Xeografías lectoras: atlas de lugares imaxinarios

A literatura creou moitas xeografías inventadas. Liliput, Ratonia, Metrópolis ou Hogwarts son algúns destes lugares que só existen na imaxinación, pero que o noso alumnado coñece a través da lectura.

M.ª Carmen Rubio Piñeiro
CEIP Saco e Arce (Toén – Ourense)
ceip.saco.arce@gmail.com

 

  • Atlas

nome masculino

Colección de mapas, principalmente xeográficos, que se presentan en forma de libro ou de caderno.

  • Imaxinario 

adxectivo masc. 

Que non é real e só existe na imaxinación.

 

Así aparecen no dicionario as definicións destas dúas palabras que nós empregamos para titular o noso traballo. 

O lema elixido pola Consellería cara a este curso 2020/21, «Xeografías lectoras», parece que foi premonitorio. Semella que sabían que as viaxes ían estar limitadas, que só poderiamos movernos dentro do noso concello e que a literatura ía ser o único medio para chegar tan lonxe como desexásemos.

A situación de alarma sanitaria que estamos a vivir xerou un paradoxo: hai moi poucos lugares que poidamos visitar , pero tamén hai centos de cidades, países, continentes e ata planetas que teñen as portas abertas. Iso si, para descubrilos hai que ser afeccionado á lectura, dedicar parte do noso tempo a viaxar e estar preparado para vivir aventuras incribles.

Os libros que imos lendo ao longo da nosa vida supoñen unha oportunidade de ampliar a nosa imaxinación e de aumentar os nosos coñecementos do mundo que está ao noso arredor e moito máis lonxe. Conforman un mapa de lectura que cada un de nós atravesamos dun xeito e partindo dun porto diferente.

 

 

Por iso é tan importante poñer nas mans do noso alumnado unha selección de lecturas que vaian construíndo persoas lectoras, comezando nas primeiras idades. A biblioteca escolar, a través das actividades que organiza e dos recursos que pon á disposición da comunidade educativa, pode lograr a formación integral do alumnado e, sobre todo, reducir as diferenzas sociais que, nestes tempos que vivimos, poderían agrandarse. E non queremos iso!

A literatura ofrécenos a posibilidade de visitar innumerables mundos e lugares que só existen na imaxinación dos escritores que os crearon. Permítenos viaxar sen saír da escola ou da casa.

 

Grazas á invención destas terras fantásticas, as escritoras e escritores poden imaxinar situacións que non teñen que estar suxeitas ás limitacións da xeografía real e, ademais, poden incluír nas súas historias seres inexistentes e linguas ficticias. 

 

Como entrar nestes mundos? 

De xeitos moi diferentes: a través dun paso escondido nun armario poderás chegar a Narnia; un tornado levarate ao marabilloso mundo de Oz; se colles un tren na plataforma 9 ¾ de King’s Cross irás dereitiño a Hogwarts... 

Que tal se practicamos o turismo de fantasía a través dos libros? 

E cun mapa diante para guiarnos, como soporte visual, moito mellor. Porque estes documentos gráficos cos que se ilustra o itinerario e o punto de destino da nosa viaxe axudarán a que imaxinemos as rúas, as paisaxes, os desprazamentos… E iso tamén é lectura.

Dicía Umberto Eco que «a nosa imaxinación está poboada de terras e lugares que nunca existiron, produto da fantasía». 

Os mapas o único que pretenden é enriquecer a lectura, a unión da imaxe textual e a imaxe visual: desde calquera parte do mapa pódese chegar ao texto, e viceversa, calquera episodio do texto encóntrase representado no mapa. Dá igual que sexa imaxinario, co mapa prodúcese a ilusión de que o representado existe en todos e cada un dos seus detalles. Como recurso, o mapa é paratextual, está feito non só para ser lido ou descifrado, senón para ser contemplado e para ofrecer pracer estético. Ademais, axuda a rememorar libremente o que acabamos de ler.

 

 

As compoñentes do equipo de biblioteca pescudamos nas lecturas que animan a coñecer estes lugares, que animan á aventura, e atopamos varios mapas que ofrecen un percorrido polos planos de mundos xurdidos da literatura ou da imaxinación, mundos ficticios que foron poboando o imaxinario colectivo a través dos séculos. Unha viaxe pola xeografía poética do imaxinado. Unha viaxe que debe iniciarse cunha única premisa: non poñerlle límites á imaxinación.

Entón, por que non reunilos nun atlas que todos os rapaces puidesen consultar e explorar?

Así foi como xurdiu este Atlas de lugares imaxinarios, para que a imaxinación do noso alumnado se puxese en marcha. 

Que non tivesen reparo en asomarse a novas lecturas, a novos mundos. Que se decidisen a coller un libro e COMEZAR A VIAXE!

Para facer a travesía máis amena, máis visual se cabe, introducimos ligazóns para que o alumnado descubrise as autoras e autores, as personaxes e, sobre todo, os lugares que aparecen nos mapas que conforman este pequeno atlas.

Hai lugares míticos, rutas marítimas, illas remotas, viaxes a través do espazo, a través da selva… E todo sen saír da biblioteca. Que máis se pode pedir? 

Unha vez finalizada a travesía, pedímoslle ao alumnado que respondese un pequeno cuestionario para coñecer o que levan na equipaxe (os seus coñecementos previos) e que billete lles gustaría mercar máis adiante, que lugar descoñecido lles apetecería visitar.

R. L. Steveson dicía: «dixéronme que existe xente á que non lle interesan os mapas, paréceme difícil de crer».

As nenas e nenos non están entre estas persoas xa que, pola contra, desfrutan ollando os países e continentes representados nun mapa e, desde ben pequenos, séntense atraídos polas cores que os enchen.

 

 

As actividades con mapas, sexan reais ou imaxinarios, poden realizarse na escola pero tamén na casa e teñen múltiples beneficios para todas as idades:

  • Fomentan a lectoescritura. Para usar un mapa, hai que ler.
  • Desenvolven o concepto espacial. Aprenden a situarse no espazo, a diferenciar entre esquerda e dereita, preto e lonxe, os puntos cardinais...
  • Adquiren coñecementos xeográficos básicos sobre cidades, países, continentes, océanos, montañas, ríos...
  • Poden coñecer diferentes culturas e situalas no mundo.

Podemos levar a cabo moitas actividades co alumnado dende idades ben temperás, respectando os seus intereses e ritmos:

  • Quebracabezas xeográficos.
  • Facer planos da clase ou dalgún cuarto da súa casa colocando os mobles e obxectos. Deste xeito verán a relación entre o representado e o real.
  • Debuxar o mapa dun conto.
  • Seguir un mapa da cidade para chegar a unha determinada rúa, un museo, un parque...
  • Explorar a cidade, veciñanza, aldea... a través de Google Maps. Resultaralles curioso recoñecer a súa casa, o parque onde xogan ou a escola.
  • Deseñar mapas de lugares imaxinarios, inventados por eles mesmos.
  • Baseándose no Atlas dos lugares imaxinarios, podemos crear con eles o Atlas dos lugares que só existen nos cómics, na ciencia ficción... 

O caso é convidalos a explorar todas as posibilidades da lectura, en calquera formato, en calquera soporte, que os axude a comprender mellor o noso mundo e a entender o mundo dos outros.

 

 

Sección: