Somos escritores... por primeira vez
M.ª Teresa Neira González
Mestra de educación infantil no CEIP Pío XII de Santiago de Compostela
terepola@edu.xunta.es
Pablo Nimo Liboreiro
Mestre de educación primaria no CEIP de Belesar (Baiona)
pablonimo@edu.xunta.es
Contextualización e descripción do proxecto
En Somos escritores... por primeira vez o traballo co texto literario céntrase na produción e mellora de borradores ata editar un conto individual, co paso previo da edición dun texto colectivo. O recurso Fotografía e contos é unha secuencia didáctica que parte do uso dunha fotografía, provocadora, como elemento xerador do espazo onde se vai desenvolver a acción. O fin é producir un texto literario incidindo na descrición do personaxe principal, na estrutura e no sistema de escritura (obxectivo a ir acadando no final desta etapa e no primeiro curso de primaria).
Contemplamos a conquista do proceso lector e escritor desde unha perspectiva construtivista, coherente cunha metodoloxía que respecte os seus coñecementos previos e que avance cara á construción de coñecemento por parte das nenas e nenos, de xeito significativo e funcional.
Este proxecto responde a un cambio metodolóxico que se vén dando desde hai tempo, no que se pode prescindir de manuais pechados recorrendo a textos de uso social. Acompañando a este cambio metodolóxico está a premisa de deseñar propostas adaptables a calquera nivel educativo.
Os recursos están publicados como recursos educativos abertos, de xeito que son accesibles de xeito universal. Ademais, permítese e recoméndase a súa adaptación para cada un dos contextos onde se decida poñelos en práctica, agradecendo a publicación das melloras. Isto é posible grazas a que están publicados baixo unha licenza aberta Creative Commons BY-SA e elaborados coa ferramenta de software libre eXeLearning
Estes recursos educativos abertos non están pensados para ser consultados directamente polo alumnado, xa que non é este o modelo de interacción tecnolóxica que defendemos nestas idades. Son unha guía para o persoal docente e, polo tanto, a súa visualización non require do grao excesivamente icónico ao que estamos acostumados cando están dirixidos a alumnado de menos de 8 anos.
Obxectivos
Os obxectivos didácticos que se detallan a continuación son xerais e aparecen desagregados en cada un dos recursos:
- Comprender, reproducir e reescribir textos literarios narrativos apropiándose das características máis relevantes destes textos.
- Escribir, atendendo ás distintas etapas, os seus primeiros textos literarios.
- Coñecer as características das ilustracións nos álbumes ilustrados e incorporalas ás súas producións, valorando a importancia da estética na edición dos textos literarios.
- Editar o seu primeiro conto individual evolucionando na estrutura segundo a proposta de Adam (situación inicial estable + complicación + reacción + novo elemento perturbador + situación final + avaliación) e facendo un uso axeitado da linguaxe.
- Identificar a fotografía como recurso artístico e xerador de espazo e ambiente para situar a acción nunha trama literaria.
- Aplicar os coñecementos da lingua e comprender as normas lingüísticas para comprender e expresarse eficazmente mediante textos orais e escritos.
- Desenvolver a competencia lectora e escritora en interacción con outras áreas ou materias.
- Utilizar as tecnoloxías da información e a comunicación para ler e escribir, producir textos e editalos.
Recursos empregados
Para a posta en práctica destas propostas non son precisos recursos especiais, xa que teñen a condición de servir a calquera docente que decida utilizalos. En canto ás ferramentas dixitais que se poden propoñer, como LibreOffice ou Audacity, o propio recurso ofrece ligazóns con acceso aos manuais de uso de todas as ferramentas propostas.
Experimentación na aula
Estas secuencias didácticas desenvolvéronse en dúas aulas moi diferentes: unha de segundo de educación primaria dun pequeno centro rural e outra de 25 alumnos de 4 anos dun centro urbano. En primaria levouse a cabo dentro das materias de Lingua Galega e Lengua Castellana, en educación infantil, ao ser horario globalizado, desenvolveuse durante todo o segundo trimestre.
Para a súa posta en práctica nas aulas, as tarefas foron organizadas en tres fases. Unha primeira de iniciación e motivación, onde se presentaron modelos de contos de calidade (texto que abordamos coa lectura por parte da persoa docente). Nesta fase foi importante a recompilación de bibliografía e a organización do espazo adicado á secuencia didáctica: expositor libros, imaxes e producións do alumnado.
Unha segunda fase de desenvolvemento, onde realizamos as actividades que nos permitiron desenvolver os contidos propostos e acadar os obxectivos de cada REA. Discusións, argumentación, traballo en equipo, reflexión, creación, interacción, busca de información, selección, produción textual e ilustración.
E por último unha fase final, coa edición dun produto de uso social que se compartiu coa comunidade educativa: contos individuais e libros de aula colectivos.
Podemos afirmar que tivo sentido o traballo co texto literario narrativo, texto fundamental para desenvolver a competencia lectora, tan necesaria non só ao longo da formación académica, senón na propia vida. Podemos afirmar que o noso alumnado adquiriu de forma significativa, lóxica e coherente contidos relevantes do currículo oficial.
Metodoloxía
Unha breve referencia, concretando os principios metodolóxicos que rexen o traballo con calquera tipoloxía textual e que se aplicaron nestas secuencias didácticas:
- A partir da observación do que sabe o alumnado podemos intervir en cada caso de xeito máis próximo aos seus coñecementos: axudar a reflexionar sobre o modo de indagar o que di un texto, buscar pistas, buscar coherencia etc.
- O máis axeitado é unha organización que favoreza interaccións a distinto nivel: en relación co grupo-clase, en relación con grupos de traballo, interaccións individuais —da propio neno con textos, láminas...— etc. Para ofrecer unha intervención que conecte co saber, co saber facer e co saber estar do alumnado, é necesario partir dos seus esquemas de coñecemento, en relación coa lectura e a escritura, e do significado que lle atribúen.
- Débese evitar valorar máis os acertos ca os erros e evitar corrixilo todo, empregando os erros sen intentar evitalos.
- Aceptar aquilo que os nenos interpretan sobre o que di o texto e interesarnos máis por saber que fixeron para descubrir o que este di e afastarnos de corrixir o que está mal.
- Deseñar tarefas que permitan que o alumnado poida acceder a elas desde diversos puntos de partida, e compartir tamén o obxectivo de cada tarefa.
- A persoa docente exerce como modelo de escritora e lectora competente, pero non a través dunha práctica pouco programada senón de maneira sistemática durante toda a educación infantil e toda a educación primaria: escribindo notas informativas, recollendo propostas, escribindo textos colectivos, individuais, lendo contos, cartas, textos científicos… e será modelo realizando tanto escrituras e lecturas en voz alta coma en silencio.
Avaliación
No deseño destes recursos foron tidas en conta diferentes dimensións da avaliación que a recoñecen como un proceso integral no que se valoran a análise do proceso de aprendizaxe do alumnado, a análise do proceso de ensino e da práctica docente, reflexionando sobre o deseño do propio recurso educativo.
En canto ao proceso de aprendizaxe do alumnado tense en conta unha avaliación individualizada, que se centra na evolución do alumnado e na súa situación inicial e particularidades. Integradora, para o que se establece a existencia de diferentes grupos e contextos, así como a flexibilidade na aplicación dos estándares e indicadores de avaliación seleccionados. Cualitativa, na medida en que se aprecian todos os aspectos que inciden en cada situación particular e se avalían de forma equilibrada os diversos niveis de desenvolvemento do alumnado, non só os de carácter cognitivo e orientador, dado que achega ao alumnado a información precisa para mellorar a súa aprendizaxe e adquirir estratexias apropiadas.
En canto á avaliación do proceso de ensino e da práctica docente, tivéronse en conta diversos aspectos como a retroalimentación das diferentes postas en práctica realizadas, o clima de aula creado, a motivación do alumnado, a participación e colaboración das familias.
No que se refire ao deseño do propio recurso valórase a posibilidade de aplicación do mesmo noutros contextos e noutros niveis, o axuste na planificación das tarefas e distribución dos tempos e a coherencia entre obxectivos, contidos, actividades e estándares ou indicadores.
Como elemento vertebral da avaliación ofrécese no recurso unha rúbrica de avaliación que é presentada ao inicio da secuencia e que está presente en todo o proceso. En educación infantil os estándares de aprendizaxe correspóndense cos indicadores de avaliación derivados dos criterios. A diferenza é que, sendo prescritivos os estándares para educación primaria, os indicadores son referenciais.
Conclusión
Para pechar hai que destacar a implicación e motivación do alumnado. O feito de culminar dándolle un uso social ao seu traballo, respectando as etapas polas que pasa o alumnado no proceso de adquisición da lingua escrita e empregando textos significativos de uso social (e non manuais descontextualizados elaborados por outras persoas), presenta a difícil aprendizaxe da lectura e da escritura como un reto motivador cheo de sentido, feito que repercute directamente na competencia lingüística das nenas e nenos.
Bofarull, M. T. e outros (2001): Comprensión lectora. El uso de la lengua como procedimiento. Barcelona: Graó.
Ferreiro, E. e Teberosky, A. (1979): Los sistemas de escritura en el desarrollo del niño. México: Siglo XXI.
Fons Esteve, M. (2004): Leer y escribir para vivir. Alfabetización inicial y uso real de la lengua escrita en la escuela. Barcelona: Graó.
Nemirovsky, M. (1999): Sobre la enseñanza del lenguaje escrito… y temas aledaños. Maestros y Enseñanza. Barcelona: Paidós.
Teberosky, A. (1992): Aprendiendo a escribir. Barcelona: Ice-Horsori.
Tolchinsky, L. e Simó, R. (2001): «Escribir y leer a través del currículum». Cuadernos de Educación. Barcelona: Ice-Horsori.