Agueiro, unha ferramenta institucional colaborativa
Xan Lois Lomba Alonso
xamgz@edu.xunta.gal
CEIP Plurilingüe García Barbón (Vigo - Pontevedra)
1. Introdución
A aparición da covid-19 e, como consecuencia, a pandemia que sufrimos modificaron a visión que temos da sociedade na que vivimos. Procesos que eran incipientes hai dous anos, como o comercio en liña, plataformas dixitais de entretemento… sufriron un impulso sen precedentes.
O ensino non foi alleo a esta situación. Así, o 16 de marzo de 2020, prodúcese un terremoto no mundo do ensino que modificou a nosa práctica docente ata extremos nunca vistos. A pandemia veu acompañada dun confinamento no que tanto docentes como discentes tivemos que modificar o noso xeito de vivir e, xa que logo, o noso xeito de ensinar e aprender.
Desde hai anos o CEIP García Barbón está a desenvolver un PFPP no cal, entre outros obxectivos, se está a traballar no enriquecemento das competencias dixitais do profesorado para que redunde na mellora do noso alumnado.
O feito dixital anos atrás íase abrindo paseniño nas nosas aulas. Aplicacións como Abalar, E-dixgal… cobraban cada vez máis espazo nos nosos centros e na nosa forma de ensinar. Hoxe, son unha realidade na que Agueiro pode e debe ocupar un espazo fundamental como ferramenta institucional.
2. Agueiro como ferramenta dixital en educación primaria: un exemplo no CEIP García Barbón
As titorías de primeiro curso de primaria do CEIP García Barbón desenvolvemos as áreas de Lingua Galega e de Ciencias por medio de proxectos. Ante isto, valoramos darlle unha volta a como presentarlle os contidos ao noso alumnado. Na procura dunha ferramenta atractiva, moi visual e que puidese admitir diferentes formatos de arquivos, tomamos a decisión de embarcarnos na aventura de traballar co portafolio de Agueiro.
Con Agueiro presentamos os contidos dun xeito atractivo, en formato de revista ou xornal, dado que admite diferentes estruturas de publicación.
Comezamos por xerar un grupo de traballo dentro de Agueiro entre as dúas titorías, onde aloxamos os materiais que necesitamos: pdf, textos, fotografías, vídeos… Por medio das páxinas imos poñendo os contidos segundo a temática e agrupándoas en coleccións, se é o caso (en Agueiro, «colección» fai referencia a un conxunto de páxinas).
Así, unha das primeiras páxinas que preparamos foi a de Tempo de Samaín, onde aplicamos un formato de presentación apaisada, con tres columnas na segunda fila e dúas na terceira. Nas diferentes filas fomos presentando vídeos e fichas en formato pdf e enlaces a fichas interactivas.
Tamén creamos unha colección sobre o corpo humano na que presentamos en cada páxina diferentes aspectos que hai que traballar como: a cabeza, o tronco, as extremidades, os ósos e articulacións, os músculos e os sentidos. En cada páxina volviamos integrar vídeos divulgativos e documentos pdf xunto con enlaces a diferentes actividades en liña.
Unha vez tiñamos confeccionadas as páxinas e as coleccións, estas foron usadas na clase para presentar a información e as actividades que se ían facer, repartindo os pdf en formato papel para que o alumnado poida traballalo. As ligazóns a actividades interactivas trabállanse no EDI de xeito conxunto.
Estas páxinas son aloxadas na aula virtual por medio dunha URL que enlaza directamente á páxina ou colección de Agueiro desexada, polo que todo o alumnado tiña o material á súa disposición en todo momento. Así, o alumnado que por calquera circunstancia tivese que quedar na casa, podía continuar a súa formación entrando na aula virtual do centro e accedendo ás páxinas de Agueiro no curso correspondente.
Cada modificación que realizamos nas páxinas —teñen un carácter dinámico— automaticamente se actualiza na aula virtual. É dicir, imos aumentando información en función de como lla imos presentando ao alumnado, polo que os materiais sempre están ao día e accesibles na aula virtual.
Outras páxinas que creamos foron: O Magosto, O Apalpador, A vivenda, Proxecto casas, Cousas da escola, Entroido, Os Merdeiros de Vigo, Animais etc.
Como primeira experiencia, temos que recoñecer que está sendo moi satisfactoria, utilizando unha ferramenta institucional onde poder aloxar os nosos materiais e onde amosárllos ao noso alumnado.
O seguinte paso será tratar de incluír o alumnado e as familias como parte activa de Agueiro, coa asignación de perfís onde xa se poida realizar directamente o proceso de ensino-aprendizaxe, así como entregar documentación necesaria para traballar entre mestres e mestras e tamén as familias. Pero imos paseniño…
3. Por que Agueiro?
Agueiro pódese denominar como unha ferramenta de uso na aula que engloba unha serie de aspectos que son de grande utilidade para o alumnado, o profesorado e as familias. Como ferramenta institucional que é, ofrece a seguridade de estar traballando dentro do paraugas da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, é dicir, cumpre coa lei protección de datos.
Agueiro non precisa de correo electrónico para o alumnado. A propia aplicación xera unha especie de correo «espello» para que o alumnado poida traballar con todas as ferramentas que ten sen necesidade de ter que abrir ningunha conta de correo. Lembremos que o uso das ferramentas dixitais adoita ir ligado ao uso de correo electrónico, unha cuestión delicada cando tratamos con nenos menores de idade e achegando datos persoais.
É unha ferramenta que resulta de fácil aplicación á hora de deseñar contidos, tanto para o profesorado como para o alumnado. Os contidos que xeramos quedan aloxados nos nosos ficheiros, tanto persoais como nos grupos que creamos ou aos que pertenzamos, cambiemos de centro ou non, porque Agueiro está vencellado, sobre todo, ao docente, non ao centro ao que pertence.
O portafolio de Agueiro é ideal para traballar con metodoloxías cooperativas, traballos colaborativos ou por proxectos. Ten a facultade de levar o proceso de ensino-aprendizaxe a un nivel de «horizontalidade» tal que o alumnado para a ser auténtico protagonista da súa propia aprendizaxe e o mestre ou mestra é un guía necesario nese proceso.
Como ferramenta «horizontal», permite unha certa interacción entre o alumnado, podendo colaborar no deseño de páxinas, contidos etc.
Un dos aspectos máis interesantes do portafolio de Agueiro é a posibilidade de compartir os traballos realizados con docentes, tanto do mesmo centro como doutros. Isto abre un abano de posibilidades de interacción entre profesionais no ámbito galego.
Finalmente, é unha ferramenta compatible e integrable noutras ferramentas dixitais como poden ser as aulas virtuais de centro, webs, blogs…
4. Como entender o portafolio de Agueiro
O portafolio Agueiro está fundamentado na creación de páxinas de contidos. Nestas páxinas podemos aloxar os contidos en diferentes formatos como pdf, fotografías, vídeos, documentos de texto, enlaces a outras webs ou aplicacións…
Pola súa vez, podemos crear «coleccións», que non son máis que conxuntos de páxinas cun denominador común que as relaciona. Tendo en conta isto, o portafolio de Agueiro está estruturado en tres ámbitos: crear, compartir e colaborar.
4.1. Crear en Agueiro
Para poder crear as nosas páxinas e coleccións, necesitamos contidos. Como xa se comentou con anterioridade, estes contidos poden ser arquivos ou enlaces, aquí aparece un dos aspectos máis notables do portafolio de Agueiro: 20 MB de espazo virtual para poder aloxar todos estes arquivos chamado «ficheiros». Aquí podedes gardar os vosos documentos, como se dunha «nube virtual» se tratase, poderedes ordenalos por medio de carpetas, subcarpetas…
Esta é unha funcionalidade que pode substituír as «nubes comerciais» que estamos a utilizar nos diferentes centros. Este espazo virtual vai medrando en tamaño en tanto en canto se vai utilizando, cando comecei a traballar con Agueiro tiña apenas uns poucos megas de capacidade.
Tendo en conta as características da aplicación, este almacenamento é ideal para aloxar, fóra dos nosos contidos didácticos, arquivos de importancia, como poden ser informes que xeremos… En definitiva, ter un contorno segura onde poder aloxar toda a información que, como profesionais consideremos oportuna.
4.2. Compartir en Agueiro
Todos os contidos que temos aloxados no noso «ficheiro» podemos compartilos cos demais por medio das páxinas e das coleccións.
As páxinas e as coleccións xéranse dun xeito sinxelo, utilizando sistemas de bloques que se van enchendo de contidos (vídeos, fotografías, pdf, documentos de textos, ligazóns…) segundo necesitemos. Poderemos escoller entre diferentes tipos de estruturas con unha, dúas, tres ou catro columnas… combinar o número de columnas nas diferentes filas segundo necesitemos, así como o seu tamaño. Nun formato moi atractivo para o docente e para o alumnado.
Ata este punto todo o que xeramos ou aloxamos no noso «fichiro» é completamente confidencial, ninguén pode acceder a esa información. Soamente se poderá ver aquilo que nós publiquemos.
Unha vez que se realiza a páxina ou a colección, é cando xa podemos publicala, ben sexa en E-dixgal, na aula virtual de centro, na web do centro ou en calquera outra aplicación que desexemos.
4.3. Colaborar en Agueiro
Unha das maiores potencialidades que ten o portafolio de Agueiro é a posibilidade de xerar grupos entre docentes e entre docentes e o noso alumnado.
Este grupos, pola súa vez, teñen un espazo virtual propio, así como as súas propias páxinas e coleccións. Con estas premisas, poderemos traballar contidos específicos, xerar proxectos sobre un tema ou traballos colaborativos, xerar debates, blogs...
Este é un aspecto moi interesante para poder levar a cabo traballos entre centros educativos, pero tamén é moi interesante o abano que se abre ao traballo entre docentes que, deste xeito, supera o propio centro educativo.
Resulta moi enriquecedor poder estar traballando un mesmo centro de interese ou levar a cabo un proxecto sobre un tema concreto entre diferentes centros educativos dentro da xeografía galega. O portafolio de Agueiro funcionaría como esta infraestrutura imprescindible onde aloxar os arquivos necesarios, onde ordenar eses contidos e plasmalos en formatos atractivos como as páxinas e as coleccións.
5. Agueiro é máis
Cando falamos do portafolio Agueiro, temos que pensar nunha ferramenta dixital dinámica, unha ferramenta viva, que xere debate, para iso contamos dentro da aplicación a posibilidade de crear foros, blogs etc. Contén un servizo de mensaxería segura para poder comunicarse entre os membros das comunidades de Agueiro.
Utilidades como os «plans de traballo» axúdanlles ao alumnado e ao profesorado a organizar as diferentes etapas de desenvolvemento de calquera proxecto ou traballo que queiramos poñer en marcha.
6. Conclusión
A preocupación pola protección de datos, o paso firme cara á dixitalización no ensino que se está a levar (xa temos que ir familiarizándonos co concepto de ensino híbrido), a necesidade de traballar con ferramentas unificadas ou a utilización de metodoloxías baseadas no traballo cooperativo, colaborativo ou por proxectos converte o portafolio Agueiro nunha ferramenta moi útil.
O portafolio de Agueiro une nunha soa aplicación necesidades que moitos docentes levamos tempo botando en falta. Unha nube corporativa vencellada ao profesional e non ao centro na que aloxar todos os nosos arquivos, incluídos aqueles que tratan información do máis delicado (informes, permisos, fotografías…). Un formato máis atractivo, tanto visual como na súa execución, cuns cantos pasos temos un produto final de alta calidade.
A posibilidade de que o noso alumnado traballe desde un plano de igualdade, xerando os seus propios traballos, converténdonos nunha guía necesaria para o seu desenvolvemento. A oportunidade que dá esta ferramenta de traballar con docentes doutros centros podendo xerar contidos, desenvolver proxectos, compartir ideas… un ensino entendido como un feito colaborativo e non tanto competitivo.
As posibilidades son grandes, pero tamén é certo que ten aspectos que mellorar, como a falta unha serie de ferramentas en liña, como un procesador de texto, presentacións ou un xerador de follas de cálculo, e poder traballar con elas simultaneamente.
Agueiro representa o futuro, tanto pola concepción da ferramenta como polas posibilidades de desenvolvemento que lles dá ao profesorado e ao alumnado. Se entendemos a colaboración, a cooperación, o traballo no mesmo plano como fundamental no proceso de ensino-aprendizaxe, entenderemos Agueiro.