Transformación de espazos para favorecer metodoloxías activas e inclusivas

Santiago Atrio Cerezo
Director da Escola en Arquitectura Educativa e do Instituto Universitario de Ciencias da Educación
Universidade Autónoma de Madrid

 

 

 

Da escolástica aos proxectos educativos actuais

É complexo facer paralelismos con tempos históricos diferentes. Ademais, a escolástica medieval dos séculos XIII e XIV estaba presente nos incipientes estudos universitarios e este artigo contextualízase en etapas educativas entre os 0 e os 18 anos. «Que é o método escolástico? O escolasticismo é un sistema de aprendizaxe en tres etapas: a "lectio" (lección-lectura), a "quaestio" (cuestión) e a "disputatio" (discusión-debate). Supón, entre outras riquezas, un verdadeiro camiño para instruírse na arte da argumentación.» (Vergara Ciordia, 2018)

En calquera caso, atrévome a utilizar as palabras do meu director de tese cando di: «Cinco categorías didácticas deron fundamento a ese propósito: a liberalidade lectora, a arte da dialéctica, o uso da escritura, a actualización da memoria, e o principio da acción» (Vergara Ciordia, 2018).

Este sistema de aprendizaxe coas súas categorías didácticas precisou espazos para ser desenvolto. Foron necesarios espazos con iluminación suficiente para que o lector puidese desenvolver a súa tarefa. Ambientes amplos para ordenar un público que escoitaba e debatía. Lugares que se distribuían fronte ao mestre que organizaba o camiño do coñecemento. Espazos, en definitiva, excelentemente deseñados para o proceso metodolóxico e educativo ao que debían darlle servizo.

A evolución dos métodos pedagóxicos pode modificar estes procesos. E digo pode, pois é un debate que non compete a este artigo. Sexa como fose, son as comunidades educativas as que deben valorar os seus sistemas pedagóxicos e categorías didácticas con, polo menos, a mesma claridade coas que o fixeron os escolásticos da Baixa Idade Media.

 

Planta superior do museo da Fundación Exponav integrado na ruta da construción naval, xunto ao arsenal militar de Ferrol e o propio estaleiro de Navantia-Ferrol. O edificio de Herrerías do século XVIII restaurouse mediante un convenio entre os ministerios de Fomento, Defensa e a Xunta de Galicia. Escola Obreira das Institucións de Beneficencia e Previsión da SECN. Imaxe de 1915

 

Visitar Ferrol, do mesmo xeito ca calquera outra vila ou cidade, é atopar unha contorna chea de posibilidades pedagóxicas e materiais educativos que lles renden homenaxe ás xeracións que nos precederon. No museo Exponav atopeime o 18 de abril de 2023 con esta imaxe na que se pode apreciar unha sesión de traballo na Escola Obreira ferrolá de 1915.

 

Museo da Fundación Exponav Escola Obreira de Ferrol, 1915. Conxunto de alumnos traballando en grupo con bloques de madeira. Bloques de construción evolución dos dons de Fröbel

 

Hai máis de cen anos, os métodos pedagóxicos «máis innovadores do momento» precisaban de novos espazos, novas disposicións dos ambientes educativos e, a pesar das limitacións orzamentarias, «miles de nenos e nenas de Ferrolterra recibiron unha formación de calidade». A comarca de Ferrol, coñecida como Ferrolterra, lémbrame moito a outro ámbito territorial e educativo no que a Xunta de Galicia é pioneira e referente internacional. O Proxecto TERRA conta xa con 20 anos de vida e desenvolveu importantes achegas en todas as etapas da educación preuniversitaria, facendo da riqueza do territorio un instrumento educativo de primeira magnitude. Grazas a entusiastas educadores como o arquitecto pontevedrés Xosé Manuel Rosales, a Comunidade Autónoma de Galicia regalounos, sen imposicións, unha forma de facer pedagoxía propia do século no que vivimos.

 

Detalle da ilustración 1. Museo da Fundación Exponav, cartel da Escola Obreira de Ferrol, 1915

 

Macro, Meso e Micro

Os espazos educativos (Atrio Cerezo, 2022, páx. 103) deben valorarse en todas as súas escalas. A Macro fálanos do territorio que rodea o noso centro educativo. Seguindo as escalas da planificación urbana da UNESCO, podemos observar como se recomenda que as diferentes idades fagan propia a experiencia cidadá que rodea o seu lugar de residencia. Nesta escala poñemos en valor os espazos educativos cos que tecemos a rede educativa do noso centro. Unha rede viva, que está unida con convenios de colaboración con outras institucións que poidan renovarse no tempo e que deban avaliarse para facer un seguimento dos obxectivos propostos.

 

Manual sobre a planificación urbana responsable coa infancia. P. 28. Nesta imaxe aprécianse as diferentes idades cunha suxestión sobre a súa mobilidade e as escalas da contorna Macro

 

A anteriormente referida cidade de Ferrol dispón de elementos urbanos que nos lembran a infancia. Estas imaxes non deben facernos pensar en contornas específicas para traballar coas diversas idades. A contorna urbana e/ou rural é un patrimonio de toda a cidadanía e desde as primeiras etapas da educación debemos achegarnos a ela para coñecela, valorala e convivir con ela.

 

Paseo por Ferrol. Lavadoiro de Insua. Rúa Celso E. Ferreiro

 

A escala Meso é a que se sitúa no interior dos recintos educativos antes de alcanzar o ámbito da aula da clase. Normalmente asóciase aos patios escolares, pero hai un número significativo de lugares de aprendizaxe susceptibles de seren aproveitados para este fin. Neste sentido debemos lembrar como non hai moito tempo espazos como os hortos escolares se comezaron a utilizar como material educativo. Non só disciplinas curriculares como as ciencias da natureza colonizaron estes espazos, senón que moitas outras como a educación artística, plástica e visual ou materias de educación cívica usaron e usan estes ambientes de aprendizaxe como materiais educativos. Pois ben, convén non esquecer que os primeiros pasos para descubrir estes recunchos educativos non foron sinxelos e criticáronse no seu momento como zonas con pouco sentido educativo dentro dos centros escolares. Era complexo cambiar a tradición. Asumir socialmente que se aprendía mellor participando dos procesos, ademais de estudalos nos manuais, foi un reto que lle debemos ao esforzo e á visión dos que nos precederon.

 

Estudo de gravación do CFR de Ferrol tomada por Santiago Atrio na súa visita de 2022

https://www.instagram.com/cfr.ferrol/?hl=es

 

Nin os patios nin os hortos son os únicos espazos que recuperar para a transformación dos ambientes de aprendizaxe. Zonas como os estudios de radio, os talleres de fotografía e salas croma, os polos creativos ou laboratorios de innovación educativa próximos ás denominadas aulas do futuro son novas contornas que crecen como propostas necesarias para a implementación de novas metodoloxías educativas.

 

Espazo e material de gravación audiovisual do CFR de Ferrol tomada por Santiago Atrio na súa visita de 2022

 

Sendo estes ambientes de aprendizaxe espazos complexos de implementar en centros sen unha tradición neste tipo de intervencións, a experiencia como laboratorios formativos que ofrecen os centros de formación e recursos da Xunta permiten aproximarse tanto ás instalacións coma á optimización do seu uso pedagóxico.

Deste xeito, como indican na súa páxina web:

Os centros de formación e recursos son órganos que teñen como obxectivos a formación permanente do profesorado que imparte ensinanzas non universitarias, o intercambio de experiencias e reflexións sobre os procesos educativos e mais a dinamización pedagóxica dos centros, como elementos que contribúen á mellora da calidade do ensino.

Están adscritos a cada centro de formación e recursos todos os profesores que imparten ensinanzas de niveis non universitarios e prestan servizos nos centros educativos do seu ámbito de influencia.

 

Fotografía do cartel do CAFI de Santiago de Compostela. Realizada na visita de 2023

 

Non son estes espazos os únicos sobre os que repensar os ambientes de aprendizaxe na escala Meso. As salas de almacenaxe de material de traballo, mal chamados rochos, deberían ser elementos de reflexión da comunidade educativa como os son as bibliotecas, as zonas de corredor e distribución, os laboratorios tecnolóxicos, de ciencias sociais e/ou experimentais ou os espazos de secretaría, administración e dirección.

Por último, a escala Micro reflexiona sobre as posibilidades da propia aula. É habitual que centremos a mirada nestes lugares cando falamos de transformación de espazos sen achegarnos a observar que hai escalas superiores que debemos considerar. En calquera caso, todas as escalas deben transformarse desde a visión pedagóxica da comunidade educativa á que serve e non exclusivamente desde a estética arquitectónica. Repensar os espazos educativos é reflexionar como comunidade educativa sobre os nosos procesos, as nosas metodoloxías, a nosa maneira de aproximarnos ás didácticas específicas que precisamos implementar nos procedementos de ensino- aprendizaxe.

 

Espazo de traballo do CFR de Ferrol. Fotografía tomada na súa visita de 2022

 

Por encima das consideracións estéticas dun espazo, os centros educativos deben valorar o uso que lles damos aos espazos. Como propoñemos que vaian ser utilizados? Que didácticas específicas van implementar neles? Quen e como van distribuílos, mantelos, ordenalos, modificalos etc.? Os espazos débennos ofrecer unha lectura visual do proxecto educativo do centro.

 

Conclusións

Nos cursos nos que participei en Galicia, trasladei a idea de que os centros educativos deberían significarse como laboratorios vivos onde a experiencia persoal xerase a aprendizaxe. Esta significación dos seus espazos como gabinetes de experiencias interactivas permitiríanos coñecer, por exemplo, o beneficio das poleas do mesmo xeito que coñecemos as fases de produción do horto e dese modo atopariamos o sentido cando nos referimos aos espazos como materiais pedagóxicos. En moitas ocasións, estas iniciativas serán excelentes posibilidades para desenvolver acordos de colaboración que nos irmanden con instalacións externas ao centro.

Deste xeito, a nosa comunidade educativa poderá valorar a contorna que vivimos e as institucións situadas nela sentirán o apoio real, cotián, permanente no tempo; en definitiva, das novas xeracións de cidadáns que son e serán o noso futuro. Valorar o noso patrimonio e xerar lugares de encontro nos que poder debater as diversas visións que temos da realidade que vivimos é a tarefa que propoñemos desde a Escola en Arquitectura Educativa da Universidade Autónoma de Madrid.

Investir en transformación de metodoloxías educativas require un importante investimento en tempo. As persoas precisan espazos temporais para reflexionar sobre as propostas pedagóxicas de forma individual e, despois de ter unha imaxe propia do analizado, tempos para compartir coa comunidade educativa local, as reflexións realizadas. Por dignidade e respecto, o mundo educativo debe reclamar estes tempos para facer unha transformación pausada, meditada e afastada tanto da frustración que pode ter o colectivo docente como do sentimento de experimento que pode ter o estudantado sobre o que implementamos novas formas de facer.

Nestes procesos débese valorar se se precisa un acompañamento experto e externo, que axude a tecer redes e sirva como dinamizador das reflexións.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Atrio Cerezo, S. (2022). Espacio educativo: material didáctico y catalizador del cambio educativo. Barcelona: Aula Magna Proyecto clave McGraw Hill. Obtido de https://libros.cc/Espacio-educativo.htm

Bello, L. (1926). Viaje por las escuelas de España. Madrid: Magisterio Español. Recuperado o 28 de decembro de 2021 de https://bibliotecadigital.jcyl.es/es/consulta/registro.cmd?id=1073

Vergara Ciordia, J. (9 de outubro de 2018). Nueva Revista. Recuperado o 8 de maio de 2023 de https://www.nuevarevista.net/que-es-el-metodo-escolastico/

 

 

Sección: