A escola que emociona

Neste artigo atoparás unha invitación a reflexionar sobre a relación que existe entre o benestar socioemocional e a aprendizaxe activa, que engloba un abano de experiencias comprometidas co desenvolvemento pleno do alumnado.

Miriam Area Rodríguez
CEIP Plurilingüe da Torre-Cela (Bueu - Pontevedra)
marea@edu.xunta.gal

 

 

A lingua das bolboretas

Para comezar quero facerche unha invitación. Seguro que coñeces a película A lingua das bolboretas, baseada nos escritos de Manuel Rivas. Se é así, seguro que, coma a min, foi unha película que te emocionou.

Se queres para un momento a lectura, busca na Rede as escenas máis importantes da película e trata de lembrar por que ten unha mensaxe tan necesaria para os profesionais da educación.

E se non coñeces a película, anímote a facelo. Penso que é un exercicio imprescindible para entender o traballo das emocións, que significa facer o alumnado protagonista da súa aprendizaxe ou que é realmente unha aprendizaxe significativa.

Non é a miña pretensión profundar nos aspectos políticos da obra, pero considero que son importantes para entender a pedagoxía que se transmite.

Don Gregorio, un mestre intelectual moi próximo á xubilación, faise cargo dunha clase de alumnos no rural galego durante a II República Española. A súa forma de enfocar o ensino está baseado nos principios da Institución Libre de Ensinanza do século XIX e na Escola Moderna dos inicios do século XX, que propoñen unha ensinanza activa, que estimula o interese do alumno por aprender, que esperta a curiosidade… que emociona. Nunca a través da imposición, sempre a través do diálogo tolerante, onde o coñecemento provén da experiencia real, traspasando as paredes da aula e potenciando o contacto coa natureza, onde cada individuo atopa o seu lugar, descubre os seus intereses, as súas propias inquedanzas.

Nun principio, Moncho, o neno protagonista desta historia, confesa apoucado que non quere ir á escola por medo a recibir berros, golpes e rifas constantes. Pero pronto comproba que don Gregorio non precisa levantar a voz nin dar ningún golpe para atraer a atención das mentes máis cativas, nin permanecer distante para que se respecte o rol de «profesor». Todo o contrario, mantén unha relación de proximidade docente/alumno tanto dentro coma fóra da escola.

Pero pronto a historia se torce e os esquemas educativos cambian tanto que permanecen resentidos hoxe en día. O sistema franquista comprendeu rapidamente a importancia da educación e loitou contra todos os principios da escola activa, instituíndo unha pedagoxía centrada nas normas, na orde e na homoxeneidade de pensamento. Porque canto maior é o coñecemento dos individuos, maior será a súa capacidade de cuestionar a realidade.

O sistema educativo deste século XXI aínda está marcado pola herdanza totalitarista da última etapa do século anterior, e agora resentido por unha pandemia mundial que provocou medo e illamento social.

Nas aulas de hoxe falamos con preocupación de benestar emocional, de desmotivación, de baixa tolerancia á frustración. Pero que podemos facer? A resposta pode ser avanzar volvendo atrás, poñendo o enfoque nunha escola que emociona. Buscar o pracer por aprender ten moito que ver coa autoestima e o autoconcepto, por iso o sistema educativo debe «coidar o raro» e non tratar de homoxeneizar, explotando o bo que ten cada un, non matando a creatividade e coidando o pensamento diverxente.

Non quero apelar a cuestións que poden parecer meramente ideolóxicas. Desde as teses científicas de María Montessori ata as da neurociencia máis posmoderna afirman que o cerebro se automotiva se ten un reto que descubrir, que se non hai emoción, non hai aprendizaxe duradeira.

Para combater o problema da frustración, a escola debe deixar de poñer o foco nos contidos que non nos fan competentes para a vida, que non nos ofrecen estratexias nun debate, que non nos axudan a resolver unha situación vital.

A escola ten moito que facer.

 

 

Crear redes de apoio e crear comunidade

Don Gregorio era experto en crear comunidade na súa aula, porque a clave está en dar confianza e en saber escoitar.

Que importantes son as dinámicas de asemblea de aula ou de consello escolar da infancia, nas que o alumnado é escoitado, sente que pode opinar e se promove o respecto pola diversidade de ideas.

Outra práctica interesante e beneficiosa é a creación de grupos internivel para determinadas actividades ou momentos da xornada lectiva. Está comprobado que este tipo de organización de centro, mesturando idades e niveis educativos, mellora a convivencia, o respecto mutuo, o traballo en equipo e as habilidades sociais do alumnado.

As dinámicas de apadriñamentos e titorización entre iguais tamén son moi interesantes.

Poño como exemplo a organización que levamos a cabo no noso centro. O alumnado de quinto e sexto de primaria exerce como titor ou padriño do alumnado de terceiro e cuarto de primaria. Realizamos unha cerimonia de presentación, onde cada titor e titorizado se coñecen. Durante o curso realizamos dinámicas de cohesión de grupo e de manexo das emocións, co fin de sensibilizar a todo o alumnado na mellora da convivencia e na resolución pacífica dos conflitos. Deste modo logramos que o alumnado de maior idade adquira responsabilidade e seguridade en si mesmo ao axudar o alumnado de menor idade, que sente protección e amparo por parte dun modelo igual do que aprender.

 

 

A resolución de conflitos

Ademais das dinámicas para mellorar a convivencia xa citadas, son moi interesantes as «prácticas restaurativas». Trátase de técnicas para fortalecer os vínculos dentro dunha comunidade, resolvendo conflitos a partir do diálogo, creando contornos positivos para restaurar relacións. Estas prácticas baséanse na escoita activa e nas declaracións afectivas, compartindo como nos sentimos e aprendendo a expresar as nosas emocións a través de preguntas e círculos restaurativos.

Dentro dunha comunidade rexeitamos comportamentos inaceptables, pero non debemos rexeitar as persoas que cometen erros. Por iso é necesario traballar coas persoas implicadas nun conflito para restaurar o dano provocado e continuar coa convivencia, sempre coa intención posta no futuro e non centrándonos no pasado e no que xa ocorreu.

 

 

O tratamento das emocións

Hai xa uns anos que está moi en auxe o uso dos libros infantís para identificar e clasificar emocións. Pero realmente os nenos, especialmente de 0 a 7 anos, están ou deben estar preparados para clasificar emocións? Temo que esteamos caendo na tendencia de transmitir interpretacións das emocións desde unha perspectiva adulta pero infantilizada.

Os nenos, especialmente na etapa de educación infantil, teñen un modo particular de apropiarse e de interpretar o mundo. Os nenos máis pequenos teñen un mundo interior moito máis grande do que son capaces de expresar con palabras. Son capaces de soster ambigüidades e de enfrontar desafíos moito máis ca os adultos. Por iso é fundamental elixir lecturas e deseñar actividades inquietantes, que busquen o estrañamento, que xeren reflexión, debate e, polo tanto, aprendizaxe. É imprescindible invitar a xogar, observar, experimentar e expresar.

Observa as expresións de Moncho escoitando a don Gregorio cando di: «Sabedes que as formigas teñen rabaños de gando que lles proporcionan leite e azucre? E que as arañas inventaron o submarino hai millóns de anos? E que as bolboretas teñen unha lingua como a trompa dun elefante finísima e enroscada…?». A cara de Moncho expresa sorpresa, curiosidade… emoción por aprender. Asombro.

É urxente levar a infancia de volta ao seu contexto natural, como facía don Gregorio. Curiosear, dar sentido de pertenza, de contorno propio e real, afastado das pantallas que ofrecen estereotipos e irrealidade.

Porque os individuos facémonos universais desde o particular. Porque os nenos e nenas non son, como di Catherine L´Ecuyer, «cidadáns invisibles». Porque «a capacidade que teñen os nenos para pensar en cousas imposibles é marabillosa...». «O asombro é o desexo polo coñecemento… é un mecanismo innato no neno. Nace con el. Pero para que o asombro poida funcionar ben, o neno debe encontrarse nun entorno que o respecte» (L´Ecuyer, 2012).

Por iso me pregunto: onde reside o «éxito académico»? En aprobar exames? Deixemos de centrar o sistema educativo nos procesos de ensino nos que o protagonista é o docente e abramos paso á verdadeira aprendizaxe.

 

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

BOQUÉ, M. C. (2020). Prácticas restaurativas para la prevención y la gestión de los conflictos. Editorial Narcea

CUERDA, J. L. (1999). La lengua de las mariposas. Productora Sogecine.

GARCÍA, A. (2017). Otra educación ya es posible. Litera libros (9ª edición).

L´ECUYER, C. (2012). Educar en el asombro. Plataforma Editorial.

TONUCCI, F. (2017). El consejo de los niños. Editorial Losada.

RIVAS, M. (1995). Que me queres, amor? Galicia: Editorial Galaxia.

 

 

Sección: