Galiciencia 2025

A feira científica Galiciencia, organizada polo Parque Tecnolóxico de Galicia, celebra o seu vixésimo aniversario baixo o lema «Neurociencia e saúde mental». O evento, que busca fomentar a innovación e o espírito emprendedor entre estudantes, celebrarase do 14 ao 16 de maio en modalidade presencial e en liña.
A inscrición, aberta ata o 17 de marzo, está dirixida a alumnado de primaria, secundaria, FP e bacharelato, quen poderá presentar proxectos científicos. Destes, 50 serán seleccionados para competir na feira, mentres que na modalidade en liña non haberá límite de participantes.
A feira incluirá concursos, talleres e actividades paralelas como o deseño da camiseta oficial de Galiciencia 2025 e un desafío científico titulado «Atrévete coa mente!».
O proxecto gañador recibirá 1.000 euros para asistir a Exporecerca en Barcelona. Os equipos clasificados en segundo e terceiro lugar obterán 500 e 200 euros, respectivamente, para participar noutros eventos e adquirir material científico. Ademais, haberá premios especiais que recoñecen a innovación, a mellor presentación e proxectos relacionados con igualdade de xénero e a temática central.