Certame Literario Alberto Romasanta
O venres 31 de maio de 2024 terá lugar a entrega de premios ao alumnado participante na 29ª edición do Certame Literario Alberto Romasanta. Este certame organízase anualmente entre os Equipos de Dinamización Lingüística dos institutos públicos de Noia: o IES Virxe do Mar e o IES Campo de San Alberto; ademais colaboran e participan os centros públicos adscritos na comarca: o CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (de Lousame) e o IES Poeta Añón (de Outes).
O certame literario homenaxea un antigo e querido profesor do centro xa falecido, Alberto Romasanta. Co certame búscase estimular a creatividade literaria en poesía e prosa e a expresión escrita en lingua galega entre a xente nova.
Nesta edición a participación acadou case un cento de textos, que foron preseleccionados polo profesorado coordinador. De todos eles acadaron a categoría de finalistas 50 textos de importante calidade que son os que compiten este venres polos premios.
En total outorgaranse 18 galardóns, que se distribúen de xeito equitativo: 9 premios para a modalidade A (relato) e outros 9 para modalidade B (poesía). As 3 categorías participantes recibirán os seguintes premios: 60€ para o 1º premio, 30€ para o 2º e 20€ para o 3º, que se poderán investir no comercio local.
Entre as novidades desta edición figura a incorporación dun 3º premio en cada categoría e mais unha nova formulación do desenvolvemento do evento literario, que buscou maior espontaneidade a través da realización dun certame en vivo e en directo no que o alumnado realizou a súa creación in situ co apoio de estímulos (palabras e imaxes) cos que arrancar a creación artística.