Conectados na distancia

Disciplina positiva na aula durante o confinamento
SINOPSE A disciplina positiva na aula é un programa de educación socioemocional baseado en crear un clima que sitúe as relacións interpersoais no centro: a conexión, a contribución, o alento, a colaboración, o enfoque en solucións e a atención ás emocións guían a vida da aula. Esta forma de entender a educación cobrou aínda máis sentido na dura situación de confinamento e serviu para sentirnos unidos malia estar separados.

Mónica Carneiro Varela
monicacvarela@edu.xunta.gal
Paloma López Velázquez
palomalv@edu.xunta.gal
CEIP Wenceslao Fernández Flórez. Cambre
cuentaconmigodp@gmail.com

 

 

Malia as mestras e mestres estarmos afeitos aos desafíos no noso quefacer diario, a situación que se presentou ante nós o pasado 12 de marzo non pode ser comparada con nada antes vivido. Nunca estivo tan xustificada a necesidade de conectar non só de mestra a alumno, senón de persoa a persoa, de medo a medo, de corazón a corazón. 


Coa chegada do confinamento, as prácticas educativas baseadas na disciplina positiva que estabamos a levar a cabo co noso alumnado de sexto de primaria no CEIP Wenceslao Fernández Flórez adaptáronse ao mundo virtual e constituíron a guía da nosa «vida de aula», dándonos folgos para afrontar, xuntos, un dos escenarios máis complexos que nos tocou vivir. 

 

A disciplina positiva


No noso devir de máis dunha década como mestras de primaria, nunca concordamos cos métodos educativos tradicionais baseados en premios e castigos, mais tampouco coñeciamos outras ferramentas. Casualmente batemos con esta metodoloxía educativa, a disciplina positiva, creada polas americanas Jane Nelsen e Lynn Lott, baixo o paraugas das teorías psicolóxicas de Alfred Adler. Esta filosofía educativa, que configura toda unha forma de vida, ofrécenos unha ollada á infancia comprensiva e compasiva e un conxunto de ferramentas educativas respectuosas, que ensinan habilidades de vida. Por último, achega actividades para levar a cabo co alumnado, configurando un completo programa de habilidades socioemocionais. O obxectivo é crear un clima de aula cos seguintes elementos: 

  • O respecto mutuo, con relacións horizontais, procura da colaboración do alumnado e establecemento de límites con amabilidade e firmeza á vez.
  • A importancia da conexión mestras-alumnado como base para unhas relacións sas de aprendizaxe compartida.
  • A procura conxunta de solucións, desbotando os castigos.
  • O autocoñecemento e o alento como bases da motivación intrínseca. 
  • O erro e o conflito como as mellores oportunidades de aprendizaxe.
  • A cooperación, que substitúe a competencia.
  • A práctica diaria de habilidades emocionais e sociais.

A nosa formación inicial foi externa ao centro de formación e recursos, máis atopou continuidade no seu marco, participando nun grupo de traballo de dous cursos de duración con profesionais de distintos ámbitos, desde infantil ata secundaria, que foi clave para analizar, avanzar e aplicar na aula a metodoloxía con acompañamento e un «idioma» común. 

 

O lema da nosa aula

 

A conexión: a nosa prioridade

Conscientes do impacto que podía causar o confinamento na vida emocional dos nenos e nenas, a nosa prioridade sempre foi manter esa conexión que estableceramos na aula, non só con nós, as mestras, senón tamén entre eles (atendendo á necesidade de socialización que é fundamental aos 12 anos). Para iso foi primordial facilitar espazos de comunicación, formais e informais, a través de videoconferencias, foros, chats... Precisabamos vernos, escoitarnos e continuar, na medida do posible, coas rutinas da aula, sentíndonos xuntos, aínda que separados.

As rutinas danlle estrutura ao noso día a día e son un compoñente esencial dunha aula con disciplina positiva. Permítenlle ao alumnado controlar mellor o que ocorre e asumir responsabilidades. Ademais, evitan moitos conflitos, pois non «mandamos nós», «mandan» as rutinas. Tratamos de darlles continuidade desde a casa, mantendo, por exemplo, as rutinas de cálculo, as pequenas prácticas de mindfulness e os retos matemáticos cada mañá. Tamén mantivemos o tempo de lectura, que neste caso foi de escoita, pois non tiñan os libros na casa e recibían cada día o noso audio co capítulo correspondente. (Sería intolerable deixar a medias Invisible de Eloy Moreno e Escarlatina, a cociñeira defunta de Ledicia Costas...) 

Unha das rutinas máis significativa para eles é a dos traballos na aula. Cadaquén ten o seu, como xeito de contribuír activamente ao funcionamento do grupo. Para trasladar as responsabilidades ao ámbito virtual, instauramos varios postos que ían rotando mensualmente: os encargados de avisar antes das videoconferencias, as encargadas de recordar as tarefas por entregar, os animadores, a encargada das recomendacións literarias, as que propoñían xogos, os que compartían receitas... Coa experiencia destes anos atopamos que a asunción dunha responsabilidade individual para contribuír na aula é unha das achegas máis valiosas da disciplina positiva.

 

Tarefas da aula (curso actual)


O núcleo central da vida dunha aula onde se traballe con disciplina positiva é a asemblea (desde infantil ata bacharelato) e foi fundamental mantela virtualmente. Nela podiamos darlles ás grazas aos demais, compartir emocións, preocupacións e anécdotas do día a día... O obxectivo era axudalos a expresarse emocionalmente para configurar unha narrativa da súas vivencias e poder así transitalas mellor. A asemblea tamén nos permitiu buscar conxuntamente solucións aos problemas que xurdían e instaurar as novas rutinas: Como entregar as tarefas? Como organizarse para non perderse nin quedar atrás? Como formular dúbidas? Como ser respectuosos durante as videoconferencias? Como asegurarnos de que ninguén se sinta só durante o confinamento?

As conexións virtuais, polo tanto, centráronse nesa atención emocional e organizativa, en seguir mantendo viva a chama do grupo-clase, deixando a parte académica para os momentos de traballo autónomo. Tamén nesta parte académica (centrada nas destrezas máis básicas: lectoescritura, resolución de problemas, competencia dixital e aprender a aprender), primaron a interacción e a comunicación entre eles. Precisabamos dar resposta á deterioración das relacións sociais que os nenos estaban sufrindo co seu estrito confinamento e as actividades foron seleccionadas para tal fin:

  • Actividades de expresión escrita a través de foros e chats, promovendo a conversa e o debate con temáticas variadas: a amizade, a escola, a pandemia, as emocións sentidas...
  • Actividades de expresión oral mediante vídeos e audios que todos tiñan que visualizar e comentar: contacontos, opinións, receitas de cociña, reportaxes...
  • Actividades cooperativas en parellas ou pequenos grupos a través de videoconferencias. 
  • Actividades de autocoñecemento: adxectivos que te definen, o mellor e o peor do confinamento, que será o primeiro que fagas ao saír...
  • Actividades de correspondencia a través correos electrónicos, mensaxes, postais virtuais...
  • Xogos grupais durante as conexións telemáticas.
  • Tempo libre programado dentro das videoconferencias para as súas interaccións informais.

Certo é que contamos cunhas condicións privilexiadas que permitiron que estas propostas funcionaran: ordenadores E-Dixgal que xa dominaban, conexión a Internet de todo o alumnado e outros dispositivos. A nosa formación en E-Dixgal (a través do PFPP do centro) foi fundamental para tirar partido das ferramentas que inclúe a plataforma. Pola súa vez, a situación de confinamento proporcionou un marco idóneo para practicar o aprendido de forma verdadeiramente significativa.

 

Motivar na distancia. O alento

Entre todas as dificultades que se nos presentaron co confinamento, o meirande desafío que vivimos foi, sen dúbida, a motivación do alumnado. Se xa resulta complicado motivar cara á aprendizaxe cun contacto diario, cara a cara, a tarefa de «enganchar» os nenos e nenas a través dunha pantalla resultou titánica e esgotadora. As nosas «armas» para poder conseguilo foron principalmente tres: 

- A presentación de tarefas atractivas que promovesen a interacción entre eles.

- A nosa presenza diaria a través de textos, audios e vídeos propios, xunto coas dúas videoconferencias semanais.

- O alento, un ingrediente fundamental da disciplina positiva, que consiste en facerlles ver aos nenos e nenas as súas fortalezas e necesidades de mellora fomentando a autoavaliación. 

 

Graduados. Un peche necesario

Rematar sexto de primaria e toda unha vida na escola e afrontar o temido paso a secundaria en situación de confinamento non é tarefa sinxela e requiriu pola nosa parte de moita empatía e acompañamento. Co fin de axudalos a concluír a etapa da mellor maneira, dedicamos os últimos días de clase ao peche e á transición.

Por unha banda, participaron nunha presentación sobre o paso ao instituto, poñendo sobre a mesa as súas inquedanzas, medos e ilusións.

Tamén favorecemos a reflexión sobre o seu paso pola escola: buscaron fotos antigas, revisaron blogs e canles de YouTube do centro para recuperar lembranzas... Elaboraron despedidas e agradecementos para os compañeiros e antigos mestres; redactaron recordos que ilustraron un taboleiro dixital... E, para a súa sorpresa, ese taboleiro encheuse coas mensaxes dos seus antigos docentes. 

 

Panel virtual de recordos

 

Por último, celebramos unha graduación virtual, na que recibiron, de mans das súas familias, unha banda de graduados mentres soaba «Pompa e circunstancia» e escoitaban o seu nome da nosa voz. E ata tiveron a súa orla virtual interactiva, con mensaxes de alento das compañeiras tras as súas fotos.

 


 Invitación á graduación

 

En conclusión, a formación na que vimos afondando nestes anos foi esencial para facernos ver o verdadeiramente importante nun momento tan crucial e actuar en consecuencia, sen relegar o académico, mais centrándonos no persoal. Viaxando uns meses atrás (aínda que parecen anos) sentimos de novo a inquedanza, a frustración de non chegar a todos como nos gustaría e o abatemento propio da situación, mais tamén sentimos unha conexión que foi quen de atravesar as pantallas como un fío invisible e o inmenso orgullo de poder acompañar os nenos e nenas e sentirnos acompañadas por eles.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

NELSEN, J. (2007. Como educar con firmeza y cariño. Barcelona: Medici.

Guía de acogida emocional en espacios educativos.

Guía Emocreativa para la vuelta al cole desde el corazón.

 

 

Sección: