Luces, cámara e... acción!

Curtametraxe 2023
Neste artigo damos a coñecer unha experiencia práctica en educación primaria onde artellamos o traballo colaborativo entre profesorado e alumnado para crear unha curtametraxe integrada no tema e eixe condutor do PLAMBE (o cine).

Rosalía Gil Lariño
CEP Altamira (Salceda de Caselas - Pontevedra)

 

 

1. Descrición e propósito pedagóxico da innovación

Profesionalización docente

Durante a pandemia fixemos todos un esforzo considerable de actualización, renovación de coñecementos en novas tecnoloxías e busca de solucións seguras para comunicarmos coa comunidade educativa, sen descartar a motivación.

Tras este parón, xuntando todos eses coñecementos adquiridos de xeito inesperado e rápido, estamos en condicións de levar á práctica competencias docentes que non tiñamos. Estas xa poden dar resultados nun espazo relativamente curto de tempo. O que hai anos tardariamos meses, agora temos a capacidade de abordalo en días. Contamos coa vantaxe de anos de experiencia traballando en equipo, destino definitivo e temos xa instalado o respecto á diversidade e complementariedade na distribución das tarefas entre nós. Deste xeito, tamén somos capaces de transmitirlle eses valores de colaboración ao alumnado.

Polo tanto, as competencias docentes adquiridas permítennos mellorar nos tempos para chegar antes á comunidade educativa, estruturar os contidos dun xeito coordinado, extraordinariamente rápido e ameno. Pero non exclusivamente lúdico. Fomentar a creatividade, basear o logro do produto final (curtametraxe) no traballo e na motivación sostida ao longo do curso. Esforzo e traballo conectado ao currículo enriquecéndoo (SEM), á avaliación. O alumnado ten a percepción acertada de continuidade, de avance e aplicación práctica do aprendido. Cada unha das nosas propostas innovadoras estivo integrada no proceso de avaliación de cada unha das áreas/materias que impartimos e os instrumentos de avaliación, totalmente accesibles na web das titorías (www.proxectaeconecta.gal).

Así, partimos dunha aprendizaxe inclusiva/integradora, desde unha perspectiva de deseño universal de aprendizaxe onde todos teñen o seu espazo e a súa achega. A diversidade suma e a diferenza é unha oportunidade. Adaptándonos a cada ritmo, estilo cognitivo, enfocada cara á funcionalidade e aplicabilidade. Os proxectos, as investigacións, a alfabetización múltiple permítennos xuntar o significativo para cada un. O traballo cooperativo, onde todos teñen unha achega, é onde se adquiren competencias para a vida: busca de información, selección de información, transformación nun produto propio, novo, creativo e ao seu gusto empregando múltiples formatos. Produto vehiculado tamén polas tecnoloxías, para dar a coñecer e interectuar coa comunidade educativa.

Alí é onde poñemos de manifesto a competencia, saber facer e a visión crítica. A capacidade de observar e facerse preguntas, de reflexionar e dar a opinión. Construímos, creamos e cambiamos a sociedade, porque para fomentar o pensamento crítico temos que ensinar que precisamos ter coñecementos e experiencias que o apoien.

Desde a perspectiva da neuroeducación ponse de manifesto a importancia de interiorizar aprendizaxes de forma activa, social e con potencial para transformarse en contidos verdadeiramente funcionais e significativos:

  • Que favorezan actitudes prosociais. 
  • Que aprendan cooperativamente construíndo desde o que motiva e emociona.
  • Que apliquen o aprendido con sentido crítico e competencial.

Investigacións sobre o funcionamento do cerebro demostran que as denominadas «neuronas espello» captan, por imitación do que se observa, informacións que favorecen o entendemento e comprensión do que nos rodea e dos demais. O sentido da web será, polo tanto, unha construción compartida onde plasmar o traballo sustentado no valor da cooperación. Transmítense así:

  • Condutas/valores
  • Aprendizaxe social
  • Motivación
  • Aprendizaxe emocional que fomenta as relacións entre iguais, as relacións prosociais
  • Cohesión intra e intergrupal
  • Coñecemento de si mesmo e dos demais.

Por outra banda, podemos obter datos sobre os usuarios da web. Os datos proporciónannos información, entre outras cousas, sobre:

  • Grao de seguimento por parte do alumnado das actualizacións
  • Motivación real sobre os intereses dos usuarios

Deste xeito, podemos actuar rápido e tomar decisións sobre que modificacións facer ou onde debemos ampliar propostas para manter o interese da comunidade educativa.

O propósito pedagóxico inclúe mostrarlle dun xeito sinxelo ao alumnado estes datos en forma de gráficos, porcentaxes... que lle dea unha visión breve e sinxela sobre o uso de datos en Internet.

Ao empregar os seus traballos, produtos e evidencias de aprendizaxe, buscamos integrar na práctica os coñecementos sobre motivación e aprendizaxe humana, así como investigacións sobre neuroeducación que son aplicadas a contornos TIC. Luz, son e movemento, os aspectos sensoriais e perceptivos, así como o pensamento crítico, reflexión, procesos de toma de decisións, preparación para a acción, funcións executivas.

Ao noso entender esta experiencia pode axudar a ver tanto os beneficios coma os riscos de Internet.

Comezar xa en educación primaria a darlle valor ao emprego ético de algoritmos e da xestión de datos.

Intelixencia artificial (IA)

No mes de xaneiro fixemos unha visita á exposición «More than Human» na sede da Coruña de Afundación. A exposición foi adaptada á idade dos nenos e nenas. Por grupo-aula tiveron un monitor que presentou a exposición dun xeito lúdico, participativo e moi próximo. Sorprendeunos a cantidade de información que xa tiñan sobre a IA e a facilidade coa que entenderon globalmente o manexo dos datos, redes neuronais etc. Esta experiencia proporcionounos os coñecementos necesarios cos que elaborar parte da redacción do guión da curtametraxe.

Fixemos un percorrido amplo desde o inicio do concepto de IA. Inicios moito máis antigos do que se pensa, remontándonos a tradicións relixiosas, onde o ser humano buscaba o seu lugar no mundo. Nos séculos XIX e XX, as matemáticas e os avances informáticos fóronlle dando forma. No século XXI, os avances son moi significativos e fálase xa de redes neuronais artificiais. Tivemos a ocasión de interaccionar con distintos proxectos e aplicacións que ten esta tecnoloxía, cada unha máis sorprendente ca a anterior. 

No mes de marzo, asistimos a unha charla/entrevista con dona Alma Gómez, doutora en Enxeñería Informática da Universidade de Vigo. Tivemos a ocasión de formular as nosas dúbidas e de profundar moito máis neste concepto. Accedemos a recursos en liña de IA. A charla proporcionou moitas ideas con visión de futuro para o alumnado, fomentando o espírito emprendedor.

 

2. Fundamentación, obxectivos e metodoloxía da innovación

Fundamentación legal

Na Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, polo que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, sinálase que na educación se dará  resposta ás novas esixencias sociais, entre outras:

  • En coordinación coas institucións e organizacións do contorno favorecerase a sostibilidade dos centros e a súa relación co medio natural e a adaptación ás consecuencias derivadas do cambio climático.
  • Promoverase a investigación e a innovación educativa e a difusión de experiencias e o intercambio dos resultados relevantes entre redes de centros educativos e universidades.
  • Adoptaranse diversas medidas para o fomento da igualdade efectiva entre homes e mulleres, impulso dos estudos STEM, perspectiva de xénero e valores coeducativos nos plans de acción titorial e de convivencia, incluída a educación para a prevención da violencia de xénero.
  • Fomentarase a educación para a saúde, incluídos hábitos de vida e alimentación saudable a educación emocional e afectivo-sexual.
  • Traballarase en todas as materias a competencia dixital, o respecto á privacidade e a seguridade no uso das tecnoloxías, para evitar a brecha no acceso e uso.
  • Englobarase en todas as materias o emprendemento social e empresarial, o espírito crítico e científico, a creatividade, a formación estética o respecto mutuo e a cooperación entre iguais.

 

Obxectivos

  • Fomentar o coñecemento e o uso das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) por parte das rapazas de primaria. Malia seren as rapazas o destinatario principal da iniciativa, non exclúe, en ningún caso, a presenza de rapaces no programa.
  • Desenvolver as seguintes competencias: competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, competencia dixital, competencia en aprender a aprender, competencias sociais e cívicas, competencia en sentido de iniciativa e espírito emprendedor.
  • Desenvolver un produto TIC (vídeo, canle de YouTube, páxina web, proxecto, maqueta, curtametraxe etc.) usando novas ferramentas TIC.
  • Coñecer opcións dispoñibles no mundo das TIC, ter un modelo próximo, divertido e interesante no ámbito escolar que teña compoñente de xénero.
  • Fomentar a participación do alumnado como parte activa na creación, non só no consumo das tecnoloxías que marcan as nosas vidas.
  • Implementar proxectos deseñados para fomentar a visualización e participación positiva das mulleres no eido das TIC nas que elas sexan as protagonistas, non simples usuarias.
  • Unificar os proxectos competenciais no plan de acción titorial optimizando tempos e esforzos.

 

Metodoloxía

En primeiro lugar, pedímoslle achegas ao alumnado sobre a posible trama da curtametraxe en diversos formatos. Algunhas aulas fixeron cómics por grupos, outras narraron as propostas de xeito individual, crearon maquetas... favorecendo o pensamento diverxente. Este paso organizouse desde distintas áreas de forma interdisciplinaria. Unificamos todo tendo en conta que a gran maioría das ideas estivesen presentes. Atopamos que elementos como o universo, a presenza dun misterio por resolver, o centro educativo como lugar principal eran elementos repetidos. Establecemos os lugares necesarios para gravar e os decorados que precisabamos.

Creamos un espazo no centro, a aula de proxectos competenciais. Cada titora, unha hora á semana (na hora de libre configuración), dedicáballe tempo á busca de recursos e ideas para a decoración. Alí investigamos, debatemos, indagamos, escribimos o guión... Neste caso puxémonos todos en contacto co mundo audiovisual e co cine. Nas seguintes imaxes mostramos o proceso de transformación que sufriu a aula de proxectos ata converterse nunha nave espacial.

 

 

A duración do conxunto do proxecto é anual. A maior dificultade atopada foi cumprir cos prazos establecidos ao principio do curso. A cada paso, xurdía algunha dificultade ou imprevisto que facía que se dilatasen as actividades no tempo.
Fixámonos unha serie de actuacións por trimestre, que se flexibilizaron segundo as necesidades.

  • 1º trimestre: Motivación, investigación e creación de formatos
  • 2º trimestre: Gravación e montaxe
  • 3º trimestre: Visionado

Gravamos un mes máis tarde, pero con tempo suficiente para facer a estrea no auditorio municipal de Salceda de Caselas na Semana das Letras Galegas 2023. Unha vez visionada a curtametraxe, xunto coas familias e a corporación local, compartirémola na canle PECTV (proxectaeconecta TV) e nun banner na Web. Vehiculando as aprendizaxes curriculares (APS) e facendo partícipes as familias e a comunidade.

Ligazón

 

 

3. Canto custa innovar?

Recursos:

Persoais: Capital profesional: experiencia e coordinación.
Ambientais: Facilitados polo entro educativo e postos á disposición da implementación do proxecto (espazo aula - proxectos competenciais).
Económicos: Gasto económico total: 1600 € (decoración e un profesional de imaxe e son).   

 

4. Avaliación

Obtemos as seguintes conclusións a través da reflexión e o debate entre o profesorado participante. Empregamos os datos da páxina web e a observación directa na aula.

Alumnado: Os datos obtidos a través da web indícannos que o alumnado emprega a páxina web como instrumento de comunicación e seguimento (véxase a imaxe dos datos). Observamos tamén que mostran moito interese e ganas de participar.

 

 

Profesorado: Aspectos positivos

- Logramos acordos para abordar un tema de organización de xeito rápido e case automaticamente complementario.
- Acadamos un respecto á diversidade e ás circunstancias persoais que reduce significativamente a percepción de carga e libera de estrés, sen ir en detrimento da consecución de obxectivos.
- Percibimos que temos menos consultas nas titorías tanto de familias coma de alumnado sobre aspectos relacionados  co traballo e sobre a avaliación. Pensamos que proporciona a cohesión intra e intergrupal que beneficia o sentimento de pertenza ao «grupo de sextos». Buscan a excelencia e «facer o mellor posible» para a «curtametraxe». Unha cuarta parte do alumnado prestouse voluntario para vir ao centro dúas tardes para traballar no guión. É un dato que hai que ter en conta.

Propostas de mellora

- Facer unha aproximación axustada dos tempos é complicado, porque con 110 alumnos e todas as ideas creativas que achegaron, levou máis tempo do previsto axustar este aspecto.
- O resto de imprevistos que xurdiron e os problemas técnicos consideramos que é normal que acontezan e que forman parte das innovacións.
- Empregar a ferramenta de análise DAFO no mes de setembro para detectar necesidades máis axustadas e incidir nelas (alumnado, profesorado, familias e contorno).

 

5. Conclusión

Con este artigo queremos tamén achegar o noso ánimo a outros docentes para investigar, explorar, experimentar coas posibilidades infinitas e interesantes que nos ofrecen as novas tecnoloxías. E seguir compartindo esas experiencias. Non se trata de «canta» tecnoloxía, trátase de «como» a empregamos sacando o máximo potencial. Mellorar e ampliar o noso perfil competencial desde a práctica diaria. Temos a autonomía para unirnos en proxectos innovadores e acadar obxectivos. Non temos dúbidas de que a innovación redunda na calidade educativa. É unha forma de ver o traballo reflectido de forma competencial e significativa. Unha aplicación das tecnoloxías adquirindo estratexias reais, espírito crítico desde os seus intereses, vehiculando contidos e valores que traspasan a escola, para formar parte do seu contexto vital, no que nós tamén queremos participar.

 

 

Profesorado participante no Plan Proxecta 2022/23:
Ana María España González. Ed. primaria.  Especialidade Francés
Patricia Diz Rodríguez. Ed. primaria. Coordinadora Moitavista na Escola
José González Couto. Ed. Física
Ruth Alonso Villar. Ed. primaria. Ed. Musical. Lic. Psicoloxía
Loli Pérez Martínez. Ed. primaria. Especialidade Inglés. Coordinadora Mulleres Emprendedoras nas TIC. Equipo de biblioteca
Rosalía Gil Lariño. Ed. primaria. Especialidade Inglés. Lic. Psicopedagoxía. Coordinadora de nivel/ciclo

 

 

Bibliografía: 

 

 

BONALS, J. (2000).  El trabajo en equipo del profesorado. Barcelona: Editorial Graó.

COLE, P. (2013). Aligning professional learning, performance management and effective teaching. Seminar Series 217. Melbourne: Centre for Strategic Education.

CORROCHANO, R.  (2023). Programación didáctica y situaciones de aprendizaje desde la LOMLOE. Editorial Universo de las Letras.

DUFOUR, R. e FULLAN, M. (2013). Built to last: Systemic PLCs at work. Bloomington, IN: Solution Tree.

ELIZONDO, C. (2023). Neuroeducación y diseño universal para el aprendizaje. Ed. Octaedro.

GAIRÍN, J. (1993). Programa de actuación del equipo directivo. MEC. Cursos de formación para equipos directivos.

GATHER THURLER, M. (2004). Innovar en el seno de la institución escolar. Barcelona: Editorial Graó.

HARGREAVES, A. e BRAUN, H. (2012). Leading for all. Final report to the Council of Directors of Education. Boston, MA: Boston College.

KIRTMAN, L. (2013). Leadership and teams: The missing pieceof the education reform puzzle. Upper Saddle River, NJ: Pearson Education.

KOTTER, J. (2008). A sense of urgency. Boston, MA: Harvard Business Press.

MARTÍN-MORENO CERRILLO (2006). Organización y dirección de centros educativos innovadores. El centro educativo versátil. Madrid: McGrawHill.

MINTZBERG, H. (1988). Estructuración de las organizaciones. Barcelona: Ed. Ariel.

NEWPORT, C. (2012). So good they can´t ignore you: Why skills trump passion in the quest for work you love. Nova York, NY: Business Plus.

PINK, D. (2009). Drive: The surprising truth about what motivates us. Nova York, NY. River-head Books. (Trad. cast.: La sorprendente verdad sobre qué nos motiva. Barcelona. Gestión 2000, 2013, 5.ª edic.).

QUINTANA MARTÍN-MORENO CERRILLO (1996). La organización de centros educativos en una perspectiva de cambio. Madrid: Sanz y Torres.

Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller (2005). Guía de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Manual didáctico para formadores. Xunta de Galicia.

TIMPERLEY, H. (2011). Realizing the power of professional learning. Nova York, MA: McGraw-Hill.

WELLS, C. M. e FEUN, L. (2013). Education change and professional learning communities: A study of two districts. Journal of Educational Change.

https://www.edu.xunta.gal/portal/

https://intef.es/

 

 

Sección: