Educar en el asombro

Autor: L’Ecuyer, Catherine
Editorial: Plataforma Actual Ed.

Autora da recensión: Lorena Estévez Álvarez
lestevez@edu.xunta.gal
Centro de Formación e Recursos de Vigo

 

 

Catherine L’Ecuyer é doutora en Educación e Psicoloxía, investigadora e autora de varios libros e artigos sobre educación. Entre as súas publicacións destacan Educar en la realidad (14ª ed.), sobre o uso das novas tecnoloxías na infancia e na adolescencia; Educar en el asombro (34ª ed.), publicado en oito idiomas e en 60 países, e Conversaciones con mi maestra (2ª ed.), un libro que acaba de publicar Espasa e que trata da orixe das distintas correntes educativas. Colabora actualmente co grupo de investigación Mente-Cerebro da Universidade de Navarra e é articulista para varios medios como El País, La Vanguardia, El Mundo e o Huffington Post.

Co seu libro Educar en el asombro mergúllanos nun océano de reflexión e evocación sobre a situación da infancia e a educación actual. Cun texto sinxelo, fácil de ler, próximo e cheo de sensibilidade, busca que o lector reflexione e cuestione premisas actualmente estandarizadas ou socialmente relevantes. Tras cuestionar aspectos como a cantidade de información fronte á calidade da información, a banalización e a fugacidade das relacións, a tiranía da Rede, a escaseza de tempo para compartir coa infancia ou coartar a curiosidade e o misterio (intrínseco) fronte á sobre estimulación e a tiranía das recompensas (extrínseco), amósanos outro camiño.

Valora a importancia de coñecer o risco de ser vítimas da industria do consello educativo e móstranos a importancia de non «buscar a receita fácil». Debemos analizar atentamente o método educativo sen descontextualizalo do neno, do estilo de xestión do centro escolar e da contorna. Cada caso debe estudarse coidadosamente, sen caer na procura da receita estándar.

A través de múltiples citas, introdúcenos en cada capítulo facéndonos unha achega misteriosa á vez que estimulante. «En cada neno, todas as cousas do mundo son feitas de novo e o Universo ponse de novo a proba» (G. K. Chesterton). «Pasamos o primeiro ano do neno ensinándolle a camiñar e a falar, e o resto da súa vida a gardar silencio e sentar. Algo non funciona ben» (Neil Degrasse Tyson).

 

 

Sección: