Aprendendo activamente na FP. Materiais accesibles para a mellora do benestar socio-emocional.

Mª Pilar Porta Rodríguez
Aula hospitalaria - Hospital Arquitecto Marcide - Ferrol (Ferrol)
Marta Peña Area
CFR de A Coruña (A Coruña)

 

 

 

Contextualización

É en 1996 a través do Informe Delors, promovido pola UNESCO e á comisión internacional sobre educación para o século XXI, onde se establecen unha serie de competencias a nivel mundial que se concretan en catro premisas fundamentais:

Aprender a: Ser + Saber + Aprender + Vivir

A inclusión destas competencias xunto coa incorporación das tecnoloxías da información e a comunicación, e os obxectivos de desenvolvemento sostible deben constituírse en eixes fundamentais na resposta educativa do alumnado e, en especial, daqueles con necesidade específicas de apoio educativo.

Na experiencia que estamos a presentar, o traballo por competencias e a as novas tecnoloxías van da man para favorecer a accesibilidade á información e potenciar prerrequisitos básicos na aprendizaxe como a  motivación ou a atención.

Abordáronse específicamente dúas competencias:

  • A competencia do benestar emocional non só pola poboación á que vai principalmente dirixida senón tamén polo traballo de habilidades como a empatía ou a sensibilización cara á diferenza entre a sociedade en xeral.
  • A de aprendizaxe activa porque o alumnado de diferentes ciclos de Formación Profesional foi enfrontado a retos e ao traballo en equipo para poder dar solución a unha demanda real: a creación dun conto universalmente accesible.  

A inclusión da tecnoloxía contribuiu a accesibilidade concretándose nun Kit de materiais composto de libro, baralla de cartas e xogo de desenvolvemento háptico. Os materiais que se inclúen requiren tan só dun teléfono móbil, ou dispositivo informático para o acceso á información complementaria: lector de código QR para acceder ao videoconto, e programa deseñado para visualizar os personaxes en realidade aumentada.

A coordinación e colaboración intercentros foi un factor determinante para facer deste proxecto unha realidade. Participaron máis de vinte docentes  e unha centena de alumnos e alumnas de diferentes perfís, niveis educativos e ensinanzas así como entidades e organizacións relacionadas coa inclusión que detallaremos en adiante.

Non podemos esquecer que os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible acompañáronnos en todo o proceso, e os preceptos da economía circular imperaron como estratexia, optimizando ao máximo os recursos existentes nos centros integrados de formación profesional da nosa comunidade, non só pola optimización dos recursos materiais senón tamén polo capital humano que se implicou nunha atmosfera de aprendizaxe-servizo. 

Entre os obxectivos do proxecto figuraban deseñar materiais didácticos con intención de abordar a educación emocional do alumnado, que presenta un proceso de hospitalización, e/ou enfermidade; abordar os procesos de enfermidade e de hospitalización dun xeito lúdico, a través da lectura, o xogo e a expresión de emocións; compartir coñecementos entre centros educativos docentes, e con entidades e organismos vinculados á diversidade funcional, e incentivar o alumnado e profesorado na análise de necesidades emerxentes, na anticipación e observación de tendencias que favorezan a inserción laboral.  

Procuramos en todo momento xerar unha actitude aberta, acolledora e empática para acadar un clima de ilusión e confianza, tanto no alumnado participante como no profesorado, e organizacións implicadas. Realizáronse encontros co alumnado de formación profesional para expoñerlles unha demanda real,  que ben podería ter similitudes coas que se van a atopar no mundo laboral; demandas que implicarían a creación de microproxectos. Estimulámolos a manexar o seu talento, a traballar en equipo, e a solventar as dificultades que xorden para acadar un produto final.

En todo momento, tívose presente o marco normativo, establecido no Decreto 229/2011 de atención á diversidade do alumnado así como na orde que o desenvolve do 8 de setembro de 2021. Tratouse de non perder, en ningún momento da experiencia, a perspectiva de escola e sociedade como eixes vertebradores dunha educación inclusiva e igualitaria.

Desenvolvemento do proxecto: Cronograma

Fase inicial

Traballo por proxectos co alumnado da aula hospitalaria para abordar medos presentes no alumnado tras a situación de pandemia mundial derivada do Sars-cov19, e ante procesos hospitalarios. Implicou a creación de super heroínas e super heroes hospitalarios baseados na súa propia persoa e mais as súas individualidades. Recompilación de resultados nun portafolios educativo colectivo.

 

Imaxes orixinais do portfolio

 

Fase de desenvolvemento teórico

Tomando como referente o traballo do alumnado no portafolios desenvólvese a trama da historia, e dáselle un título: “A invasión das superheroínas a un hospital de Ferrol”.

 

 

Establécese, a continuación, o contacto co centro Centro de Formación e Recursos de A Coruña para delimitar as estratexias a seguir para converter o conto en universalmente accesible.

Presentación da proposta á Xefa do Departamento de Artes Gráficas do CIFP Leixa para solicitar o deseño gráfico do material.

Fase de execución

Dende o CFR A Coruña establécense as sinerxias para implicar progresivamente aos outros centros educativos participantes así como a organísmos colaboradores: CIFP Ánxel Casal, CIFP imaxe e Son, CIFP Paseo das Pontes, CEE  Nosa Sra. de Lourdes, Delegación territorial ONCE de A Coruña e Fundación INGADA.

Todas elas aceptan a colaboración e o compromiso de participación activa. Das diversas aportacións xorde un proxecto enriquecido e ambicioso.

Decídese presentar o proxecto aos premios de innovación de FP na procura de financiación que permitise levar a término o proxecto coa máxima calidade posible. Para tal fin, o CIFP Leixa constitúese como centro coordinador.

Durante todo o proceso leváronse a cabo probas e avaliacións nos ámbitos sanitario e educativo, que permitiron evidenciar debilidades do material e a exposición de melloras. Realizaremos fincapé nalgunha delas no apartado relativo á avaliación. 

Fase de divulgación e presentación oficial do proxecto

A súa exposición e posta en coñecemento á Comunidade Educativa realizouse no evento autonómico FP Innova 2023. Progresivamente estase a realizar a presentación do material e da  experiencia noutros foros.

Avaliación

Todo deseño ou acción require unha análise previa e esmiuzada de necesidades para establecer o punto de partida inicial. Avaliamos as necesidades educativas e funcionais do alumnado mediante rexistros de observación e análise DAFO, pero tamén as carencias manifestas doutros proxectos para a abordaxe das emocións desenvolvidas, previamente, na aula hospitalaria.

Realizáronse avaliacións durante todo o proceso de execución a través de  reunións entre docentes, intervencións en aula co alumnado, e seguimentos do traballo dos diferentes equipos. 

De especial relevancia foi a proba nun grupo de alumnos e alumnas con discapacidade cognitiva de maior grao xa que orixinou a creación dunha  baralla composta por cartas descritivas dos personaxes do conto, incluíndo a realidade aumentada para facilitar a comprensión do relato.

 

 

A avaliación final faise evidente na análise de resultados.

Resultados

Conseguiuse elaborar un “kit” que presenta un conto totalmente accesible pola incorporación de linguaxe braille, lingua de signos, ideogramas e tinta. Compleméntase cun vídeo teatralizado signado e subtitulado, ao que se accede escaneando un código QR.

Accede ao video conto

A historia,  eixo central do proxecto, compleméntase cunha serie de ferramentas lúdicas adaptadas: 

Baralla de oito cartas con incorporación de realidade aumentada, lectura fácil, “spc” e braille presentando os personaxes e describindo as acción que realizan.

 

 

Caixón de disfraces en varias talles representando os protagonistas do conto: “Superinsulinaman”, “Lady pica cura”, “Parruliñoviaggiatore”, etc. Teñen por obxecto facilitar a pequenos e maiores poñerse na pel de superheroes e superheroínas utilizando o xogo simbólico como estratexia favorecedora do benestar emocional  nos diferentes espazos e circunstancias de hospitalización. 

Xogo de sensibilización háptico, con instrucións, anteface e figuras impresas en 3D para o recoñecemento de personaxes.

Deseño e elaboración de “packaging” de embalaxe para transporte dos materiais. 

Conclusións

A experiencia que acabamos de describir evidencia que é posible traballar de xeito colaborativo e intercentros, e que o formato de aprendizaxe-servizo motiva e activa o alumnado que se está a preparar para desempeñar un perfil profesional. Asemade, a desenvolver competencias necesarias na incorporación ao mundo laboral, tales como: traballar en equipo, superar dificultades, xerar ideas e ter iniciativa.

Ademais, neste caso que nos ocupa, a temática implica a  sensibilización cara á diversidade. Alumnado e profesorado puxéronse ao servizo dunha escola hospitalaria, enfrontándose a retos reais.

Conseguiron ofrecer ao alumnado usuario das aulas hospitalarias materiais accesibles para a abordaxe, e expresión das emocións xerando expectativas positivas, e funcionais que lles axuden a identificar e afrontar os seus medos. 

O alumnado estimado por aula  hospitalaria, e curso é de media 500. Tendo en conta a atención educativa domiciliaria, o programa de alerta escolar e as unidades de saúde mental infantil, estariamos ante un total de 3.500 posibles beneficiarios anuais deste material accesible.

Sección: