Aprendizaxes para a vida a través de contos
Susana Freire Aneiros
Mestra especialista de Pedagoxía Terapéutica
susana.freire@edu.xunta.es
Contextualización
As emocións forman parte da nosa vida diaria, pero ás veces non lles damos a importancia que merecen por desgraza. Pensamos na importancia de que os nenos aprendan as cores, os números ou as estacións do ano, sen pensar que a educación emocional é unha das materias máis valiosas no crecemento persoal dun neno para o seu presente e o seu futuro.
A educación emocional está en auxe nos últimos tempos. Cada vez somos máis conscientes da importancia de traballar este aspecto desde pequenos. Antes non existía a educación emocional como tal e reprimíanse as emocións: “os nenos non choran”, “as nenas poden chorar, pero teñen que reprimir a rabia, que é máis aceptada socialmente nos nenos”, “non hai que ter medo” etc.
Por que hai que reprimir as emocións? Acaso hai emocións boas e malas? Hoxe sabemos que non é así, que todas as emocións son necesarias e son a reacción a diferentes estímulos. Hoxe sabemos que, se reprimimos emocións, se non sabemos identificalas e expresalas, se as evitamos, só imos conseguir xerar malestar e incluso intensificalas (a tristeza pódese converter en depresión, o medo en ansiedade...). Hoxe invitamos os nenos a falar de como se senten, das súas reaccións, animámolos a contar os seus medos para superalos, abrazámolos se están tristes e escoitámolos.
Nunca hai que menosprezar as emocións dos nenos, aínda que os seus medos nos parezan absurdos, aínda que pensemos que non teñen motivos para estaren tristes, aínda que non entendamos por que se enfadaron. Son os seus sentimentos, o que para eles é importante nese momento. Hai que escoitalos e acompañalos no fascinante mundo emocional porque, se non o fan desde que son nenos, lles resultará máis complicado cando sexan adultos.
Os contos son os marco de xogo que se adapta á linguaxe e maneira de pensar dos nenos. Así, facilitamos o diálogo cos nenos sobre temas educativos que é importante tratar preventivamente xa desde a infancia. Hai contos para nenos de educación infantil, outros máis adaptados para os de educación primaria, outros para ESO e incluso hai contos para adultos. Todos podemos aprender con eles.
Obxectivos
- Adquirir un mellor coñecemento das propias emocións.
- Identificar as emocións dos demais.
- Desenvolver a habilidade de controlar as propias emocións.
- Previr os efectos prexudiciais das emocións negativas.
- Desenvolver a habilidade para xerar emocións positivas.
- Desenvolver unha maior competencia emocional.
- Desenvolver a habilidade de automotivarse.
- Adoptar unha actitude positiva ante a vida.
Recursos empregados
O contacontos, libros de contos, audiolibros, cedés, Internet, debuxos, láminas, cores, a roupa e a decoración precisas para a actividade de teatro...
Descrición da actividade
Dependendo da etapa educativa (educación infantil, educación primaria, ESO, bacharelato, educación de adultos) na que se traballe cos contos, escolleranse as actividades máis axeitadas para o desenvolvemento do alumnado. A selección dos contos por parte do profesor é fundamental para traballar a educación emocional.
Exemplos de contos por etapas educativas e actividades
A) EDUCACIÓN INFANTIL (3- 5 anos)
CONTO: OS CARAMELOS (adaptación)
Un neno, que paraba sempre diante do escaparate da pastelería da vila, decidiu un día entrar para ver de cerca os doces e lambetadas que estaban á venda. De todo o que alí se vendía, o que máis lle gustou foi un bote de cristal cheo de caramelos de moitas cores. O dono da tenda, un ancián moi amable, veu o rapaz que non podía apartar a mirada do frasco e díxolle: “Mete a man no bote e colle todos os caramelos que che collan nela”.
A cara do neno iluminouse cun sorriso, introduciu a man dentro do frasco e colleu un montón de caramelos de todos os sabores: laranxa, limón, amorodo, piña… Porén, a ledicia converteuse en enfado nun intre, xa que collera tantos caramelos na man que non podía sacala do frasco. O ancián intentou convencelo de que, se non se conformaba coa metade dos doces, non podería sacar ningún, pero o neno chorou e chorou desconsolado sen conseguir todo o que quería.
ENSINANZA: Ao igual ca neste conto, moitas veces o noso egoísmo termina causando problemas que non existirían se nos amosásemos menos ambiciosos e inconformistas.
EXEMPLOS DE ACTIVIDADES: Lectura e representación do conto mediante un contacontos; facer un debuxo do conto; contestar oralmente preguntas do tipo: Comes moitos caramelos? Compartes caramelos cos teus irmáns? Como cres ti que se sentiu o neno ao final? Que tiña que facer o neno para coller os caramelos? Que farías ti no mesmo caso? Gustouche o conto? Por que?
B) EDUCACIÓN PRIMARIA (6-12 anos)
CONTO 1: OS TRES PELOS (adaptación)
Unha muller moi sabia levantouse unha mañá e, ao mirarse no espello, viu que só lle quedaban tres pelos na cabeza. “Creo que hoxe vou facer unha trenza”, pensou e aquel día resultou marabilloso. Á mañá seguinte, volveu mirarse con detalle ante o espello e notou como só lle quedaban dous pelos. ”Hoxe peiteareime coa raia ao medio”, exclamou entusiasmada. E o día transcorreu cheo de alegrías e encontros memorables.
Cando espertou ao terceiro día e, como de costume, foi mirarse ao espello, viu que sobre a cabeza se erguía un solitario pelo. “Hoxe farei unha coleta”, díxose a si mesma. Así o fixo e esa xornada foi moi divertida.
Á mañá seguinte, nada máis erguerse da cama, saíu correndo mirarse ao espello e descubriu que xa non lle quedaba nin un só pelo na súa espida cabeza. Lonxe de se entristecer, exclamou con ledicia: “Que ben! Hoxe non terei que peitearme”. E abriu a porta da súa casa disposta e espremer cada un dos segundos do día que tiña por diante.
ENSINANZA: Nas nosas vidas non é realmente importante aquilo que nos ocorre, senón a nosa actitude. Non hai que esperar a que pase a tormenta, senón aprender a bailar baixo a choiva.
EXEMPLOS DE ACTIVIDADES: Facer un debuxo do conto; inventar un conto con ensinanza entre todos de forma que cada un escriba un parágrafo; contestar preguntas do tipo: Como foi a actitude da señora durante a historia? Como sería a túa se che ocorrese o mesmo? Por que é importante a nosa actitude? É máis importante o aspecto físico ou a actitude? Gustouche o conto? Por que?
CONTO 2: AGASALLOS INVISIBLES (adaptación)
Nunha pequena cidade do norte de Escocia, vivía un neno de 7 anos coa súa nai, unha humilde costureira. Estaban esperando a chegada de Papá Noel e nesa casa tamén colgaron un enorme calcetín na cheminea, aínda que a nai sabía que non habería ningún agasallo. Co corazón encollido, explicoulle ao fillo que había agasallos visibles, que se mercan con cartos, e outros invisibles, que nin se mercan nin se venden, pero que son os que nos fan máis felices, como, por exemplo, o amor dunha nai.
Cando o neno espertou e foi coller o seu agasallo, viu que o calcetín estaba baleiro, pero berrou de ledicia: “Está cheo de agasallos invisibles”.
Pola tarde, foi xogar cos seus amigos e, mentres amosaban fachendosos os seus xoguetes, el dicíalles: “A min trouxéronme agasallos invisibles!”. Todos se mofaron del e o que máis, un neno rico cuxo pai lle regalara un fermoso coche de pedais que terminou rompendo. Cando o pai foi recoller o seu consentido fillo, quedou aflixido e, vendo o fillo da costureira tan contento e sen ningún agasallo, preguntoulle: “Que che trouxo Papá Noel?”. “Agasallos invisibles coma o cariño da miña nai”, contestou. O pai quedou abraiado.
ENSINANZA: A felicidade nunca a atoparemos no material.
EXEMPLOS DE ACTIVIDADES: Facer un cómic representativo do conto; representación teatral do conto; contestar preguntas do tipo: Como foi a actitude do neno cando non recibiu regalos? Que farías ti se non tiveses regalos? Cales son os teus agasallos invisibles favoritos? Pon exemplos. Compartes os teus xoguetes con outros nenos? Gustouche o conto? Por que?
C) EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA (13 -16 anos)
CONTO 1: O PUNTO NEGRO (adaptación)
Un día a mestra entrou na aula e díxolles aos alumnos que ían facer un exame sorpresa. O nerviosismo estendeuse entre os nenos e foilles repartindo cadansúa folla coa parte frontal cara abaixo. Cando terminou, a profesora permitiulles virar o folio e viron que era unha superficie completamente en branco, coa excepción dun punto negro no centro. Vendo as caras de estrañeza dos alumnos, a mestra díxolles: “Tedes que escribir unha redacción sobre o que vedes neste papel”. Cando remataron, revisou os textos e todos, sen excepción, falaban do punto negro de diferentes xeitos.
Cando acabou de lelos, dirixiuse aos rapaces con estas palabras: “A miña pretensión é que este exame sexa para todos unha lección de vida. Ningún de vós falou da parte branca do folio, que é a que ocupa maior espazo, senón que vos centrastes no punto negro.
ENSINANZA: É o mesmo que nos ocorre cada día: adoitamos fixarnos nos minúsculos puntos negros e non vemos todo o demais, que é branco. A vida está chea de amor, amizade e cousas marabillosas. Hai motivos para ser feliz, non vos obsesionedes coas desgrazas e fracasos.
EXEMPLOS DE ACTIVIDADES: Poñerlle outro título ao conto; contestar preguntas do tipo: Coñeces a alguén pesimista? Como se comporta? E a alguén optimista? Como se comporta? Cres que ti es optimista ou pesimista? Pon exemplos. En que situacións? Que che gustaría mellorar? Que podes facer ti para ser máis optimista? Poste nervioso nos exames? Gustouche o conto? Por que?
CONTO 2: AS DÚAS RAS (adaptación)
Un grupo numeroso de ras ía paseando polo bosque cando, de súpeto, dúas delas caeron nun profundo pozo. Nese intre, todas as ras pensaron que non había maneira de salvar as súas compañeiras e que alí acabaran os seus días. Por iso, desesperadas e angustiadas, non paraban de berrarlles: “Non poderedes saír de aí! Deixade de saltar, non ten sentido!”. Pero as pobres non facían caso aos berros de desalento que só conseguían minar as súas cada vez máis escasas forzas. De feito, un dos anfibios pronto se desanimou, parou de saltar e afogou. A outra ra non se deixou vencer e seguiu salta que salta pese aos agoireiros berros das súas conxéneres: “¡Non lograrás saír do pozo!”.
Finalmente, a ra salvou a súa vida. Isto foi grazas a que era xorda e pensou que as demais, cos seus xestos e berros, a estaban animando a seguir esforzándose para saír do pozo.
ENSINANZA: Unha palabra de alento pode sacar adiante a alguén que se encontre desanimado e unha palabra destrutiva pode desmoralizar o máis optimista.
EXEMPLOS DE ACTIVIDADES: Representación teatral do conto; facer un cómic, despois de traballar o conto, coas ideas principais; contestar preguntas do tipo: Que significa ser “agoireiro”? Pon exemplos. Con que ra te identificas ti? Pon exemplos de palabras de alento. Pon exemplos de palabras destrutivas. Desanímaste facilmente? Cando? Por que? Gustouche o conto? Por que?
D) PARA BACHARELATO OU EDUCACIÓN DE ADULTOS
CONTO 1: OS DOUS LOBOS (adaptación)
O home máis ancián dunha tribo india estaba reunido cos seus netos, aos que adoitaba ensinarlles cousas prácticas, como a arte de cazar e que froitos do bosque eran comestibles e cales velenosos. Pero, nesta ocasión, xuntounos para contarlles un segredo que quería compartir con todos eles. “Unha gran pelexa está ocorrendo dentro de min!”, confesoulles. “É unha loita entre dous lobos. Un deles é todo maldade, ira, violencia, envexa, avaricia, rancor, carraxe, orgullo, superioridade, mentira...”. Os pequenos abriron os ollos coma pratos ante o retrato dese ser maléfico, o cal non podían xamais imaxinar que habitase dentro do seu avó. E, sen poder esperar nin un segundo, preguntáronlle: “E como é o outro lobo?”. E o ancián respondeu: “O outro é luz, bondade, paz, amor, xenerosidade, entrega, amizade, compaixón, verdade... E, aínda que non vos deades de conta, esa pelexa ocorre tamén dentro de vós e de todos os seres da humanidade”.
Tras pensar uns intres niso, unha das súas netas acercóuselle e preguntoulle: “E cal dos lobos cres que gañará a pelexa?”. O avó respondeu: “O que ti alimentes”.
EXEMPLOS DE ACTIVIDADES: Facer un debuxo do conto; contestar preguntas do tipo: Cal é a ensinanza final deste conto? Que lobo alimentas ti normalmente? Recoñeces esas dúas partes en ti? En que situacións? Que é a envexa? De que tes ti envexa? De quen? Que é o rancor? Es unha persoa rancorosa? E orgullosa? Pon exemplos. Que é a carraxe? Que é a compaixón? Gustouche o conto? Por que?
CONTO 2: A ÁRBORE DOS PROBLEMAS (AUDIOCONTO) (adaptación). Acceso ao audioconto no arquivo anexo.
EXEMPLOS DE ACTIVIDADES: Escoita do audioconto; reflexionar e compartir opinións da ensinanza final; facer un debuxo representativo despois de escoitalo; contestar preguntas do tipo: Cal é a ensinanza final deste conto? Que fas ti para deixar os problemas fóra da casa? Cales son eses problemas que podes “colgar” ti? Pagas con alguén o mal humor? Cres que os teus problemas son tan graves? Gustouche o conto? Por que?
Cando ler os contos? Con que frecuencia?
Dependerá da etapa educativa, da emoción que se queira traballar e das situacións especiais que xurdan. Calquera momento é bo: ao comezo ou ao remate da xornada escolar, ao volver dun recreo…
A frecuencia será outra responsabilidade do profesor encargado da clase. En educación infantil e primaria, pódense ler cada día xa que hai moita variedade e elixiranse contos pequenos. A actividade co contacontos, en cambio, pode levarse a cabo trimestralmente. Na ESO, semanalmente e poden ser contos máis longos. No bacharelato e na ESA quizais quincenalmente ou mensualmente, aínda que iso dependerá das necesidades ou características do alumnado.
Metodoloxía
Será unha metodoloxía globalizada e activa que permita a construción de aprendizaxes emocionais e funcionais. Para iso terase en conta o principio de atención á diversidade, procurando adaptar a axuda pedagóxica ás características individuais do alumnado. É preciso crear experiencias emocionais a partir dos coñecementos previos do alumnado, dos seus intereses e necesidades persoais. Estas experiencias xeneralizaranse a outros contextos.
Avaliación
Cada actividade e cada conto terá a súa propia avaliación e reflexión, xa que cada un deles ten a súa propia ensinanza. Podémoslles preguntar: Gustouche o conto? Por que si/non? Cal é a súa mensaxe? Identifícaste con el? Por que? Recórdache algunha situación pasada ou a alguén coñecido? Por que? Podes cambiar algo a partir de agora noutra situación parecida? Que emocións che producen? En que parte do corpo a sentes?
Conclusións
A educación emocional aínda non é unha materia nas escolas nin os pais teñen un libro onde ensinen a dala, pero hoxe en día xa é máis que recoñecida a súa importancia no desenvolvemento dos nenos para chegaren a ser adultos sans e responsables.
Os contos son unha forma lúdica de traballar vocabulario, emocións... que gustan tanto a nenos coma a adolescentes. Hai moita variedade deles (lonxitude, temática, formato etc.) e por iso cada mestre deberá facer a mellor selección para cada clase e cada situación.
Hai contos, incluso, para “situacións especiais” e que podemos aproveitar para traballar máis profundamente na aula, como, por exemplo:
- a morte dun avó ou avoa (exemplos de contos: EDUARD J.: Julia tiene una estrella. Ed. La Galera; CORTINA, M.: ¿Dónde está el abuelo? Tandem Edicions etc.)
- o nacemento dun novo irmán (exemplo de conto: ROCA PALET, E.: Tú y yo. El cuento más bonito del mundo. Ed. Combel)
- a separación dos pais (exemplos de contos: TORTOSA A.: Como antes. Edelvives; BARRAGUÉS SAINZ, S.: El mar a rayas. Fortiori Editorial etc.)
- cambio de colexio ou de casa (exemplo de conto: CARTIER E ÉCIJA: Otto se muda a Villacuadrado. Lapsus Cuadrado)
- un compañeiro con limitacións físicas ou psíquicas (exemplo de conto: CARRIER, I.: El cazo de Lorenzo. Ed. Juventud)
É máis fácil criar nenos fortes que reparar adultos rotos
(F. Douglas)