Formación para a integración

Accións educativas e formación do profesorado

Por suposto —dixo a señora Macauley—. A escola só serve para evitar que os rapaces estean na rúa, pero tarde ou cedo teñen que saír ao mundo real, gústelles ou non lles guste. É natural que aos pais e ás nais lles dea medo que os seus fillos saian ao mundo, mais non hai a que ter medo. O mundo está cheo de criaturas asustadas, asústanse entre elas.

La comedia humana ,  William Saroyan

Queridos compañeiros e compañeiras, queridos lectores:

Constátase que xa case ninguén le a Saroyan, en realidade, case ninguén le sobre asuntos correntes que difiran do mítico, preferindo evasións máis ou menos tramadas que parecen concitarse para afastarnos do esencial, sexa a través de cálices, sabas, magos ou hortentots. A pesar disto, gustaríame lembrar hoxe, coa ocasión da saída do número 64 da Revista Galega do Ensino, que non hai asuntos menores na vida, moito menos no ámbito educativo, senón máis ben ao contrario. A poética, a esencia máis certa das cousas, adoita residir nas historias miúdas, cotiás, particulares; precisamente aquelas das que procuramos nutrirnos para difundir  o valor silente das accións educativas que se emprenden cada día nos centros de Galicia.

Neste sentido, o equipo que conforma esta revista sente un profundo agradecemento por tantos centros e profesionais que colaboraron con nós, confiándonos o relato das súas experiencias e investigacións docentes co xeneroso fin de poñelas á disposición da comunidade escolar. Unha maneira certamente efectiva de iniciar debates, compartir ideas, experimentar suxestións e, á fin, traballar pola permanente mellora dunha tarefa que é paixón antes ca profesión.

No número 64 que hoxe presentamos, quixemos abrir un amplo abano de suxestións, un verdadeiro calidoscopio arredor do mundo educativo e da formación do profesorado, onde tiveron cabida profundas investigacións académicas, xunto a frescas experiencias escolares e accións educativas que, en todos os casos, nos pareceron altamente recomendables á hora de dispoñelas ante o xuízo do lector. Podemos asegurar que aprendemos moito neste camiño, por exemplo, xunto ao cineasta galego Iago González Iglesias, director do proxecto Máscaras, convencido de que non hai actividades para alumnos “discapacitados” senón cine de altura desenvolvido por xente moi diversa que achega valiosas capacidades creativas e así, bastante máis confortados, comezamos a comprender o verdadeiro significado da palabra “integración”. Unidos ao concepto de que, no fondo, estamos todos no mesmo barco da vida e seguindo, xa que estamos niso, coas palabras que un día verteu Saroyan en El atrevido muchacho del trapecio:

“Non creo nas razas […] Vexo a vida como unha soa vida ao mesmo tempo, millóns e millóns de vidas asemade por toda a Terra. Os bebés que aínda non aprenderon a falar ningunha lingua son a única raza do mundo, o xénero humano: o resto, é pretensión, o que chamamos civilización, xenreira, medo, ambición de poder..., pero un bebé é un bebé. E a forma en que choran: aí está a confraternidade humana, nos bebés que choran.

Ese, na nosa opinión, é o espírito que nos infunde poderoso ánimo para continuar na tarefa. Boas lecturas e un venturoso ano novo.

Juan Granados
Director da RGE
 

 

 

Sección: