Monferosolidario

Abrindo a escola cara á transformación social
O proxecto Monferosolidario acaba de recibir o I Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global. A acción formativa no eido da educación para o desenvolvemento e a cidadanía global (EPDCG) levada a cabo no CPIP Virxe da Cela (Monfero) é un dos piares onde se fundamenta o proxecto. Damos valor neste espazo ás prácticas formativas levadas a cabo durante os cursos 2018/19 e 2019/20.

Verónica Dopico Cancela, Yolanda Castro López e M.ª Camino Pereiro González
veronicadopico@edu.xunta.es
yolick@edu.xunta.es
pereirogonzalez@edu.xunta.es
CPIP Virxe da Cela (Monfero - A Coruña)

 

Acto de entrega I Premio Galego EPDCG

 

A EPDCG no CPIP Virxe da Cela

Monferosolidario xurdiu no curso 2008/09 como unha necesidade. Tomando como punto de partida a nosa situación na zona rural, os departamentos de Valores Éticos e de Relixión (ESO) decidiron unir esforzos para activar e dinamizar a contorna, ofrecendo a propia escola. O CPIP Virxe da Cela (Monfero) é un escenario propicio para a cohesión social entre a mocidade, e un espazo para o exercicio da participación, a democracia e a cidadanía. Recibir galardóns como o I Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento Vicente Ferrer (2009) e o I Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global (2021) supón unha reafirmación na nosa idea inicial: é posible abrir a escola cara á transformación social, desde a educación, para o desenvolvemento e a cidadanía global (EPDCG). 

O proxecto foi evolucionando e estendendo o seu campo de actuación, abarcando todas as etapas educativas impartidas no centro, varios departamentos, a biblioteca e o equipo de dinamización da lingua galega (EDLG), e constitúe na actualidade non só un sinal de identidade, senón que é un dos seus motores de dinamización. Tivemos que evolucionar e adaptarnos aos cambios e transformacións da sociedade, especialmente notables neste último ano. Todo isto foi posible grazas ás sinerxías xeradas dentro e fóra do propio centro e ao espírito de colaboración e participación no que se basea o proxecto, así como á súa firme aposta pola formación e actualización.

 

Accións formativas

Esta formación parte da EPDCG, pero ramifícase en ámbitos diversos. Institucións públicas e privadas enchen de vida o centro e ofrécenlles, tanto ao profesorado como ao alumnado, unha formación continua e actualizada. Profesionais dos concellos (Monfero e Irixoa), entidades públicas (como a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, do Medio Rural, direccións xerais como a de Xuventude e Voluntariado), institucións universitarias, organizacións non gobernamentais e fundacións con obra social, son parte indispensable no noso plan de formación. 

Non podemos sinalar as accións na súa totalidade, pero si destacar que intentan abarcar unha gran variedade de ámbitos e que están baseadas nos principios de actualización e innovación. Tratamos en todo momento de adaptalas aos intereses e ás potencialidades do profesorado e alumnado, e de lle dar valor á funcionalidade das aprendizaxes para que estas supoñan unha notable mellora na calidade educativa.

No referente ao profesorado, o centro desenvolve plans bianuais de formación en centros, PFPP, con liñas deseñadas en función das necesidades, tanto no ámbito organizativo como pedagóxico. Estanse a fornecer as competencias profesionais docentes, principalmente a xestión e promoción, en valores e convivencia, a xestión de espazos, recursos e materiais e a alfabetización mediática e informacional (radio, stop motion, realidade aumentada). O propio cadro docente participa en actuacións formativas e divulgativas externas, como grupos e proxectos de investigación, tanto no ámbito autonómico como nacional (Depalma, R. (coord.), 2019 e Area-Moreira (coord.), 2021), e tamén mantendo unha estreita vinculación con movementos de renovación pedagóxica. 

 

Grupo de profesores no obradoiro de Radio na Biblioteca

 

No relativo ao alumnado, as accións formativas están enfocadas cara á adquisición dunha conciencia crítica e solidaria, desde a creatividade e a responsabilidade individual e colectiva. Así, contamos co programa de Titoría entre iguais (TEI) na etapa de primaria e a formación específica en Mediación na ESO. Tamén estamos coa formación específica para o voluntariado (a través da biblioteca escolar ou colaborando con ONG). Charlas, obradoiros, encontros ou estadías contribúen á adquisición de competencias persoais e sociais por e para a vida,  e destacan como liñas de actuación a formación para o benestar e a convivencia (igualdade de oportunidades) ou a adquisición de competencias dixitais (participando en programas como Digicraft ou os propios da Estratexia galega para a educación dixital 2020). 

Vital importancia ten o labor do Departamento de Orientación, que trata de implicar as familias a través dunha variada oferta de actividades formativas, para xerar destrezas e habilidades no acompañamento escolar (por exemplo, a través da disciplina positiva) ou en aspectos de especial sensibilidade, como pode ser a saúde física e emocional (A Escola Inclusiva, Coñéce-M).

 

Colaboracións

Destacamos a existencia dunha arraigada cultura de colaboración do centro con axentes externos, feito que amplía potencialmente a oferta formativa. Un bo exemplo é a colaboración que mantemos co CFR de Ferrol, a través da cal asentamos as bases da internacionalización do centro, que comezou coa nosa participación nos Erasmus para a formación do profesorado xestionados desde o mesmo CFR (Gales, Grecia, Alemaña e Francia) e que deu lugar, posteriormente, ao desenvolvemento do proxecto Erasmus+ «Let’s Talk some STEM». A través dos concellos de Monfero e Irixoa, así como da Deputación da Coruña, incrementamos a nosa oferta formativa (Mediación, VII Encontros de Convivencia Positiva, Ciberseguridade, Suprime o Control).

Organizacións non gobernamentais e de acción social ofrécennos á vez formación, recursos e novos modelos de prácticas educativas. Grazas á Fundación Entreculturas, profesorado e alumnado teñen a oportunidade de formarse en temáticas da EPDCG á par que interactuar con docentes e estudantes de diferentes contextos, nacionais e incluso internacionais. O noso centro tivo o privilexio de exercer como anfitrión no XX Encontro da Rede Solidaria da Mocidade Entreculturas, unha xornada formativa e participativa chea de experiencias e aprendizaxes. 

 

Alumnas voluntarias no XX Encontro da Rede Solidaria da Mocidade Entreculturas

 

A Fundación Ayuda en Acción ofrécenos un amplo abano de recursos que van desde o financiamento do transporte nas saídas extraescolares ata a posibilidade de acceder a proxectos, obradoiros ou charlas (Emprendedores, Xornadas de Identidade Dixital). Destacamos os proxectos RTVEnxebre, o proxecto Genios e o laboratorio tecnolóxico Irimonl@b, iniciativas que contan para o seu desenvolvemento con profesionais externos do ámbito da comunicación, da tecnoloxía ou da orientación educativa e dan lugar a actividades e que abren as portas a alumnado e profesorado a participar en experiencias educativas como o EDCAMP de Mallorca. Froito da colaboración con esta ONG tivemos a posibilidade de participar en investigacións que avalían o impacto da cooperación institucional como fórmula de acceso a recursos e materiais educativos para o cambio social e a mellora da calidade educativa (informe sobre a equidade educativa en España e Informe da ONU sobre infancia, pobreza e dereitos humanos). 

 

Visita do relator da ONU Philip Alston ao CPIP Virxe da Cela

 

En xaneiro de 2019 publicouse o libro La educación para el desarrollo y la ciudadanía global. Una experiencia de investigación-acción participativa (Análisis y estudios), que parte da colaboración interinstitucional de tres entidades: a OND Solidariedade Internacional Galicia, o grupo de investigación Política Educativa, Historia e Sociedade (PEHS) da Universidade da Coruña e o noso centro, que exerceu de centro piloto para a investigación no eido da EPDCG de 2015 a 2017. Solidariedade Internacional Galicia alongou a súa presenza no centro a través do proxecto Horizonte 2030; construíndo liderados positivos para unha xuventude galega transformadora, ofrecendo tanto a profesorado como a alumnado unha formación específica sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, Axenda 2030.

 

Alumnado na aula de chroma preparando o material audiovisual Horizonte 2030

 

Establecemos colaboracións puntuais cos medios de comunicación e deste modo accedemos a formación e orientación por parte de profesionais para implementar proxectos de acción participativa (movementos cidadáns de recuperación da cultura) e para divulgar os nosos plans formativos (Convivir Deportivo: Radio Galega no CPIP Virxe da Cela).

 

Convivir Deportivo: Radio Galega no CPI Virxe da Cela

 

Valoración da experiencia e perspectivas de mellora cara ao futuro

Como indicadores de logro temos en conta o número de accións desenvolvidas e a súa continuidade, a significatividade no progreso persoal e formativo do colectivo que as recibe, o grao de eficacia na coordinación entre os axentes involucrados no proceso, a porcentaxe de participación e o grao de satisfacción de alumnado/profesorado/familias e das entidades e axentes colaboradores, entre outros. 

Pretendemos seguir nesta liña de traballo adaptando as propostas á situación social actual, que demanda novos contextos de investigación e aprendizaxe —acción que conxuga o presencial e non presencial—. Desta forma, apostamos por configurar un modelo mixto de actuacións que partan da suma de esforzos da comunidade en espazos reais e que, ao mesmo tempo, adquiran repercusión e valor en formatos virtuais. Tamén queremos fornecer os procesos avaliativos, implicando o alumnado e as familias no seu deseño, para que sexan conscientes da verdadeira repercusión das actuacións nas que participan.

 

 

 

Bibliografía: 

 

Area-Moreira, M. (coord.) (2021). Escuel@ Digit@l: los materiales didácticos en la Red. Barcelona: Graó.

Bolívar, A. (2007). Escuela y formación para la ciudadanía. Bordón, 59 (2-3), 353-373.

Cotelo-Guerra, D., Crego, M. C. P., Iglesias-Salvado, J. L., & Pereiro, M. D. C. G. (2019). Retos y ventajas de la colaboración interinstitucional. La educación para el desarrollo y la ciudadanía global: una experiencia de investigación-acción participativa (pp. 247-264). Graó.

Depalma, R. (coord.) (2019). La educación para el desarrollo y la ciudadanía global. Una experiencia de investigación-acción participativa. Barcelona: Graó.

Murillo, F. J. & Hernández-Castilla, R. (2011). Hacia un concepto de justicia social. REICE. Revista Iberoamericana sobre Calidad, Eficacia y Cambio en Educación, 9 (4), 7-23.

Muñoz-Repiso, M. & Murillo, F. J. (coords.). (2003). Mejorar las escuelas, mejorar los resultados. Investigación europea sobre mejora de la eficacia escolar. Bilbao: Mensajero.

Pereiro González, M. del C., & Páramo Iglesias, M. B. (2017). Marco curricular y legislativo de un proyecto de centro de educación para el desarrollo bajo principios de transversalidad y sentido de comunidad. Revista de Estudios e Investigación en Psicología y Educación, (14), 138-142

Pereiro, M. D. C. G. (2018). Principios de actuación dunha escola transformadora: O traballo por proxectos no CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero). Revista galega de educación, (70), 30-33.

 

 

Sección: