"O agasallo" de Jacob Frey

Unha curtametraxe na aula de primaria para a convivencia e a educación en valores

Juan José Varela Tembra
Asesor de Inclusión e Orientación Educativa

 

Introdución

O cinema constitúe unha ferramenta de grande utilidade empregada cada vez con máis frecuencia, xa que facilita a introdución de contidos sociais, culturais e económicos. Nas películas atopamos un amplo marco de posibilidades á hora de formular o ensino dunha lingua desde unha perspectiva funcional e global, acorde cos parámetros interculturais e interdisciplinarios que se promoven no Marco de referencia europeo para a aprendizaxe, o ensino e a avaliación de lingua (2002).

O uso de curtametraxes non está demasiado estendido no ensino de alumnos e alumnas dos primeiros niveis de educación infantil e primaria e incluso nos primeiros cursos de secundaria, debido principalmente á falta de materiais didácticos elaborados a partir de curtas e á carencia ou difícil acceso aos medios técnicos necesarios nalgúns centros.

Empeza a poñerse ao noso alcance un recurso audiovisual que, a diferenza da longametraxe, nos permite unha explotación didáctica máis axustada ás necesidades inherentes á clase de valores xa sexa pola súa curta duración ou pola verosimilitude dos temas tratados e a actualidade das situacións e mostras de lingua que nos ofrece (Biedma Torrecillas, Torres Sánchez: 539). Non quero dicir con iso que a longa non comparta algunhas destas características coa curta; o que sucede é que a curta, en cambio, dá moita máis marxe á hora de detectar e comprender enunciados verbais e non verbais grazas a que podemos visionala de principio a fin sen ter por que refugar outras secuencias que sempre poden axudar á súa comprensión global. É máis, a curta permítenos mesmo repetir a súa proxección unha ou máis veces para reforzar a comprensión ou simplemente para realizar outras actividades con obxectivos didácticos moi diversos.

Outras das moitas vantaxes da curta fronte á longa é que, aínda que o estudante poida percibir un caudal lingüístico excesivo e en ocasións inadaptado ao seu nivel, conta ao seu favor cun discurso cuxo fío argumental é máis sinxelo e fácil de seguir e que experimenta moitos menos cambios espazo-temporais, ademais de contar cun número moito máis reducido de personaxes. Todo isto facilita enormemente a comprensión por parte do noso alumnado, independentemente do nivel que este teña, e produce nel un maior seguimento deste, a diferenza de cando proxectamos unha longa nas mesmas condicións.

Na experiencia didáctica que se propón sublíñase a importancia dos valores e a convivencia na escola que radica en que estes achegan unha base sólida para que o alumno se desenvolva de boa maneira na súa contorna, pero non só considerando o intelectual, senón tamén o persoal e social.

 

Xustificación da actividade

Sen dúbida, a nosa sociedade préstalle atención ao feito da atención á discapacidade, á inclusión e á  convivencia. Porén, non é menos certo que a meirande parte dela, comprometida co benestar dos menores, desexa solucións éticas e evolucionadas, operativas e articuladas no seo das súas organizacións democráticas, como vén ser a escola, como un escenario esencial destes comportamentos. Polo tanto, a proposta que se achega consiste no visionado dunha curtametraxe, a través da súa visión total ou parcial nunha ou varias sesións, co desexo de crear reflexións, postas en común e debates coas achegas dos asistentes, na procura de actitudes empáticas e proactivas a prol de todo compañeiro vulnerable e con discapacidade.

Esta proposta admite tratamentos preferentes segundo o nivel educativo de educación primaria no que se desenvolva:

- Na sesión de titoría semanal ao abeiro dos contidos formativos de cadanseus plans de acción titorial.

- E nas datas transversalmente significativas: co gallo da celebración do Día Escolar da Paz, da prevención de violencia de xénero, da Declaración Universal dos Dereitos Humanos…

 

Obxectivos

  • Centrar a atención do alumnado nos puntos que melloran as relacións entre persoas iguais pero diferentes.
  • Favorecer a comprensión no alumnado de situacións variadas, dotadas de valor convivencial e contraconvivencial.
  • Estimular a aprendizaxe por modelos nos escolares, por canto ten de observación, reflexión e razoamento arredor da discapacidade e da inclusión.
  • Reflexionar colectivamente sobre historias baseadas na realidade, estruturadas en comezo, nó e desenlace, pero con alternativa ao problema.
  • Promover a toma de conciencia de grupo que coopera e compartir as solucións ás dificultades entre iguais.

 

Recursos empregados

Propoño facilitar unha pequena actividade de tormenta de ideas como paso previo. Internet é unha ferramenta que tamén pode axudarnos a indagar sobre a curtametraxe en cuestión; achegariámoslles as diferentes fichas anexas, cada unha delas no seu momento correspondente, que teñen como fío condutor a discapacidade e se axustan ao establecido no Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado en Galicia, a propia Lei de convivencia e, xa máis recentemente, a Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que sinala no seu preámbulo, artigo único: «Entre os principios e os fins da educación, inclúese o cumprimento efectivo dos dereitos da infancia segundo o establecido na Convención sobre os Dereitos do Neno de Nacións Unidas, a inclusión educativa e a aplicación dos principios do deseño universal de aprendizaxe, é dicir, a necesidade de proporcionarlle ao alumnado múltiples medios de representación, de acción e expresión e de formas de implicación na información que se lle presenta».

 

Metodoloxía

A explotación consta de tres fases: previsionado, visionado e posvisionado; por iso, require dunha metodoloxía interactiva. É así que, antes do visionado, se realizan actividades e preguntas encamiñadas a activar os coñecementos previos cara ao tema ou temas da curtametraxe e/ou xerar expectativa fronte a esta. Formular preguntas de motivación e indagar en experiencias previas. Anticiparse ao filme só lendo o título e/ou vendo a portada.

Durante o visionado, o alumnado utiliza todas as súas habilidades de análise que lle permiten chegar a formular xuízos valorativos, emitir conclusións baseadas no visto e realizar predicións xustificadas.

Finalmente, despois do visionado, realízanse actividades que pechan todas as preguntas e xuízos para chegar a conclusións, baseadas no filme, para a realidade de cada estudante. Esta parte é moi relevante porque é aí onde se poden apreciar as individualidades e que tanto o texto chegou a ser interiorizado polo estudante de maneira particular.

Realizariamos unha pequena «guía de análise audiovisual» con algúns destes elementos:

- Autor: cando e como dirixiu a película, que valores procura (tolerancia, convivencia, discapacidade…), a que xénero pertence.

- Obra: en que condicións nace e de que sociedade xorde.

- Argumento: cerne do filme, quen toma parte, que lles sucedeu, que fan.

- Personaxes: retrato psicolóxico dos personaxes, que din e como o din.

- Audio: subliñar a presenza/ausencia de habelencias paralingüísticas nas voces. Asemade, sinalarémoslles a importancia da linguaxe facial dos personaxes.

- Cuestións abertas: localizade nalgúns personaxes «estratexias» de inclusión e convivencia?

Empregamos unha estratexia que integra competencias:

  • A competencia lingüística, coas ocasións de escoita, de lectura e tamén a escrita: nas fichas de previsionado, visionado e posvisionado.
  • A competencia en autonomía e iniciativa emprendedora, nos seus procesos de escolla de opinións e accións axeitadas ao caso.
  • A competencia dixital, no tratamento da información, grazas ás súas pescudas da obra (filme) en cuestión.

 

Obra proposta

 

 

Título: O agasallo.

Nacionalidade: Alemaña (2015).

Director: Jacob Frey.

Guión: Fabio Cavalcanti, Jacob Frey.

A curtametraxe logrou con esta curta 180 galardóns en diferentes festivais e unha gran repercusión nas redes sociais.

 

Epicentro

Nesta curta convídase a reflexionar sobre a discapacidade e os valores de superación. Os protagonistas son un neno apaixonado polos videoxogos cunha perna amputada e o agasallo que lle entrega a súa nai, un can que tamén ten unha extremidade menos. Ao principio, o cachorro non é ben recibido debido á lesión que presenta. Pero a insistencia e a perseveranza da mascota por querer xogar logran contaxiar o pequeno e levántase do sofá coas súas muletas para pasear xuntos.

 

Intervención principal

Atenderemos nas actividades de previsionado, en primeiro lugar, á presentación dalgúns datos sobre a curtametraxe mediante unha ficha técnica,  facendo fincapé nos paratextos, neste caso no póster do filme. En segundo lugar, trabállase co título e aprovéitase o tema da curta para repasar o vocabulario da familia e a discapacidade.

De seguido, nas actividades de visionado proponse un abano de actividades de comprensión da curta. Na tres primeiras actividades póñense os primeiros minutos do curto e os estudantes teñen que facer suposicións. Nas seguintes actividades conxélanse as imaxes e os alumnos teñen que facer comprensión visual de diferentes secuencias.

Finalmente, nas actividades de posvisionado, propóñense actividades heteroxéneas que traballarán as diferentes destrezas lingüísticas. Do mesmo xeito, os valores serán obxecto dun traballo detido nas conclusións e propostas de mellora ou desenvolvemento do tratado na actividade.

 

Avaliación do alumnado

A avaliación debe ir enfocada a mellorar a aprendizaxe do alumnado; para iso, é necesario diversificar as ferramentas e programar tempos e espazos na aula para a avaliación dos procesos de aprendizaxe. A avaliación desta proposta será continua, para así levar un control da aprendizaxe dos estudantes desde o comezo ata o final, sabendo así se lograron conseguir os obxectivos previstos. Este método de avaliación tamén axudará ao docente a identificar erros para posteriormente corrixilos e implementar novas técnicas ou reforzos e, ademais, progresar no proceso de ensino-aprendizaxe.

Esta avaliación basearase na realización das actividades previstas nas distintas fichas, así como na participación nos debates suscitados na aula e na observación de condutas e actitudes cara á inclusión e convivencia por parte do alumnado.

 

Conclusións

Cada persoa é única e especial e, por tal motivo, confírelle valor e significado á realidade, pero esta perspectiva de realidade crece de acordo coa historia vital de cada un. Así mesmo, ten que ver con factores psicolóxicos, sociais e económicos e, de acordo con estes factores, imos creando, atopando e ás veces distorcendo o significado da vida, polo que cada persoa se valora de maneira diferente. Destas valoracións que temos sobre a realidade nace o valor cara ás persoas, cara ás cousas, cara aos animais, cara á vida e cara a nós mesmos.

O filme axuda a comprender máis a fondo os valores morais, que xorden do núcleo familiar e se van incrementando coas propias experiencias, e dos valores morais apréndese a valorar aos semellantes, e a propia persoa.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa.

Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado na Comunidade Autónoma de Galicia.

AMBRÒS, A.,  BREU, R. (2007). Cine y educación. El cine en el aula de primaria y secundaria. Barcelona: Ed. Grao.

BIEDMA, A., TORRES, M. (1994). El estímulo cinematográfico: desarrollo de destrezas comunicativas y valor cultural, Actas del IV de ASELE. http: // cvc.cervantes.es/enseñanza/biblioteca_ele/asele/pdf/.

CASTIÑEIRAS, A., HERRERO, C. (1998). Más allá de las imágenes: el cine como recurso en las clases de español, Actas del IX Congreso Internacional de ASELE, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela.

DRAMÉ, A. (2015). La profesora de historia. (Todos somos excepciones). Barcelona: Ed. Debolsillo (1.ª edición).

 

 

Sección: