Escola Obreira Inmaculada Concepción

Unha iniciativa altruísta de comezos de século XX que ofrecía a oportunidade de instruír as mulleres adultas ourensás
O presente traballo reconstrúe a historia da Escola Obreira Inmaculada Concepción na capital de Ourense, unha oferta de carácter altruísta para as adultas desta cidade onde podían ampliar a súa cultura e adquirir novos coñecementos.

Rosa María Cid Galante
Doutora en Xeografía e Historia, licenciada en Psicopedagoxía e diplomada en Educación Xeral Básica
Profesora titular de Xeografía e Historia no IES Universidade Laboral de Ourense
rosa@edu.xunta.es

 

Este traballo de investigación estuda as orixes da Escola Obreira Inmaculada Concepción que se creou na cidade ourensá a comezos do século XX. Trátase dun estudo inédito sobre esta institución destinada ás mulleres ourensás e cuxos principios e obxectivos eran, por unha banda, instruír ás mozas que carecían dos coñecementos básicos e, por outra, fornecer a cultura a aquelas que voluntariamente quixesen. Polo tanto, era para as mulleres que superaban a idade da escolarización e que estaban ocupándose dos seus labores na casa ou realizando algún traballo extradoméstico, de aí a súa denominación de escola obreira.

Podemos falar de que estas institucións tiñan un carácter moi particular, pois viñan da man da necesidade de facilitar a formación das persoas adultas e mellorar a súa situación obreira. Xa a comezos do século XX, había na cidade iniciativas educativas como a ensinanza nocturna para homes grazas a institucións como a Sociedade de Obreiros de Ourense e o Círculo Católico Obreiro. Dita sociedade realizaba actividades de concienciación obreira e daba pé á creación de escolas nocturnas para os obreiros. O Círculo Católico Obreiro, como contrapunto do anterior, tamén velaba por unha formación obreira pero dende unha perspectiva conservadora e católica. Todas tiñan un carácter gratuíto e altruísta.

Imaxe 1. Anuncio prensa

Fonte: La Región, 29-09-1910)

 

As orixes da Escola Obreira

Seguro que empurrados por estas iniciativas do Sindicato Católico Obreiro, xorde, en 1920 en Ourense, unha escola para a formación daquelas mulleres adultas que non tiveran ocasión de asistir á escola primaria ou que querían ampliar a súa cultura. Efectivamente, este establecemento nacerá baixo o manto do Círculo Católico Obreiro.(1)

A impulsora desta fundación foi  Pura Domerq, de Pontevedra, que, despois de repetidas xestións realizadas pola comisión nomeada para este efecto, logrou fundar en Ourense o día 15 de decembro de 1920 unha escola nocturna para obreiras baixo a advocación da Virxe Inmaculada. O obxectivo era ofrecerlles ás clases traballadoras medios de cultura de acordo coas necesidades da vida moderna.

Tratábase dunha institución católico-social que contou co beneplácito do bispo da cidade, quen, por considerar conveniente levar a cabo dito proxecto, achegou as primeiras 250 pesetas para gastos de material e brindouse tamén a pagar a renda da casa onde se situaba a escola. Notables ourensáns tiveron participación directa na implantación de tal obra contribuíndo economicamente, como a distinguida viúva de Ferro, os señores Villanueva Junquera, Olmedo, Román, Saco, Romero, Felipe Santiago y Hermanos, Aguirre, Hijos de Simeón García y García, o señor Villanueva, señor Carrascal, señora viúva de Amor. Outras veces axudábase de xeito indirecto e ocasional, como, por exemplo,  fixo a compositora Consuelo Solano Barreto, que remitiu á institución dez exemplares da súa obra musical La florista para que as vendas fosen en beneficio da Escola de Obreiras. Tamén a Deputación Provincial incluía nos seus orzamentos algunha partida para o mantemento da devandita institución. Polo tanto, a escola contou sempre con axuda económica por donativos e contribucións, ben mensuais ou ben puntuais, coa que se paliaban os gastos de material, pago do alugamento, de desprazamentos etc. Outro xeito de recadar diñeiro era por medio dos festivais que organizaba a escola. Deste xeito quedaba case resolta a cuestión económica e o funcionamento da institución.

Localización

Este centro estaba afincado, nun primeiro momento, na rúa Barreira, número seis, piso segundo. En 1922, a escola trasladouse a un local situado no número 11 do Campo das Mercedes e, en 1925, iría á rúa Cisneros, 5, primeiro piso. No 1926 volve ao Campo das Mercedes, pero neste caso, ao número 14. Finalmente, no ano 1936, a Escola Obreira impártese no establecemento das Irmás da Caridade.(2) Os motivos de tantos cambios de  emprazamento eran diversos, entre eles o número cada vez maior de alumnado da escola, a necesidade de situala nun lugar céntrico da cidade para maior accesibilidade ou por economizar os gastos. Cando se instalou definitivamente no local das Irmás da Caridade supuxo unha redución considerable de gastos en todos os sentidos: local, material e persoal.

Imaxe 2. Blanca Calvo Moraza


 «Blanca Calvo. Ilustre pedagoga y literata, directora del grupo escolar obrero femenino, institución de gran importancia cultural para las clases trabajadoras al frente de la cual ha obtenido grandes éxitos y realiza una meritísima y altruista labor.» (Vida gallega: ilustración regional, 523, 10 de xuño 1932)

 

Dirección

Ao longo de todos os anos de actividade da Escola Obreira, a súa directora foi Blanca Calvo, mestra de ensinanza primaria e escritora nacida en Ourense. Tiña esta muller, desde unha perspectiva conservadora, unha gran conciencia social e unha gran preocupación pola cultura popular e pola defensa dos desfavorecidos; e, en concreto, pola situación da muller, solicitando para ela unha boa formación e unha educación, de aí a súa iniciativa de crear esta escola gratuíta destinada ás mulleres adultas.(3)

Admisión de alumnado, ensinanzas e horarios

Na escola dábanse clases diarias de seis e media a oito e media da noite e admitían alumnas de 15 a 30 anos. Comezaban o 15 de outubro e remataban o 1 de maio. Impartíanse, ademais das disciplinas que constituían os programas das escolas primarias, leccións especiais de Corte, Francés e Debuxo. Estas últimas ensinanzas só foron impartidas a aquelas alumnas que xa adquiriran os coñecementos básicos de primaria.(4)

Pero tanto o horario como a idade de admisión cambiarían cando se trasladou a escola ás Mercedes. As clases serían, a partir de entón, de sete a nove da noite para as mozas maiores de 16 anos e coa condición de que non acollerían a «aquellas que por su condición puedan alterar el orden de las clases o perjudicar la buena fama de sus compañeras» (5) nin tampouco nenas menores: «por muy poderosas que sean las causas que aleguen».(6) E é que, segundo a normativa, o docente tiña a máxima autoridade e organizaba a ensinanza segundo consideraba mellor. No caso de que houbese algunha discípula díscola que perturbase a marcha da ensinanza, podería ser expulsada.

O procedemento que había que seguir para matricularse era que a alumna solicitante debía ser presentada por unha mestra da escola ou acudir á casa da directora Blanca Calvo, na rúa Vicente Pérez, ou a casa da señora Ramona Valencia, na rúa Padre Feijóo, e facer a petición de ingreso. Este requisito foi posteriormente suprimido e as obreiras que desexaban matricularse debían cubrir os datos da solicitude que podían recoller e entregar no estanco da praza Maior ou nunha axencia funeraria de Santa María Madre, na rúa de Santo Domingo. Tamén podían entregalas na casa da directora Blanca Calvo e da profesora Ramona Valencia. Se había máis solicitudes ca prazas, a admisión sería por orde de presentación de instancias.

Sabemos que acudiron a esta escola non só analfabetas, senón tamén mulleres que tiñan coñecementos e saberes, pero querían seguir formándose.

Metodoloxía

Tendo en conta o exceso de educandas, a ensinanza organizouse de forma graduada pois era o xeito máis racional e pedagóxico, e distribuíanse as  alumnas en distintas salas segundo o grao de coñecementos.

A metodoloxía foi básica para crear un bo clima de traballo e un ambiente de alegría, que en palabras de Blanca Calvo e segundo as alumnas cantaban no seu himno, a escola era un «vergel peregrino» pois ensinaban a persoas fatigadas despois do desempeño da súa tarefa cotiá.

Ademais das ensinanzas básicas, a cultura ampliábase realizando excursións ás vilas da provincia (Ribadavia, O Carballiño…) onde, ademais de percorrelas con interese, ofrecían á xente do lugar delicadas declamacións de poesía e representacións das obras de teatro que habitualmente ensaiaban e preparaban na escola. (7) Tamén acudían ás colonias do colexio Sagrado Corazón de los Placeres onde gozaban do sol e do mar. Todo era saudable e enriquecedor para «ellas, las moradoras de los barrios pobres de calles estrechas donde el sol no cabe a entrar…».(8)

Todos os cursos remataban cunha merenda na alameda do Canal. A merenda, a base de chocolate, constituía un premio polo esforzo e pola constancia na asistencia das máis ou menos sesenta alumnas matriculadas. Nesa merenda eran as profesoras as que exercían de camareiras e, ao remate, cantaban e agradecíanlles aos socios e mantedores da obra  o ben que facían en prol da cultura das mulleres e da cidade. (9) Facíase entrega dun premio ás alumnas que tivesen máis constancia e aplicación consistente en outorgarlles unhas cartillas da Caixa Postal de Aforros. O colofón do curso consistía na celebración dun festival no Teatro Principal ao que ían as autoridades da cidade, entre elas, a inspectora de educación Antonia Ortiz, quen aproveitaba para dar un discurso eloxiando o labor da escola. (10)

O ambiente da escola impregnábase de relixiosidade. As mozas acudían ás misas durante o curso, realizaban exercicios espirituais previos á Semana Santa na capela das Mercedes, escoitaban charlas impartidas polo bispo... Garantíase así unha formación moral e ética moi acorde cos tempos, que esixían da muller unhas calidades propias que logo ían resultar útiles para a formación dunha familia: ser boa nai, muller e filla.

Profesorado

A escola requiría un profesorado numeroso, pois tanto había que ensinar a mulleres analfabetas como a obreiras cultas en ensinanzas específicas. Algunhas eran mestras tituladas, outras bachareis e algunhas non posuían aínda o título de maxisterio, pero manifestaron magníficas condicións pedagóxicas. As profesoras que impartían clases na escola facíano de forma voluntaria e, como indicaba Blanca Calvo, podía supor un sacrificio polo horario e porque algunha residía bastante lonxe da escola. Polo tanto, era un labor altruísta e non remunerado, pero realizado con grande entusiasmo.

Actividades culturais

Este establecemento acabou sendo un referente na cidade, como unha grande insignia para a capital, debido, na súa maior parte, á súa directora Blanca Calvo, que era admirada pola sociedade ourensá. Tivo esta escola un funcionamento notorio polos eventos culturais que promovía e dos que daba conta a prensa local. Resultaban ser moi populares pois a eles acudía o máis selecto da cidade. O Teatro Principal era o lugar onde levaban a cabo representacións teatrais, declamacións, recitais etc. Representaban, normalmente, comedias escritas por Blanca Calvo como  Lo que no se compra, Sendas opuestas, Un salto en las tinieblas, La cabaña de la bruja, El Cristo de las ofrendas… Pero tamén botaron man de autores como Prado Lameiro representando a obra El Cristo de las ofrendas. Todas cun aire desenfadado e con gracia para contentar o público que recibía as representacións con entusiasmo no remate do curso.(11)

Noutras ocasións facían veladas literarias, normalmente en honra dalgún persoeiro importante da cidade como podía ser o bispo da cidade, ilustres escritores…(12) ou facían ofrendas, conferencias… Eran eventos dos que informaba a prensa local para enxalzar o traballo e entrega da escola e os beneficios que lle reportaba á cidade ourensá.

Pero a Escola Obreira, ademais das vantaxes culturais para as mulleres, tivo un papel importante no aspecto social, pois puxo en contacto a mulleres de diferentes estratos sociais que chegaron a respectarse e convivir conxuntamente. Como a propia Blanca Calvo dixo: «Para sentir amor hacia el pueblo, para conquistarnos su afecto, es necesario convivir con él, apreciar sus trabajos, sus aspiraciones, y sus virtudes, que nos harían más indulgentes con sus defectos».(13)

Así pois, non faltaron eloxios da sociedade ourensá pola implantación da Escola Obreira de Ourense, xa que consideraban que desempeñaba un labor magnífico para a cidade:

Son muchas, muchísimas, las muchachas que ingresaron en la mencionada escuela sin saber leer ni escribir y que, gracias al esfuerzo y al sacrificio de caracteres heroicos de las bondadosas señoritas que componen el competente profesorado, se hallan  hoy en magníficas condiciones para luchar por la vida con armas que son toda  una garantía de éxito. Precisamente, hay algunas en nuestra ciudad desempeñando puestos para los que se requiere una preparación que no es corriente hallar y que, desde luego, no hubieran tenido sin la existencia de la humanitaria institución; que tiene además otro motivo de admiración, cual es el realizar una importante preparación cristiana en sus alumnas, haciéndolas mujeres piadosas, promesa de buenas esposas y madres ejemplares...(14)

Non sería a única escola para adultas xa que, emulando a obra exemplar da Escola Obreira de Ourense, xorde no Carballiño no ano 1935 a Escuela Obrera de Acción Católica Femenina dirixida por distinguidas carballiñesas.(15)

E xa para rematar, é indubidable que a Escola Obreira de Ourense supuxo unha sensibilidade por achegarlles ás mulleres saberes e cultura. Pero tamén é verdade que as escolas de adultas, en xeral, e esta, en particular, tiñan outro obxectivo principal, que era formalas dentro dos valores tradicionais que o momento esixía, que era ser boa nai, esposa e filla dentro dunha moralidade moi relixiosa e conservadora. Pero a súa obra non sería desaproveitada, xa que sempre que a muller poida fortalecer a súa cultura e educación será quen de ter a afouteza para abrirse o seu propio camiño co seu propio andar.

 

NOTAS:

(1) Sen asinar, «La escuela obrera. Gran velada para hoy», La Región, 14 de maio de 1921, p. 2.

(2) La Región, 17 de outubro de 1936.

(3) Blanca Calvo era unha muller comprometida coa educación das mulleres e sobre estes temas escribía en diversos xornais como o de Galicia, publicado en Vigo, El Heraldo, El Compostelano, A Nosa Terra... Tiña unha cultura exquisita e escribiu pezas dramáticas que logo eran representadas nos centros educativos que ela dirixiu. Entre esas pezas destaca Escuela de la vida, que se trata dunha comedia publicada en La Zarpa e estreada en 1924. Blanca Calvo faleceu en 1924.

(4) La Zarpa, 20 de outubro de 1929.

(5) Sen asinar, «Una buena obra», La Región, 15 de decembro de 1920; «Escuela Obrera de la Inmaculada», La Región, 16 de outubro de 1932.

(6) La Región, 15 de outubro de 1927.

(7) Vida Gallega, 10 de xuño de 1927.

(8) La Región, 4 de setembro 1935.

(9) La Región, 22 de maio de 1923.

(10) La Región, 25 de maio de 1925 e 28 de maio de 1925.

(11) Vid. El Correo de Galicia: órgano de la colectividad gallega en la República Argentina, 21 de xuño de 1925; El Pueblo gallego: rotativo de la mañana, ano VII, 6 de xuño de 1930; El Pueblo gallego: rotativo de la mañana, 29 de maio de 1941.

(12) El Correo de Galicia: órgano de la colectividad gallega en la República Argentina, 2 de abril de 1922.

(13) Blanca Calvo, «La velada de las obreras», La Región, 19 de maio de 1921, p. 1.

(14) Sen asinar, «La Escuela Obrera», La Región, 5 de abril de 1934.

(15) La Región, 19 de abril de 1935.

 

 

 

Sección: