Comprender e ordenar o territorio desde a biocultura

Un proxecto de intervención educativa por un centro e un territorio sustentables
A partir dun grande incendio forestal que chega a afectar ao propio centro escolar, agroma un proxecto que, partindo dunha transformación inicial do patio escolar, asume progresivamente un compromiso máis amplo coa propia transformación do territorio e se vincula coas iniciativas das comunidade de montes do concello de Rianxo a prol dunha ordenación sustentable do espazo forestal comunitario, integrándose as aprendizaxes académicas cos propios saberes comunitarios.

Rafael Saco Fernández, profesor de Filosofía
IES Félix Muriel (Rianxo-A Coruña)
rafael.saco@edu.xunta.gal

 

Un contexto ante o que non quedar indiferentes

O proxecto de biocultura que se está a desenvolver no IES Félix Muriel parte inicialmente da necesidade de lle dar resposta á situación xerada polo incendio que a finais de marzo de 2019 arrasou 1200 hectáreas de monte nos concellos de Rianxo e Dodro e que afectou, concretamente, a cinco das seis parroquias que conforman o concello de Rianxo e nas que vive a maior parte do alumnado do IES. Este feito xestou un contexto de gran significación para a comunidade educativa do Félix Muriel, especialmente para o alumnado, xa que pola envergadura e virulencia do lume tivo que ser desaloxado por primeira vez o noso centro, ao igual que sucedeu noutras escolas das parroquias. Como consecuencia deste, as parroquias de Leiro e Isorna foron declaradas PAAI, parroquias de alto nivel incendiario.

Ao mesmo tempo, e como consecuencia da destrución do territorio e dos prexuízos causados polo devandito incendio, desenvolveuse un proceso asociativo desde as comunidades de montes e dos veciños que culminou na constitución dunha asociación cívica denominada Plataforma pola Defensa do Monte. Nela intégranse as comunidades de montes do concello de Rianxo e, polo tanto, as familias ás que pertence unha gran parte do alumnado que nun futuro non moi afastado será quen de constituír as agrupacións de comuneiros e comuneiras en representación das súas casas.

No curso 2020/21 a dinámica do propio proxecto lévanos á necesidade de asumir un horizonte de intervención máis amplo ao incorporar unha lectura do territorio como totalidade complexa que debe interpretarse nas súas múltiples claves e sobre a que poder incidir desde o paradigma do que chamamos biocultura, constituíndo este o criterio fundamentado sobre o que orientar a necesidade dun desenvolvemento sustentable e a nosa propia forma de facelo real na construción do espazo comunitario. Dese modo produciuse unha progresiva ampliación do noso horizonte de comprensión e intervención sobre o territorio, así como unha maior incidencia no propio centro e nas nosas prácticas educativas. Consecuencia diso resultou a nosa incorporación ao proxecto Terra e, á par, a implicación nel de novos actores, que contribuíron de modo moi significativo ao seu enriquecemento. Por suposto, a propia comunidade educativa do Félix Muriel, que intensificou o seu compromiso, pero tamén o grupo de investigación Esculca da Facultade de Pedagoxía da USC, a Plataforma pola Defensa do Monte, que engloba as comunidades de montes en man común de Rianxo, a asociación para o desenvolvemento do rural AVOAR, o propio Concello de Rianxo, a Confraría de Pescadores de Rianxo ou a Fundación Ría, por medio do Laboratorio Ecosocial do Barbanza. Este último quixo recoñecer o labor desenvolvido e escolleu a nosa iniciativa dentro do proxecto Semente para apoialo no presente curso.

Vacina Plataforma

 

Camiñando cara a un obxectivo común

Concibimos a biocultura como expresión da raíz común que vincula a dicotomía natureza-cultura desde a que poder interpretar as formas históricas efectivas nas que nos constituímos como comunidades nunha conformación activa co territorio e sobre un fondo indispoñible e incalculable que, como valor en si mesmo, resulta condición necesaria e previa para a existencia.

Unha tripla motivación impulsou a evolución do proxecto nese curso:

1. A consciencia de que a reversión dos incendios só pode facerse posible desde unha concepción e unha ordenación sustentables do territorio, concibido este como hábitat no que teña realización unha efectiva conciencia ecosocial. Aquí puido incorporarse unha amplitude de vertentes que foron abríndosenos desde as achegas da biocultura a modo de ferramentas coas que poder incidir sobre o territorio como a devandita totalidade.

2. Orientar o desenvolvemento competencial do alumnado coa finalidade de idear modelos de ordenación e medidas de intervención a prol da sustentabilidade do territorio.

3. A oportunidade de situar as propostas e iniciativas que foron xurdindo sobre o marco efectivo da xestión do monte e do territorio que realizan as propias comunidades. A comunidade educativa e as propias comunidades de montes compartían o mesmo horizonte e o mesmo fin.

Sobre ese marco conceptual e sobre a definición contextualizada das liñas de intervención, afrontamos os seguintes obxectivos:

1. Contribuír a asimilar unha concepción ecosocial e integral do territorio como espazo dunha biodiversidade cultural e natural que merece ser vivido e ao que debemos ter dereito.

2. Contribuír ao coñecemento da biocultura e das súas contribucións para facer posible unha ordenación do territorio baixo o criterio da sustentabilidade.

3. Tomar conciencia da singularidade que conforma a organización comunitaria da propiedade comunal do monte en Galicia, do seu devir histórico e do seu modelo de integración e xestión horizontal.

4. Promover o deseño de espazos e intervencións medioambientais sobre o patio escolar e o seu contexto como realización de aprendizaxes motivadoras.

5. Contribuír ao coñecemento da casuística e afectación no territorio dos incendios forestais e a súa reversión mediante proxectos sustentables de ordenación.

6. Potenciar a elaboración de proxectos no alumnado cunha metodoloxía de aprendizaxe-servizo imbricada na biocultura.

7. Tomar conciencia da crise sanitaria e da pandemia actuais desde claves interdisciplinares e dos límites do noso modelo de civilización e da necesidade de compromiso cara a un modelo sustentable do territorio.

 

Unha proposta naturalmente interdisciplinar

O proxecto orientouse ao alumnado da ESO e desenvolveuse nas materias de Educación para a Cidadanía, Valores Éticos, Filosofía, Xeografía e Historia, Lingua Galega e Literatura, Bioloxía, Tecnoloxía, Economía e Francés en grupos de todos os niveis e cunha carga horaria correspondente a un terzo da actividade lectiva semanal, asumíndose diferentes ritmos de dedicación segundo as dinámicas adoptadas nas diferentes áreas docentes. Nas materias de Educación para a Cidadanía e Valores Éticos asumiuse a hora lectiva semanal de dedicación. Participaron un total de trece profesores e profesoras, integrados en sete departamentos, o que permitiu nutrir de motivación as dinámicas e as múltiples actividades, e incorporáronse tamén os diferentes recursos do centro.

Un compoñente fundamental foi a achega de coñecementos procedentes da propia comunidade nos desenvolvementos competenciais do alumnado, como foron as das comunidades de montes, da Confraría de Pescadores ou da asociación AVOAR, pero, sobre todo, as achegas que fixeron as persoas de idade das propias familias comuneiras ao seren interpeladas polos mozos e mozas nunha problemática que para aquelas ten a maior relevancia: o futuro da propia comunidade no tocante á mellora e preservación dos bens comunitarios.

Dese modo, a interdisciplinaridade no plano académico conxúgase coas formas de saber e facer comunitarias. Esas dúas vertentes, a dos coñecementos e a dos saberes, urdiron un tecido sobre o que dotar de sentido as actividades.

 

O desenvolvemento do proxecto

Este foi incidindo en diferente grao segundo o nivel de adscrición aos grupos do profesorado implicado. A situación de pandemia condicionou a configuración dos espazos na aula e as posibilidades de interacción e traballo en grupo do alumnado. Porén, resultaron un factor compensatorio das limitacións ás que nos vimos obrigados nas aulas as múltiples intervencións no exterior que supuxeron os labores de mantemento e mellora do recinto escolar, os obradoiros de arqueoloxía, os labores de plantación nos montes comunais ou as visitas a espazos de valor medioambiental. O profesorado coordinouse ao longo do curso e foi integrando as actividades do programa de modo axeitado ás dinámicas interdisciplinares e ao fío do desenvolvemento curricular das materias. No proceso de coordinación resultou un apoio considerable o que recibimos por parte do grupo de investigación Esculca da Facultade de Pedagoxía da USC, que se interesou polo noso programa e que por medio do profesor David García Romero nos axudou a planificar e concretar a formulación pedagóxica de aprendizaxe-servizo. Cabe mencionar tres achegas que resultaron importantes:

- unha actividade co alumnado de orientación e clarificación do procedemento que debía seguir na elaboración das entrevistas a dentro da actividade número 1, A memoria do monte;

- un labor de coordinación presencial co profesorado ao inicio da segunda avaliación, afondando na visión de conxunto do programa e da súa metodoloxía;

- finalmente, un traballo co alumnado presentándolle o sentido da súa investigación e realizando un labor de recollida de valoracións e unha actividade de devolución e avaliación final do programa.

O alumnado foi vinculándose gradualmente aos nós temáticos que abriron as diferentes actividades, de modo que os produtos resultantes amosan unha clara progresión de compromiso e desenvolvemento competencial; resultando especialmente significativo o grao de implicación e de realización alcanzado polos proxectos de emprendemento nos niveis de segundo e cuarto da ESO. Nos niveis de primeiro e terceiro, é preciso considerar os resultados a partir das dinámicas da aula sobre o desenvolvemento das nocións de biodiversidade, sustentabilidade e integralidade do territorio: en primeiro da ESO relacionándose con espazos de valor medioambiental e en terceiro, a partir das intervencións prácticas de mantemento sustentable do recinto escolar (duns 7000 metros cadrados), dos obradoiros de arqueoloxía e das tarefas de plantación nos montes comunais. É sobre os obxectivos que impulsan e orientan o programa que as diferentes actividades adquiren a súa definición.

Intervención de eliminación de gromos de acacias no patio escolar

 

Actividades a partir de nós temáticos

As actividades resultaron o medio para alcanzar os obxectivos do proxecto. Entroncan sobre nós temáticos e adaptáronse aos diferentes niveis, poden solaparse entre si e modificarse, en función das dinámicas suscitadas polo alumnado, dos seus intereses ou por circunstancias que foron acaecendo. As actividades que describiremos e os seus produtos están recollidas no blog Aula Verde: Biocultura por un monte vivo que, a modo de caderno de bitácora, vai deixando constancia do devir do conxunto do proxecto e das súas realizacións.

1. A memoria do monte

1.1. Elaboración de vídeos nos que o territorio fale por medio dos testemuños das persoas maiores

O medio foi coñecer como era o monte cando eran mozos os veciños e veciñas que contan agora con idade avanzada. O fin, conseguir unha descrición física, económica, paisaxística e vital que permitise trazar unha memoria cronolóxica do monte, amosando o grao de incidencia dos incendios no contexto de transformacións socioeconómicas.

O alumnado, organizado en grupos, realizou vídeos das entrevistas á xente de idade, recolléronse testemuños sobre a súa vinculación co monte ao longo da vida. Os cuestionarios, elaborados polo alumnado, inciden na realidade do monte que coñeceron os maiores, facendo fincapé nos incendios forestais, no cambio de usos e na situación na que se atopa na actualidade.

Os grupos definiron o reto e asumiron labores de corresponsabilidade na organización e elaboración das diferentes fases na execución do produto: deseño do cuestionario, planificación das entrevistas, gravación e realización técnica e na preparación das exposicións e dos debates que seguiron o visionado.

No proceso, a asociación para o desenvolvemento rural AVOAR adestrou o alumnado na planificación técnica das entrevistas.

1.2. Somos os que foron, foron os que somos

Viaxe a unha comprensión do territorio por medio dos vestixios arqueolóxico da contorna do IES e dos montes comunais, especialmente os petróglifos dos Mouchos e a Foxa Vella, así como as mámoas dos Campiños. Fixéronse visitas aos xacementos dentro de obradoiros de arqueoloxía conducidos pola arqueóloga Electra Menéndez, que se adaptaron aos diferentes niveis.

1.3. Paraxes nomeadas, paraxes mudadas?

Actividade desenvolvida polo docente de Lingua Galega Iván Méndez López no nivel de segundo da ESO. Consistiu nunha achega ao devir do territorio e as súas transformacións a partir da toponimia de lugares de valor medioambiental. O alumnado realizou unha recollida da toponimia deses lugares a partir do testemuño gravado de persoas de idade para, posteriormente, contrastar as realidades nomeadas coa situación na que se atopan na actualidade. Tamén se recolleron espazos significativos e lendas. Despois elaborouse unha cartografía interactiva que amosa a transformación das paraxes respecto dos seus nomes e sobre a que é posible interpretar a memoria do territorio e as súas transformacións. O mapa interactivo colgouse no blog do proxecto.

2. O monte mancomunado, a propiedade comunitaria do monte

Os grupos investigaron a orixe e a realidade actual das comunidades de montes. As familias dunha gran parte do alumnado son comuneiras e o propio alumnado serao no futuro. As actividades deste nó temático integráronse no desenvolvemento das programacións das materias de Educación para a Cidadanía e de Historia en segundo da ESO.

2.1. O réxime da propiedade comunal

Analizáronse os estatutos de comunidades de montes, debatendo e argumentando o procedemento de toma de decisións e os requisitos de pertenza. Indagouse na razón de que a Lei de montes estableza como único requisito de pertenza ás comunidades constituídas habitar unha casa aberta con fumes durante dous anos; así como no exercicio do poder horizontal asembleario e da isegoría ou dereito de ser escoitado en exercicio da democracia directa. Á vez, o alumnado da vila de Rianxo, máis vinculado co mar, orientou a súa indagación na Confraría de Pescadores e o seu réxime.

2.2. Orixes históricas dos montes comunais

Achegáronse as orixes históricas no dereito xermánico e a plena singularidade que representa en Galicia o réxime comunal do monte. Para investigalo empregáronse recursos da Rede.

2.3. O rexurdir das comunidades de montes despois do franquismo

Empregouse como recurso introdutorio un vídeo histórico que recolle a reivindicación da veciñanza comuneira sobre a recuperación da propiedade ancestral dos montes despois do franquismo. Indagouse tamén sobre as comunidades das parroquias rianxeiras e a súa constitución.

2.4. Somos comunidades. Encontro entre o alumnado e os representantes das comunidades de montes

As comunidades de Leiro e Araño informaron o alumnado das características das comunidades de montes nunha actividade presencial no propio IES, na que expuxeron tamén a súa situación e os proxectos presentes e futuros. No encontro analizáronse as causas dos lumes e puideron explicar a concepción de ordenación sustentable que defenden xunto coas outras integrantes da Plataforma pola Defensa do Monte, recollida no documento consensuado Proposta para unha ordenación sustentable do espazo forestal do concello de Rianxo. As restricións derivadas da pandemia e a capacidade restrinxida do salón de actos compensouse coa conexión telemática simultánea ao acto de dez aulas. Houbo un faladoiro ao final no que o alumnado apuntou suxestións de futuro, tamén aplicacións didácticas posteriores nas diversas materias.

3. Non hai efecto sen causa. Os incendios, máis que unha ameaza ao territorio

A partir dos materiais dixitais dispoñibles no Plan Proxecta Monte Vivo, os grupos de segundo da ESO indagaron nas causas e tipoloxía dos incendios en Galicia e tamén nos medios de extinción. Igualmente, abordouse a problemática dos grandes lumes que se produciron noutras zonas do planeta. Como resultado fíxose una exposición de murais.

Disposición do alumnado no patio, lectura e ferramentas, para amosar no xornal Nós a dimensión teórico-práctica do proxecto

 

4. Tocar a Terra no tempo do smartphone

4.1. O valor da biodiversidade

Promoveuse o desenvolvemento de competencias científicas en todos os niveis da ESO a partir da noción de biodiversidade para o que se elaboraron estratexias empíricas que permitisen acreditar a deterioración dos ecosistemas como efecto dos incendios forestais. Incluíronse palestras sobre a deterioración do medio mariño a cargo do CEIDA que comprendían saídas didácticas e exposicións. Como parte da actividade, Amelia Caamaño, bióloga da Confraría de Pescadores de Rianxo, realizou unha palestra na que expuxo o estreito vínculo entre a situación do monte e dos recursos marisqueiros, e os datos referidos aos efectos dos incendios recentes, e para o que achegou significativas evidencias gráficas. O seu testemuño foi incorporado ao documental Monte vivo elaborado polo alumnado de cuarto da ESO dentro do obradoiro audiovisual do proxecto Ollo de Vidro. A partir desta palestra, o alumnado das materias de Cultura Científica e Bioloxía realizou traballos académicos

4.2. Caracterización de especies pirófitas e frondosas. Ordenación sustentable do territorio desde o patio escolar

As intervencións de eliminación de 45 acacias de grandes dimensións que ocupaban o recinto escolar resultou un elemento da maior relevancia para incorporar a noción de sustentabilidade do territorio. Substituíronse por frondosas e froiteiras e realizáronse intervencións regulares de eliminación de gromos de acacia, así como visitas aos terreos comunais e tarefas de plantación en zonas queimadas do monte comunal en colaboración coa asociación Amicos.

5. Poñerlle medida ao que facemos

Nesta actividade desenvolveuse a competencia matemática e científica mediante actividades concretas. Na materia de Tecnoloxía, o alumnado levantou un plano do patio escolar. Traballouse a dendrocronoloxía a partir dos materiais do blog. Porén, a situación derivada da pandemia freou os traballos en grupo sobre o estudo de sementes e tipoloxía de chans ao non quedar finalmente instaladas as sementeiras, tampouco se chegou a empregar a ferramenta SixPac para a localización de parcelas e poder realizar cálculos de equivalencia de superficies entre as medidas tradicionais e as unidades de superficie vixentes.

6. Sustentabilidade para o noso presente

Nesta actividade o alumnado desenvolveu a noción de sustentabilidade e coñeceu o documento de proposta elaborado pola Plataforma pola Defensa do Monte para unha ordenación sustentable do espazo forestal de Rianxo que, xunto cos exemplos de iniciativas concretas de ordenación das comunidades de montes difundidas na aula virtual do centro, serviron de inspiración para os proxectos de emprendemento do alumnado como produtos resultantes do proxecto.

 7. Recoller para sementar. O banco de sementes

Esta actividade tiña como obxectivo fomentar e canalizar iniciativas a prol de reverter os prexuízos medioambientais dos incendios forestais e restituír a biodiversidade mediante a obtención de gromos de frondosas que posteriormente se plantarían nos montes comunais. Porén, finalmente só puideron elaborarse parte das sementeiras e non puido neste curso concluírse a actividade.

Presentación proxectos de emprendemento

 

8. Refloresta mediante proxectos de emprendemento

A actividade inspírase na proposta da profesora Carme Fernández que participou no inicio do proxecto. O alumnado organizado en grupos desenvolveu procesos de aprendizaxe cooperativa, que resultaron en múltiples proxectos de emprendemento baseados no criterio da sustentabilidade do territorio e no ben comunitario. A partir do segundo trimestre, a asimilación das nocións da biocultura adoptou unha clara orientación propositiva de servizos á comunidade. Resultaron de moita axuda as contribucións do grupo Esculca da USC, tanto na clarificación do modelo metodolóxico do profesorado como tamén nos trazos das liñas de intervención presentadas ao alumando. Os proxectos de emprendemento foron elaborados en pequenos grupos e presentados no terceiro trimestre. Para formalos, estableceuse como criterio o vínculo do alumnado coas condicións do propio territorio no que habitan, xa sexa unha parroquia concreta e a situación do seu monte comunal ou a propia vila de Rianxo. Os grupos tiveron acceso a informantes da comunidade de montes da parroquia na que viven, o que foi posible pola coordinación da Plataforma pola Defensa do Monte; tamén na vila de Rianxo coa Confraría de Pescadores ou na área técnica dos servizos do Concello, ademais das propias familias. O alumnado dispuxo así de información de partida contextualizada relativa á situación do seu monte e da propia comunidade na que vive e facilitóuselle como material de apoio un documento-guía de iniciativas exemplares a prol da diversificación de recursos do monte, accesible na aula virtual das súas materias e que constitúe unha achega da actividade número 6: Sustentabilidade para o noso presente. Contando con eses elementos, cada grupo formulou unha proposta ou iniciativa a prol da diversificación e mellora dos recursos comunitarios, contextualizada na súa comunidade e que tiña como criterio de fondo o propio valor da biodiversidade e a consecuente necesidade do carácter sustentable da proposta.

Os distintos proxectos caracterizáronse cun logo e un lema e foron presentados e defendidos polos grupos. Realizouse unha gravación tanto das exposicións como dos posteriores debates e foron incorporándose ao blog do proxecto, onde se atopan dispoñibles. A actividade quixo dese modo darlle plena concreción ao modelo asumido de aprendizaxe por servizos.

Cabe mencionar, a modo de ilustración, algúns dos resultados: Cacherde (introdución de vaca cachena nos terreos comunais de Taragoña), Cabriñeiros (introdución de gando caprino na comunidade do Fieitoso), Autosuficiencia enerxética (para a comunidade de Asados), Evitando lumes de modo natural (introdución de porco celta para a comunidade do Araño), Cogumelos no monte de Paradela ou Campamento medioambientalista en Rianxo. O grao de implicación do alumnado nestas súas iniciativas é moi destacable e del tivo constancia tamén o conxunto de instancias comunitarias que se viron implicadas.

9. No mesmo barco, no mesmo planeta

Nesta actividade promoveuse o coñecemento e toma de conciencia sobre a condición interrelacional ou planetaria que en canto xénero nos vincula co medio ambiente nunha situación de crise climática por efecto da propia intervención humana. Esta actividade quixo achegar o alumnado a diversas correntes de pensamento, movementos cidadáns e iniciativas económicas baixo modelos de sustentabilidade.

Aspectos concretos desenvolvidos foron o traballo con textos en diversos soportes e de diferentes tradicións culturais sobre a biodiversidade cultural e natural, o ecofeminismo de Vandana Shyva e as tradicións de respecto á Terra, as nocións filosóficas de physis e o cosmos, a teoría de Gaia de James Lovelock e Lynn Margulis como paradigma da bioloxía e os efectos da crise climática noutras áreas do planeta: Xurés, Amazonia, África. En segundo da ESO organizouse a visualización do filme O que arde.

10. Saber ver, saber escoitar: o latexo da Terra

Concibiuse a arte como expresión da experiencia estética da natureza. A medida que se desenvolven as diferentes actividades e tamén como resultado da asimilación de contidos que enriquecen unha visión de conxunto sobre a sustentabilidade do territorio, asumiuse a necesidade de incidir na toma de conciencia do conxunto da comunidade educativa. O alumnado encargouse da difusión dos diferentes produtos que foron agromando no desenvolvemento do proxecto. Os modos de difusión tiveron en conta a dimensión da estética da experiencia que nos compromete coa Terra.

Neste sentido empregaranse os recursos dixitais do centro como canles de incidencia sobre o conxunto da comunidade educativa: a páxina web do centro e o blog Aula Verde e a revista dixital Bico da ría do ENDL. Porén, debido á pandemia non se dispuxo dalgún deles, en especial, a radio do centro. Empregáronse igualmente os espazos físicos do centro para a difusión e exposición de materiais elaborados. Alumnado e profesorado do proxecto publicou artigos en xornais e houbo interese en reflectilo nos medios.

10.1. Obradoiro audiovisual Ollo de Vidro

Un grupo de alumnado de cuarto da ESO desenvolveu na materia de Ámbito Lingüístico e Social, impartido pola profesora de Lingua Galega Sofía Rama Lourenzo, un obradoiro audiovisual dirixido polos produtores Marcos Gallego e Domingo D. Docampo, do que resultou un documental no que se describe a xénese e desenvolvemento deste proxecto interdisciplinar de biocultura, denominado Monte vivo. Este documental acaba de gañar o primeiro premio no Festival Internacional de Curtas de Bueu (FICBUEU) na categoría de Escolas Galegas de Secundaria 2021. No proceso de elaboración da curta, o alumnado foi en todo momento protagonista e, coordinado polo profesorado, participou tamén na elaboración dos subtítulos en diversas linguas co fin de presentalo en certames internacionais. No presente curso, cando unha parte del continúa xa o seu proceso formativo noutros centros, confeccionouse o cartel e a difusión e organización da presentación da curta, á que acudirán as súas familias e membros das comunidades de montes.

 Documental Monte vivo

 

Metodoloxía, unha aposta pola aprendizaxe por servizos

O referido grupo de investigación Esculca da Facultade de Pedagoxía da USC, por medio do profesor David García Romero, realizou un seguimento do proxecto, asesorándoo en labores de coordinación e metodoloxía. Na fundamentación da formulación metodolóxica, este concíbese coa pretensión de integrar os procesos educativos de aprendizaxe e as contribucións sociais, empregando como principal ferramenta a aprendizaxe-servizo, de  modo que se constrúan simultaneamente saberes e accións mediante a implicación de axentes diversos, é dicir, quérese confluír nunha praxe formativa na que a educación se pon en diálogo coa acción, partindo dunha situación plenamente real, como é a problemática dos incendios e a necesidade dunha ordenación sustentable, e na que adquiren pleno sentido as achegas procedentes de axentes externos ao sistema educativo: informantes das comunidades, persoas de idade, familias do alumnado, representantes das comunidades de montes. Á par, os coñecementos académicos e as competencias do alumnado queren aplicarse como modos de incidencia na mellora desa problemática, conformándose deste xeito unha comunidade en sentido amplo de saberes comunitarios e aprendizaxes formativas sobre o horizonte dunha efectiva transformación sustentable do territorio e a construción de alternativas de vida no rural.

Sentido das actividades

A configuración das actividades quere dar boa conta do carácter directo e recoñecible para o alumnado dos seus desenvolvementos competenciais, ao mesmo tempo que dotan de sentido o carácter interdisciplinar do proxecto. Neste senso a intervención do alumnado sobre o seu propio contexto como factor esencial da súa motivación agroma en tres niveis de proxección:

1) Nunha perspectiva ecosocial que integre a noción de ben común no ámbito significativo no que habitan en comunidade (escolar e veciñal). Especialmente, actividades 1, 2, 7 e 8.

2) Nunha concepción da problemática medioambiental da comunidade concreta, porén, inserida nun marco global e planetario marcado por un contexto de crise climática e de pandemia sanitaria. Especialmente, actividades 3, 4, 5, 6, 7 e 9.

3) Nunha comprensión do seu propio desenvolvemento competencial a través da súa acción transformadora. En todas as actividades, e especialmente manifesto nos produtos finais das actividades 1, 4, 8, 9 e 10.

O deseño, realización e consecución das diferentes actividades artellouse sobre a definición de tres motivacións:

- Motivación A: concienciación e valor da biocultura. Palabras clave: concienciación/reflexión, perspectiva holística e ampla.

- Motivación B: competencias a prol da sustentabilidade. Palabras clave: formación competencial, sustentabilidade.

- Motivación C: accións e conexións coas comunidades. Palabras clave: acción directa, colaboración-mutualidade.

Sobre cada unha destas motivacións reasignáronse os diferentes obxectivos do proxecto e sobre os obxectivos asignados establecéronse indicadores para, en conexión con eles, establecer e dotar de sentido as fontes: actividades concretas do proxecto e as contribucións de rexistros. A modo de esquema, resulta das motivacións aos obxectivos e destes aos indicadores, que serán, pola súa vez, avaliables desde as fontes de datos.

Iso permitiunos confeccionar un cadro de planificación e seguimento do proxecto no que se establecen de xeito fundamentado os criterios e elementos para a súa avaliación.

Competencia e espazos de resonancia

A partir da concepción metodolóxica competencial que asumen os Plans Proxecta perfiláronse os trazos competencias para desenvolver nas actividades realizadas. Porén, pensamos que a caracterización competencial dos procesos de aprendizaxe resulta incompleta no caso dun proxecto cuxo calado reside na condición do compromiso transformador do territorio desde a praxe transformadora do propio axente.

Neste sentido, coidamos que é preciso apropiarnos do camiño correcto, do método axeitado que poida levarnos ao lugar que queremos. Fáisenos manifesto o contraste entre as formulacións académicas, recorrentemente repetidas ao alumnado sobre a gravidade da situación de crise climática e a urxencia de solucións, e as formas de representación do problema nas instancias de decisión política, que contraveñen o sentido das aprendizaxes ao postular solucións ou acordos a modo de simulacros diante das evidencias académicas e da propia condición da saúde e da persistencia do medio natural.

Nesta cuestión de calado entendemos que a orientación da formación académica e a conciencia crítico-analítica só poden atopar pleno sentido na asimilación dun modelo de apertura do que, con Hartmut Rosa, denominamos espazos de resonancia. Concibimos con este autor a pedagoxía da resonancia como unha condición previa e necesaria á da competencia. Competencia é o dominio seguro dunha técnica, poder dispoñer en todo momento de algo do que me apropiei; resonancia supón o proceso previo-aberto de entrar en relación cunha cuestión (1). Neste espazo de resonancia ábrese a posibilidade dunha práctica desalienante e da desaceleración dos tempos dos procesos de aprendizaxe. A resonancia contén un momento de apertura e indispoñibilidade diferente á competencia. Competencia é apropiación, resonancia significa transformación do mundo, na que tamén se produce a miña transformación cos outros e outras. Cremos que a exploración da apertura de espazos de resonancia é o modelo requirido desde a tarefa que encara o proxecto de biocultura. Desde o acontecer de tal apertura pode que, entón, cobre sentido a pregunta de por que debemos preservar o mundo.

Alumnado sentado no patio na xornada de devolución de materiais

 

Avaliación do proxecto

Avaliación desde un marco competencial

A posta en xogo das competencias clave realizouse en cada unha das actividades, pero resultou especialmente significativo e valorado o seu grao de consecución en determinadas prácticas efectivas e deseñadas polo propio alumnado. O profesorado levou a cabo rexistros de desenvolvemento competencial do alumnado nas diferentes actividades. Empregáronse diferentes instrumentos de avaliación: test de contidos, rexistros de lectura e composición de textos en diferentes formatos informacionais, rexistros de exposicións na aula e intervencións en debates, rexistros do grao de implicación nas dinámicas grupais, asistencia a filmes e conferencias, produtos resultantes das actividades e rexistros do grao de satisfacción das actividades.

O grao de desenvolvemento competencial rexistrado traduciuse nas cualificacións das avaliacións nas materias. Nas materias de maior carga lectiva, as actividades do proxecto viñeron representar unha porcentaxe non menor a un terzo da cualificación do alumnado. A porcentaxe de superación das materias representou un 100 % do alumnado nas materias dunha hora de docencia semanal.

Avaliación interna do proxecto

Nas xuntanzas de coordinación puxéronse en común indicadores de logro segundo as diferentes disciplinas para formular o desenvolvemento das tarefas e como referentes do grao de consecución dos obxectivos do proxecto polo alumnado. Os resultados dos instrumentos de avaliación empregados, tanto referidos aos produtos do alumnado como á avaliación do profesorado sobre a súa práctica e desenvolvemento, constitúen a base sobre a que establecer a cuantificación do grao de satisfacción de cada unha das actividades. Este grao de satisfacción das actividades é, pola súa vez, o referente para establecer o grao de consecución dos obxectivos do proxecto, de modo que a cuantificación de cada un deles se obtén a partir do grao de satisfacción das actividades especificamente vinculadas a cada un deles (2). Finalmente, estableceuse o grao de consecución acadado no conxunto do programa a partir do grao de consecución do conxunto dos obxectivos. Sobre este procedemento de cuantificación estimamos unha valoración conxunta sobre o grao de consecución final dos obxectivos do proxecto de 8,26. Tamén se estableceron de modo consensuado propostas de mellora (3).

Avaliación externa do proxecto

O GI-Esculca realizou un seguimento e valoración do proxecto mediante entrevistas a profesorado, así como unha actividade de valoración de catro ámbitos de aprendizaxe que se identificaron como transversais aos obxectivos sobre unha mostraxe de 77 estudantes de segundo e cuarto da ESO. Preguntóuselle ao alumnado sobre o grao no que consideraban que se acadaran os obxectivos, nun rango de 1 a 5.

 Valoración alumnado

 

A táboa amosa unha clara preponderancia das valoracións positivas (4 e 5) sobre as negativas (1 e 2). Os ámbitos de menor cuantificación —coñecer e saber xestionar o monte, así como aprender resolvendo problemas reais— probablemente obedezan a que parte do alumnado non participou nas actividades de maior significatividade como os proxectos de emprendemento ou a presentación das comunidades sobre a que parte do alumnado sinala a dificultade de participación debido á conexión por streaming obrigada pola pandemia. Como punto de mellora sinálase a creación dunha maior consciencia da globalidade do proxecto entre o alumnado e unha maior relación entre cursos para visibilizar mellor as contribucións de cada un deles ao proxecto común.

         

Conclusións

Da valoración do anteriormente exposto consideramos que, no seu conxunto, o proxecto reúne elementos que contribúen á innovación educativa, tanto no ámbito de aprendizaxe-servizo como tamén na achega aos fondos de coñecemento e á identidade comunitaria (4). Entendemos que é no marco dunha intervención de transformación medioambiental e sobre iniciativas socioeconómicas que se precisan para preservar e mellorar o territorio como cobran sentido as aprendizaxes do propio alumnado, de modo que nese nexo se comprometen a dimensión persoal, a construción do coñecemento e o desenvolvemento competencial, na conformación dun proxecto propio e consciente. Por outro lado, intégranse os coñecementos comunitarios como a xestión histórica do monte en comunidade, a toponimia ou a carta de dereitos non escritos da veciñanza, para recoñecelos na súa valía, vinculándoos cos coñecementos académicos e cos desenvolvementos curriculares.

A confluencia destas vertentes sobre o fondo integrador que caracterizamos como biocultura fai do proceso educativo unha actividade colectiva que enfronta retos comúns, inicialmente como o problema dos lumes forestais, para chegar logo a comprometer a propia forma de estar no mundo e as formas de organización comunitaria nunha relación co territorio nun contexto de crise ecosocial. En definitiva, explorar e desenvolver novos vieiros para a ecoloxía das aprendizaxes sobre a base dunha noción integradora da realidade comunitaria ante os retos do presente.

Póster do proxecto USC

 

 


(1) Este é o espazo da praxe educativa como apertura de espazos de resonancia desenvolvidos en Rosa, H. e Endres, W. (2016). Resonanz Pädagogik, wenn es im Klasserzimmer knisiert. Weinheim Basel: Beltz Verlag.

 

(2) Sobre ese criterio detállase o grao de consecución de cada un dos obxectivos:

1. Contribuír a asimilar unha concepción ecosocial e integral do territorio como espazo dunha biodiversidade que merece ser vivido e ao que debemos ter dereito. Actividades e grao de satisfacción: número 1: A memoria do monte (90 %); número 5: Tocar terra no tempo do smartphone (80 %); número 7: Sustentabilidade para o noso presente (90 %). Grao de consecución do obxectivo: 86,6 %.

2. Contribuír ao coñecemento da biocultura para facer posible unha ordenación sustentable. Actividades e grao de satisfacción: número 7: Sustentabilidade para o presente (90 %); número 9: Refloresta (90 %); número 10: No mesmo barco (90 %). Grao acadado: 90 %.

3. Tomar conciencia da singularidade e do modelo de integración e xestión que comporta a propiedade comunal do monte en Galicia. Actividades e grao de satisfacción: número 1: Memoria do monte (90 %); número 2: O monte mancomunado (90 %). Grao acadado: 90 %.

4. Promover o deseño de espazos e intervencións sobre o patio escolar e o seu contexto como realización de aprendizaxes motivadoras. Actividades e grao de satisfacción: número 5: Tocar terra no tempo do smartphone (80 %); número 6: Poñer medida (60 %); número 9: Refloresta (90 %). Grao acadado: 76,6 %.

5. Contribuír ao coñecemento da casuística e afectación sobre o territorio dos incendios forestais e a súa reversión mediante proxectos de ordenación sustentables. Actividades e grao de satisfacción: número 4: Combater os incendios (80 %); número 7: Sustentabilidade para o noso presente (90 %). Grao acadado: 85 %.

6. Potenciar proxectos no alumnado cunha metodoloxía de aprendizaxe-servizo. Actividades e grao de satisfacción: número 8: Banco de sementes (25 %), número 9: Refloresta (90 %); número 11: Difusión (80 %). Grao acadado: 65 %.

7. Tomar conciencia da crise climática e de compromiso cara a un modelo sustentable de territorio. Actividades e grao de satisfacción: número 10: No mesmo barco (90 %), número 11: Saber ver, saber escoitar o latexo da Terra (80 %). Grao acadado: 85 %.

 

(3) Como complemento da valoración e propostas de mellora estableceuse:

a) Na planificación das aprendizaxes e coordinación do profesorado: valórase como aceptable a pesar da dificultade de realización consecuencia da pandemia; proponse como mellora solicitar un horario específico para a coordinación.

b) Na motivación do alumnado e desenvolvemento da ensinanza: valóranse como satisfactorias a motivación e a actividade con base no grao de implicación que chegou a alcanzarse.

c) No seguimento do proceso ensinanza-aprendizaxe: aceptable; formúlase como proposta establecer que sexan as propias actividades e os nós de interese que poidan xurdir as que determinen os tempos de realización, independentemente dos tempos de avaliación; darlle maior fluidez ás actividades.

d) Avaliación ordinaria: moi satisfactorios os resultados académicos.

e) Nos criterios do propio alumnado: satisfactorio e moi satisfactorio segundo as enquisas de satisfacción por niveis e cursos.

 

(4) O proxecto de biocultura do IES Félix Muriel veu sendo obxecto de presentación e debate en diversos congresos por parte do profesorado do GI-Esculca. García-Romero, D. (7-9 de xullo de 2021). «Entre o monte e as aulas: estudo de caso da colaboración entre instituto e comunidades de montes en man común» [comunicación oral]. XVII Congreso Nacional e IX Iberoamericano de Pedagoxía: A educación en rede. Realidades diversas, horizontes comúns. Univesidade de Santiago de Compostela, España.

García-Romero, D., Míguez-Salinas, G., Redondo Corcobado, P. (22-24 de xullo de 2021). «Memory and education in the territory for fighting fire: A case study in secundary education»[comunicación oral] 4th International Seminar Education, Territories and Human Development. Universidade Católica de O Porto, Portugal.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Campos, S. (2018). ¡Biocivilización en marcha!. Un nuevo paradigma de convivencia planetaria. Barcelona: Icaria.

Fundación Ría. Rede de Innovación Arousa (2021). Cando eramos sostibles. Aprendendo no Barbanza as claves do futuro. Laboratorio Ecosocial do Barbanza.

Goleman, D., Bennet, L. e Barlow, Z. (2013). Ecoeducación. Educadores implicados en el desarrollo de la inteligencia emocional, social y ecológica. Barcelona: Juventud.

Rosa, H. e Endres, W. (2016). Resonanz Pädagogik, wenn es im Klasserzimmer knisiert. Weinheim Basel: Beltz Verlag.

Rosa, H. (2016). Resonanz. Eine Sociologie der Weltbeziehung. Berlin. Suhrkamp Verlag. Tradución española: Rosa, H. (2019). Resonancia. Una sociología de la relación con el mundo. Madrid: Katz Editores.

López, S. (2020). El ecofeminismo de Vandana Shiva. Dos bigotes.

Shiva, V. (2016). Ecofeminismo. Barcelona: Icaria.

Shiva, Vandana (2001). Biopiratería. El saqueo de la naturaleza y el conocimiento. Barcelona: Icaria.

Von Werlhof, C. (2015). Madre tierra o muerte. Reflexiones para una teoría crítica del patriarcado. México: Cooperativa El Rebozo.

Marx, W. (1986). Gibt es auf Erden ein Mass? Frankfurt am Mein: Fischer Taschenbuch.

 

 

Sección: