Covadonga Rodríguez-Moldes
Atreveríame a aventurar que Anónimo, que tantos poemas escribiu sen asinalos, era a miúdo unha muller.
Virginia Woolf
As idas e vindas da lancha de Mugardos, unha maneira bastante épica de acudir diariamente ao Instituto Feminino de Ferrol, traían a bordo de aquí cara alá a unha moza singular, dicíase que a única capaz de desentrañar as fileiras de teoremas e demostracións que o vello catedrático titular lles regalaba, apresurado e sen maior explicación, ás súas alumnas cada mañá. Ocorre que en raras ocasións as almas inquietas se motivan cos galimatías propostos por docentes maliciosos e, como unha cousa leva á outra, a moza tomou sen dubidalo o camiño das ciencias matemáticas para non abandonalo xamais. Os anos de facultade en Santiago levárona a aprobar as súas oposicións en Madrid para exercer de profesora de instituto en Bilbao e Baracaldo durante os anos de chumbo, para logo recalar en Galicia desenvolvendo unha profesión na que non fixera outra cousa que crecer no científico e no persoal de maneira exponencial.
Lonxe de ensimesmarse na súa paixón, Covadonga deuse xenerosamente aos demais, non só desde a docencia, senón tamén a través do seu cargo de directora do IES de Mugardos desempeñado brillantemente durante varios lustros. A súa presenza motivadora notábase en todas as partes, desde os concursos e actividades realizados co seu alumnado, ata os ciclos de conferencias e premios ideados por ela que levaron o IES de Mugardos a ser un referente cultural na comarca de Ares-Ferrol, acollendo nas súas aulas todo o máis selecto da intelectualidade científica e académica galega. Por alí pasaron José López Calo, José Ramón Barreiro Fernández, Julia Uceda, Fernando Acuña Castroviejo e tantos e tantos outros que acudían agradecidos pola súa chamada.
Así as cousas, comprenderase que sería difícil reproducir nunha nota introdutoria tan só as principais iniciativas docentes e académicas que iluminaron o seu xeneroso labor; para mostra ha de valer un botón: a participación co seu alumnado en decenas de proxectos relacionados coa innovación na docencia da ciencia en colaboración coa Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO), ENCIGA ou ESTALMAT, proxecto fundado en 1998 polo profesor da Universidade Complutense Miguel de Guzmán para estimular o talento precoz nas matemáticas; as Olimpíadas Matemáticas, as xornadas da JAEM, o seu querido Concurso de Polinomios que xa realizou a súa XXII edición ou os premios Estudo e Deporte, un dos seus proxectos máis ambiciosos, destinados a fomentar a excelencia física e intelectual do alumnado.
Do mesmo xeito ca ao seu querido irmán José Rodríguez-Moldes, como se sabe, prematuramente falecido, a Covadonga preocupáballe a xente, a comunidade na que se inscribía o seu frutífero labor, os que a coñecen saben da súa capacidade emocional para unir vontades e xerar afectos colectivos, isto é talvez o seu principal legado, como lle gustaba repetir: «somos iguais, somos distintos», engadindo: «como ha de ser». Un espírito, por certo, moi similar ao que acompañaba a outra soada matemática doutra época e outro país, a inglesa Mary Somerville (1780-1872), capaz de ler en grego a Euclides ou de anotar e mellorar os Celestial Mechanics de sir Isaac Newton. Cando o incansable John Stuart Mill quixo propoñerlle ao Goberno británico a necesidade de establecer o voto feminino, ela foi a primeira que correu a estampar a súa firma na lista de demandantes.