ASEIA

Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia

 

ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia) nace en marzo de 2012 na cidade de Ourense motivada pola crecente preocupación dun grupo de profesionais ante a complexa realidade da infancia e da adolescencia no momento que vivimos. A nosa asociación está centrada no desenvolvemento de proxectos de promoción e prevención, de intervención individual e comunitaria e de formación de profesionais no ámbito da saúde mental e emocional de nenas, nenos, adolescentes e das súas familias. Está formada por un equipo de traballo interdisciplinario procedente de diferentes ramas do coñecemento, tales como a psicoloxía, pedagoxía, educación, traballo social, medicina, enfermería, e conta cunha experiencia no ámbito de máis de 10 anos.

 

O que nos define

En ASEIA entendemos a saúde desde a consideración do ser humano como un ser tecnobiopsicosocial, polo que a atención integral que considera toda esta complexidade na saúde emocional e mental de nenos, adolescentes e das súas familias é o punto de partida das nosas accións. Os elementos que nos definen son:

O noso compromiso coa comunidade e a actuación ética e respectuosa coas persoas. ASEIA foi declarada entidade de interese público pola Xunta de Galicia o 18 de maio de 2017 e está dada de alta no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta de Galicia.

A xestión participativa e interdisciplinaria. Consideramos que para unha abordaxe integral é necesaria a achega que os diferentes profesionais ligados ao mundo do social, da saúde, da educación poden achegarnos. Deste xeito, ASEIA enténdese como un espazo colaborativo e de intercambio de saberes.

O carácter emprendedor, tenaz, pioneiro e innovador e o rigor e coñecemento científico, sendo a formación continuada tanto interna como externa un dos nosos piares. A nosa asociación conta co aval do Instituto Wilhelm Reich-Europa, centro de formación e supervisión referente, con gran prestixio no ámbito de toda España.

 

O traballo en rede en ASEIA

Percibimos que a saúde mental e emocional é un aspecto que lle afecta a toda a sociedade, polo que consideramos que o traballo con outras entidades e organismos, no que a relación harmónica nos posibilita o intercambio de información e pareceres, é o xeito de lles dar sostén ás nenas, nenos, adolescentes e familias.

Desde o ano 2022 somos integrantes da POIG (Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia) e colaboramos habitualmente mediante convenios, subvencións, ou acordos de prestación de servizos coa Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense, a Deputación Provincial de Pontevedra, o Concello de Ourense, o Concello de Allariz, a Universitat Oberta de Catalunya, a Sociedade Galega de Sexoloxía, así como con diferentes centros educativos de toda Galicia e outras asociacións de ámbito autonómico e estatal (Agampi, EDP-CTS, Manaia, entre outras).

 

Os nosos programas de promoción e prevención para desenvolver no ámbito educativo

Adolescencia Positiva

En Adolescencia Positiva tratamos de crear un espazo de encontro coa poboación nova, a quen se dirixe a nosa intervención. Ese encontro ten a súa base no recoñecemento das capacidades das nosas persoas adolescentes, as cales  teñen, desenvolven e expoñen o seu saber en diferentes áreas nas que están involucradas. Isto leva inevitablemente a que as persoas adultas que conducen o traballo con esta poboación ocupen un lugar determinado que supón un cambio de paradigma na forma de relacionarse con esta.

O obxectivo xeral de Adolescencia Positiva é xerar un espazo de diálogo para a expresión das inquedanzas na poboación adolescente onde acoller as interpretacións sobre as impresións das súas vivencias e devolver unha visión máis completa, complexa e temporalizada sobre esta. As temáticas que se desenvolven no programa son as seguintes: redes sociais e contornos virtuais de relación, consumo e dependencia, saúde emocional ou afectivo-sexual.

 

 

Convive: Programa de acompañamento parental

O programa Convive nace coa idea de xerar espazos de encontro e confianza onde os pais e titores poidan compartir e reflexionar en común sobre as súas experiencias, inquedanzas e intereses na vivencia parental, promovendo o desenvolvemento das competencias parentais para unha evolución saudable da familia e dos seus membros.

Como obxectivos preténdese dotar as familias de coñecementos e ferramentas básicas que lles permitan abordar o desenvolvemento dos fillos desde unha maior seguridade e informalas sobre temas de actualidade nas relacións familiares (novas tecnoloxías, conductas adictivas, prevención da violencia, sexualidade…), favorecendo o achegamento a vías de formación e información de calidade.

 

 

Educación Sexual

Desde ASEIA está a atenderse ao crecente interese de grupos de familias, das ANPA e de centros escolares para que os adolescentes teñan acceso a unha educación sexual que promova o coñecemento, os hábitos saudables e o acceso ao pracer, asumindo as dúbidas, os medos e os cambios propios do seu proceso de maduración.

Trabállase con diferentes colectivos: nenas e nenos desde infantil a bacharelato, familias e profesionais que solicitan formación neste eido.

Os contidos fundamentais das diferentes actividades deseñadas dentro do programa de Educación Sexual vanse encadrar baixo o paraugas dos tres obxectivos fundamentais: aprender a coñecerse, aprender a aceptarse e aprender a expresar a propia erótica dunha forma satisfactoria.

Seguindo o noso carácter emprendedor e pioneiro, creamos da man e en colaboración coas compañeiras da produtora audiovisual Illa Bufarda a webserie SEX, un recurso para a educación sexual.

 

 

A Mirada do Outro

A Mirada do Outro é un programa que nace no 2018 e cuxo obxectivo central era a prevención do acoso escolar. Na actualidade, a súa evolución viuse afectada polas demandas sociais detectadas, transformándoo nun programa de prevención da violencia que ten como propósito mellorar a convivencia e o clima de clase, especialmente en primaria.

Entre os seus obxectivos figura sensibilizar o alumnado sobre as situacións relacionais de violencia na aula, adestrar habilidades persoais de autorregulación emocional e competencias de interacción social e adquirir competencias de xestión de conflitos. O colectivo co que se traballa son rapaces e rapazas do terceiro ciclo de primaria, estudantes de quinto e sexto curso. A metodoloxía é de dinámica grupal e trabállase o interior do grupo/aula coa aplicación do paradigma de integración corpo-mente. Consta de sete bloques temáticos que se traballan ao longo do curso en sete sesións.

 

O nosos programas de intervención comunitaria

Punto de apoio emocional para adolescentes de 12 a 18 anos e coidadores de nenos/as de 0 a 11 anos (PAE)

O servizo telemático do Punto de Apoio Emocional para adolescentes de 12 a 18 anos e coidadores de nenos/as de 0 a 11 anos aparece como unha ferramenta de primeiro contacto, contención, intervención, intermediación e derivación, a través de vías telemáticas accesibles para a inmensa maioría da poboación.

O obxectivo do PAE é proporcionar apoio, facilitando que o menor de idade e/ou a súa familia se sintan escoitados e comprendidos e favorecendo a expresión de sentimentos e a elaboración de emocións como medo, tristeza, angustia ou enfado.

 

 

 Programa ALENTO de atención comunitaria a adolescentes con trastornos mentais graves en situación de vulnerabilidade social

Entendemos como mocidade en situación de vulnerabilidade aquela na que o seu proceso de desenvolvemento integral se ve afectado pola presenza de factores de risco nos diferentes eidos —biolóxico, psicolóxico e social— e que poden levar consigo o incremento dunha conduta asocial.

ALENTO presenta unha programación que intenta cubrir as necesidades da mocidade, a través dunha intervención individualizada, desde unha perspectiva individual, grupal, familiar e sociocomunitaria. O programa consta de catro áreas de intervención: de apoio psicolóxico, un servizo de acompañamento educativo-terapéutico, un servizo de mediación e xestión de conflitos e un servizo de inserción sociolaboral.

No Alento Grupal desenvólvense cos adolescentes actividades de aprendizaxe, expresión emocional e de relación social.

 

 

Formación de profesionais

A formación tanto interna coma externa é un eixe fundamental en ASEIA. Ao longo do ano organízanse frecuentes accións formativas dirixidas a profesionais, ben a través de cursos monográficos, impartidos por integrantes de ASEIA ou profesionais referentes vinculados á infancia e á adolescencia na modalidade en liña e presencial, ben pola demanda de colectivos ou entidades interesados na infancia e na adolescencia: profesorado, traballadoras sociais, educadoras sociais, psicólogos etc.

 

 

Contamos cunha Xornada de Saúde Emocional na Infancia e a Adolescencia de carácter anual ao redor dun tema significativo ligado a infancia e adolescencia. Intentamos que sexan unas xornadas onde os asistentes nos nutrimos do saber de profesionais de diferentes eidos (antropoloxía, psicoloxía, socioloxía, educación e traballo social, medicina, filosofía, sexoloxía ) e relevantes no ámbito estatal e internacional. Nestes últimos anos contamos con profesionais como Montserrat Picanyol, Manuel Blanco, Jerónimo Bellido, Jordi Planella, Paloma Rasines, Manuel Lucas, Jose Ramón Ubieto, Chis Oliveira, Carlos da Cruz, Carolina del Olmo, Joseph Knobel Freud, Eurícides Cabañes, Oriol Rosell, entre outros.

 

 

 

Sección: