Apuntamos á diana
Alonso Villar, Ruth - Ed. primaria
Diz, Patricia - Ed. primaria
Pérez Martínez, Dolores - Ed. primaria
Rey González, Anabel - Ed. física - Coordinadora equipo da biblioteca
Vila Calzado, Alberto - Alumno do Prácticum do grao de Educación Primaria, especialidade Educación Especial, da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense (curso 2018/19)
Gil Lariño, Rosalía - Ed. primaria - Coordinadora proxecto Monte Vivo
Introdución e contextualización
O cambio climático e a deterioración do medio cos incendios forestais son uns problemas de tal envergadura e magnitude que acaparan de xeito habitual os medios de comunicación e a preocupación de distintos ámbitos da sociedade (COP25, incendios en Australia…).
Cada vez estamos máis sensibilizados da importancia que ten e de que as accións eficaces pasan por unha acción conxunta. Temos claro que é unha responsabilidade compartida. É por iso que quixemos poñer na foto de portada a diana de autoavaliación. É realmente a mensaxe que lles hai que transmitir ás novas xeracións. Ensinamos a traballar de xeito colaborativo en xeral, e moito máis cando falamos do coidado dos montes.
A meta é tripla:
- Fomentar a participación grupal.
- Estimular a intelixencia executiva.
- Participar activamente na súa contorna.
O CEP Altamira está situado na vila de Salceda de Caselas e acolle o alumnado de educación primaria das sete parroquias do concello. Conta con 25 unidades, 550 alumnos aproximadamente. Os outros centros do concello son o CRA Raíña Aragonta e o IES Pedras Rubias, onde se imparten ensinanzas de educación infantil e da ESO, respectivamente.
Obxectivos xerais
- Implementar proxectos interdisciplinares favorecendo a investigación na escola.
- Desenvolver as competencias clave, a educación en valores e os elementos transversais.
- Promover valores de participación e responsabilidade cara ao coidado dos nosos montes e, por extensión, valoración ecolóxica da súa contorna.
- Fomentar o pensamento crítico en relación co coidado do medio.
- Adaptar o proxecto de innovación Monte Vivo ás características do CEP Altamira.
- Incluír nos diferentes documentos programáticos do centro metodoloxías que potencien a participación en prácticas innovadoras.
- Darlles visibilidade aos diferentes proxectos entre a comunidade educativa.
- Introducir como ferramenta de avaliación das competencias clave as «dianas de autoavaliación».
- Fomentar a motivación e o traballo activo, cooperativo e en rede do alumnado.
- Promover a capacidade do alumnado para transferir e aplicar o aprendido (intelixencia executiva).
Impacto
Curso 2017/18
Entre moitas actividades, obradoiros, charlas... fixemos unha campaña de concienciación enfocada á contorna e intentamos que participase o máximo número posible de alumnos e alumnas.
A metodoloxía na que nos baseamos foi a APS. Constitúe unha práctica educativa que combina diversas fórmulas do «saber facer», como investigar, organizar, cooperar... nun proxecto integrado, destinado a desenvolver necesidades reais na súa contorna para actuar sobre ela, transformando e dando a coñecer o traballo á comunidade.
Ademais, o día 15/10/2017 houbo unha vaga de incendios que afectaron en gran medida a Salceda de Caselas e na que o lume chegou a moitas vivendas. Todos estivemos francamente impresionados neses días.
O alumnado de sexto nivel ao longo de todo o curso, na hora de libre configuración e facendo desdobramentos nas aulas, foi traballando en equipos o seguinte:
- Coordinación, elaboración e repartición da cartelería (que anunciaba as datas da campaña).
- Coordinación e elaboración dun mural no corredor do terceiro ciclo.
- Elaboración dun tríptico no que incluímos un código QR, a foto do noso mural e unhas indicacións prácticas dos pasos que hai que seguir se un se atopa nun incendio.
- Elaboración, corrección e ensaio dun texto-modelo para unificar o que se lle diría á xente pola rúa. Este foi o resultado:
Bos días! Poderíame dedicar uns minutos por favor? Temos unha sorpresa para vostede. Somos o alumnado de sexto nivel do CEP Altamira. Estamos facendo unha campaña para motivar e concienciar sobre o importante que é o coidado dos montes, evitar incendios e que non volva ocorrer o que aconteceu o día 15 de outubro. Acórdase? Temos un regalo, que dentro garda o segredo mellor gardado, a solución a este problema. A única posible. As súas siglas son TNATI. Para descubrilo, ten que descargar unha aplicación e con este código QR poderá descubrilo. Non perda, por favor, este tríptico!
Moitas grazas!
Este é o vídeo que se podía visualizar na páxina web vencellado ao código QR .
Curso 2018/19
A posta en marcha da segunda campaña foi moito máis doada, xa que tiñamos experiencia todos. Os grupos de traballo foron moito máis rápidos e eficaces. Nesta ocasión contamos coa dedicación de Alberto Vila Calzado, alumno do Prácticum do grao de Educación Primaria, especialidade Educación Especial, da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense. Durante aproximadamente un mes e medio, xestionou un obradoiro integral cuxa finalidade foi crear un pequeno bosque no corredor común. Os materiais empregados foron mínimos e de refugallo. O seu traballo consistiu en ensinarlles a pequenos grupos de alumnos cales eran as tarefas que xurdían e como levalas a cabo. Estes, pola súa vez, organizaban a outros alumnos e todos tiñan liberdade para innovar e propoñer ideas. A temporización variaba duns días a outros, xa que podía participar alumnado de diferentes niveis, cando remataban as tarefas dentro das aulas, voluntariamente nos recreos... un tipo de organización moi flexible.
Tamén lle demos difusión na revista As Tamanquiñas de Pau.
Curso 2019/20
A primeira semana despois das vacacións do Nadal, propuxemos facer un concurso de mascotas deseñadas polos nenos e nenas do terceiro ciclo, que fose froito dun traballo cooperativo feito nas titorías. Démoslles as seguintes indicacións:
Como xa sabedes, temos na biblioteca do colexio a nosa benquerida mascota Sabidiña, que vive agochadiña entre os libros e sempre ten tantas cousas que ensinarnos. Esta mascota tamén foi feita nun concurso hai anos polos alumnos e alumnas. Propoñémosvos facer unha mascota para Monte Vivo. Sinxela, sen empregar técnicas plásticas moi complicadas. Porque o importante nesta actividade é que sexa o resultado da vosa negociación en equipo. Podedes decidir acompañala dun lema, o nome, se é un animal, persoa, cousa... Tedes dúas sesións para decidilo xuntos e para facer o deseño.
Ao rematar imos facer unha autoavaliación. Desfacemos os grupos e poñémonos como para unha proba escrita, de forma individual. Tendes que cubrir esta diana que ten oito criterios para avaliar. Cada un deles cunha puntuación que vai do un ao cinco. Son os seguintes:
1. Axudei na limpeza e orde dos materiais.
2. Respectei as quendas de palabra. É un criterio fundamental para manter unha convivencia axeitada.
3. Presentei o traballo a tempo. O grupo tense que axustar ao tempo de dúas sesións, non se pode alongar o prazo.
4. Acheguei ideas ao grupo. É unha responsabilidade compartida, non pode recaer sobre uns poucos. Todos tedes algunha idea, opinión, punto de vista interesante... sen excepción.
5. Completei a miña parte. Todos/as tedes que facer algo no deseño, así que tamén hai que repartir de forma xusta o traballo.
6. Controlei o ton de voz nos debates. Somos moitos e non debemos levantar a voz para poder escoitarnos.
7. Fixen as tarefas do meu rol no grupo. A titora pode nomear un capitán, secretario... que será o que dea a palabra e recolla anotacións, respectivamente. Tamén decide cando someter a votación as decisións. Se temos algún malentendido, falamos co capitán e, se fai falla, este avisa a titora.
8. Axudei a algún compañeiro/a cos traballos.
Empregaredes un lapis para marcar cun asterisco a nota que considerades que tedes en cada un deles. Despois unides todos eses puntos ata obter unha figura. Canto máis grande sexa, mellor o fixestes. Debaixo, á dereita, hai un recadro, onde tedes que sumar todos eses valores. A puntuación total é un valor que teremos como referencia.
Moita sorte!
Nunha semana tiñamos todas as mascotas listas. Todas moi vistosas. A gañadora foi Superárbore de 5A. Como este ano o proxecto anual da biblioteca leva por título «Que é a sanidade vexetal?», seguro que Superárbore ten moitas aventuras esperándoa, moitos montes que salvar, moitas sementes por plantar...
Para ir xa adiantando, este ano o alumnado de quinto disfrazouse dela no Entroido. Anunciámolo rapidamente.
Avaliación destes tres cursos académicos
Entendemos por avaliación dun proxecto de centro un proceso continuo que persegue dar unha idea o máis axustada e obxectiva posible (en relación coa meta de calidade, dos obxectivos propostos inicialmente como acadables). Tendo en conta que para cada curso académico se estableceron uns obxectivos concretos, actividades... (facilmente medibles), unha valoración global da nosa participación no proxecto Monte Vivo descansa na nosa valoración persoal e descrición cualitativa. Fixémola en relación cos seguintes aspectos:
- Contexto e marco social. A localización do centro nunha zona rural especialmente castigada polos incendios forestais supón que o proxecto ten moito significado para o alumnado.
- Grao de adecuación ao proxecto educativo. Ten unha alta participación efectiva da comunidade educativa, inclusión nas programacións... Ademais, as actividades foron coherentes na súa dificultade en relación cos distintos niveis.
- Valores compartidos polo centro. O coidado da contorna, a reciclaxe, a prevención de incendios forestais... son sen dúbida valores compartidos polo centro e son de forma habitual temáticas ao redor das que se vertebran multitude de actividades.
- Ten proxección social, cunha marcada apertura do centro á comunidade. É significativa para o alumnado, xa que as súas accións quedan reflectidas no seu ámbito.
- Novas formas de organización axustadas ás características do CEP Altamira. Agrupamentos do alumnado como os desdobramentos e a creación de espazos como o obradoiro integral, organizado polo alumno en prácticas.
Estamos satisfeitos co traballo feito, pero temos as seguintes propostas de mellora:
- Implicar aínda máis o alumnado na achega de ideas, así como no emprego das TIC.
- Buscar alternativas de organización para que non se dilate tanto no tempo para acadar os produtos finais.
- Canalizar máis actividades de distintas áreas/materias cara a proxectos integrados significativos e funcionais, cunha proxección desde a aula ao contexto social, cultural...
Conclusións
- O APS fomenta a observación do contorno e identifica necesidades. É solidario porque busca o ben común, a sustentabilidade, o compromiso...
- Ponse en marcha desde a cooperación, xuntando esforzos, fortalezas persoais, a contribución ao grupo baixo un obxectivo común.
- É significativo e funcional, prolongando a actividade que comeza na escola ao ámbito da comunidade, de xeito que se aprenden estratexias e habilidades para a vida.
- Incidir e traballar en grupo na aula, tendo unha meta elixida para acadar, é sinónimo de favorecer a inclusión educativa. Por que? En primeiro lugar, porque non queda ninguén fóra e, en segundo lugar, porque estamos nós para guiar os máis que probables conflitos que poidan xurdir.
- Traballar a intelixencia executiva a través de dinámicas colaborativas axuda a xestionar ben o tempo, facer consciente o alumnado de condutas impulsivas, evitar a rixidez de pensamento, actitudes de dependencia, desorganización e falta de constancia. Os profesores temos a ocasión de intervir se é preciso, observar e coñecelos mellor.
- Desde o punto de vista do alumnado, a autoavaliación a través dunha diana fai que, de xeito moi visual, entendan que aspectos necesitan mellorar. Asociar esta valoración a un número implica cuantificar, pero tamén pode servir de motivación, sempre que se acompañe dunha explicación previa do funcionamento deste instrumento de avaliación.
- Queremos que o alumnado controle as súas accións, que sexa autónomo, que observe, pregunte, formule hipóteses... que teña un pensamento crítico e creativo, non conformista, que valore a acción coordinada como medio para unha acción eficaz. Non abonda con ter os datos (intelixencia cognitiva - sabemos que o medio necesita dos nosos coidados) e controlar as emocións (preocupación e tristeza)..., hai que aprender estratexias que estimulen as funcións executivas (dirixir a actividade a un obxectivo, pasar á acción).
Estas funcións son:
- Capacidade para establecer proxectos
- Iniciar a actividade
- Organización
- Control da atención
- Autorregulación emocional
- Flexibilidade
- Persistencia
- Metacognición
Por outra banda, a carencia destas está presente en moitos casos no alumnado con necesidade específica de apoio educativo. Sen a nosa intervención educativa explícita, polo xeral, teñen menos opcións de beneficiarse deste tipo de experiencias de aprendizaxe. É útil para todos. Estando todos, sen excluír a ninguén.
Moitas actividades que se fundamentan nesta metodoloxía de traballo en equipo véñense desenvolvendo nos nosos centros educativos. Recollemos e compartimos con vós unha experiencia máis.
Xa para finalizar, así quedaron os alumnos e alumnas de quinto o pasado día 21 de febreiro. Listos para pasar á acción, xuntos!