InvestigARTE
Proxecto realizado por Sonia Figueiredo Araújo, mestra de educación primaria no CEIP Nazaret de Cangas.
Contextualización
O CEIP Nazaret está situado en Cangas do Morrazo, leva 60 anos en funcionamento nesta vila mariñeira do sur de Galicia. Participa en programas como E-Dixgal, Plan Proxecta, PROA + ou Polos Creativos, entre outros.
Dentro da súa programación anual, o centro escolle unha temática (PDI) sobre a que, desde a biblioteca, se traballará en todo o centro co fin de formar o alumnado desde unha perspectiva máis competencial.
Durante o curso 2020/21, o CEIP Nazaret de Cangas (Pontevedra) estivo inmerso no PDI A arte. Este proxecto é froito da necesidade de afondar na temática artística dentro da miña aula, ao mesmo tempo que se reforza o traballo por competencias e o uso das novas tecnoloxías para a busca de información.
Obxectivos
Os obxectivos propostos ao iniciar o proxecto foron:
- Ampliar o coñecemento sobre a arte, especialmente aquelas obras que forman parte da cultura local, galega e universal.
- Coñecer a evolución da arte ao longo das idades da historia, facendo especial fincapé no contexto galego.
- Mellorar a competencia en comunicación lingüística a través da busca de información, comprensión lectora e extracción de ideas.
- Habilitar experiencias reais de exposición ante diferente público, así como adestrar a escoita activa.
- Visibilizar as mulleres artistas dos diferentes ámbitos e incentivar a reflexión sobre a igualdade.
- Manexar diferentes ferramentas (procesador de textos, PDF editable, cartafoles), páxinas web (Genially, buscadores, YouTube) e aplicacións TIC (stop motion, InShot, Padlet) desenvolvendo habilidades básicas para o futuro académico e persoal do alumnado.
- Concienciar sobre o uso responsable das novas tecnoloxías, en especial daquelas que nos dan a opción de interactuar con outros a través de comentarios ou iconas.
Desenvolvemento do proxecto
A arte é un concepto amplo que con frecuencia vinculamos unicamente á pintura e á escultura. Este proxecto perseguiu que o alumnado se familiarizase cos seis ámbitos máis importantes da arte: pintura, escultura, literatura, arquitectura, cine, música e danza (estes dous últimos de forma agrupada). No apartado «Outros» inclúense artes máis recentes como o cómic, o deseño e a fotografía.
A través de cada un deles o alumnado traballou os seus principais representantes, obras, técnicas, movementos e períodos históricos nos que se produciron.
Diagrama central do proxecto
Metodoloxía
O proxecto está dividido en fases que se van repetindo con todos os ámbitos. Este deseño favorece a autonomía do alumnado: coñecen para cada fase cales son as tarefas que cómpre desenvolver e a repercusión do seu traballo, debido á interrelación entre todas as fases e ámbitos. Trátase, polo tanto, dun proxecto circular que, a través da repetición da estrutura das súas etapas, favorece o traballo autónomo do alumnado e un tránsito fluído entre as diferentes fases.
A temática favorece a conexión e o desenvolvemento das diferentes competencias. Na seguinte táboa especifícanse os aspectos traballados en cada unha delas.
Relación do traballo coas competencias LOMCE
O proxecto non só se limitou ao ámbito da investigación, senón que aproveitamos a temática para experimentar a creación artística, incluso en ámbitos que habitualmente non se traballan: cine, escultura e arquitectura.
Para que todo o noso traballo puidese ser compartido co resto do centro e coas familias, habilitamos unha presentación dixital que iamos actualizando a medida que avanzaba o proxecto. Empregamos Genially para crear esta fiestra dixital que conectaba a nosa aula co exterior. Tamén empregamos esta aplicación para levar a cabo a nosa exposición virtual.
QR de acceso ao noso Genially
Combináronse momentos de traballo individual con tarefas grupais nas que o alumnado debe poñer en práctica habilidades como a empatía, a paciencia e o respecto polos iguais. Búscase que sexan flexibles e se adapten a cada circunstancia.
A busca de información e a exposición oral son habilidades básicas no futuro académico do alumnado. Reforzar o papel activo dos rapaces na súa aprendizaxe crea unha base sólida para o seu crecemento.
No proxecto non se quixo deixar de lado o contexto cultural-artístico máis próximo. Ao longo de cada ámbito incluíronse exemplos de obras locais e galegas, como, por exemplo, a escultura da serea de Cangas ou a catedral de Santiago en arquitectura.
Ao mesmo tempo, na escolla de obras buscouse representación das diferentes idades da historia, co fin de mellorar a súa perspectiva histórica.
Tamén se tivo en conta a perspectiva de xénero. Na arte, coma noutros campos, as mulleres sufriron unha forte discriminación. Cando se realizou a busca dos 25 cadros máis importantes da historia, as fontes consultadas non incluían o de ningunha muller, polo que decidimos repetir todo o proceso con 25 cadros de mulleres pintoras. Estas están recollidas no libro de pintura do noso Genially e na listaxe de obras. A partir deste momento, incluíronse mulleres en todos os ámbitos.
A lingua vehicular escollida foi o galego, co fin de incentivar o seu uso e mellorar as súas habilidades comunicativas, en especial a oralidade. O uso do galego para tarefas de investigación, uso de TIC e xogos tamén mellora a visión que o alumnado ten da lingua.
O uso de códigos QR, novas tecnoloxías e o xogo na aula (aprendizaxe baseada no xogo) persegue aumentar a motivación do alumnado e o seu interese pola aprendizaxe. Espertar a curiosidade é, sen dúbida, o mellor punto de partida. Se o alumnado se sente partícipe do proxecto e da temática, as tarefas resultan interesantes e as conexións e propostas medran extraordinariamente.
Por último, no deseño do proxecto tivéronse en conta as técnicas básicas de organización da información, neste caso a asociación cor-ámbito. Ao longo do terceiro ciclo de primaria trabállase co alumnado a estruturación e lectura da información. O proxecto é unha experiencia real de necesidade de aplicar estas técnicas co fin de poder ordenar e categorizar toda a información recollida. Seguindo o diagrama inicial, asociamos cada cor a un ámbito da arte co que todo o material físico (QR, ficha técnica, etiqueta da liña do tempo, preguntas do xogo) e o material virtual (recollidos no Genially) gardan esa lóxica.
Actividades realizadas
O proxecto está dividido en cinco fases que se repiten para cada ámbito.
Primeira fase: Busca de información
Cada alumno/a recibe un código QR cunha obra diferente. Cando o código é escaneado, aparece unha imaxe ou vídeo no caso da música, pero nunca o nome da obra directamente.
O alumnado debe investigar a través da rede toda a información para cubrir unha ficha especialmente deseñada para o ámbito que se estea traballando. Esta ficha técnica é revisada, xa que supón o material de base para a preparación das seguintes fases.
Isto aumenta a motivación por descubrir cal foi a obra que lle tocou a un mesmo e as dos compañeiros.
Colección de códigos QR dunha alumna
Segunda fase: Exposición na aula
Por quendas, cada alumno/a exporalle ao resto dos seus compañeiros a súa obra coa axuda da proxección da imaxe ou vídeo no encerado dixital da aula.
Cando a exposición de todos remata, todas as fichas técnicas son escaneadas e incluídas na presentación, creando un libro para cada ámbito. As diferentes presentacións son subidas ao Genially do proxecto.
Terceira fase: Liña do tempo
Cada alumno completa unha etiqueta coa data, imaxe e autor/a da súa obra. Unha por unha vanse colocando nunha liña do tempo elaborada no taboleiro da aula.
Durante a duración do proxecto, o mural está en constante crecemento e modificación. Na seguinte imaxe móstrase a liña do tempo completa ao final do proxecto.
Mural da liña do tempo da aula
Cuarta fase: Trivial artístico
Entre todos vaise construíndo un xogo de mesa sobre as obras presentadas. Cada alumno/a elabora seis preguntas con catro posibles respostas sobre a súa obra asignada de cada ámbito. Ademais, cada tarxeta inclúe a imaxe da obra, polo que as preguntas non poden ser sobre aspectos físicos, senón sobre información tratada na exposición na aula.
Traballamos outros aspectos como o humor ou a obviedade para que o xogo gañe interese.
Baseámonos na mecánica do Trivial Pursuit, xa que é familiar para todos eles e se adapta moi ben á temática.
Quinta fase: Creación de obras
Por último, na área de Plástica traballamos a produción artística. O alumnado puxo en marcha a creatividade nas diferentes propostas que se foron levando a cabo.
A continuación, dáse unha breve explicación de cada unha delas.
- Pintura: Nazarelos: exposición virtual
O proxecto sobre pintura baseámolo no estilo de Sargadelos. Elaboramos unha exposición virtual con pezas feitas polos propios nenos e nenas de ambas as aulas de sexto inspirándose na iconografía da marca. O nome da exposición é unha mestura do nome da marca xunto co do noso centro (CEIP Nazaret). A exposición fíxose pública o 18 de febreiro de 2021, así como un taboleiro en Paddlet onde todos os visitantes podían deixarnos mensaxes e opinións.
Fixemos un achegamento inicial á súa historia —personaxes importantes, localización— para posteriormente centrarnos na súa iconografía e cor. A maioría recoñeceu como familiar a marca.
Traballamos o debuxo xeométrico coa axuda de padróns e follas cuadriculadas. Cada alumno escolleu, ou mesmo deseñou, un patrón que pintou nunha peza de porcelana branca con rotuladores especiais.
O periódico Faro de Vigo fíxose eco da exposición e saímos na súa portada. Este feito foi moi emocionante e motivador para todos.
Noticia do Faro de Vigo
- Escultura: Os mundos creativos arredor de Mariluz
Creación dunha escultura con refugallos recollidos das praias de Cangas e a súa contorna.
Nunha primeira sesión foron decorados e posteriormente montamos a escultura entre todos. Empregamos diferentes técnicas como a colaxe, modelaxe de plastilina e superposición de elementos.
Dedicada con cariño a unha mestra do ceno pola súa creatividade, axuda e parecido co personaxe da escultura.
- Literatura: Representación en teatro de sombras de Negra sombra
Grupos teatrais: Artilleiros de Xenxibre, M.A.B.A.S., Os Artistas, Os Poetas e Arte Sombría
Coincidindo co día de Rosalía e coa proximidade ao Día das Letras Galegas, o centro asociou a cada aula un poema de Rosalía de Castro. Nós aproveitamos a oportunidade para profundar na literatura creando un teatro de sombras.
Por equipos, os alumnos debían escoller que elementos representarían, elaborar as imaxes e practicar a posta en escena. Todas as representacións foron gravadas e poden verse nun vídeo a través do noso Genially.
- Cine: Festival de curtas
Accidente inesperado, A nave e a súa vinganza, A lata de Cocacola, O arco da vella, A caída do moucho, O gol da vitoria e A eiruga Maruga
Por equipos, o alumnado pensou un breve argumento, deseñou os elementos necesarios (personaxes, decorado...) e levouna a cabo coa técnica de stop motion. Posteriormente engadíuselle son e efectos especiais.
Traballouse con dúas aplicacións e tabletas do propio centro.
- Arquitectura: Nazaret en maqueta
A partir da imaxe dunha das fachadas do centro, o alumnado elaborou unha maqueta o máis realista posible. Coincidindo co tema de xeometría, intentamos aplicar os contidos á maqueta. Fixemos medicións e calculamos proporcións que aplicamos aos debuxos e formas.
- Danza e música: Baile de final de curso
En colaboración coa mestra de Música, por equipos, o alumnado preparou un fragmento dun baile axudándose de coreografías breves.
Entre os dous sextos establecéronse 10 grupos. Cada grupo dedicouse a investigar as cancións máis relevantes do ano que lle foi asignado. Os anos elixidos foron os que eles permaneceron no centro: de 2011 a 2021. A canción de cada equipo foi elixida por todos os seus participantes. Fixemos ensaios e axudáronse entre eles.
Todos os produtos finais, agás o baile de final de curso, están recollidos no noso Genially.
Exposición final
Unha vez que se rematou o traballo en todos os ámbitos, comezamos coa preparación dunha exposición final para o resto do centro.
Por grupos, o alumnado fixo unha explicación de todos os diferentes ámbitos e mostrou exemplos das producións artísticas, tanto das físicas coma das películas e vídeos. Tamén realizaron unha pequena rolda de preguntas do noso xogo ao público como final da exposición.
Exposición final
Avaliación e conclusións
O proxecto foi avaliado de maneira continua a través de rúbricas de observación directa. Na busca de información, avaliouse o contido, a ortografía, a presentación formal e o nivel de consecución. Na exposición oral, avaliáronse o contido, o volume, a postura e contacto visual e a implicación.
Para a creación de produtos artísticos avaliouse, en especial, o interese, a creatividade e a adquisición de novas habilidades (uso de aplicacións ou técnicas como o deseño tridimensional na maqueta).
O alumnado realiza tamén unha autoavaliación ao final de cada ámbito sobre o seu nivel de implicación, exactitude e traballo.
O impacto do proxecto pode analizarse a tres niveis:
- Dentro da aula o proxecto supuxo un antes e un despois nas dinámicas internas. O clima da aula cambiou a medida que avanzaban as exposición e os traballos creativos en grupo. O alumnado, despois dun período de confinamento e pouco contacto debido a pandemia da covid 19, interactuou e retomou as súas relacións sociais. O proxecto tornouse o centro de moitas das actividades que se levaban a cabo na aula.
- No centro educativo establecemos relación con outras aulas compartindo o noso traballo, as súas opinións e mesmo replicando as nosas ideas, coma no caso de Nazarelos que foi traballado posteriormente por outra aula.
- As familias puideron estar en contacto e participar das actividades, aspecto importante no contexto de pandemia no que nos atopabamos. A maiores, tivemos a oportunidade de que o xornal Faro de Vigo visibilizase a nosa exposición Nazarelos.
Tras a realización do proxecto, puidéronse identificar máis concretamente unha serie de melloras obtidas:
- Mellora das habilidades implicadas na busca de información.
- Autonomía no manexo do ordenador e das aplicacións empregadas.
- Aumento do vocabulario e coñecementos sobre a temática da arte.
- Mellora das habilidades implicadas na exposición oral.
- Mellora das relacións entre o alumnado.
- Visibilización e integración da perspectiva de xénero nas tarefas cotiás.
- Perfeccionamento da planificación e xestión do seu traballo.