Deporte no Ponte!
Andrés Pazos Tronceda
andres.pazos@edu.xunta.gal
Laura Iglesias Mato
lauraiglesias@edu.xunta.gal
Diana María Sánchez Sánchez
dsanchez@edu.xunta.gal
María Asunción Suárez Montero
ma.asuncion.suarez@edu.xunta.gal
CPI de Ponte Carreira (Frades - A Coruña)
Os comezos desde os proxectos da Consellería
A participación do centro nos proxectos de vida activa e deportiva está motivada polo desexo de manter o traballo realizado co alumnado ao longo dos últimos anos nun proxecto que ten continuidade no tempo e procura implicar a toda a comunidade educativa.
O obxectivo principal é promover un estilo de vida relacionado coa saúde do alumnado desde o ámbito da práctica da actividade física saudable e a alimentación equilibrada. As actuacións están enfocadas a combater o sedentarismo e a inactividade física, promovendo a práctica de deporte e xogo tanto no horario lectivo coma fóra del.
Esta iniciativa parte, en primeiro lugar, do profesorado de Educación Física, pero foi acadando, ao longo dos anos, a participación da maioría do claustro, así como o apoio das familias. Falamos así dun programa interdisciplinario no que están implicadas as tres etapas educativas do centro.
Ao longo dos últimos anos, o profesorado participou en diversos programas, plans e proxectos promovidos pola Consellería. Destacamos, entre outros, os plans Proxecta de Vida activa e saudable, Aliméntate ben, Eco horta ou Escola verde. Por outra banda, a formación permanente para o noso profesorado vainos acompañando nesta bagaxe curso a curso.
Un curso do máis deportivo!
O punto de partida comeza analizando o proxecto do curso anterior: erros, acertos e aspectos de mellora. Engadido a isto, analizáronse os resultados da enquisa realizada a finais do curso anterior sobre o tempo dedicado ao deporte e á actividade física e os acadados na plataforma DAFIS para a valoración da condición física saudable. Consideramos que mellorar estes resultados é un dos obxectivos que cómpre conseguir.
Durante o curso 2023/24, os mestres de Educación Física promoveron entre os compañeiros e compañeiras a súa implicación no Plan de vida activa e deportiva, procurando que chegase ao resto da comunidade educativa mediante actividades conxuntas entre familia e escola.
A partir deste punto, comezamos coas diversas actuacións dirixidas a mellorar a saúde do noso alumnado relacionando a actividade física coas melloras no ámbito físico, psicolóxico e social. A colaboración co concello, clubs, asociacións e calquera organismo que fomente e promova o deporte e a saúde é fundamental na zona xeográfica na que nos atopamos. Durante estes anos tivemos diversas visitas de clubs da contorna, como o club de bádminton Hydra ou o Compostela Esgrima para o coñecemento e promoción destes deportes e a súa posible práctica no tempo de lecer.
Para complementar esta tarefa, xurdiu a idea de levar a cabo campionatos intercentros, motivados polo interese do profesorado de municipios próximos en aumentar a práctica de actividade física. Todo comezou no curso 2022/23 coa creación dun grupo de WhatsApp de varios mestres de Educación Física. A «pedriña inicial» comezou cun campionato intercentros de voleibol que se organizou no noso centro con más de 200 alumnos e alumnas de secundaria, para despois seguir promovendo noutros centros máis actividades como bádminton, atletismo ou baloncesto.
Esta mesma liña de traballo continúa coa participación no programa XOGADE, na modalidade de cros, a cal leva instaurada no centro moitos anos e, se a rapazada está desexando que chegue esa xornada, por que imos cambiala? Non é tan importante a carreira en si, senón todo o que leva detrás: esforzo individual e en equipo, cooperación, compoñente social do deporte...
Ademais, na zona estábanse levando a cabo unhas xornadas de bádminton; por que non darlle a posibilidade de coñecer este deporte de forma gratuíta, lúdica e educativa ao noso alumnado? Levamos catro cursos asistindo cada sábado, cunha media de 12-13 rapaces e rapazas, dende quinto de EP ata cuarto da ESO, a estes encontros, o que é todo un éxito.
Con todo isto, seguíanos faltando algo. Queriamos un proxecto que involucrase a toda a comunidade educativa. Viamos que as familias e a veciñanza non tiñan practicamente cabida, polo que pensamos en cambiar iso. Desde hai moitos anos facíase unha carreira solidaria en coordinación coa ONG Save the Children, na cal intentamos fomentar a empatía e a solidariedade co resto de persoas. Por que non levar esta carreira á praza do Concello e facer unha xornada deportiva co resto da comunidade? Así, iniciamos hai dous anos esta actuación e cremos que quedará instaurada por moito tempo.
Neste curso tamén aumentamos a participación do alumnado da ESO na organización das actividades do centro: nos xogos de inicio do curso, nos xogos do Magosto e mesmo nun taller que impartiron a educación infantil sobre primeiros auxilios.
Repensando os momentos de lecer e fóra do cole
Da mesma maneira que fomos mellorando as actividades e proxectos do centro, os recreos tamén foron mudando pouco a pouco ao longo dos anos, pero este curso decidiuse dar un gran cambio en canto á variedade e dispoñibilidade de material. Todo isto emerxeu dos resultados das enquisas realizadas ao alumnado ao final de cada curso.
Promovéronse os recreos activos e inclusivos organizando diferentes propostas en recantos do patio que lle ofrecían a oportunidade de intercambiar momentos con outras nenas e nenos doutras idades e en diversas facetas.
Na ESO, mantivéronse as bases establecidas nos cursos anteriores e establecéronse retos sobre as merendas saudables e campionatos deportivos durante os recreos, fomentando a motivación por manterse activos nos momentos de lecer.
E que intentamos cambiar nos momentos de lecer fóra do colexio?
Propuxemos a posibilidade de crear unha mochila viaxeira deportiva: a Mochila en Movemento. Está baseada na idea das mochilas viaxeiras das bibliotecas escolares, pero con material deportivo adaptado a cada ciclo, algún recurso bibliográfico e un caderno para plasmar as súas experiencias. O obxectivo non só é aumentar a actividade física do alumnado, senón tamén a implicación das familias e, polo feed back que estamos a recibir, imos polo bo camiño!
Os xogos olímpicos como PDI do centro
Un dos piares fundamentais deste curso en relación co deporte conformouno o PDI. O claustro, motivado polo equipo de biblioteca, escolleu como temática os xogos olímpicos tendo en conta que van ter lugar este verán en París e vendo que servía como unión de toda a comunidade educativa co Proxecto de vida activa e deportiva.
Imos explicar brevemente as propostas realizadas:
- O noso curso escolar comezou co acendido do facho olímpico e continuou coa elaboración das chamas pola igualdade, que acenderon o noso particular «peveteiro».
- Aproveitando a idea de promover os valores do ámbito deportivo, así como a vida activa e saudable, a mascota da biblioteca foi deixando retos ao longo dos tres trimestres para que a rapazada investigase e crease obras artísticas e/ou literarias en relación co deporte e cos xogos olímpicos. Os retos para resolver de xeito cooperativo ían sobre a investigación sobre a historia dos xogos olímpicos, a súa simboloxía, emblemas, mascotas, entre moitos outros aspectos.
- Elaboración de esculturas olímpicas con material de refugallo conmemorando o Día das Artes Galegas en colaboración coas familias.
- Elaboración de poemas relacionados cos valores do deporte conmemorando o Día da Poesía.
- Deseño de carteis deportivos polo Día do Libro coas súas recomendacións lectoras.
- Investigación sobre mulleres olímpicas galegas en relación co Día da Muller.
- Exposición de material dos diversos deportes olímpicos.
- Entroido Olímpico do Ponte. Cada curso escolleu os seus deportes olímpicos, os países aos que representaban, prepararon as súas actuacións e recibiron a visita sorpresa das mascotas de París 2024.
- Elección da Mascota Saudable do centro, que representará os valores deportivos do Ponte.
Cómpre destacar, entre as actividades máis representativas que uniron a biblioteca escolar e o deporte, a presentación do libro O soño de Liam, escrito por David Navarro, exxogador profesional de baloncesto. Durante esta, o alumnado puido ver como estes dous mundos se unían nun só, baloncesto e literatura nunha xornada guiada polo protagonista da historia.
Moito máis que un club
Unha das xornadas máis especiais ao longo do curso veu marcada pola visita do adestrador e tres xogadores do Obradoiro CAB. Todo o alumnado de EI e EP decidiu participar no concurso Todos xuntos co Obra e, froito dese esforzo e dedicación, o club agasallou os nenos e nenas con este día.
Organizouse no centro a rolda de prensa previa a un dos partidos que disputou esta tempada. Nun primeiro momento, puideron ver en directo como levaban a cabo os profesionais o seu traballo, para logo realizar as súas propias preguntas como xornalistas
Todo se enmarcou dentro do traballo dos valores que promove o club e o propio deporte en equipo e foi a temática que se traballou para a elaboración dos debuxos e a base na que sustentar as preguntas da entrevista. Ademais, celebrouse o Día da Infancia da Liga Endesa no centro educativo, o que lles ofreceu a oportunidade ás nosas nenas e nenos de compartir tempo con profesionais do baloncesto.
Enmarcadas nas nosas xornadas de convivencia entre toda a comunidade educativa, pero, sobre todo, entre as familias e a escola, puidemos asistir a dous partidos do equipo e ver de preto o adestramento previo.
Difusión do noso traballo e formación do profesorado
O profesorado do centro entende que o traballo docente non tería sentido sen a idea de «equipo», é por iso que mestras e mestres se forman e procuran estar o máis actualizados posible cada curso escolar.
Neste caso, destacan as charlas impartidas por expertos en saúde e actividade física, como foi a do doutor Manuel Giráldez sobre a importancia do deporte e dos hábitos saudables nos nenos e nenas en etapas formativas.
Dentro do claustro, tamén contamos con profesorado formado coa docente e divulgadora Elvira Fernández na reestruturación dos patios para transformalos en recantos colectivos e inclusivos, así como a formación específica do profesorado de EF nos cursos promovidos pola consellería.
As formacións anteriores non terían sentido se non existise unha base na que consideramos unha das formacións clave para todo o profesorado, como é a de primeiros auxilios e o traballo co alumnado inscrito no Plan de alerta escolar.
No CPI Ponte Carreira, observamos que durante varios anos estivemos traballando só para o noso alumnado, pero este curso comezamos a ver a motivación que supoñía mostrarlle ao resto da comunidade educativa todo o que se facía no centro.
Deste xeito, están tendo un papel importante o uso das redes sociais e dos medios de comunicación, que nos proporcionan en todo momento a divulgación do traballo realizado, así como outra información de interese sobre a temática deportiva (noticias, inscricións a competicións...).