Inclusión educativa en Castroverde
Ana María Pérez Veiga
apveiga@edu.xunta.gal
CPI Plurilingüe de Castroverde (Castroverde-Lugo)
As barreiras para a aprendizaxe non son, de feito, inherentes ás capacidades do alumnado, senón que xorden da súa interacción con métodos e materiais inflexibles (Rose e Meyer)
Formación docente para un centro inclusivo
Levamos varios cursos participando nos plans de formación permanente do profesorado (PFPP). Nas tres últimas ocasións, a modalidade escollida consistiu en catro seminarios permanentes cada curso, doce en total. En cada seminario participou un elevado número de docentes, de infantil, primaria e secundaria. O PFPP tamén permitiu acceder a actividades específicas para familias. Todas as actuacións parten das necesidades que manifesta a comunidade educativa. Os itinerarios formativos permitiron mellorar as competencias docentes, particularmente as relacionadas coa inclusión facilitando a resposta á diversidade.
O noso proceso formativo é un labor continuo e coherente, sempre encamiñado a lograr a igualdade de oportunidades e o éxito escolar da totalidade do alumnado. Comezamos coas actuacións educativas de éxito das comunidades de aprendizaxe. Máis tarde realizamos formación sobre STEM, educación emocional, igualdade da muller e prevención da violencia de xénero. Tamén participamos no programa Aulas Felices, baseado na psicoloxía positiva. Un dos seminarios permanentes sempre se dedica a mellorar a competencia dixital do profesorado.
Na actualidade, partimos da experiencia da aplicación das iniciativas dos cursos anteriores e seguimos formándonos para continuar avanzando na inclusión. Aplicar as pautas do deseño universal da aprendizaxe é imprescindible nun modelo inclusivo.
Os modelos de ensino inclusivos que orientan a nosa práctica docente
A acción educativa na nosa escola está fundamentada en varios autores. Un deles é Vygotsky e a zona de desenvolvemento próximo (ZDP). De acordo coa ZDP pretendemos que o alumnado acade niveis de desenvolvemento superiores aos que podería acadar sen axuda de iguais ou de persoas adultas máis competentes.
A UNESCO fala de tres aspectos para definir a inclusión: que as persoas estean presentes, participando e obtendo logros. Aprendemos que as boas prácticas inclusivas aumentan a aprendizaxe instrumental da totalidade do alumnado, favorecen a creación de sentido da escola e destacan pola solidariedade.
Nunha escola inclusiva, a igualdade e a diferenza son compatibles e enriquécense mutuamente. Todo isto coincide co proposto no modelo de comunidades de aprendizaxe. O profesorado traballa en equipo nun clima de confianza e esforzo compartido. As familias e a comunidade son factores imprescindibles, xa que no ensino inclusivo é necesario programar oportunidades de aprendizaxe nas que participen a totalidade dos colectivos, non só o alumnado. Organízanse grupos interactivos, tertulias dialóxicas, apadriñamentos científicos e lectores, formación compartida coas familias, educación emocional e actividades de plurilingüismo.
Aplicamos a docencia compartida (co profesorado de apoio dentro da aula, evitando a saída do alumnado). Na posta en práctica, chegamos á conclusión de que separar de calquera xeito (lugar físico, temática para traballar...) ao alumnado con dificultades fai que a diferenza cos seus iguais aumente en vez de diminuír, co que se reproducen e se acentúan as desigualdades. E isto é así porque o alumnado non aprende só a partir do que lle transmite un docente, aprende dos seus iguais e de todas as persoas da comunidade e, sobre todo, porque perde a esperanza e, sen o adecuado estado emocional, non hai aprendizaxe.
Consideramos necesario adaptar o contexto ao alumnado e non o alumnado ao contexto. Isto correspóndese cos principios e pautas do deseño universal da aprendizaxe (DUA). O deseño universal, aplicado en educación, é un conxunto de orientacións para desenvolver contidos, metodoloxías e actividades que faciliten a consecución dos obxectivos de aprendizaxe, independentemente das características físicas, cognitivas ou emocionais. Este tipo de deseño transforma as clases en espazos inclusivos onde todo o alumnado pode aprender e progresar ao seu ritmo. Parte de evidencias da neurociencia (sobre as diferentes formas de acceder a información e de procesala que ten cada cerebro) e busca facilitar o acceso á aprendizaxe empregando recursos diversos.
Como aplicamos os principios do deseño universal da aprendizaxe
Principio 1. Ofrecer opcións de representación
A aprendizaxe é imposible se a información é imperceptible e é difícil cando a mensaxe se presenta en formatos que requiren un esforzo ou unha axuda extraordinarios. Para reducir estas barreiras, é importante garantir que a información relevante sexa igualmente perceptible para todo o alumnado. Para conseguilo. débese proporcionar a mesma información a través de diferentes modalidades (por exemplo, a través da visión, o oído ou o tacto) e, en segundo lugar, proporcionar información nun formato que permita axustar a persoa receptora (por exemplo, texto que se pode ampliar, sons que se poden ampliar).
No noso colexio, algúns exemplos de opcións de representación son:
- Que sexa o propio alumnado quen lles explica aos seus compañeiros e compañeiras (grupos interactivos).
- Uso de aplicacións dixitais como tradutores e outros soportes visuais para o alumnado inmigrante, co fin de seguir os mesmos contidos das materias.
- Conversión dos contidos das materias a formatos visuais e dixitais (alumnado TEA).
- Adecuar intervención docente para alumnado con discapacidade auditiva, usando un emisor ou usando outras estratexias de apoio visual.
- Uso dos equipos E-Dixgal para que calquera alumno ou alumna poida, durante o desenvolvemento da actividade lectiva ou no tempo non lectivo, acceder a titoriais, simulacións, explicacións de expertos...
- Metodoloxías activas, aprender facendo; en particular o ABR (aprendizaxe baseada en retos).
Principio 2. Ofrecer opcións de acción e expresión
Os alumnos e alumnas difiren nas formas en que poden comunicar o que saben. Por exemplo, o alumnado con problemas nas habilidades estratéxicas e organizativas (trastornos da función executiva, como os casos de TDAH) ou o alumnado con barreiras lingüísticas... Algúns poden expresarse ben por escrito, pero non oralmente ou ao revés. A acción e a expresión requiren moita estratexia, práctica e organización, e nisto poden diferenciarse. Non hai medios de acción e expresión óptimos para todo o alumnado; así que proporcionarlles opcións para a acción e a expresión é moi importante. Algúns exemplos de como aplicamos isto:
Darlle a opción de realizar probas orais a alumnado con TDAH ou con TEL ou probas con preguntas cortas, concretas e directas que lles faciliten a emisión da resposta.
- Ofrecerlles a posibilidade de emitir as respostas en múltiples soportes.
- Buscar alternativas para axudarlle na expresión ao alumnado estranxeiro.
- Permitir que, na presentación dos proxectos ou traballos realizados por grupos heteroxéneos, o alumnado poida asumir diferentes funcións e non todas as persoas teñan que expresar os seus resultados dunha única forma.
- Diversificar os formatos de recollida de información para avaliar o alumnado (escrita, oral, visual, audiovisual, en soporte dixital...).
Principio 3. Ofrecer opcións de implicación
As emocións xogan un papel crucial na aprendizaxe e, polo tanto, o alumnado difire na forma en que se implica ou no que o motiva a aprender. Estas diferenzas poden ter a súa orixe en múltiples causas: de carácter neurolóxico, cultural, de interese persoal, de subxectividade ou de coñecementos e experiencias previas, entre outras. É fundamental ofrecer múltiples opcións para facilitar o compromiso. No CPI coidamos especialmente a parte afectiva e algúns exemplos de aplicación deste terceiro principio do DUA son:
- Fomentar as interaccións educativas entre o alumnado mediante actividades cooperativas e colaborativas.
- Ampliar o uso das tecnoloxías para a titorización e seguimento do alumnado: TAP (tecnoloxías do apoderamento e participación).
- Tempo de lecer con xogos cooperativos organizados polo profesorado e tamén por persoal externo.
- Multiculturalidade e plurilingüismo.
- Gamificación, escape room e outras metodoloxías activas.
- Coeducación, feminismo, apoderamento das rapazas.
- Violencia cero, habilidades de prevención e resolución de conflitos e comunicación non violenta (CNV).
Dificultades e riscos na aplicación do DUA
Unha dificultade é o aumento do individualismo e da competitividade da sociedade. Isto tratamos de compensalo coa transmisión constante de valores solidarios.
A ausencia de fracaso escolar: mellora a aprendizaxe de todos e todas que unha minoría ve como unha ameaza a excelencia, malia existiren evidencias do contrario.
Confundir o nivel de aprendizaxe da lectoescritura coa aprendizaxe total. Pode ser necesario avaliar de formas diferentes o mesmo coñecemento, desde o enfoque do DUA, precisamente para maior xustiza e igualdade de oportunidades.
Existe o risco de confusión en que a adaptación ao contexto se transforme nunha rebaixa das expectativas. O DUA non implica menor aprendizaxe.
No momento actual, o persoal docente do centro prepara as súas clases de tres ou catro formas diferentes (principios DUA) e isto ten un límite superior. É imprescindible contar co suficiente profesorado.
Resultados
Os resultados achéganse ao 100 % de éxito académico e a convivencia é excelente. Ofrecémoslle ao noso alumnado unha educación de calidade caracterizada pola inclusión e diálogo. A igualdade de oportunidades está asegurada. O ensino é personalizado e benefíciase desde o alumnado con necesidades ata o de altas capacidades. Interésanse pola nosa escola nais e pais que buscan unha educación de calidade, unha atención á diversidade verdadeiramente inclusiva e un modelo onde as familias sexan escoitadas en relación co proceso educativo dos seus fillos ou fillas.
Presentación do CPI Plurilingüe de Castroverde
Redes e pautas para o DUA
Xestión da aula DUA, Coral Elizondo