Tomas falsas. O comedor escolar nos medios

A expectación pola posta en marcha do comedor escolar no centro alenta un proxecto de aula que ten como obxectivo último a mellora do contorno e que acada un grande impacto social. O blog da biblioteca convértese na canle principal de comunicación coa nosa comunidade.

Beatriz Otero Solla
Mestra de primaria, esponsable da biblioteca escolar
bea_otero@edu.xunta.es
Silvia Piñeiro Rodríguez
Mestra titora de primaria
sil@edu.xunta.es
CEIP Enrique Barreiro Piñeiro
Vilariño (Cambados-Pontevedra)

 

Nós tamén somos desas mestras que andan a voltas coa aprendizaxe baseada en proxectos. Somos das que, hai varios cursos xa, vimos escollendo temas para traballar de forma coordinada co resto do centro e intentamos argallar tarefas motivadoras e significativas onde poidamos encaixar o currículo desde unha perspectiva interdisciplinar, aplicando metodoloxías activas.

Por iso, en setembro de 2016 tiñamos xa (en estado larvario) unha programación do que iamos facer durante os vindeiros meses co noso grupo de segundo de primaria as seis horas semanais que compartiriamos docencia na aula: investigariamos sobre o corpo humano e a saúde.

Pero o comezo do curso trouxo unha novidade que nos obrigou a reformulalo todo: no noso centro estreamos comedor. Por fin empezaba o servizo tras un longo proceso que implicou a toda a comunidade e que xerou un bo feixe de novas nos medios locais e un constante ruxe ruxe ao noso redor e na propia aula.

Cando por fin se puxo en marcha, o interese non decaeu, máis ben ao contrario: cadaquén na clase, usuario ou non, tiña algo que contar e moitas preguntas que facer.

Era máis que obvio que non podiamos pasar por alto este rebumbio, así que decidimos canalizalo nun proxecto de investigación de aula e botar por terra todo o programado, pois o alumnado decide o que realmente lle interesa. Nese momento o comedor era un tema prioritario, xa teriamos tempo máis adiante de dedicarnos ao corpo humano.

Nun principio, pensamos que este proxecto ía ser pequeno, que non tería moito máis percorrido que atender as curiosidades máis inmediatas do alumnado. Pero cada resposta alentaba novos interrogantes e o proxecto aos poucos foi armándose como unha análise rigorosa do servizo do comedor e do impacto que provoca na comunidade.

En cada tarefa reflexionamos sobre o que queriamos saber, onde e como investigalo, como tratar esa información e como presentárllela a todas as persoas interesadas.

A liña temporal das tarefas, o seu punto de partida, motivación e tipoloxía textual traballada recóllense na seguinte táboa:

Traballando os textos na biblioteca

 

Comezamos escribindo novas porque o comedor e o noso centro aparecían acotío nos medios locais. Pensamos que era unha boa idea escribilas nós tamén, que para iso a nosa aula estaba ao lado do comedor e a nosa información era de primeira man. Decidimos que o mellor medio para difundilas á nosa comunidade era o blog da biblioteca así que comezamos con pequenas crónicas. Logo xa foron tomando forma de boletín ou xornal dixital. Así naceu o Boletín de novas da biblio de Estrela.

Despois foi xurdindo a curiosidade por saber cousas sobre o funcionamento do comedor, da empresa de cátering, sobre as persoas que alí traballaban, a opinión de usuarios e familias…

Pronto caemos na conta de que tanto o noso “obxecto de estudo” coma as fontes de información que precisabamos (persoas ou documentos) se atopaban máis aló (virtual ou analoxicamente) das paredes da nosa aula. Tamén estaban fóra as persoas coas que iamos compartir as nosas conclusións.

Non nos quedaba outra que establecer canles de comunicación e aprender novas cousas como facer unha entrevista, unha enquisa ou unha gráfica, pero tamén a escribir correctamente unha mensaxe de texto, un correo electrónico ou un comentario no blog.

Decatámonos de que con toda a información que iamos obtendo podiamos axudar a mellorar o servizo e o noso contorno, polo que redactamos propostas para todo aquel que puidese axudarnos (equipo directivo, concello, deputación, empresa de cátering).

Finalmente, compartimos todo o proceso do proxecto narrándoo nunha fotonovela e presentámoslla á comunidade.

A rutina de traballo foi moi similar en todas as tarefas:

  • Decidir que queriamos saber  (e comunicar posteriormente).
  • Procurar a información. Os labores de busca leváronnos a descubrir distintas fontes (na biblioteca, na rede, con informantes…). Aprendemos como recollela, analizala e reelaborala. Tamén a distinguir opinións (“eu creo que a xente está contenta co comedor”) de datos (“logo de analizar a enquisa, 23 das 25 familias están contentas co servizo”).
  • Investigar que tipo de texto se axusta mellor á nosa intención comunicativa (crónicas, novas, entrevistas, táboas, gráficas, receitas, decálogos, narracións, textos instrutivos, correos electrónicos, mensaxes de texto…). Buscar modelos. Analizar a súa estrutura e funcionalidade para entendela e poder reproducila. Elaborar textos da nosa propia autoría.
  • Escoller o soporte no que compartir a información (texto escrito, exposición oral, gravación de vídeo, de son…).

Por ser o noso, fundamentalmente, un proxecto de comunicación, as mestras cremos que era importante incidir na mellora das competencias de expresión oral. Foi sempre un dos obxectivos principais de cada tarefa en calquera das súas fases (busca de información, análise, elaboración, exposición).

Para este fin atopamos nos soportes audiovisuais unha ferramenta moi útil (que ademais engadiu un extra de motivación).

Non só empregamos as gravacións para expoñer os produtos finais. De feito, a meirande parte das producións non se publicou. Recorremos a elas para recoller información, axudarnos a recordala e ordenala e para ser instrumento de autoavaliación das nosas exposicións orais.

 

Revisando a entrevista a Sergio para tirar información

 

Afixémonos a empregar “borradores audiovisuais” (gravacións que analizabamos para ir mellorando a expresión oral) ata que se converteron en algo tan cotián coma os borradores en papel para as producións escritas. As “tomas falsas”, aquelas que non saen no produto final, foron as máis valiosas no noso proxecto.

 

Videoborrador. Falándolle a cámara

 

Foi necesario que o alumnado acadase certa soltura cos aparellos e coas rutinas técnicas necesarias para as gravacións. Creamos pequenos equipos para acadar estas aprendizaxes ata que conseguimos que traballasen de maneira autónoma.

 

 Emma explícalle a Aitana como se grava coa tableta

 

Os equipos funcionaron tan ben e estaban tan motivados que ata se autoproclamaron os encargados de gravar todos os eventos do cole.

 

 Equipo de gravación de segundo rexistrando un evento do centro

 

Ademais ensináronlles todas estas destrezas a outros nenos e nenas da escola que tamén querían facer entrevistas, videotitoriais ou outros formatos audiovisuais despois de ver os nosos no blog. O alumnado descubriu novos usos para aparellos electrónicos cotiáns (tabletas, móbiles, ordenadores) moito máis produtivos ca aos que estaban afeitos.

No blog da biblioteca empezaron a agromar estes traballos espontáneos e voluntarios que agardamos canalizar no proxecto da biblioteca do presente curso.

 

Un equipo de segundo explica as rutinas de gravación de imaxe e son ás bibliotecarias de sexto que están preparando unha entrevista

 

A bitácora da biblioteca foi, de feito, a principal canle de comunicación coa comunidade. Nela fomos publicando os avances do proxecto.

Visitar o blog, ler as nosas entradas, comprobar o número de visitas, facer os nosos comentarios, ver que outras persoas tamén opinaban... era un acontecemento importante para a nosa aula.

As mestras valoramos moi positivamente este proxecto, máis aló das impresións moi favorables que tiramos das observacións realizadas tanto durante o desenvolvemento das actividades coma nos produtos destas.

Tamén elaboramos diferentes escalas de observación, listas de control e rúbricas para obter un rexistro máis exhaustivo no ámbito de todas as competencias clave.

Unha vez que finalizou o proxecto, comprobamos que o grao de desenvolvemento da programación docente foi máis que satisfactorio, pois traballáronse todos os estándares propostos e incluso nos mergullamos noutros que inicialmente non pensaramos.

A resposta do alumnado, igualmente, foi excepcional en todas as actividades propostas, cun alto nivel de motivación e participación. Incluso aqueles nenos e nenas con maiores dificultades, con menor motivación polas tarefas escolares... non tiñan conciencia de “estar traballando”, malia que ao final do proceso non cabía a menor dúbida do gran traballo realizado.

Con respecto á atención á diversidade, queremos destacar que o ensino entre iguais, o alto grao de cooperación entre os integrantes de cada equipo, a posibilidade de avanzar ao ritmo de cada un asumindo tarefas “acadables” e a participación activa coas contribucións de todos para a realización do produto final facilitaron que aqueles nenos con dificultades de aprendizaxe acadasen os obxectivos ao final do proxecto.

Na avaliación final comprobouse que houbo unha mellora xeral das competencias moito máis salientable que empregando outras metodoloxías máis directivas. Principalmente, cremos que foron especialmente melloradas as competencias dixital, lingüística no relativo á expresión oral e a competencia de aprender a aprender.

O clima de traballo na aula foi excelente e a participación e interese das familias moi satisfactorios.

Valoramos moi positivamente o feito de traballar de xeito coordinado dúas persoas dentro da mesma aula. Facilitounos moito a tarefa e brindounos a posibilidade de aprender e mellorar como docentes. Celebramos a aposta do noso equipo directivo por organizar o centro de maneira que isto sexa posible.

Foi unha gran satisfacción chegar en setembro e comprobar que algunhas das melloras propostas se levaron a cabo.

Pero quedou pendente precisamente aquela que máis importante nos parecía. Para materializala, o alumnado, agora en terceiro, precisaba da colaboración da nova titoría.  E do concello. E da deputación.

Que pasaría? Retomaríano? Esqueceríano, se cadra?

A semana pasada, mentres as mestras tratabamos de organizar o traballo co noso grupo deste curso chamaron á porta da aula. Os de primeiro quedaron cos ollos abertos ao ver entrar aquel grupo de nenas e nenos con caldeiros na man e uns grandes paneis explicativos feitos por eles mesmos.

- Bos días, somos as nenas e nenos de terceiro.

- Por fin viñeron instalarnos o composteiro que solicitamos. Xa podemos explicarvos como funciona.

- A partir de agora, os restos de comida do comedor  e  das merendas deixarán de tirarse ao lixo ordinario. Compostaranse e faremos esterco.

- (…)

E que imos facer con todo ese compost?

Oi, semella que temos novo proxecto á vista!

Esta é a etiqueta do noso blog na que se aloxa todo o relacionado co proxecto:

http://abibliodeestrela.blogspot.com.es/search/label/Proxecto%20comedor

Sección: