V Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no ensino
O Instituto da Lingua Galega e os departamentos de Didácticas Aplicadas e de Filoloxía Galega organizan as V Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no Ensino, que levan por título Traballando a competencia discursiva na aula. Novos marcos, ferramentas e estratexias.
Estas xornadas, que se celebrarán o 18 e 19 de novembro na Facultade de Filoloxía, pretenden ofrecer unha oportunidade para a reflexión sobre a importancia de ensinar a escribir textos na aula e para a proposta de actividades, ferramentas, métodos e estratexias que contribúan a unha mellora da competencia discursiva do alumnado.
Dado que esta actividade forma parte da oferta formativa do CAFI para o curso académico 2022/23, o profesorado dos centros públicos e concertados que desexe asistir ao simposio terá que efectuar a inscrición, ata o 31 de outubro, a través de fprofe (código do curso G2202025).
O resto de asistentes poderán formalizar a inscrición cubrindo o formulario que se atopa nesta ligazón ata o día 12 de novembro.