En tratos co lixo
Elia María Areal Salve, mestra de educación infantil
Coordinadora do Proxecta Escolas Verdes no CEIP Plurilingüe de Seixalbo (Ourense)
eliaareal@edu.xunta.gal
Introdución
No curso 2019/20 o noso centro, CEIP PLURILINGÜE DE SEIXALBO en Ourense, participou por primeira vez nos Programas Proxecta. Concretamente no Proxecta Escolas Verdes organizado pola Consellería de Educación, Univ. e FP e pola Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático (Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio) co proxecto En tratos co lixo.
Neste proxecto pretendiamos pór en marcha un proxecto real no que reducir, reciclar, reutilizar e recuperar fosen os seus piares e no que a reflexión fose a mellor ferramenta de avaliación do proxecto no seu comezo, no seu desenvolvemento e no seu «punto e seguido» (xa que supuxo un cambio de actitude e a creación dunha rutina de coidado e conservación do medio ambiente).
A preocupación polo futuro do planeta e por saber que somos responsables directos da súa destrución levounos a modificar hábitos da nosa vida cotiá no colexio e nas nosas casas, que eran prexudiciais para o medio ambiente.
Toda a comunidade educativa aprendemos a clasificar o lixo e a saber máis sobre a reciclaxe e a reutilización dos residuos a partir de diferentes actividades, sempre baixo unha metodoloxía lúdica. Ademais aprendemos a reducir o lixo grazas á campaña «Friameira e cantimplora, merenda que mola», logo da cal o noso alumnado deixou de lado o uso de papel de aluminio e plástico á hora da merenda e volveu á friameira e á botella reutilizable, buscando así o reto de plásticos cero!
Quen somos? Contextualización
O CEIP Plurilingüe de Seixalbo é un centro de educación infantil e primaria, de titularidade pública, situado en Seixalbo, nas aforas da cidade de Ourense –a unha distancia de 3,5 km desta–, ao lado da vila que lle dá o nome: Seixalbo. Situado nun enclave natural, está arrodeado de vexetación, o que contribúe de xeito significativo á paz e tranquilidade da que goza o noso alumnado.
Conta con 12 unidades e case 200 alumnos.
Nesta misión medioambiental participamos o 100 % do alumnado e case o total do profesorado do centro, ademais do persoal non docente (conserxe, limpadoras, cociñeiras) e das familias (coa colaboración da ANPA).
Tema do proxecto: O lixo. Reducir, clasificar, reciclar, reutilizar, recuperar e reflexionar
Obxectivos
1) Analizar e reflexionar sobre o noso papel como xeradores de lixo.
2) Favorecer un cambio de actitude no tratamento do lixo, aprendendo a clasificar, reducir, reciclar, reutilizar e recuperar.
3) Diminuír a produción de lixo, sendo conscientes de que é un obxectivo real e asumible.
4) Potenciar o traballo en equipo e de xeito coordinado para acadar unha escola limpa e comprometida co medio ambiente.
5) Promover a participación das familias nos nosos retos medioambientais: clasificar, reducir, reciclar, reutilizar, recuperar e reflexionar.
6) Dotar o centro de contedores para que a reciclaxe poida levarse a cabo.
7) Colaborar con distintas entidades públicas e privadas para formación, achega de material…
8) Facer visible o noso compromiso e traballo sobre o lixo, contaxiándolle o noso cambio de actitude ao contorno próximo.
9) Recoñecernos como axentes activos no tratamento do lixo.
Relación cos temas transversais
Educación ambiental:
- Reducir, reciclar, reutilizar e recuperar co lixo que producimos.
- Manter limpo de lixo o contorno do colexio (merendeiro), así como as principais rutas de sendeirismo e cicloturismo próximas ao noso centro.
Educación para a cidadanía:
- Reflexionar sobre a nosa produción excesiva de lixo e o seu tratamento.
- Aprender a clasificar os nosos residuos de xeito correcto.
Educación para o consumidor e uso das TIC:
- Fomentar o consumo responsable, que supoña producir menos lixo.
- Empregar as TIC como ferramenta de busca de información, de divulgación do proxecto…
Educación para a saúde:
- Consumir nas merendas máis froita e auga, evitando zumes e produtos elaborados empaquetados con envoltorios plásticos.
Educación multicultural e para a igualdade:
- Coñecer que fan noutros países, noutras culturas co lixo.
- Coñecer os prexuízos do lixo noutros países.
Educación viaria:
- Comprometernos a ser peóns e condutores «verdes», respectuosos co medio ambiente que non tiran lixo desde o coche (cabichas, papeis…).
Espírito emprendedor:
- Investigar como podemos ser protagonistas activos e como podemos transmitirlles as nosas inquedanzas e compromisos ás nosas familias e achegados.
Como nos organizamos? Desenvolvemento das actividades. Metodoloxía
Un dos principais inconvenientes que xurdiron ao inicio do proxecto foi crear o Comando Verde. Elixir un único alumno ou alumna cando a motivación de todo o alumnado era «extraordinaria» pareceunos contraproducente. De aí que os titores e titoras fosen voceiros do seu grupo e transmisores das ideas, propostas e sentir do seu alumnado aos demais titores, especialistas…
Así, o noso Comando Verde estivo formado polos titores que participaron, a coordinadora do Proxecta (que representaba o equipo de educación infantil, como coordinadora deste), a orientadora (representando o seu departamento), a directora, a especialista en Música (coordinadora TIC), o conserxe, unha limpadora, unha cociñeira e unha representante da ANPA.
Aínda que parecen moitos, cada membro deste Comando Verde foi importante e fundamental, non só porque eran a voz do seu alumnado, senón porque moitos deles eran tamén coordinadores das dinamizacións que hai no centro; o que lle deu ao proxecto un carácter globalizador e de interdisciplinariedade.
Todas as actividades foron deseñadas por este Comando Verde, que as planificou e organizou desde a flexibilidade dos horarios do alumnado e dos mestres responsables de cada unha delas.
Para a diagnose realizamos as seguintes actividades:
- Inspectores polo cole, co alumnado de terceiro comprobando a situación real do centro e que serviu de punto de partida deste proxecto.
- Situación de novos contedores, na que o alumnado de primeiro e segundo estivo á procura do mellor lugar para poñer os novos contedores dos distintos residuos.
- E de lixo como imos? Nesta actividade, realizada por todo o alumnado, recolleuse o lixo, por aulas, durante toda a xornada para a súa posterior exposición e ver así a cantidade de lixo que xerabamos a diario. A partir de aí, fixemos unha reflexión e chegamos ao compromiso de reducir os residuos en cada aula.
Os maiores preparando a exposición
Outra das partes esenciais do proxecto, ademais de coñecer o punto de partida, era sensibilizar os nenos e nenas da excesiva produción de residuos no centro e da súa falta de clasificación.
Neste sentido, hai que destacar as actividades realizadas polo alumnado de sexto de educación primaria, moi visuais e impactantes que marcaron o resto do alumnado (un dos obxectivos que pretendiamos). Algunhas destas actividades de sensibilización foron:
- Observa, pensa, actúa, na que o alumnado de sexto elaborou un vídeo con imaxes de paisaxes fermosas e de paisaxes contaminadas que buscaron previamente.
- Observa, pensa, reflexiona, na que se elaborou un vídeo con imaxes de paisaxes fermosas e paisaxes tras conflitos bélicos.
- E a actividade de Charla coas especialistas, que foi unha das actividades máis especiais e emotivas. Nela entrevistouse o equipo de limpeza do noso centro para saber máis das súas integrantes e do seu traballo, con preguntas feitas por todo o alumnado. Esta actividade serviu tamén para facerlle unha merecida homenaxe.
Coñecendo un pouquiño máis as especialistas da limpeza
Unha vez rematada a fase de diagnóstico e a fase de sensibilización, comezouse co plan de acción con actividades como:
- Cada contedor ten a súa cor: xogo de clasificación no que se presentaron os diferentes contedores (envases reutilizados) e todo o alumnado e profesorado aprendemos a clasificar os distintos residuos e coñecemos os principais erros que se cometen á hora de botar o lixo nos diferentes contedores.
Os pequenos estiveron moi atentos ás explicacións antes de xogar
- Colocación de contedores novos, coa localización dos novos contedores nos lugares que consideraron máis axeitados tras a fase de diagnóstico. Os contedores eran colocados polo alumnado de educación infantil.
- Creación na biblioteca do recanto Salvemos o globo, con libros de temática medioambiental.
- Monstros polo Samaín: actividade na que o alumnado e as súas familias deixaron voar a súa creatividade elaborando monstros con material de refugallo.
- Campaña «Friameira e cantimplora, merenda que mola», realizada polo alumnado de cuarto e que tiña como obxectivo eliminar os envases dun só uso e as botellas de plástico á hora das merendas.
- Creación e funcionamento da patrulla do lixo: patrulla formada por un ou dous representantes dos diferentes cursos de primaria que tiña a misión de solucionar dúbidas sobre a clasificación do lixo na hora do recreo e axudar no cumprimento do compromiso de manter os espazos limpos. Unha das peculiaridades desta patrulla era o seu dinamismo, xa que os seus compoñentes cambiaban cada 15 días.
- Recollida do lixo e dos contedores: misión executada, con entusiasmo e dilixencia, por todos os nenos e nenas. Esta recollida fíxose por cursos e seguindo un calendario previamente establecido.
Recollendo o lixo dos distintos contedores
Outras actividades que realizamos foron:
- Semana polo Clima, na penúltima semana de setembro.
- Polo Día das Bibliotecas, vimos o conto Unha princesa en apuros, cunha dobraxe realizada polo alumnado de sexto de primaria, que nos fixo reflexionar sobre o cambio climático.
- Polo Entroido, cada unha das aulas disfrazouse cunha temática medioambiental.
Ademais das actividades previstas no proxecto, tivemos a oportunidade de realizar algunhas outras que foron xurdindo ou ben por contactos con outras entidades, como a «Charla das 3R ás 7R» con Lucía Méndez Lamas, responsable da aula medioambiental de URBASER-Málaga ou a «Charla sobre enerxías renovables e biodiésel», impartida por Rubén Garrido Rivero, antigo profesor do IES Cidade de Antioquía de Xinzo.
Todas estas actividades están recollidas na páxina web do centro no apartado Salvemos o globo, curso 2019/20.
Con respecto á metodoloxía, desde que comezamos o deseño deste proxecto, tiñamos claro o marcado carácter lúdico que queriamos darlles a todas as actividades realizadas. Ademais queriamos actividades prácticas, manipulativas, que se enriquecesen co traballo colaborativo e en equipo.
Se a todo isto lle engadimos o compoñente de interdisciplinariedade do proxecto En tratos co lixo, que foi da man do proxecto xeral do colexio para este curso que era Salvemos o globo, o resultado foi un proxecto ao que tanto o alumnado como o profesorado e o resto da comunidade educativa queren darlle continuidade.
Valoración do proxecto
Aínda que as actividades deseñadas para a avaliación final do proxecto non puideron realizarse polo confinamento debido á covid, si que podemos valorar a consecución dos obxectivos propostos, o desenvolvemento das actividades realizadas, a motivación e implicación do alumnado ao longo de todo o proxecto, a modificación de hábitos, incluso o cambio nos espazos do centro (libre de sucidade e con contedores suficientes para os diferentes residuos).
A motivación do alumnado e a súa implicación en cada unha das actividades foi in crescendo durante todo o proxecto. Tamén aumentou a súa capacidade de cooperación/colaboración, amosando que o traballo en equipo é moi enriquecedor.
Coa situación da covid-19, moitas actividades previstas non puideron realizarse, como unha serie de obradoiros que iamos levar a cabo no terceiro trimestre, unha andaina coas familias para limpar a contorna próxima, a visita e charla dos ecovixilantes do colexio Divina Pastora de Ourense...
Aínda así, a valoración da posta en marcha deste proxecto medioambiental no noso centro é moi positiva. A consecución case total dos obxectivos, a pesar do «parón» pola covid-19, reflectiuse no compromiso e entrega de todo o alumnado do centro, que non só reflexionou sobre o seu comportamento cara ao medio ambiente, senón que tamén valorou a necesidade dun cambio de hábitos e actitudes.
Billioud,J.M. (2007). Cuida tu planeta. España: SM.
Bouttier-Guérive, G. (2018). El gran libro juego de salvar el planeta. Ed. Edebé.
Brownjohn, E. (2010). Entre todos podemos! Salvar nuestro planeta. Barcelona: Combel.
Grant, D. (2008). Nuestro planeta en peligro. Barcelona: Juventud.
Grañó, M. (2018). Ahora o nunca. Barcelona: Alfaguara.
Hoffman, M. (2015). El gran libro de la ecología. Barcelona: Juventud.
Hough, R. (2008). Tú puedes salvar el planeta. Un día en la vida de tu huella ecológica. Barcelona: Lynx Edicions.
Poitier, A. (2009). Antes era una caja de cartón, pero ahora soy un libro sobre osos polares! España: Susaeta.