Arte quokka
Natuska Naylor García
CEIP Curros Enríquez - A Coruña
naylorgarcia@edu.xunta.gal
O noso proxecto, Arte Quokka, xorde da ilusión do alumnado de 4ºA, os quokkas, de transmitirlle á nosa contorna máis próxima a idea de que todos necesitamos e nos necesitan, e de que, se todas as persoas traballamos xuntas cun mesmo obxectivo, as nosas vidas e as dos demais serán mellores. Arte Quokka nace da relación xurdida este curso entre os quokkas e o Museo de Belas Artes da Coruña. Ao longo de todo o curso estivemos traballando conxuntamente en varias actividades nas que fomos involucrando diferentes institucións, asociacións e persoas para sumalas ao noso proxecto. Arte Quokka xorde da necesidade constante de poñerse nos zapatos dos demais para entender a vida e abrir os ollos aos demais para facer a vida das persoas que nos rodean un pouco mellor.
Escollemos o nome de quokkas para a nosa clase despois de descubrir que este animal está considerado como o máis feliz do mundo, pois sempre ten un sorriso na súa cara. Ao longo do curso 2023/24, o alumnado foi coñecendo os 17 ODS e foinos incorporando ao seu día a día. Temos claro que, se hai que cambiar algo no mundo, debemos empezar sempre pola nosa contorna máis próxima… o noso cole, a nosa familia e o noso barrio. Así foi, no momento no que todos os quokkas decidimos participar neste proxecto, puxémonos a traballar no noso barrio e comezamos a analizar que podiamos facer para axudar o noso barrio e que podía facer o barrio para axudarnos a nós. Esta experiencia engloba diferentes actividades nas que participamos os quokkas en colaboración con diferentes institucións, asociacións e persoas, marcando como nexo común a todas elas a nosa relación co Museo de Belas Artes da Coruña.
Conseguimos traballar en diferentes actividades nas que as pezas fundamentais eran os 17 ODS, o traballo en equipo, as relacións coas persoas, a arte… polo que funcionamos co fin de non deixar a ninguén atrás.
O obxectivo principal deste proxecto é concienciar o alumnado da importancia de, entre todos e todas, facer do mundo un lugar mellor, pois faino aprender de primeira man dunha maneira real, emocional, racional e sempre sumando.
A base do noso proxecto céntrase nas persoas e, a través delas, fomos formando unhas redes que aos poucos ían medrando e complementando o noso proxecto.
Asistimos a unha visita organizada ao Museo Belas Artes da Coruña e alí recibiunos unha educadora moi especial. Bastáronnos uns minutos para convidala á nosa clase para contarlle como traballabamos os quokkas e ver se seriamos quen de facer algo xuntos. Todos e todas o tivemos claro e empezamos a funcionar… O museo está no noso barrio, así que nos encaixaba perfectamente no noso proxecto: o museo faría algo por nós e nós algo polo museo.
Estamos a traballar os ODS na clase e o museo é arte, pois… Arte Quokka.
Propuxémoslle ao museo que seleccionase 50 das súas obras que considerase que estivesen relacionadas dalgunha maneira con algún dos 17 ODS. Enviáronnos unha copia dixital e unhas láminas á clase. Puxemos unha música suave de Abraham Cupeiro de fondo mentres o alumnado observaba as obras. Cada neno ou nena tiña que escoller a lámina que o fixese sentir algo especial para, posteriormente, relacionala cun dos ODS. Despois duns minutos de reflexión, cada quokka expresáballes aos seus compañeiros e compañeiras o que sentira ao observar o seu cadro, contáballes con que ODS o relacionaba e por que. Gravamos eses audios para envialos ao museo. A primeira parte do proxecto consistía en preparar a nosa propia exposición de Arte Quokka.
A educadora do museo veu un día á clase explicarnos unha presentación que preparara coas obras que nós seleccionaramos. A verdade é que resultou moi interesante aprender tantos detalles de cada obra e dos seus autores e autoras, pois relacionámolo co que cada quokka sentira… e saíron cousas moi interesantes.
Aproveitamos algúns contactos co Centro de Reeducación de Menores Concepción Arenal da Coruña para propoñerlles unirse ao noso proxecto de arte co Museo de Belas Artes. Durante seis fins de semana, unha profe foi traballar con catro menores que se atopan no centro en réxime pechado. As primeiras sesións utilizámolas para dar a coñecer os 17 ODS e a cidadanía global. Nas seguintes fins de semana empezamos a traballar cos audios das obras que seleccionaran os quokkas para que os relacionasen coas láminas. Os menores do centro tamén seleccionaron as obras que a eles máis os emocionaban e gravamos os seus audios para completar a nosa exposición no museo. Ademais, un sábado, unha educadora do Museo de Belas Artes acompañou a profe para falarlles aos mozos das diferentes obras e levoulles unhas lentes de realidade virtual coas que puideron visitar o museo e «saír» do centro por un intre. Froito desas fins de semana de talleres cos mozos xurdiu a idea de crear un rap do ODS 4, Educación de calidade, polo que convidamos un músico para que nos axudase unha fin de semana para gravar o rap e axudarnos a montalo.
Gravamos unha curta na clase dentro do programa Cinema na escola do Concello da Coruña, coordinado por Hugh McGuinley, e o museo permitiunos gravar algunhas secuencias a porta pechada. Neste proxecto traballamos os quokkas xunto con sete nenos e nenas con NEE de sexto de EP, aos que lles pedimos colaboración e aceptaron encantados. Decidiron poñerse o nome de Cinema Team que Mola e resultou ser unha experiencia moi gratificante para todos e todas.
Nas sesións de formación xuntámonos e empezamos a dividir o traballo: actores e actrices/produción/axudantes de cámara e son/deseñadores do storyboard.
Participamos na gala de Cinema na escola na Ágora e recibimos o segundo premio á mellor fotografía e unha mención especial á curta por promover os mellores valores. Tamén presentamos a curta aos Premios Olloboi e resultamos finalistas.
Para poñerlle punto e final ao noso proxecto organizamos a Gala Quokka Sumando Sempre, que realizamos no Museo de Belas Artes coa asistencia das familias do alumnado, profesorado e dirección do colexio, a concelleira de Benestar Social do Concello da Coruña e moitas das persoas que nos fixeron sumar ao longo do curso en diferentes actividades e experiencias.
A idea de organizar esta gala está baseada na necesidade de lle dar visibilidade ao noso traballo e que toda a comunidade educativa, así como todas as persoas que nos fixeron sumar ao longo deste proxecto, puidesen ver un pequeno resumo de todas e cada unha das actividades que traballaramos.
A metodoloxía que utilizamos no noso proxecto favorece que a aprendizaxe se basee nas necesidades e intereses do alumnado. Esta participación activa do alumno ou alumna potencia unha aprendizaxe significativa e globalizada, adaptando sempre os contidos e obxectivos buscados ao día a día, conseguindo, desta maneira, unha aprendizaxe importante e especial para a vida.
Con esta metodoloxía traballamos na aprendizaxe por proxectos, na aprendizaxe e servizo, e sempre buscando alternativas de aprendizaxe utilizando a diversidade como clave para seguir sumando. É fundamental facer grupo na aula para poder traballar de forma cooperativa, mellorando así a autonomía do alumnado, o respecto á diferenza e ao traballo en equipo.
Cada alumno ou alumna é única e especial, polo que analizamos as diferentes necesidades, intereses, capacidades etc. para conseguir que o mellor de cada un saia a relucir e así, entre todos e todas, seguir sumando e aprendendo, e relacionarse cos demais con solidariedade, empatía e respecto.
O alumnado foi capaz de utilizar o aprendido para interactuar de maneira activa coa súa contorna social, grazas ao traballo baseado na sensibilización, investigación e difusión dos seus proxectos.
A parte fundamental do proxecto é saber sacar o mellor de cada un e que o achegasen ao grupo, vivindo unhas experiencias e emocións que non esqueceremos nunca. Creamos relacións con diferentes institucións, asociacións... que nos fixeron entender que cada persoa é única e especial, e que todos e todas podemos ser parte da nosa propia aprendizaxe e axudar desta maneira a que todos e todas sigamos sumando.
Ao avaliar o noso proxecto, intentamos mellorar o traballo que estamos a realizar e o que se poderá realizar. Buscamos mellorar a aprendizaxe do noso alumnado e as nosas prácticas de ensino para poder alcanzar a transformación social e erradicar problemas sociais.
Recollemos a información para avaliar a través de diversos indicadores: debates, reflexións (individuais e colectivas), traballos en grupo, gravación dunha curta, charlas de sensibilización sobre os ODS para diferentes institucións da cidade e asociacións. Para avaliar traballos e proxectos preguntámonos: Que aprendemos para a vida con este proxecto? Como podemos axudar os demais co que aprendemos?
Traballamos os ODS como punto base da nosa aprendizaxe do día a día. Cada día buscamos a mellor versión de cada un. Empezamos a traballar na nosa contorna máis próxima —familia, colexio e barrio— e a acollida do noso proxecto foi espectacular. Contaxiamos a nosa filosofía do día a día nun centro que se deixou guiar e se sumou desde o principio para colaborar coas nosas iniciativas. Relacionámonos con diferentes centros e institucións para seguir aprendendo dos demais e poder achegar o noso granciño de area nos seus respectivos procesos de aprendizaxe, coñecendo persoas que nos transmitiron un amor e unha ilusión polo que fan e que nos fixeron crecer como grupo.
Conseguimos formar un equipo de traballo entre alumnado, familias, profes e persoal non docente no que nos relacionamos con especial conexión e conectividade emocional. Sempre buscamos o bo dentro de calquera situación, intentando buscar solucións e non problemas, e entendendo que de calquera situación e en calquera momento pode xurdir algo moi especial e unha nova aprendizaxe para todos e todas.
Co noso traballo puidemos demostrar que os ODS se poden traballar desde calquera nivel e desde calquera materia, e iso fai que o proxecto sexa aínda máis completo e especial. Incorporamos o traballo cos 17 ODS ao currículo que debiamos seguir, realizando dinámicas relacionadas con cada un deles. Consideramos a innovación educativa como unha filosofía de vida, de traballo e de convivencia na contorna escolar.
Os quokkas atravesamos o marco da arte