Conversando sobre feminismo
No mes en que se conmemora o Día Internacional da Muller, o Museo Etnolóxico de Ribadavia únese a esta celebración mediante unhas conversas sobre feminismo, en homenaxe ás socias e socios da Agrupación Cultural Abrente de Ribadavia que en 1972 celebraban un ciclo sobre “A muller na sociedade actual”, ciclo levado a cabo nun momento histórico no que o tema da muller non era habitual na programación das asociacións culturais galegas e o movemento feminista galego estaba aínda xestándose.
Nunha mostra documental exporase tamén a documentación conservada pola Agrupación ribadaviense en relación a este ciclo sobre a muller, no que participou, entre outros e outras investigadoras, María Xosé Queizán falando sobre a familia, tema fundamental na loita feminista.
Actualizaranse os estudos, as investigacións e as loitas feministas, resaltando o seu percorrido histórico a través dos relatorios de María Xosé Queizán e Encarna Otero e a presentación do libro coordinado por Iria Vázquez en tres sesións ao longo do mes de marzo:
- Venres 06 de marzo ás 20.15h: Inauguración da Mostra documental sobre o ciclo “A muller na sociedade actual”.
- Venres 06 de marzo ás 20.30h: relatorio de María Xosé Queizán "Feminismo: historia e actualidade”.
- Xoves 12 de marzo ás 20.30h: relatorio de Encarna Otero “Concepción Arenal e Juana de Vega: camiños de sororidade”.
- Xoves 26 de marzo ás 20.30h: presentación do libro “Cómplices. A violencia machista institucional” coa presenza das autoras Iria Vázquez Silva e Lola Ferreiro.