Fundación María José Jove
A Fundación María José Jove foi creada no 2003 en memoria de María José Jove Santos, falecida na Coruña en marzo de 2002. Trátase dunha entidade moi dinámica que desenvolveu, ao longo dos seus 18 anos de actividade, máis dun cento de actividades que representan e consolidan os valores herdados de María José: nai dedicada, traballadora e implicada en diversas actuacións de carácter social e humanitario, sempre vinculadas á infancia e ás persoas con diversidade funcional.
Co compromiso de desenvolver accións que contribúan a alcanzar eses obxectivos, a Fundación traballa intensamente en favor da infancia e da inclusión social a través de catro áreas de intensa actividade:
- Área de Educación e Formación
- Área de Saúde
- Área de Lecer e Tempo Libre Responsable
- Área de Arte
A Fundación, cuxo principal ámbito de actuación é Galicia, foi declarada de interese galego e estímase que ao longo da súa traxectoria máis de 65 000 persoas se viron beneficiadas polas súas actividades. Ademais, a Fundación María José Jove alberga na súa sede a colección de arte Fundación María José Jove, importante mostra de arte privada dos séculos XIX, XX e XXI e creou o MUV, o primeiro museo exclusivamente virtual de España.
En febreiro de 2022, Felipa Jove Santos, presidenta da Fundación María José Jove, foi recoñecida co Premio Mecenas Español 2022, galardón que lle entregou a SM a raíña dona Sofía.
Actividades da área de educación e formación
Na área educacional, a Fundación María José Jove aposta por programas diferentes e de calidade, nos que se promove educación inclusiva e se facilita a conciliación da vida laboral e familiar. Desde 2021 ampliouse a súa liña de actividades de atención aos colectivos máis vulnerables.
As súas principais liñas de actuación son, entre outras:
Convenio coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e o Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados (INGADA)
Programa que, desde 2014, forma anualmente preto de 600 profesores de toda Galicia para o tratamento do alumnado con trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH). O obxectivo desta iniciativa non é outro que achegarlle ao profesorado o coñecemento necesario sobre o TDAH para que poida abordalo nas aulas da mellor maneira posible, facilitando o desenvolvemento do alumnado e a súa inclusión. O TDAH é un dos trastornos do neurodesenvolvemento máis prevalentes na poboación infanto-xuvenil. En España, a prevalencia sitúase entre o 5 e o 7 % dos nenos e adolescentes, segundo datos recollidos polo sistema nacional de saúde.
Dirixido a docentes dos centros de educación primaria, educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional de Galicia, a formación impártese nas catro provincias galegas. Desde o inicio do programa, que vai xa pola súa sétima edición, foron formados máis de 2000 profesores. Ao concluír o curso, cada un dos asistentes de forma voluntaria pode presentar un proxecto final que opta a unha bolsa de 3000 € financiada pola Fundación María José Jove para que o gañador poida implantar o seu proxecto no centro educativo.
Curso de coordinadores de benestar e protección no centro educativo
Conscientes da necesidade de contribuír á protección da infancia e da adolescencia fronte á violencia, a Fundación María José Jove imparte un curso destinado ao profesorado co fin de formalo para o desempeño da figura de coordinador de benestar e protección no seu centro educativo. Unha figura que nace cos cambios introducidos pola LOMLOE para o curso 2022/23 e cuxas funcións irán destinadas a previr e protexer o estudantado fronte á violencia escolar. Para iso, a Fundación quixo ofrecerlles aos docentes a capacitación necesaria que os habilite para cumprir o rol desta figura dentro dos centros educativos.
Este curso, de 80 horas de duración, lévase a cabo entre os meses de xaneiro e maio de 2022 e conta coa homologación da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta de Galicia. O programa, que combina modalidade presencial e en liña, impartirase un día á semana en horario de tarde. Está dirixido a persoal docente e directivo de ensinos múltiples, docentes, coordinadores e persoas interesadas en impulsar o benestar educativo.
Con este programa formativo, a Fundación María José Jove quere capacitar as persoas participantes con ferramentas e prácticas impulsoras do benestar, a saúde e a seguridade, axudarlles na elaboración e desenvolvemento dun plan de acción en materia de benestar: modelo Be Tree, integrar o benestar e a felicidade nos proxectos educativos dos centros e promover o benestar educativo de forma integral e transversal na cultura escolar.
O MUV na escola rural
O MUV na escola rural é un programa piloto co que a Fundación María José Jove quere fomentar a accesibilidade á cultura e, especialmente, á arte contemporánea, dos menores do rural galego. Entre todas as solicitudes presentadas, a entidade seleccionou para esta primeira edición a EEI Donramiro (Lalín), o CEIP Castrelo de Miño; o CPI Poeta Uxío Novoneyra (Folgoso do Courel) e o CEIP Plurilingüe de Outes.
O museo virtual (MUV) está en cada escola tres semanas, durante as cales o alumnado de segundo ciclo de educación infantil e primeiro ciclo de primaria e os docentes poden visitalo e implementar os recursos creados para eles. E é que, desde a área de arte da Fundación, está a traballarse coa tecnoloxía para achegar a arte ás escolas e, desta maneira, contribuír a eliminar algún dos obstáculos aos que estes centros se enfrontan día a día. Ademais, o programa potencia o pensamento artístico no alumnado como vehículo de relación; fomenta a conciencia ambiental e valores para a preservación ambiental, e utiliza as prácticas artísticas como ferramentas transversais no centro educativo, neste caso, sobre o medio ambiente e a sustentabilidade, temas de vital importancia no currículo educativo.
O MUV na escola rural formúlase como un proxecto conxunto e de intercambio, que permita compartir experiencias entre o museo MUV-FMJJ e as catro escolas participantes no programa. Posteriormente, estes materiais didácticos, xunto con algúns dos resultados da experiencia dos catro centros educativos, serán recollidos nunha publicación dixital que estará dispoñible na web do museo.
Taller de fotografía inclusiva
É un programa da Fundación María José Jove que ten como obxectivo outorgar ferramentas para o posible desenvolvemento laboral de mozos con diversidade funcional de entre 16 e 24 anos no campo da fotografía. Tutelado pola Asociación Nos Why Not, o programa fixo en 2021 a súa terceira edición e por el pasaron unha trintena de mozos. O obxectivo principal é mostrarlles aos alumnos que a fotografía pode ser unha oportunidade laboral e crear unha infraestrutura con características profesionais que permita ampliar coñecementos na área, ademais de socializar e ampliar inquietudes culturais e laborais. O taller promove, ademais, sinerxías entre diferentes sectores da sociedade e o empoderamento dos alumnos como un grupo profesional e artístico do ámbito da fotografía.
A burbulla da arte
Porque a arte é unha extraordinaria ferramenta educativa, a Fundación María José Jove puxo en marcha en 2021 A burbulla da arte, un novo espazo didáctico que abarca:
- Xogos interactivos.
Dispoñibles na páxina web fundacionmariajosejove.org. Pódese xogar directamente desde un computador ou desde dispositivos móbiles ao estaren dispoñibles tamén nunha aplicación gratuíta tanto para Android como para IOS. Os xogos —as diferenzas, quebracabezas, colaxes e preguntas e respostas— teñen como base obras da colección de arte Fundación María José Jove, que achega os usuarios a diferentes linguaxes e artistas desde o século XIX ata a actualidade.
- Programa de visitas escolares á colección de arte Fundación María José Jove.
Deseñadas e adaptadas para menores desde os 3 ata os 18 anos. Actividade gratuíta para centros educativos de educación infantil, primaria, ESO, bacharelato e educación especial. Todas as visitas se deseñaron para achegar os grupos escolares ao universo da arte como transmisor e comunicador co obxectivo principal de recoñecer as diferentes linguaxes e aprender a lelas.
- Talleres inclusivos.
Taller familiar As Catro Estacións da Arte. Programa para un público familiar que permite compartir unha mañá arredor da arte e no que cada sesión se dedica a unha estación do ano. A actividade comeza cunha visita á sala de exposicións da Fundación María José Jove na que se analiza unha temática e, a continuación, se imparte un taller creativo.
O Compás
Programa de sensibilización sobre o consumo de alcohol e drogas dirixido a centros educativos con alumnos de entre 11 e 18 anos. Nas sesións, os mozos escoitaron e puxeron en valor experiencias vividas por terceiros arredor de problemáticas e situacións conflitivas en relación co consumo de alcohol e drogas por adolescentes, co obxectivo de transformalas en aprendizaxes positivas para a súa vida.
Aliados
Programa para mozos de entre 16 e 20 anos cuxa situación persoal, familiar, escolar ou social os levou a desvincularse da formación regrada e da actividade sociolaboral que a FMJJ impulsa co Concello da Coruña. Os destinatarios do programa son mozos desmotivados, cun nivel alto de desestruturación na organización cotiá (horarios, obrigacións, tarefas, responsabilidades…), escasa actividade social e sen formación que facilite a inserción laboral, feito se cabe aínda máis difícil nas actuais circunstancias da covid-19. Aliados combina sesións semanais de pequenos grupos de tres ou catro persoas con intereses comúns, con actuacións e un seguimento individualizado. É dicir, pártese da análise individualizada de cada caso a través de entrevistas que permitan deseñar un itinerario para cada unha das persoas participantes. Traballarase en ciclos de tres meses e, ao concluír un, comezarase con outros mozos. En cada ciclo, haberá entre 10/12 participantes.
Peques
Programa que lles proporciona a menores de entre 0 e 6 anos de familias en situación de risco social un adecuado coidado integral que favoreza o seu desenvolvemento físico, social, emocional e intelectual e que compense as carencias derivadas da súa situación socioeconómica que se viron agravadas tras a pandemia da covid-19. Peques combina a actividade presencial na sede da Fundación María José Jove, tanto para os menores como para os adultos, con actividade a distancia.
Nais
Programa de intervención familiar integral dirixido a nais novas con fillos pequenos ao seu cargo con problemas económicos ou vítimas de violencia de xénero. As participantes, que son derivadas polos servizos sociais da Coruña, ONG, centros de atención primaria, centros de orientación familiar ou de unidades de saúde mental, reciben unha atención integral destinada a reducir o risco de desestruturación e mellorar o nivel de axuste sociofamiliar. Un equipo de dous educadores sociais, un xestor para mediación laboral, un psicólogo clínico e coordinador asesóraas sobre o acceso a recursos sociais e clínicos, apóiaas no coidado dos fillos, media con entidades, empresas e particulares para posibles ofertas laborais, fórmaas para a inserción laboral, median cos educadores dos menores e dan apoio emocional, entre outras cuestións.
Talleres e actividades para familias
Contan cunha ampla traxectoria de máis de dez anos en funcionamento e constitúen polo seu enfoque e orixinalidade un referente na oferta educativa inclusiva e complementaria da cidade da Coruña. Inclúense talleres para nenos, para as familias, actividades de formación para proxenitores etc.