No Frián estamos sans
José Antonio Iglesias Maíllo,mestre de Educación Física
josemaillo@edu.xunta.es
José Manuel Casas Garrido,mestre de Educación Física
manucasas@edu.xunta.es
CEIP Frián-Teis
Contextualización
As vantaxes das novas tecnoloxías son incuestionables. A única pega que cabería engadir é que, a custa de facernos a vida máis cómoda, impídennos que nos movamos tal e como faciamos hai uns anos. O obxectivo principal, na nosa opinión, da EF é frear este inmobilismo imperante na nosa sociedade. O acto de moverse foi e é un acto necesario e imprescindible na nosa evolución. Este panorama únese a xornadas de ata cinco sesións, nas que na maioría das ocasións os alumnos e alumnas se atopan en posición sentada. Todo isto fai que os nosos alumnos e alumnas vaian batendo récords ano tras ano na competición do sedentarismo, praga xa anunciada pola OMS. O noso traballo, cremos, que debe estar polo labor de ofrecer a maior cantidade posible de experiencias motrices. Nese eido atopámonos ofrecendo uns cimentos por unha vida sa nos nosos alumnos e alumnas. Estes programas (Movete+ e MMAF), desde hai catro cursos, axúdannos a lle pór diques ao inmobilismo e á inactividade física.
O noso colexio é un centro de liña dous, con infantil e primaria. Está situado no barrio de Teis (Vigo). As aulas teñen entre 16 e 26 rapaces. Os nenos e nenas implicados neste curso son os de quinto e sexto en Móvete+ e os de cuarto e quinto en MMAF.
Fotoo 1. Aproveitando o contorno
Obxectivos
Incrementar a participación en actividades físico-deportivas.
Ofrecer/Probar outras formas de facer exercicio-deporte.
Impulsar a función integradora e social do exercicio-deporte.
Instaurar e mellorar hábitos de vida activa e saudable.
Promover a actividade física dunha maneira lúdica e divertida nos tempos de lecer dos alumnos e alumnas.
Recursos empregados
Móvete+: o material que empregamos fundaméntase principalmente en colchonetas e equipo de música. Na segunda temporada fixémonos con máis colchonetas para non ter que subilas desde o ximnasio. O espazo onde practicamos é o patio dos “maiores”. Cando chove ou coinciden tres grupos ocupamos tamén o salón de actos. Os mestres ocupámonos de lles proporcionar todo o necesario aos rapaces e de dar pequenas indicacións en bailes, ritmo, tempo da canción e figuras.
Os traballos dos nenos e nenas plasmámolos na nosa páxina web do centro e na páxina de EF.
MMAF: variado e, polo xeral, o típico de EF: conos, picas, cordas, zancos, balóns, brúxulas... tamén mapas, carteis, planos, enquisas... feito coa axuda dos especialistas de Naturais e Sociais. O lugar, neste caso, trasládase a todas e cada unha das instalacións internas e exteriores do colexio (segundo cumpra en cada momento). Xorden certas complicacións nos días de chuvia, pois non temos pavillón cuberto e, se o único patio cuberto que temos está ocupado (recreo infantil), temos que “arranxarnos como sexa”.
En ambos os dous proxectos deixamos constancia nas páxinas ditas anteriormente.
Foto 2. Atopámolo todo
Descrición da actividade
Móvete+: a segunda UD que traballamos na nosa área de EF en quinto e sexto é acrosport. A partir da súa finalización e coas bases ben adquiridas comezamos co proxecto. Primeiro, e como é unha actividade totalmente voluntaria, preguntamos quen quere ocupar un ou máis recreos con esta actividade. A partir de aquí confeccionamos os grupos de 6-8 compoñentes e facemos o horario semanal. Estes grupos, cando lles toca “o seu recreo”, ocúpanse do material necesario (levalo e recollelo), deseñar e facer as súas coreografías e ensaialas. Ao final do curso realízanse festivais no propio colexio e desde hai dous cursos un grupo do colexio encárgase de inaugurar e clausurar as Olimpíadas de Teis (celebración deportiva que se fai no barrio de Teis na que participan colexios e institutos da zona) cunha coreografía.
Actuación acrosport II Olimpíadas de Teis
MMAF: unha sesión á semana, desde a área de EF, e coa axuda do profesorado que imparte Ciencias Naturais e Sociais aos grupos do proxecto, impartimos “doutra maneira” os contidos das materias. Cada semana reunímonos os mestres correspondentes e deseñamos as actividades/xogos que se desenvolverán a partir da materia. Intentamos que sexan actividades variadas e divertidas onde os nenos e nenas poidan moverse, facer exercicio, pasalo ben e aprender.
Foto 3. Somos fortes
Metodoloxía
Móvete+: parten da base que dixemos anteriormente da UD. Polo tanto, xa de maneira rudimentaria, fan sinxelas coreografías. Eles propoñen a música aínda que nós aconsellamos. Neste momento estruturan a canción e van construíndo os bailes, figuras... segundo a música. É unha elaboración, sobre todo na súa práctica, sumativa: A, B, A+B, C, A+B+C, D... A configuración fana mediante unha chuvia de ideas e plasmándoa nunha folla. Nalgunhas ocasións empregamos o recurso do vídeo, como medio para que poidan verse (feed-back) e así correxir, cambiar ou o que proceda. Ao final, tanto no festival do colexio como nas Olimpíadas de Teis, eles elixen o vestiario que mellor se adapte á coreografía. Cada curso imos engadindo máis recursos, neste actual imos introducir os malabares dados noutra UD de EF.
MMAF: os martes é o noso día de reunión. Nesta, os mestres implicados deseñamos a partir da materia impartida as actividades, circuítos e xogos correspondentes. Intentamos que sexan o máis motivantes posible e, sobre todo, dinámicos.
Avaliación
En xeral na avaliación fixámonos en varios aspectos:
- Participación: en Móvete+ no primeiro mes competimos nos recreos co poderoso “fútbol”. A medida que pasa o tempo, moitos, a meirande parte dos nenos, volven ao deporte rei. Ao final quedan uns seis grupos aproximadamente que seguen ata o remate do curso. En MMAF, loxicamente a participación é máxima e tamén o grao de motivación.
- Consecución dos obxectivos: acádanse plenamente en ambos os dous proxectos e cada curso que pasa máis gratamente.
- Grao de satisfación.
Conclusións
A práctica da actividade física é tan necesaria como a alimentación ou o sono. Non obstante, non é bo encadrar os menores e empurralos a que adestren unha disciplina en particular. O coherente é motivalos desde pequenos para que medren co hábito da actividade física e a vida saudable.
O propósito da actividade física é o desenvolvemento psicomotor, as súas capacidades físicas e os seus valores sociais e afectivos. Outro aspecto da actividade física é o elemento lúdico que nos proporciona, a experimentación do pracer.
Xa hai catro cursos que comezamos cos proxectos. Parécenos que pode ser unha maneira de acadar a tan desexada terceira hora de EF; aínda que sexa mesturada con outros contidos. Para nós, mestres de EF, resúltanos gratificante conseguir que os nosos alumnos e alumnas poidan “moverse” máis, e é unha maneira de lles roubar tempo a posicións inmobilistas (sentado, quieto...). Avogamos por unha xornada escolar máis dinámica e menos constrinxida aos pupitres. As ganas e a motivación do noso alumnado van medrando, engadindo máis actividades e participación en celebracións e festivais cada curso que pasa. Este curso estamos na elaboración da páxina web de EF do centro, que queremos que sexa a aglutinadora das diferentes actividades físicas, proxectos e consellos dunha vida saudable.
A canteira