Experiencias alfin na biblioteca do IES Sofía Casanova. 2013-2015

Desde a biblioteca do IES Sofía Casanova deseñáronse unha serie de experiencias/actividades entre o 2013 e o 2015 que son o resultado dun proceso de alfabetización (entendido en sentido amplo) en tres fases: formación do alumnado, formación do profesorado e resultados (experiencias ALFIN). Neste artigo intentamos dar conta do devandito proceso, centrándonos na formación do alumnado (ALFIN5) e nas experiencias derivadas.

Ana Seco Orosai
Profesora de Lingua Galega e Literatura
Coordinadora da biblioteca IES Sofía Casanova
anaseco@edu.xunta.es
sofiacasanovabiblioteca@gmail.com

Introdución

A biblioteca do IES Sofía Casanova iniciou no ano 2012 unha serie de cambios marcados polas necesidades derivadas das modificacións tecnolóxicas e comunicativas asociadas á actual sociedade da información. Para o seu funcionamento como centro de recursos de información, de lectura e de material tecnolóxico, considerouse fundamental desde o principio a cuestión do acceso adecuado á información —e a súa posterior xestión— por parte do alumnado. Iniciouse entón un proceso que, catro anos despois, nos leva ao punto en que estamos hoxe en día.

O feito de ter en conta as competencias básicas antes e agora as competencias clave levou a formular no 2012 —para poder incluílos no proxecto lector de centro— uns obxectivos moi concretos:

  • Fomentar o hábito da lectura, entendida, a día de hoxe, en sentido amplo: alfabetizacións múltiples, lectura de distintos códigos en distintos soportes.
  • Educar no uso crítico da información: ALFIN.
  • Recompilar e sistematizar as actividades realizadas e por realizar relativas aos dous obxectivos anteriores.

Neste artigo intentaremos presentar as experiencias ligadas á biblioteca do IES Sofía Casanova que incorporan estratexias ALFIN, unhas experiencias realizadas no tramo que abrangue os dous últimos cursos académicos (2013/14, 2014/15) e a actualidade. Pero antes de entrar nestas experiencias, debemos dar conta do proceso, un proceso recollido no sitio alfabetizacionsofia, que pasou —e pasa hoxe en día, ao estar en continua revisión— polas seguintes fases:

  1. A guía ALFIN5 Sofía.

  2. A formación do profesorado, imprescindible para asumir estas tarefas.

  3. As experiencias ALFIN5 Sofía.

1. A guía ALFIN5 Sofía

1.1. O proceso de elaboración

Durante o curso 2013/14, no marco do proxecto interdisciplinar de primeiro da ESO D Sofía no Sofía, os alumnos —ao tempo que traballaban no devandito proxecto e co obxecto de melloralo— investigaron sobre a forma de buscar e utilizar a información. Os resultados obtidos foron recolléndose en alfinbibliotecasofia, un sitio ideado co alumnado e para o alumnado que, actualmente, continúa en elaboración: alumnos e profesores seguimos traballando para mellorar e actualizar a forma e o contido desta guía ALFIN5 Sofía. Pretendemos que os alumnos sexan usuarios activos, que participen e contribúan, que creen os contidos da guía —co profesor como mediador, evidentemente—, que vaian aprendendo a ser parte dunha sociedade que se informa, se comunica e xera coñecemento. Na medida en que os alumnos buscan e seleccionan información sobre a información, para despois participar na creación dun produto, a guía ALFIN5 constitúe unha experiencia ALFIN en si mesma, desde a súa elaboración ata a súa execución. Se entre o material ofertado polas novas tecnoloxías aparece un novo elemento que deba ser considerado (fase buscar), alumnos, profesores ou ambos consideran o seu rendemento (fase seleccionar/filtrar), para finalmente —se procede— incluílo na guía. Evidentemente, non están todos os recursos: se estivesen, esta guía sería pouco operativa; nela está o que se considera esencial, fundamental e, na medida do posible, accesible aos alumnos.ii

1.2. A guía en si. O formato

A guía consta de dúas partes interrelacionadas:

  1. O tríptico ALFIN5, que o alumnado manexa no seu día a día.

  2. O sitio ALFIN5, concretado na páxina web xa citada (alfinbibliotecasofia), onde poden encontrar a información que figura no tríptico de xeito máis detallado.

1.2.1. Tríptico ALFIN5

Na parte interior do tríptico figura a táboa que segue; na primeira columna aparecen as fases que consideramos no proceso ALFIN (buscar información, organizala, producila, gardala e publicala); na segunda, os puntos que hai que considerar en cada sección; na terceira, unha seleción de recursos que poden ser utilizados en cada unha das fases.

Táboa 1. Guía ALFIN5 Sofía (interior do tríptico)

  1. Sitio ALFIN5 (alfinbibliotecasofia).

 

Ao comezaren os alumnos co proceso de busca, organización, xestión e produción da información, os profesores que formamos o equipo de biblioteca reparamos no paralelismo existente entre as fases nas que nós insistiamos (buscar, seleccionar, organizar, redactar, gardar…) e as fases da retórica clásica (inventio, dispositio, elocutio, memoria e actio). Con todas as reservas, evidentemente. Aos alumnos de primeiro da ESO pareceulles diferente —e divertida— esta terminoloxía que, ademais, lles resultaba fácil de recordar; pero, ante todo, tomaron conciencia de algo fundamental: un alumno da Grecia clásica, un rapaz que viviu no século V ou IV a. de C. buscou, seleccionou, organizou e produciu (en definitiva, procesou) a información do mesmo modo que o fai hoxe un rapaz do século XXI: foron variando os medios, os soportes, pero o proceso mental é o mesmo.

Pois ben, co permiso dos clásicos, procedemos a utilizar estes termos —con fins exclusivamente didácticos— para que o noso alumnado recorde as fases do proceso, permitíndonos bastantes licenzas, evidentemente. Imos, pois, das táboas de cera e pergamiños dun alumno da Grecia clásica aos dispositivos electrónicos accesibles aos alumnos do século XXI, pasemos da ágora grega á ágora mundial, internet. Porque se na Grecia clásica a inventio consistía en encontrar na memoria as ideas que puidesen ser utilizadas no discurso, hoxe en día, na era dixital, pode traducirse en buscar información, non só na nosa memoria, senón na “memoria” da sociedade da información. Se a finalidade da dispositio era organizar os elementos da inventio nun todo estruturado, hoxe seguen sendo determinantes as partes do discurso e a súa orde de aparición. Se a elocutio consistía en expresar verbalmente de maneira adecuada os materiais da inventio ordenados pola dispositio, hoxe, na era dixital, ademais de controlar o proceso de redacción, debemos ter en conta os recursos TIC que poden mellorar o traballo e axudar a realizalo. Se a memoria era a fase que na Grecia clásica correspondía á memorización do discurso, no século XXI, ademais da nosa memoria, temos a posibilidade de utilizar recursos que facilitan o almacenamento e permiten aloxar os nosos coñecementos. E por último, se a actio se traducía na declamación do discurso na ágora, prestando atención á modulación da voz e á xestualidade —acorde co contido—, a día de hoxe seguimos expoñendo en público, pero ante un auditorio máis amplo e global, nunha “ágora”, internet, na que publicamos, nos relacionamos e colaboramos, na que tamén —agora máis ca nunca, debido á repercusión e impacto—, os modos, as formas teñen que ser acordes co contido exposto.iii

 

2. A formación do profesorado

Asesorados polo CFR de Ferrol, e seguindo as pautas marcadas pola Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, o equipo de biblioteca do IES Sofía Casanova iniciou a súa formación no ano 2012; comezamos daquela a participar nun proxecto que ten continuidade na actualidade.

O ano 2012/13, o equipo de biblioteca constituíuse arredor dun grupo de traballo, Dinamización da biblioteca e proxecto lector; foi esta unha etapa de iniciación, na que se sentaron as bases do actual proxecto de biblioteca. No 2013/14, arredor do seminario Ferramentas TIC e redes sociais ao servizo da biblioteca escolar e ALFIN, o equipo incidiu na formación, xestión e organización. No 2014/15, formamos parte do seminario Implementación das TIC, as redes sociais e a ALFIN na biblioteca escolar e na aula (itinerario 2: biblioteca), dentro do PFPP; foi esta a etapa de dinamización e consolidación do proxecto, en estreita colaboración co itinerario 1 do PFPP (itinerario TIC).

Chegados a este punto, ao final do curso 2014/15, tras tres anos de traballo en equipo, reparamos no incremento do volume de traballo: aumentou a colaboración do profesorado e, por conseguinte, o número de actividades ligadas á biblioteca. Nesta colaboración foi determinante a concienciación por parte do profesorado sobre:

  1. A necesidade de alfabetización informacional do alumnado.

  2. A necesaria función do profesor como mediador, como ponte entre o alumno e a cantidade de información —non sempre fiable e adecuada— que recibe. O profesor debe axudar a filtrar, a seleccionar; o alumno debe saber que non todo vale nese amplo mercado que ofrece esta sociedade da información.

Polo anterior, entendemos:

  • Por unha parte, a urxente necesidade dun método común. Se cadra, menos actividades; se cadra, deseñadas dun xeito que poida unir esforzos. Por este motivo, no 2015/16 prevemos a formación do profesorado en Metodoloxía do traballo por proxectos (seminario).

  • Por outra, establecer unha continuidade formativa cos anos anteriores a través do seminario Alfabetizacións múltiples e apps educativas, continuidade necesaria para afianzar o noso proxecto de biblioteca, unha biblioteca capaz de afrontar os cambios metodolóxicos derivados da entrada en vigor da LOMCE, unha biblioteca capaz de adaptarse aos cambios dunha sociedade que evoluciona para adaptarse a novas tecnoloxías que permitirán novas canles e códigos de comunicación.1

E así chegamos ao punto en que estamos agora, no 2015/16: continuamos no PFPP (segundo ano), co itinerario 2 (biblioteca) articulado en dous seminarios: Metodoloxía por proxectos e Alfabetizacións múltiples e apps educativas, itinerario 2 ligado ao itinerario 1 do PFPP (formación audiovisual). Encamiñar a aprendizaxe do alumnado na vía das alfabetizacións múltiples é o noso próximo obxectivo.

 

3. As experiencias/itinerarios nos cursos 2013/14, 2014/15

Experiencias diversas, todas elas no ámbito do proxecto lector do IES Sofía Casanova (vid. actividades marco), converxen na biblioteca. A súa unidade radica:

  1. Na biblioteca do IES Sofía Casanova como apoio e marco de referencia.

  2. Na guía ALFIN5 como punto de partida para o tratamento da información.

  3. Na integración de todas elas no currículo (todas son aplicadas e aplicables na aula). As experiencias que citaremos foron elaboradas e executadas dun xeito bidireccional: da biblioteca á aula, da aula á biblioteca.

  4. No curso 2014/15, unha ferramenta, My Maps, procedente do itinerario 1 do PFPP serviu, xunto coa guía ALFIN5, como nexo de unión.

Experiencias diferentes, coordinadas por profesores distintos (todos eles membros do equipo de bibliotecaiv), actividades (vid. actividades marco do proxecto lector) relacionadas con efemérides, cos distintos formatos, con distintos autores, con distintas obras artísticas… todas reunidas arredor da biblioteca do IES Sofía Casanova, que actúa como contedor da información e, como ben dicían os lemas de Bibliotecas Escolares de Galicia nestes últimos anos, pretende funcionar como servidor central, espazo de lecturas, acelerador de innovación e base de exploracións, unha biblioteca de última xeración que ofreza un mundo de oportunidades.

É imposible describir neste artigo polo miúdo todas e cada unha das actividades ligadas á biblioteca do IES Sofía Casanova nas que se utilizaron estratexias ALFIN. Pero si é posible achegar unha visión de conxunto, a través deste sitio:

https://sites.google.com/site/alfinsofia1315/home

 

A través do enlace poderemos entrar en todas e cada unha das actividades que logo citaremos. En todas elas, a guía ALFIN5 Sofía foi o punto de partida: o proceso de buscar, seleccionar, producir (inventio, dispositio, elocutio…) está implícito en cada actividade/experiencia. Presentamos aquí unicamente os produtos finais; para afondar nos detalles de cada actividade (departamentos implicados, nivel, descrición da actividade, publicacións etc.) debemos entrar no citado enlace.

3.1. Aniversarios

De entre os aniversarios que se poderían conmemorar no ano 2015 (Cumpren anos obras e autores 2015), celebráronse os de Rudyard Kipling (1865: 150 anos), Teresa de Ávila (1515: 500 anos) e Vento mareiro (1915: 100 anos). 

O aniversario de Rudyard Kipling conmemorouse no Sofía coa lectura da súa obra Kim en primeiro da ESO e a posterior elaboración de traballos relativos ao autor e á súa obra. Veu logo a adaptación deste clásico ao formato de banda deseñada para continuar coa súa dixitalización. Unificouse o material no sitio arriba indicado.

Os 500 anos de Teresa de Ávila presentáronse nunha web que alberga a unidade didáctica “A Idade Moderna, a reforma católica e protestante e Santa Teresa”. Unha liña do tempo, cronoloxías, muro-contexto histórico, mapas conceptuais, literatura, ferramentas utilizadas e descrición do proxecto poden verse no enlace citado.

Os 100 anos de Vento mareiro  ocasionaron unha viaxe cultural por Pontevedra e Cambados tras os pasos de Filgueira Valverde (conmemorando así as Letras Galegas 2015), Castelao e Cabanillas. O resultado recolleuse nunha web, cun libro dixitalizado (selección de poemas de Vento mareiro con ilustracións de Castelao), sitio informativo (deseñado para que os alumnos puidesen acceder á información co móbil durante a visita) e tríptico informativo. Inclúe tamén as rutas (My Maps), O Cambados de Cabanillas e A Pontevedra de Castelao.

3.2. Autores

Xavier Alcalá no Sofía (2014/15) inclúe varias actividades relacionadas coa visita que en maio de 2015 realizou o escritor ao noso centro: a web utilizada na presentación, o tríptico informativo, a ruta A nosa cinza, a entrevista que lle realizou ao autor Irene Alcalá e a conferencia “Ler na era dixital”. Todo o material figura no enlace que inicia o parágrafo (a entrevista e a conferencia poden verse tamén na canle YouTube da Biblioteca IES Sofía Casanova).

Marcos Calveiro no Sofía (2013/14) recolle a visita do autor á biblioteca do Sofía. A presentación do autor (cartel interactivo), un libro dixitalizado (O álbum do pintor) e o álbum de fotos da visita enchen o sitio indicado. Unha entrevista ao autor pode verse na canle YouTube da Biblioteca IES Sofía Casanova.

Con Fernando Esquío non podiamos contar na biblioteca, evidentemente, pero si podemos seguir os seus pasos e os doutros trobadores na ruta medieval De Lago a Santiago con Fernando Esquío (un proxecto en elaboración nestes momentos).

3.3. ExpresArte: Ler-ver un cadro, a iniciativa de EPV, ten ata o momento tres realizacións: As Meninas no Sofía: reciclArte e literaturizArte (2014/15), As tres Grazas no Sofía: enlace 1enlace 2 (2014/15) e As Venus no Sofía (2013/14).

As meninas no Sofía: reciclArte e literaturizArte (2014/15). ReciclArte comezou o curso 2014/15: como se fixo: o proceso, e o encontro con Eduardo Hermida no Sofía. Tras ReciclArte veu LiteraturizArte, As Meninas na literatura: un Itinerario lector con tríptico (guía de lectura), caderno explicativo e un póster interactivo As Meninas no Sofía. A experiencia incluíu dúas viaxes culturais ao barrio das Meninas, que culminaron na elaboración da ruta As Meninas de Canido.

 

As tres Grazas no Sofía seguiu un proceso similar ao das Meninas: implicou a utilización de estratexias ALFIN (busca e selección da información sobre o cadro orixinal, As tres Grazas de Rubens e o tratamento de distintos aspectos deste). Viñeron logo as interpretacións dos alumnos (enlace 1) para rematar unificando o material (concurso, premios) no sitio web xa indicado (enlace 2).

3.4. Distintos formatos

Como distintos formatos clasificamos as seguintes experiencias: Libros dixitalizados: Antoloxía poética 2.º AAntoloxía poética 2.º B (2014/15), Banda deseñada no Sofía (2014-15), Lendas tradicionais (2014/15) e Marcapáxinas Letras Galegas.

Para o primeiro formato, os alumnos de segundo da ESO seleccionaron diversos poemas, que ilustraron para logo dixitalizar. O resultado aparece nestas dúas antoloxías: Antoloxía poética 2.º AAntoloxía poética 2.º B (2014/15).

O segundo formato, Banda deseñada no Sofía (2014/15) comezou cun aniversario: Mafalda, 50 anos (2014), que se materializou con traballos expositivos en formato dixital e manual. Deu logo paso ao tríptico Lemos cómic (guía de lectura) e seguiu cun encontro con Xosé Tomás. E como xa os alumnos entraran no mundo da banda deseñada, atrevéronse a adaptar, desde EPV e LLC, un clásico da literatura universal: Kim, de Rudyard Kipling, co que enlazaron cunha actividade descrita anteriormente (vid. aniversarios/cumpren anos) e deron orixe a un novo proxecto, a adaptación de clásicos ao formato cómic, que terá continuidade no 2016 con O retrato de Dorian Gray (125 anos).

Tamén seguiron o proceso as Lendas tradicionais (2014/15) e parte do xa esperado concurso Marcapáxinas Letras Galegas: o resultado final que podemos ver neste último enlace ten detrás un proceso de busca e selección de información (inventio, dispositio) no relativo aos textos dos autores; no relativo á produción de información (elocutio), o feito de asociar texto-imaxe de creación propia implica un paso máis no camiño da alfabetización múltiple: descifrar e interpretar distintos códigos en distintos soportes.

3.5. Outros

Neste apartado recollemos: Ler ciencia no Sofía: sitio cientificaMente (2014/15); Árbores no sofía: mes da árbore na biblioteca do Sofía (2014/15); Fungos, cogomelos e personaxes: contribución da biblioteca (2013/14).

Ler ciencia no Sofía: sitio cientificaMente (2014/15) inclúe Lecturas 2014 (guía de lecturas, seleccionadas polos departamentos de ciencias, ano 2014, un sitio relacionado con estas e un tríptico informativo); recolle a presentación (cartel interactivo) á conferencia de Xoán R. Silvar (Linguas e ciencia) e un muro colaborativo con carteis interactivos (Novembro, mes da ciencia en galego).

Árbores no Sofía: mes da árbore na biblioteca do Sofía foi a contribución da biblioteca á conmemoración Mes da Árbore no Sofía. Coa Árbore da ciencia de Ramón Llull (exposición), a biblioteca colaborou nun proxecto global do centro deseñado desde o departamento de Ciencias Naturais e Vicedirección.

En Fungos, cogomelos e personaxes (2013-14) materializouse a contribución da biblioteca á Semana dos Fungos e Cogomelos no Sofía organizada cada ano polo Departamento de Ciencias Naturais. Personaxes literarios relacionados con este mundo habitan este sitio.

Todas as actividades citadas inclúen un compoñente ALFIN: en todas elas os alumnos son os protagonistas e os profesores tratamos de ser unicamente mediadores. Moitas veces falta tempo, pero a algúns alumnos —non a todos, hai que dicilo tamén— sóbranlles ganas, enerxía, interese e capacidade. Vexamos como mostra esta actividade dun alumno de primeiro de bacharelato, que conmemorou así o aniversario de Alice in Wonderland (150 anos: 1865-2015), cunha ruta (My Maps) que nos trae a Alicia a Ferrol. E con esta actividade conmemorativa damos paso ás rutas.

3.6. Rutas My Maps

Non foi, en principio, unha actividade da biblioteca, pero acabamos utilizándoa para enriquecer as nosas experiencias. Procede do itinerario 1 (TIC) do PFPP no que tamén participabamos. Todo suma, e de aí:

Ruta A nosa cinza; rutas Vento mareiro: O Cambados de Cabanillas e A Pontevedra de Castelao; rutas As Meninas de Canido; Ruta de Lago a Santiago con Fernando Esquío. Todos estas rutas continúan en elaboración; algunhas poden visualizarse en Consultar Coñecer Ferrol - Roteiros, unha aplicación para móbil creada por un alumno baixo a supervisión do seu profesor de Informática, Alberto Fuentes.

O ideal sería que os alumnos fosen enriquecendo estas rutas coas fotografías que fixeron nos diferentes lugares que visitaron, pero non deu tempo no seu momento, e agora, se cadra, xa debemos pasar a outra tarefa, a outra actividade. As fotos están feitas; os lugares, visitados; haberá outras rutas que serán enriquecidas con fotografías in situ. Outros proxectos, outras actividades reclámannos a alumnos e profesores: se ás veces as tarefas non quedan perfectamente rematadas, cando menos o que valeu —en todos e cada un dos casos— foi o proceso de aprendizaxe, a experiencia en si mesma.

Conclusión

Para rematar este artigo que intenta presentar —na medida do posible— as experiencias ALFIN realizadas desde a nosa biblioteca, non podemos esquecer algo que debería ser básico no tema da información, algo que xa deixou escrito un autor homenaxeado neste 2015 desde a Biblioteca do IES Sofía Casanova, Rudyard Kipling:

I Keep six honest serving-men:

(They taught me all I knew)

Their names are What and Where and When

And How and Why and Who.

Seis serventes ao meu mando / ensináronme o que sei / Os seus nomes son Por que e Cando / Onde, Como, Quen e Que. En “The Elephant’s Child” (Just So Stories,1902).

Pois se preguntan, contestemos. No relativo ás experiencias ALFIN e a Biblioteca do IES Sofía Casanova:

Quen? Todos, profesorado e alumnado xuntos. Cun equipo de biblioteca estable, que leva anos formándose, traballando e entendéndose, un equipo no que son ben acollidas —e agardadas— as novas incorporacións, que renovan ideas e dan frescura ao traballo. Son os profesores deste equipo os que —partindo das actividades marco do proxecto lector ou do que impón a realidade cultural— deseñan os proxectos que despois se transforman en experiencias. E son os alumnos os que lles dan forma e, ás veces, coas súas ideas, os que acaban impoñendo cambios con respecto ao deseño orixinal dos proxectos.

Cando? Onde? A experiencias ALFIN realízanse cando podemos, desde a aula á biblioteca ou desde a biblioteca á aula, pero sempre integrándoas dentro do currículo.

Por que? Porque é necesaria a alfabetización informacional nun mundo cambiante: nesta sociedade da información e as telecomunicacións os alumnos deben aprender a xestionar adecuadamente a información que reciben e a que producen.

Como? Intentando ser mediadores, servindo de ponte entre o alumnado e as modernas tecnoloxías. Insistindo en que fagan un uso consciente delas e en que aproveiten o seu potencial: moitos dos nosos alumnos coñecen e utilizan —moitas veces infrautilizan— os novos recursos tecnolóxicos/comunicativos; o noso reto será reorientar ese coñecemento ao ámbito educativo. E, por último, creando ferramentas (guía ALFIN5, sitio ALFIN5, titoriais, actividades…) que encamiñen e faciliten a correcta utilización das novas tecnoloxías e os novos sistemas de comunicación.

Que? As experiencias ALFIN, ideadas cun sentido bidireccional (da biblioteca á aula, e viceversa), experiencias deseñadas desde unha biblioteca concibida como un espazo aberto, un lugar onde (in)formar(se), colaborar, relacionarse, publicar e ler, ler en sentido amplo, ler todo tipo de códigos en todo tipo de soportes. Unha biblioteca que poida afrontar os cambios que chegaron e os que se aveciñan. Unha biblioteca de todos e para todos.

---------------------------

i Recóllense neste artigo varias experiencias ALFIN ligadas á biblioteca do IES Sofía Casanova realizadas entre o 2013 e o 2015. Non sería posible levar adiante as mencionadas experiencias sen o traballo conxunto de todo o equipo de biblioteca. Achegamos aquí unicamente o nome dos coordinadores das experiencias:Rudyard Kipling: Juana Brañas Ferreira, María Lanza López. Teresa de Ávila: M.ª José Vilaboy López. Vento mareiro: Ana Seco Orosa. Fernando Esquío, ruta medieval: Ana Seco. Marcos Calveiro: Ana Seco. Xavier Alcalá: Ana Seco; ruta A nosa cinza: Laura Suárez Llano. As tres Grazas: María Lanza. As Meninas: María Lanza (ReciclArte); Emilio Saldaña Lourido, Ana Seco (LiteraturizArte). As Venus: María Lanza. Antoloxías dixitalizadas: Juana Brañas. Banda deseñada: Juana Brañas. Lendas: Laura Suárez. Marcapáxinas: María Lanza. CientificaMente, fungos, árbores: Ana Seco. Rutas My Maps: María Lanza, Ana Seco, Laura Suárez.

Docencia interna: Teresa Sebio Puñal (que, desde o Departamento de Tecnoloxía, adecúa as ideas ás novas tecnoloxías); Alberto Fuentes García (Departamento de Matemáticas). Docencia externa: Begoña López Soto (Biblioteca IES Fernando Esquío, Neda); José Carlos López Ardao (Escola de Enxeñería de Telecomunicacións, Universidade de Vigo).

ii A guía ALFIN5 Sofía foi apadriñada por  Xavier Alcalá e Carlos L. Ardao, enxeñeiros de telecomunicacións,  o ano 2015 con motivo do 17 M, Día das Letras Galegas e da Sociedade da Información e das Telecomunicacións. 

iii Partes da guía. A continuación describimos os elementos que aparecen na guía ALFIN 5, e no correspondente sitio alfinbibliotecasofia:Pasos previos na busca, selección e produción de información: planificación, concreción do tema que se vai tratar.

  1. Inventio: buscar información. Fontes fiables/non fiables; buscar en Google; ademais de Google, outras fontes; webs de lectura/información; webs de recursos libres; dereitos de autor…

  2. Dispositio: organizar a información.

  3. Elocutio: redactar, producir información. O proceso de redacción: o traballo escrito: partes; recursos TIC seleccionados para dixitalizar documentos, elaborar presentacións, carteis interactivos, blogs e webs.

  4. Memoria: gardar información, utilizando recursos TIC (content curation).

  5. Actio: publicar, colaborar e relacionarse.

  6. Colaborar, creando documentos e páxinas web, compartindo carpetas e arquivos na nube, coleccionando recursos de forma colaborativa mediante as ferramentas TIC que as novas tecnoloxías nos proporcionan.

  7. Publicar. Ata o momento fotos, documentos, arquivos, blogs, webs, presentacións… Pero avanzando no terreo da alfabetización múltiple, os vídeos que sexan creados polo alumnado neste curso 2015/16.

  8. Relacionarse e conversar. Un novo paso. Os alumnos xa se relacionan e conversan a través das redes sociais. O noso reto será poder reutilizar eses recursos que eles xa dominan, pero que infrautilizan, orientándoos ao ámbito educativo.

iv