
A radio escolar. Aprender de xeito divertido
Carlos Sever Valverde
Mestre de Educación Física
CEIP Mestre Valverde Mayo – Sanguiñeda, Mos (Pontevedra)
csever@edu.xunta.es
O comezo é marabilloso, o alumnado de sexto, sétimo e oitavo de EXB involúcrase extraordinariamente, mesmo nas clases de Pretecnoloxía montamos o primeiro altofalante co que contou a nosa radio. Preparamos a instalación e tivemos o noso primeiro estudio radiofónico: o almacén debaixo das escaleiras. Necesitabamos agora os trebellos necesarios para poder iniciar o noso proxecto: un micrófono, un amplificador e un reprodutor de son, mercamos o primeiro e mais o segundo, pero xa non houbo cartos para o terceiro, así que o mestre trae o seu reprodutor de casete e un alumno procura na súa casa as primeiras casetes musicais. Xa estamos listos para comezar!
Polas mañás ao chegar ao colexio o alumnado encargado e mais o mestre colgan o altofalante da ventá, abrimos micrófono e comezamos: “Ola a todos e todas, aquí estamos na nosa radio escolar Sanguiñeda, unha radio pensada e feita en galego para galegos coma ti...”. Deseguido novas, curiosidades, concursos, música e moito máis. O proxecto dá os seus primeiros pasos e... nós tamén queremos participar na radio! Ao alumnado gústalle esta nova proposta. Comezan as quendas de locutores, as quendas de controis, as quendas de correspondentes, os responsables de concursos e das distintas seccións. Para chegar ata aquí, o alumnado deberá entregar por escrito o proxecto do programa que vai realizar, contidos, medios e recursos que cómpre empregar. Mentres, os membros de controis aprenden o manexo dos trebellos e son posteriormente “mestres” daqueles novos alumnos e alumnas que se achegan á experiencia... Isto non só medra en capital humano, hai necesidade de ampliar medios: facemos no taller de Pretecnoloxía dous novos altofalantes para cubrir todo o espazo do patio escolar. A ANPA colabora coa merca de dous tocadiscos e, posteriormente, unha platina dobre (podiamos gravar os nosos programas á vez que estabamos emitindo no recreo. Vaia avance técnico!). Mercamos unha casete gravadora de man para as entrevistas que realizamos coa xente que viña ao colexio nas distintas actividades programadas, ou mesmo cando, dentro da clase de Ciencias Sociais, procurabamos información no barrio.
Ao mesmo tempo que se dá o avance en medios técnicos, hai avances no contido radiofónico. Unha lembranza daqueles anos é a primeira radionovela: Aventura na cova, escrita polo alumnado de sétimo de EXB e que, con moita ilusión, montamos no estudo de radio. Efectos especiais feitos por aqueles nenos e nenas cunha pechadura vella, unha chapa ou o simple ruxir da voz dun deles para simular un monstro. Por certo, que esta radionovela témola recuperada dixitalmente no blog da radio na sección do vinte e cinco aniversario.
A radio vai ocupando cada vez máis espazo na vida diaria do colexio, xa non só está presente no tempo do recreo. A entrada ao centro e a saída é responsabilidade dos integrantes da radio escolar, escollemos unha sintonía para a entrada e outra para a saída e, segundo as quendas establecidas, o alumnado de controis é responsable de tocar para indicar o inicio ou a fin das clases.
Necesitamos acompañar dunha voz e dunha música unhas diapositivas debuxadas polo alumnado en papel cebola co tema de Roma... Pois aí están os membros da radio! Temos un festival e necesitamos sons e luces, serán e seguen a ser os membros da radio escolar os responsables do seu manexo e correcto funcionamento. Inicialmente, foron luces feitas na clase de Plástica con botes e ópticas de coche, mesa de luces feita con botóns que se manexaba manualmente.
Ano tras ano damos pasos a prol da mellora dos medios e impulsamos os contidos da nosa radio. A día de hoxe, deixamos atrás aquel amplificador de 30 watts e a platina do mestre e contamos cunha mesa de mesturas de seis canles, unha etapa de potencia de 300 watts, un PC con conexión a internet e un PC para gravar todos os programas de aula, un conector de micrófonos para seis elementos e un novo estudio de radio con zona de controis e outra zona de locutores coa súa insonorización. Este novo estudio fíxose coa colaboración do concello.
Con respecto ás festas e festivais, xa non empregamos aquela mesa feita polos nenos e nenas (aínda que si a temos gardada), hoxe contamos cunha mesa de luces feita por un daqueles alumnos da radio escolar que decidiu seguir o camiño dos estudos de Electrónica.
Se desde o punto de vista dos medios se produciu unha evolución enorme, tamén a hai en canto aos contidos, ao alumnado e ao profesorado. A participación do profesorado e do seu alumnado foi en aumento ano tras ano ata a totalidade do centro, coa elaboración de, como mínimo, tres programas por curso de cada un dos niveis existentes, hoxe en día desde educación infantil de 3 anos a sexto de primaria.
Tamén houbo un salto da actividade máis aló do propio centro. Desde o curso 1995/1996 ata o curso 1999/2000 participouse no proxecto de radio escolar en emisoras comercias, en concreto en Radio Voz Vigo e na cadea COPE, proxecto patrocinado pola Dirección Xeral de Política Lingüística. Desde o ano 1995 ata o 2001 participamos na experiencia radiofónica Ponte…Nas Ondas, onde colexios de Galicia e Portugal compartiamos os nosos programas cunha emisión conxunta a través da FM ao longo dun día.
Xa no curso 2007/2008 e 2008/2009 demos o derradeiro salto radiofónico, coa emisión diaria en directo a través da FM coa desaparecida emisora municipal Radio Mos. Nestes dous cursos e grazas á instalación dunha liña RSDI, faciamos unha conexión en directo no tempo de recreo –realizamos un total de 202 programas e chegamos a todos os fogares–. Os pais e as nais enviaban as súas dedicatorias e os nenos e as nenas tamén lles dedicaban cancións aos seus familiares.
As dedicatorias, que actualmente fan vía web ou empregando un papel, preferentemente reutilizado, seguen a ser unha das seccións de maior aceptación; o curso pasado acadaron un total de 2.504 dedicatorias enviadas (o número total de alumnos é de 178). Debemos facer un inciso para comentar que o alumnado debe escribir esas dedicatorias e, polo tanto, podemos observar erros ortográficos para posteriormente corrixilos, unha aplicación práctica na linguaxe escrita.
Despois deste repaso no tempo da evolución da radio escolar no noso centro, é curioso observar o que cada un lembra do seu paso por esta experiencia. Unha ex-alumna, no vídeo que nos envía para conmemorar estes vinte e cinco anos de existencia, garda como mellor lembranza o día que na radio anunciou como nova a fin da guerra de Iraq. Outro ex-alumno, hoxe médico nunha ONG –actualmente nun país africano–, comenta que naquel tempo no que non tiñan nada, nin Play Station, nin móbil, tiñan a radio. Tamén lles escoitamos dicir a nenos e nenas matriculados hoxe no centro que o seu pai ou nai estivo na radio…
Moitos anos e moitas lembranzas difíciles de condensar e complicadas de transcribir. Curso tras curso, multitude de programas que, a través dos micrófonos, nos descubriron o euro, as árbores galegas, a igualdade, as festas populares… infinidade de coñecementos! Coñecementos traballados nas aulas e transmitidos ao resto do alumnado e ao profesorado a través dos programas de radio.
O número de programas feitos nestes anos é moi numeroso, nos derradeiros cursos están todos dixitalizados e poden ser escoitados na nosa web (http://www.ceipmestrevalverdemayo.es/audioradio/20122013/programasradio.htm), onde se pode comprobar a súa riqueza e variedade, sempre partindo dunha premisa en común: reflectir o traballo diario na clase. O feito de telos dixitalizados permite o acceso a un recurso, en caso de necesidade ou interese, en calquera momento do día, pois todas as aulas teñen acceso a internet.
Non cabe dúbida de que esta experiencia é un elemento moi importante na consecución das distintas competencias educativas, sobre todo na competencia lingüística. Algúns dos obxectivos que pretendemos co traballo na radio son:
* Achegar o alumnado a un medio de comunicación.
* Fomentar a mellora da expresión oral.
* Contribuír á utilización da lingua galega como medio de comunicarnos entre nós.
* Crear unha canle que permita un mellor achegamento ao contorno.
* Contribuír ao mellor coñecemento da nosa cultura.
* Favorecer a creatividade individual.
* Fomentar o traballo en equipo.
* Contribuír ao mellor coñecemento da nosa lingua.
* Fomentar a interrelación persoal.
* Crear un medio de participación e integración na dinámica do centro educativo.
Máis de 4.000 alumnos e alumnas pasaron polos estudios de radio nestes anos, achegándose ao mundo das ondas dun xeito lúdico e, como non, aprendendo dun xeito divertido. Divertido? Que mellor xeito de aprender algo que sendo o protagonista, en vez de “tomar apuntamentos”, ler ese anaco en cor do libro, memorizar as partes de calquera órgano corporal ou norma ortográfica... e facelo cantando, investigando, recitando, lendo un apartado escrito por un mesmo e diante dun micrófono. En definitiva, ser o protagonista e non o espectador!
Calquera dos programas realizados teñen un traballo detrás que reflicte as distintas sesións de traballo na aula, escoitar a un neno de tres anos expresándose a través dun micrófono é un logro en si mesmo, escoitar un alumno de primaria falar da axuda a Haití ou dar as novas da súa bisbarra é un avance na consecución dos obxectivos indicados con anterioridade.
Como traballamos na radio?
Aquí tamén o tempo foi modificando os medios e o estilo de traballo, aínda que a esencia continua. Pensemos que comezamos cun alumnado que podía ter ata os dezaseis anos e hoxe en día o alumnado vai desde os tres anos ata os doce anos. Inicialmente era un traballo máis de equipos e grupos, hoxe é un traballo da totalidade do colexio. Por unha banda, están os programas diarios que están a cargo daquel alumnado que, voluntariamente e ao inicio de cada curso, se anota como membro da radio escolar. Son os encargados das tarefas como tocar ao inicio e ao remate da xornada lectiva, os encargados de controis, os encargados de conducir como locutores os programas diarios, os encargados das distintas seccións de radio que eles mesmos propoñen ou daquelas fixas (deportes e predición meteorolóxica), os encargados do son e da luz nas festas e festivais.
Na primeira sesión do día, o alumnado de sexto de primaria coa súa mestra prepara as novas, para o que emprega o xornal en formato analóxico ou dixital. Despois de ler, analizar e resumir as novas máis salientables tanto no ámbito nacional coma no local, cada día un grupo destes alumnos e alumnas pasa polo estudio de radio para emitilas. A outra parte do traballo é a que realizan os mestres e mestras nas aulas. Segundo o calendario establecido, preparan os seus programas, coa participación íntegra de todo o alumnado: teña síndrome de down, sexa un alumno cego ou calquera outra necesidade, isto non lle impide ter o seu protagonismo no programa de radio, todos temos sempre algo que achegar. A radio comparte a filosofía do centro: todos somos un e un somos todos! Polo tanto, non hai ningún tipo de restrición para participar desta experiencia.
O contido e a metodoloxía que se emprega en cada programa é decisión de cada mestre. Recitamos poesías, facemos refráns, inventamos loanzas para os nosos maiores, explicamos situacións do mundo, aprendemos a circulación sanguínea, rimos e cantamos. Que mellor forma de aprender!
O feito de que esta actividade estea vixente despois de vinte e cinco anos é a mellor mostra da súa importancia, do seu valor, do aproveitamento que dela se fai e de que, a pesar da súa idade, segue a ser algo novo, unha experiencia por descubrir.
O número de nenos e nenas que pasou polos estudios da radio, o número de programas e a variedade de contidos fan deste proxecto un modelo enriquecedor no proceso de ensino-aprendizaxe do que todos os integrantes do centro nos sentimos orgullosos.
Como fundador e coordinador desta experiencia ao longo deste anos, quero aproveitar para lles dar as grazas a todos os mestres, mestras, familias, alumnos e alumnas que teñen participado e colaborado neste proxecto. Felicidades por facer que a nosa radio siga tan viva.
Accede aquí á páxina web do centro onde están dixitalizados os programas destes últimos cursos.