Biblioteca creativa: removendo conciencias

Cambiar a perspectiva cara a una biblioteca creativa cambiou a dinámica do centro
Cando a biblioteca escolar se converte no eixe vertebrador da vida do centro, algo comeza a cambiar. Camiñar cara a unha biblioteca creativa significa avanzar cara a un modelo pedagóxico centrado na prioridade fundamental do sistema educativo: o alumnado. Neste artigo daremos algunhas claves para logralo.

Miriam Area Rodríguez
marea@edu.xunta.es
CEIP Plurilingüe da Torre-Cela (Bueu - Pontevedra)

 

 

A viaxe é o camiño 

Despois de moito esforzo e moito tempo empregado, logramos a biblioteca coa que soñabamos. En febreiro de 2020 inauguramos a nova biblioteca escolar. 

 

 

O proceso non foi sinxelo, xa que reestruturamos o centro ao completo. Cando no 2011 entramos a formar parte da rede PLAMBE, contabamos cunha sala de biblioteca de 50 m2, onde había moito libro e pouco espazo.

Naquelas datas instauramos un proxecto global de centro,  que relacionaba as conmemoracións cunha temática común para todos. Isto favoreceu  a realización de pequenos proxectos de investigación e exposicións por parte do alumnado. 

Varios cursos despois mergullámonos nos proxectos Radio na Biblio e Biblioteca Creativa. Xa tiñamos en mente outro tipo de espazo para a nosa biblioteca e outra forma de traballar no noso colexio. O noso ideal era avanzar cara a un modelo educativo que se correspondese coa realidade que vivimos no século XXI. 

A Biblioteca Creativa removeu as conciencias e impulsou un cambio de mirada global no centro. Comezamos a remodelación e relocalización de espazos no verán do 2019, coincidindo cun acordo unánime do claustro para avanzar cara a unha metodoloxía máis activa. Porque sabemos que o profesor falando e o alumno escoitando perdeu todo o sentido e porque cremos que o libro de texto como única vía non forma un alumnado competente. 

Como sabes, a neurociencia indícanos que os nenos aprenden baixo varias condicións e a emoción é unha das fundamentais. Sen emoción non hai aprendizaxe duradeira, así que darlle un significado próximo aos contidos aumenta a posibilidade de que estes perduren na memoria. 

 

A escola que queremos 

O obxectivo dun proxecto educativo, dunha biblioteca creativa, dun modelo pedagóxico eficaz deber ser formar alumnado competente. Pero para obter competencia é preciso dar paso á experimentación e construción de aprendizaxes a través de diferentes vías. E a biblioteca escolar é fundamental neste proceso. 

 

 

A escola que queremos adapta os espazos, os tempos e os recursos ás necesidades do alumnado. Cultiva a autoestima e fomenta a curiosidade. Involucra as familias. Busca que o alumnado experimente e obteña unha aprendizaxe vivencial. Fomenta o pensamento e o razoamento. Analiza necesidades para favorecer o desenvolvemento. Integra e educa en valores. Pero, como facelo? Dándolle un papel activo ao alumnado, favorecendo a construción propia de aprendizaxes significativas, diversificando as actividades (escoita, lectura, diálogo, manipulación, asembleas, exposicións, experiencias, proxectos), diversificando as fontes de información e poñendo en valor o traballo en equipo. 

Na biblioteca ten que haber libros e recunchos íntimos para ler, por suposto, pero tamén debe contar con outras opcións. Non se trata de fundar ludotecas dentro das paredes da escola, trátase de crear un lugar onde acceder á información para obter coñecemento a través de distintas linguaxes. 

 

 

Por esta razón, na nosa biblioteca escolar contamos con espazos creativos artísticos, científicos e audiovisuais. Por exemplo, un espazo de robótica, outro para facer experimentos, outro para a expresión plástica, e recursos para facer proxectos de vídeo e de radio. 

A nosa biblioteca é un lugar para a construción e a comunicación de coñecemento. Esta filosofía non é invención nosa, tanto a LOMCE como a lexislación autonómica fan fincapé nestas cuestións. Podemos tomar como referencia, por exemplo, o Decreto 105/2014: 

Artigo 15. Principios metodolóxicos: 

2. A metodoloxía didáctica será fundamentalmente comunicativa, inclusiva, activa e participativa, e dirixida ao logro dos obxectivos e das competencias clave. Neste sentido prestarase atención ao desenvolvemento de metodoloxías que permitan integrar os elementos do currículo mediante o desenvolvemento de tarefas e actividades relacionadas coa resolución de problemas en contextos da vida real. 

3. A acción educativa procurará a integración das distintas experiencias e aprendizaxes do alumnado e terá en conta os seus diferentes ritmos e estilos de aprendizaxe, favorecendo a capacidade de aprender por si mesmo e promovendo o traballo colaborativo e en equipo. 

Tras unha longa reflexión, formación e visitas a outros centros inspiradores, acordamos empezar o camiño para transformar a escola que tiñamos na escola que queremos.

 

O modelo educativo e o papel da biblioteca

O pedagogo italiano, Loris Malaguzzi, creador das escolas Reggio Emilia, é unha das fontes de inspiración para o noso modelo educativo e a nosa biblioteca escolar. Malaguzzi invítanos a cambiar a perspectiva coa que habitualmente afrontamos a educación dos cativos. Para el a misión do adulto non consiste en encher as súas cabezas de coñecementos como se se tratasen de recipientes baleiros, xa que eles posúen as ferramentas para modelarse a si mesmos e construír a súa propia intelixencia. O que precisan de nós é que lles brindemos as mellores condicións para conseguilo. 

Baseándonos nesta metodoloxía, apostamos por instaurar os ambientes ou contextos de aprendizaxe. Esta idea tamén está sustentada nas premisas da neurociencia, que postulan que toda aprendizaxe significativa se produce cando se desenvolven tres tipos de pensamento: o analítico, o práctico e o creativo. 

Os contextos de aprendizaxe son ambientes que promoven a experiencia, a investigación e o traballo vivencial individual e colectivo/cooperativo. Neles o profesor actúa como programador e guía. 

Os contextos están centrados en catro ámbitos diferentes: o científico, o humanístico, o lingüístico e o matemático. O alumnado traballa en equipos levando a cabo diversos proxectos, investigacións e experimentos para os que teñen que buscar información en distintos soportes, elaborar esquemas ou crear produtos artísticos.

Un aspecto fundamental do traballo por contextos é a avaliación a través de varias vías, pero unha das máis importantes é a comunicación das aprendizaxes. É preciso ir máis alá do exame. Ao rematar o plan semanal de traballo, cada alumno exponlles aos compañeiros as aprendizaxes e o proceso que seguiron para acadalas. 

 

Pero cal é o papel da biblioteca escolar? 

A biblioteca ofrece os recursos e o espazo físico que fai posible levar a cabo o labor educativo desde xeito. A biblioteca é o eixe vertebrador de toda esta ensamblaxe metodolóxica.

Algúns destes recursos cos que contamos son: un panel croma para creación de vídeos, un espazo para a radio escolar, tabletas para consulta, robots programables, acceso a impresora 3D, material de bricolaxe e construción, libros de consulta; material para creación artística, xogos de mesa, de intelixencia, de expresión oral, mesa de luz ou xeoplanos. O alumnado utiliza libros, ordenadores, contidos dixitais, material manipulativo... o importante é que estean motivados por aprender e que sexa significativo para eles.  O papel do docente e planificar para dar sentido e ensinar a utilizar os recursos.

 

 

Unha cuestión de prioridades 

Cando pensamos en propostas de mellora, a quen debemos consultar? A resposta non pode ser outra: ao alumnado como prioridade máxima da escola. 

Para non perder este norte realizamos trimestralmente un consello escolar infantil. Despois de debater nas asembleas e de elixir o representante de cada clase, tanto de infantil como de primaria, lévase a cabo a sesión de intercambio de ideas cos representantes do profesorado e do equipo directivo. 

No seu momento consultamos o alumnado no consello infantil para construír entre todos a biblioteca que temos hoxe. E así seguiremos facendo para avanzar na procura dun espazo que siga dando resposta á realidade que vivimos. 

 

 

As prioridades dunha biblioteca creativa son claras:

  • Cultivar a autoestima.
  • Fomentar a curiosidade.
  • Facilitar a igualdade de oportunidades.
  • Adaptar os recursos ás necesidades do alumnado.
  • Fomentar o pensamento crítico, o razoamento e a argumentación.
  • Ofrecer acceso a formación en múltiples linguaxes e soportes.

A escola debe ser capaz de adaptar os seus recursos e de enfocalos para ofrecer unha educación integral e de calidade, que lles permita aos alumnos desenvolver todo o seu potencial. Porque hai diversidade de persoas, de intereses e de talentos aos que debemos dar resposta educativa.

 

 

Sección: