A Orquestra do Bragade

Retrospectiva da creación, implementación e experiencia dunha agrupación musical escolar no centro educativo
A existencia dunha agrupación musical escolar nun centro educativo constitúe unha magnífica oportunidade de aglutinar numerosos, variados e valiosos elementos: expresión artística, currículo, dinamización, inclusión, compromiso, disciplina, creatividade, traballo individual e en equipo, transversalidade, motivación, autoestima, deleite e un amplo etc. No CEIP Plurilingüe Bragade de Cesuras comezamos un proxecto musical de centro no curso 2017/18 e consolidado hoxe en día, cuxa experiencia desexamos compartir a través deste artigo.

Israel Arranz Carreño
israelarranz@edu.xunta.gal
CEIP Plurilingüe Bragade (Oza-Cesuras - A Coruña)

 

 

Propiciando unha xénese

Todo comezou en setembro de 2017 tras chegar ao centro por vez primeira como resultado da asignación do CXT dese ano. Comezado o curso escolar, concretamente nos últimos minutos da derradeira sesión de Música dese mes, o alumnado das respectivas aulas mixtas de terceiro-cuarto e quinto-sexto de primaria recibiu o seguinte anuncio:

Por certo… Antes de marchar de volta á clase, teño que facervos un anuncio: imos crear unha orquestra no cole; chamarase a Orquestra do Bragade. Ensaiaremos dous recreos á semana. No taboleiro de anuncios da entrada veredes que hai un cartel promocional; debaixo del atoparedes unha folla para cada nivel onde vos poderedes inscribir de estardes interesadas e interesados. Cales son os requisitos para poder participar?:

1. Ter bo comportamento e actitude: isto preguntareillo frecuentemente ás vosas titoras, si?

2. Responsabilidade e compromiso. Tedes todo o mes que vén de outubro de proba. Así pois, se non vos gusta, non vos convence ou, sinxelamente, gústavos, pero preferides máis estar no patio xogando, non pasa nada; dicídesmo e ides riscar o voso nome na folla de inscrición onde vos anotastes, de acordo?

Iso si, pasado ese mes, é dicir, a partir de novembro, ninguén se pode dar de baixa da actividade ata que remata o curso. Por que? Pensade que, se temos unha peza xa montada e marchan varias persoas, sen querer, bótase a perder todo ou parte do traballo feito porque cada persoa ten un papel importante na interpretación e iso aféctalle ao resto.

Así mesmo, tampouco se pode andar faltando aos ensaios, entendido? Cousa diferente é que, por exemplo, veñades varias persoas dun dos niveis e me digades que ides ter un exame e que o ensaio vos vén moi mal; pois entón, mirariamos de cancelalo ou facelo seccional, pero acostumádevos a intentar comunicar as cousiñas cun mínimo de tempo de antelación.

3. As e os que me dixestes que ides a clase de instrumento con alguén, tanto se son clases particulares coma nunha escola de música, asociación, conservatorio etc., podedes traer o voso instrumento se vos apetece. Se así for, dicídemo para adaptarvos a música ao voso instrumento e nivel, vale?

4. O primeiro ensaio será o martes da vindeira semana. Como aínda non sabemos os que imos ser, imos comezar ensaiando unha peza de percusión corporal e vocal.

E así foi como, grazas á curiosidade e ilusión de algo máis de 20 nenas e nenos (nun cole dun total de 60 alumnas/os de infantil e primaria), e que se ofreceron voluntariamente para probar en que consistiría isto, comezou e botou a camiñar esta andaina musical.

 

 

A estrea: un dobrete sete meses despois

O obxectivo dese curso 2017/18 era tratar de montar, polo menos, tres ou catro temas musicais: algo que procuraba ter un equilibro entre realismo e un pouco de ambición. Así pois, tras varios meses dunha media de dous ensaios semanais, a orquestra do alumnado tiña un pequeno repertorio formado por «El Cumbanchero» (Rafael Hernández), «Cantaloupe Island» (Herbie Hancock), «Do Perú á China» (Israel Arranz) e «Bragade Blues» (Israel Arranz).

 

 

O 24 de abril de 2018, a Orquestra do Bragade fixo a súa estrea: á mañá ofreceu un concerto no CEIP Ramón María del Valle-Inclán (Oleiros, A Coruña) xunto á agrupación homóloga do centro anfitrión, a Banda do Valle, dirixida polo seu mestre de música, Paulo Padrón. Foi un reto enorme para un grupo de alumnas e alumnos dun pequeno colexio do rural tocar ante un público de máis de 700 nenas e nenos, dos cales só coñecían a 39: as e os que viñan do seu centro. Mais cos ánimos de confianza do profesorado, foron quen de xestionar todos os nervios e ofrecer un bo concerto, sendo agasallados e animados polos cálidos aplausos do alumnado e profesorado de ambos os dous colexios.

Posteriormente, tras unha merendola de fraternidade entre ambos os dous centros e unha visita ao castelo de Santa Cruz, o alumnado do CEIP Plurilingüe Bragade volveu a Cesuras para xantar no comedor escolar e descansar un pouco antes do concerto da tarde: a estrea oficial ante as familias e o resto da comunidade educativa. A calorosa acollida e aplausos alentaron o alumnado a dar o mellor de si e mitigar os nervios que puidesen ter.

 

 

O rumbo logo da experiencia do «curso piloto»

A partir do curso 2018/19 e seguintes, o proxecto foise consolidando, pois xa era o propio alumnado quen preguntaba cando ían comezar os ensaios da orquestra o primeiro día de volta ás aulas.

 

 

NOTICIARIO – ORQUESTRA DO BRAGADE (CEIP Plurilingüe Bragade 2018/19)

https://www.youtube.com/watch?v=A3tBofVGIEo

Pequeno documental-noticiario da ORQUESTRA DO BRAGADE con motivo do seu concerto do curso 2018/19 (14/05/2019) no salón de actos do CEIP Plurilingüe Bragade, Cesuras.

 

Procurouse tamén coidar o aspecto da motivación e premiar a disciplina, a responsabilidade, o compromiso e o traballo. De feito, nas programacións didácticas de música deses niveis e a partir dese curso académico, comezouse a introducir e enmarcar o encaixe da agrupación no aspecto curricular da propia materia.

Nese senso, reflectiuse que aquel alumnado que formara parte da orquestra tería unha asignación adicional dun punto por trimestre, xunto coa súa xustificación. Actualmente, isto recóllese no apartado 7.2. Actividades complementarias do aplicativo Proens nas programacións didácticas de Música e Danza do xeito seguinte:

Actividade. Orquesta do Bragade

Descrición. Agrupación musical do centro formada por alumnado e profesorado.

Temporalización. Ao longo do curso.

Observacións. Á agrupación pode acudir todo aquel alumnado que o desexe de terceiro a sexto nivel (de primaria) e, excepcionalmente, de primeiro e segundo. Son requisitos imprescindibles para formar parte da orquestra ter un bo comportamento na clase e facer as tarefas (algo que corroborará o titor ou titora). Todo o alumnado que forma parte da orquestra terá unha bonificación extra dun punto adicional sobre a nota trimestral acadada. Á marxe do aspecto motivador e do indiscutible instrumento dinámico-integrador que resulta ser unha agrupación musical máis o traballo en equipo que iso supón, quedou comprobado que aquel alumnado que formou parte desta mellorou substancialmente debido ao traballo realizado durante todos os ensaios. Polo tanto, realmente non é que se lles estea regalando un punto extra, senón que o traballo constante provoca que eles mesmos acaden de xeito máis satisfactorio a inmensa maioría dos diferentes puntos dos bloques 1 e 2 do currículo de Música. Ten lugar nos tres trimestres a razón de un ou dous ensaios semanais. De ser posible, a agrupación ofrecerá un concerto ex profeso ou enmarcado nalgunha das actividades deste apartado.Paralelamente, a agrupación foi comezando a ser parte da identidade do propio centro e non só no ámbito máis visible de cara á comunidade educativa, senón na propia documentación do centro, ademais das xa citadas programacións didácticas da materia de Música, como, por exemplo, a programación xeral anual de cada curso.

 

A agrupación durante o contexto covid

O contexto covid resultou, como para todo o mundo e en todos os eidos, un reto do que a orquestra non estivo exenta. Ese curso académico 2020/21, xa de volta ás aulas, levouse a cabo a interpretación da composición «Baquetas en contra» (Israel Arranz). Esta composición requiría de só dous elementos materiais: un par de baquetas de caixa de madeira por nena/o e unha cadeira metálica. En relación co primeiro material, o centro adquiriu varios lotes de baquetas de caixa; cada educando recibiu un par de baquetas de préstamo —etiquetadas co seu nome—, quen previamente asinaba un documento de compromiso e responsabilidade. Evidentemente, foi inevitable que as baquetas se fosen desgastando e algunhas se acabasen case estragando, pois son un material funxible, mais redundou nunha mellora da responsabilidade de cada alumna/o.

 

 

En relación co segundo material, as cadeiras metálicas, o centro xa contaba con elas. Recubriuse a parte superior con cinta americana para que estas non sufrisen o impacto directo da baqueta, protexendo algo máis esta última. O espazo elixido para desenvolver isto foi o salón de actos do centro, que reunía os requisitos para acoller a interpretación —e distancia de seguridade— para os máis de 25 compoñentes da agrupación nese curso.

O contexto da covid e os medios técnicos dispoñibles non nos resultaban suficientes para realizar unha gravación da interpretación de xeito directo. En consecuencia, decidimos levalo a cabo por partes: primeiramente gravamos por pistas e con claqueta o audio, empregando o chan de madeira para a percusión corporal. Unha vez obtido o audio resultante, realizamos unha gravación de vídeo onde o alumnado tocou por riba do audio para lograr a mellor sincronía posible.

 

 

BAQUETAS EN CONTRA – ORQUESTRA DO BRAGADE (CEIP Plurilingüe Bragade 2020/21)

https://www.youtube.com/watch?v=Y84m2F04oGY

«Baquetas en contra» (de Israel Arranz) é unha composición pensada para o contexto da covid e que o seu autor dedicou ao alumnado da Orquestra do Bragade do curso 2020/21. Trátase dunha peza con estrutura de rondó simple (ABACA) na que se emprega o son metálico das cadeiras xunto co entrechocado das propias baquetas e a percusión corporal. Todo isto divido en só dúas voces, repartidas en dous grandes grupos, nos que se crea un efecto que ben podería semellar unha discusión ou unha conversa na que non se chegan a pór nunca de acordo.

 

A versatilidade da dinamización da orquestra e a súa esencia como parte dos diferentes proxectos de centro

Fomos comprobando que a orquestra demostrou ser un instrumento —nunca mellor dito—, un aliado e un complemento ideais para os diferentes e variados obxectivos de centro, artellados, en moitas ocasións, a través de diferentes programas, modalidades e proxectos de formación, de éxito educativo, inclusión e transversais.

O noso centro, desde hai moitos anos, elixe un fío condutor para desenvolver ao longo de cada curso académico. Esas temáticas sempre se enmarcan, polo menos, a través dun seminario do PFPP do centro no que participa a totalidade do claustro baixo o itinerario «A biblioteca como eixe dinamizador do centro»; ademais, procuramos ampliar e enriquecer estes fíos grazas a outras iniciativas ofertadas pola Consellería, tales como algunha das diferentes modalidades dos Contratos-Programa ou dos programas do Plan Proxecta+.

Por exemplo, no curso 2021/22, a temática foi O Camiño de Santiago. A través do traballo dese ano no PFPP do centro e o programa Proxectos de innovación en dinamización lingüística (Plan Proxecta+) creamos un ciclo de cantigas para estrear na praza do Obradoiro co alumnado, profesorado e familias do centro, celebrando, ademais, o 40.º aniversario do noso colexio.

 

Do mesmo xeito, no curso 2022/23 a temática foi O cinema e os filmes de animación, tamén a través do PFPP do centro dese curso e a través da modalidade EMOCIÓNA-T dos Contratos-Programa (CPinclúe), algo que a orquestra xa comezara a traballar durante o final do curso anterior, 2021/22. Ao mesmo tempo, levouse a cabo un dos obxectivos da modalidade EDUsostibilidade (CPinnova) dos Contratos-Programa: reciclar e decorar caixas de cartón, por parte do alumnado, para seren reconvertidas en soportes de instrumentos de láminas da orquestra, quedando, polo tanto, para a aula de música.

 

THE PINK PANTHER (A Pantera Rosa) – ORQUESTRA DO BRAGADE (CEIP Plurilingüe Bragade 2021/22)

https://www.youtube.com/watch?v=6wiOAhBmeSI

«The Pink Panther» («A Pantera Rosa») é unha coñecidísima composición de Henry Mancini, cuxa versión adaptada interpreta neste vídeo a Orquestra do Bragade para o curso 2021/22.

 

 

Resumindo: que é e en que consiste a Orquestra do Bragade

A Orquestra do Bragade é unha iniciativa nacida no curso 2017/18 da man do mestre de Música, Israel Arranz Carreño. Trátase dun espazo de 30 minutos dalgúns dos recreos semanais (de 12:20 a 12:50) no que o alumnado de segundo a sexto de primaria (inscrito voluntariamente no mes de setembro) toca e canta en conxunto a través de diferentes metodoloxías, destacando a Orff-Schulwerk e J. Wuytack, tendo a percusión como núcleo central, desenvolvendo desde obras populares, tradicionais, rock, jazz, latin-jazz, latinas, clásicas etc. ata incluso vangardas musicais, como minimalismo, música aleatoria etc.

O arranxo dos temas é a clave fundamental para lograr a interpretación de cada peza. Para tal fin, nalgunhas ocasións asígnase cada intérprete a un instrumento en concreto; nese caso, o normal é que o arranxo estea preparado con anterioridade, mais pensando xa no nivel dos diferentes instrumentistas. Noutras ocasións, permíteselles que elixan o instrumento que desexan tocar, polo que o arranxo de cada parte se fai pensando no nivel interpretativo de cada alumna/o. Hai que dicir que se procura que ambas as dúas se vaian intercalando, mais como se pode deducir, a segunda opción é a favorita. Isto resulta tamén moi importante porque xera unha motivación en cada un dos membros.

Esta forma de traballar fomenta o sentimento de pertenza ao equipo e apréciase unha indubidable mellora de autoestima e autoconfianza en cada nena e neno, pois ven que son capaces de tocar o que se lles encomenda, gozando disto, e que o resultado é froito da suma de todas e cada unha das partes.

A creatividade é outro dos motores clave da formación, pois moitas das interpretacións están concibidas como espazos para a improvisación guiada, ou, incluso, libre. Nesta última modalidade desenvólvese unha mellora moi significativa da escoita, dado que para crear unha atmosfera sonora se require unha esixente atención auditiva, especialmente cando se lles di que, no comezo de todo, cómpre deixar espazos en silencio para lograr un maior efecto do que se toque.

Neste ámbito, cando a unha improvisación libre se lle engade o requisito ou a opción de poder empregar calquera instrumento ou obxecto da aula de música, chama tremendamente a atención a curiosidade que lles acorda e, incluso, a rigorosidade do son que desexan procurar e/ou producir. Resúltalles moi atractivo, incluso máxico, o saber que non é posible realizar dúas interpretacións iguais, pois cada unha é única e irrepetible.

Algo directamente exportable desta práctica é a ambientación musical na narración e na dramatización de contos, que é tremendamente enriquecedor e transversal na materia de Música e Danza. Resulta moi divertido tanto para as e os intérpretes coma para o público, especialmente se entre este último se atopa alumnado de infantil ou o máis cativo de primaria.

I

 

Conclusión

Sobre o feito de ter unha agrupación musical do alumnado e profesorado no centro educativo... Pois non estamos a contar nada novo. De feito, en Galicia hai moitos e bos exemplos disto. A nosa non é máis ca outra experiencia máis que corrobora o impacto tan positivo que provoca a existencia de algo así, neste caso, nun colexio de infantil e primaria. Nese senso, non podemos rematar sen evitar convidarvos a que vos animades a probar. Á fin e ao cabo, e parafraseando a F. Nietzsche, «Ohne Musik, wäre das Leben ein Irrtum» («Sen música a vida sería un erro»), non si?

 

Ligazón á sección da Orquestra do Bragade na páxina web do centro

 

 

Sección: