibirás unha tarxeta de pertenza dese alimento que te acredita como comprador e que debes colocar boca arriba diante túa.

b) Coller unha tarxeta de oferta ou unha tarxeta de evento: se caes nalgunha destas casas, colle a carta correspondente da parte de arriba do montón. Debes seguir as instrucións da carta e actuar inmediatamente antes de devolver a carta á parte de abaixo do montón. Se colles unha carta de «quedas libre do cárcere», podes gardala ata que precises usala ou venderlla a outro xogador a un prezo acordado entre os dous.

c) Ir ao cárcere: cando te mandan ao cárcere, acábaseche a quenda. Debes moverte á casa do cárcere e non podes recoller o suplemento de CO2 da casa de saída. Para saír do cárcere, podes pagar unha multa (200 g CO2) e continuar na próxima quenda, empregar a carta de «quedas libre do cárcere» ou sacar dobres nos dados. Se caes na casa «cárcere só visitas», non tes penalización algunha.

10. Os xogadores non poden prestarlles nin pedirlles diñeiro en forma de CO2 a outros xogadores.

11. Se sacas dobres cos dados, move coma sempre, volve tirar os dados e xoga outra vez. Se sacas dobres tres veces seguidas, debes ir de forma inmediata ao cárcere.

12. O xogo continúa ata que xa se compraran todos os produtos dispoñibles ou despois dun número determinado de roldas. O xogador que comprase máis produtos de categorías diversas e ao menor custo total en termos de CO2 gaña o xogo. A puntuación total de cada xogador calcúlase con base nas seguintes regras:

a) A puntuación base por alimento comprado outorga 3 puntos.

b) A puntuación adicional por cada categoría diferente de alimentos outorga 2 puntos.

c) A penalización por cada g de CO2 asúmese en 0,0003 puntos.

Por exemplo, un xogador que teña 5 alimentos de 5 categorías diferentes e que sumen unha pegada de carbono total de 20 000 g CO2 terá unha puntuación final de 19 puntos (Ec. 1)

 

 

4.4 Posta en práctica co alumnado

A aplicación do xogo levouse a cabo nunha aula de terceiro da ESO con 24 alumnos/as. Realizouse ao longo de 2 sesións de 50 minutos. Dividiuse a clase en grupos de 4 persoas por taboleiro de xogo.

 

Figura 5. Posta en práctica do xogo Ecorush

 

O alumnado puxo en práctica as seguintes estratexias:

  • Avaliar se é mellor comprar produtos inmediatamente ou esperar por unha oferta mellor.
  • Usar as tarxetas de oferta de maneira estratéxica para maximizar os aforros.
  • Xestionar os eventos inesperados de maneira efectiva para manter un bo fluxo de diñeiro.

 

5. Metodoloxía

A metodoloxía empregada no proxecto foi a aprendizaxe baseada en xogos. Partiuse dun xogo de mesa para un uso educativo adaptándoo para conseguir os obxectivos propostos. O estudante convértese en protagonista da súa propia aprendizaxe co docente como guía.

Ao integrar dinámicas e mecánicas do xogo no proceso de aprendizaxe, foméntase a participación activa dos estudantes, promóvese a interacción social e auméntase a motivación para aprender. Unha das vantaxes desta metodoloxía é que lle permite ao estudantado experimentar unha situación da vida real de maneira segura e controlada. A través dun escenario ficticio, os estudantes poden practicar e tomar decisións no relativo a escoller a mellor opción nun supermercado en termos de impacto ambiental. Pola súa vez, traballan a competencia matemática e a competencia cidadá a través do compromiso activo coa sostibilidade.

 

6. Avaliación

Para a avaliación do xogo empregado na clase propúxoselle un cuestionario ao alumnado utilizando unha escala do 1 (cualificación máis baixa) ao 5 (cualificación máis alta), o cal proporciona unha retroalimentación detallada sobre a súa experiencia, aprendizaxe e satisfacción (táboa 1). A maiores, deseñouse outro cuestionario para que cubrise o docente (táboa 2).

 

Táboa 1. Cuestionario para cubrir o alumnado

 

Táboa 2. Cuestionario para cubrir o docente

 

7. Conclusións

Ecorush facilita unha comprensión práctica dos principios de sostibilidade e nutrición axeitada. O alumnado mellora a súa habilidade de toma de decisións estratéxicas ao enfrontarse a un escenario simulado que implica a selección de alimentos con base en criterios ecolóxicos e de saúde, fortalecendo a súa capacidade para realizar eleccións informadas, éticas e responsables co seu contorno.

O grao de satisfacción dos participantes na actividade foi excelente. En xeral, amosan un alto grao de motivación durante a posta en práctica do xogo, xa que combina a diversión coa aprendizaxe significativa. Ademais, o xogo, no marco dunha experiencia de aprendizaxe vivencial, favorece a comprensión de coñecementos relativos á alimentación saudable e á pegada de carbono.

En definitiva, esta iniciativa amósase como un xogo educativo que, de forma divertida e amena, lles ensina aos nenos e nenas desde idades temperás o impacto que teñen as nosas accións na saúde pública e na saúde planetaria.

 

Bibliografía: 

 

 

Aguilera, E., Guzmán, G. e Alonso, A. (2015a). Greenhouse gas emissions from conventional and organic cropping systems in Spain. I. Herbaceous crops. Agronomy for Sustainable Development, 35(2), pp. 713-724. https://doi.org/10.1007/s13593-014-0267-9

Aguilera, E., Guzmán, G. e Alonso, A. (2015b). Greenhouse gas emissions from conventional and organic cropping systems in Spain. II. Fruit tree orchards. Agronomy for Sustainable Development, 35(2), pp. 725-737. https://doi.org/10.1007/s13593-014-0265-y

Barilla Center for Nutrition (2016). Double Pyramid 2016. A more sustainable future depends on us. https://www.fondazionebarilla.com/wp-content/uploads/2016/02/doublepyramid2016-more-sustainable-future-depends-on-us.pdf

EAT-Lancet Commissioners (2023). EAT–Lancet Commission 2.0: securing a just transition to healthy, environmentally sustainable diets for all. The Lancet, 402(10399), pp. 352-354. https://doi.org/10.1016/S0140-6736(23)01290-4

European Environment Agency (2024). Agriculture and food system. https://www.eea.europa.eu/en/topics/in-depth/agriculture-and-food?activeTab=07e50b68-8bf2-4641-ba6b-eda1afd544be

González-García, S., Castanheira, É. G., Dias, A. C. e Arroja, L. (2013). Using Life Cycle Assessment methodology to assess UHT milk production in Portugal. Science of The Total Environment, 442, pp. 225-234. https://doi.org/10.1016/j.scitotenv.2012.10.035

González-García, S., Gómez-Fernández, Z., Dias, A. C., Feijoo, G., Moreira, M. T. e Arroja, L. (2014). Life Cycle Assessment of broiler chicken production: a Portuguese case study. Journal of Cleaner Production, 74, pp. 125-134. https://doi.org/10.1016/j.jclepro.2014.03.067

González-García, S., Hospido, A., Moreira, M. T., Feijoo, G. e Arroja, L. (2013). Environmental Life Cycle Assessment of a Galician cheese: San Simón da Costa. Journal of Cleaner Production, 52, pp. 253-262. https://doi.org/10.1016/j.jclepro.2013.03.006

González-García, S., Villanueva-Rey, P., Belo, S., Vázquez-Rowe, I., Moreira, M. T., Feijoo, G. e Arroja, L. (2015). Cross-vessel eco-efficiency analysis. A case study for purse seining fishing from North Portugal targeting European pilchard. The International Journal of Life Cycle Assessment, 20(7), pp. 1019-1032. https://doi.org/10.1007/s11367-015-0887-6

FAO, FIDA, OMS, PMA, e UNICEF (2024). El estado de la seguridad alimentaria y la nutrición en el mundo 2024: Financiación para acabar con el hambre, la inseguridad alimentaria y la malnutrición en todas sus formas. Roma, FAO.  https://doi.org/10.4060/cd1254es

Hess, T., Chatterton, J., Daccache, A. e Williams, A. (2016). The impact of changing food choices on the blue water scarcity footprint and greenhouse gas emissions of the British diet: the example of potato, pasta and rice. Journal of Cleaner Production, 112, pp. 4558-4568. https://doi.org/10.1016/j.jclepro.2015.08.098

Iribarren, D., Moreira, M. T. e Feijoo, G. (2010). Revisiting the Life Cycle Assessment of mussels from a sectorial perspective. Journal of Cleaner Production, 18(2), pp. 101-111. https://doi.org/10.1016/j.jclepro.2009.10.009

Iribarren, D., Vázquez-Rowe, I., Hospido, A., Moreira, M. T. e Feijoo, G. (2010). Estimation of the carbon footprint of the Galician fishing activity (NW Spain). Science of The Total Environment, 408(22), pp. 5284-5294. https://doi.org/10.1016/j.scitotenv.2010.07.082

Mclaren, S., Berardy, A., Henderson, A., Holden, N., Huppertz, T., Jolliet, O., De Camillis, C., Renouf, M., Ru-Gani, B., Saarinen, M., Van Der Pols, J., Vázquez-Rowe, I., Vallejo, A., Bianchi, M., Chaudhary, A., Chen, C., Cooreman-Algo-Ed, M., Dong, H., Grant, T., … Van Zanten, H. (2021). Integration of environmental and nutrition in life cycle assessment of food items: opportunities and challengegs. FAO. www.fao.org/

Nielsen, N., Jorgense, M., & Rasmussen, IK. (2013). Greenhouse Gas Emission from Danish Organic Egg Production estimated via LCA Methodology, pp. 1-27.https://www.landbrugsinfo.dk/-/media/landbrugsinfo/public/4/e/c/klima_uk_okoaeg.pdf

Noya, I., Aldea, X., González-García, S., M. Gasol, C., Moreira, M. T., Amores, M. J., Marín, D. e Boschmonart-Rives, J. (2017). Environmental assessment of the entire pork value chain in Catalonia – A strategy to work towards Circular Economy. Science of The Total Environment, 589, pp. 122-129. https://doi.org/10.1016/j.scitotenv.2017.02.186

Sellás Olive Oil (2013). Olive Oil Carbon Footprint.

van Oort, B. e Andrew, R. (2016). Climate footprints of Norwegian Dairy and Meat – a synthesis. 2016. Pp. 1-74.

Werner, L. B., Flysjö, A. e Tholstrup, T. (2014). Greenhouse gas emissions of realistic dietary choices in Denmark: the carbon footprint and nutritional value of dairy products. Food & Nutrition Research, 58(1), 20687. https://doi.org/10.3402/fnr.v58.20687

 

Sección: