Apadriña un lector

A lectura rompe a “fronteira” entre a educación secundaria e a primaria.
Experiencia cooperativa entre a biblioteca do IES Leiras Pulpeiro e o CEIP Casás de Lugo para o fomento da lectura entre o alumnado de ambos os dous centros.

Ana M.ª Dopazo Pérez
Profesora de Lingua Castelá e Literatura,
responsable e coordinadora da biblioteca
e membro do equipo de dinamización lingüística
e do club de lectura do IES Leiras Pulpeiro de Lugo
anadopazo@edu.xunta.es

Inicios

Desde hai xa varios anos, a biblioteca do Leiras Pulpeiro vén realizando unha actividade que tende unha ponte entre o noso centro e o veciño CEIP de Casás. Este colexio de primaria, adscrito ao Leiras, colabora con nós dun xeito entusiasta, ofrecendo a ilusión dos nenos pequenos ante calquera novidade.

Esta iniciativa partiu do equipo da biblioteca hai seis cursos como un experimento. A idea era poñer en contacto os nosos lectores maiores cos futuros lectores: alumnado de infantil, concretamente o de cinco anos do Casás, nenos e nenas que (na maioría dos casos) aínda non saben ler.

Para desenvolver esta actividade había que contar cun terceiro elemento: libros e contos axeitados á idade dos pequenos lectores. A nosa biblioteca conta, actualmente, con máis de nove mil documentos rexistrados, pero, evidentemente, moi poucos que se adapten ás características requiridas: historias moi breves, con ilustracións atractivas e moi elocuentes, capaces de manter a atención dos pequeniños durante uns quince ou vinte minutos.

Eses libros foron proporcionados pola sección de infantil da Biblioteca Pública Nodal de Lugo. O Leiras Pulpeiro está subscrito a ela e, co carné institucional do centro, podemos tomar prestados cen exemplares para a realización do Apadriña un Lector ou, como lle chamamos hai dous anos en homenaxe ás mulleres, Amadriña unha Lectora.

A colaboración por parte da Biblioteca Nodal sempre foi fundamental: a persoa encargada da devandita sección ocúpase de facer a selección de libros axeitados ás características que lle indicamos, e nós recollémolos e devolvémolos no prazo correspondente.

 

Consolidación

Ata aquí a historia dunha actividade que podería ser só iso: unha actividade X levada a cabo durante un curso Y. A sorpresa foi que aquela primeira xornada tivo tanto éxito que decidimos repetila, desde entón, cada final de curso.

 

A actividade paso a paso

  1. Semanas previas ao evento

  • Planificación da data e alumnado participante: a xornada, para garantir o bo tempo, adoita ser na primeira quincena de xuño, dado que se desenvolve (ata o de agora) na parte exterior do centro, patio e xardíns. Os padriños e madriñas son alumnos e alumnas de primeiro de BAC voluntarios e outros alumnos de calquera curso pertencentes ao noso club de lectura Lecturas Leirantes.
  • Contacto co CEIP Casás para solicitar a súa colaboración, comunicarlle a data de realización da actividade e obter a listaxe dos alumnos de infantil de cinco anos. Deste xeito, podemos organizar a lectura, adxudicándolle un afillado a cada padriño.
  • Contacto coa biblioteca pública, que prepara o lote de libros para que poidamos levalos prestados co noso carné institucional do centro.
  • Colocación de carteis no taboleiro da biblioteca, nas aulas de primeiro de BAC e no panel do corredor principal, nos que se publicita e anuncia o Apadriña un Lector.
  • Repartición na biblioteca de libros aos padriños e madriñas e comunicación do nome dos seus afillados, que, en caso de necesidade, pode ser máis dun.
  1. Desenvolvemento da xornada Apadriña un Lector

  • No día e á hora pactada, o noso alumnado agarda no patio a chegada dos pequenos futuros lectores, que veñen acompañados polas súas profesoras.
  • Un “mestre de cerimonia” dálles a benvida e cóntalles un conto (cada ano vén sendo un diferente), que vai acompañado dunha posta en escena (ás veces con música) na que algúns dos nosos alumnos se caracterizan de acordo coa historia que lles relatamos.
  • Presentación “formal” dos padriños e madriñas aos seus afillados, dos que se fan cargo desde ese momento e acompáñanos ata o noso “xardín dos contos” ou “xardín máxico” deica o final da xornada.
  • Lectura expresiva dun ou varios libros por parte dos padriños, invitando os nenos a que participen con preguntas ou comentarios.
  • Tempo de confidencias, xogos, maxia, fotos de recordo..., dunha forma distendida, que reforce os lazos establecidos entre o alumnado dos dous centros.
  • Despedida emotiva, na que se inclúe repartición de agasallos e/ou doces.

Futuro

O noso desexo é que esta fermosa actividade, que ten como obxecto fomentar o interese pola lectura dos lectores pequenos e non tan pequenos, actuais e futuros, así como romper esa “barreira” invisible que ás veces se establece entre o ensino primario e secundario, continúe con éxito durante moitos anos máis.

Ten para todos os que participamos nela un valor incalculable: os nosos alumnos viven a experiencia de sentirse adultos que ensinan e transmiten o seu gozo coa lectura aos máis pequenos; estes perciben que están sendo protagonistas de algo especial, xa que os maiores lles dedican o seu tempo e len con eles, polo que se estimula a súa curiosidade; os profesores podemos comprobar que, a través do exemplo, os rapaces aprenden máis e mellor o valor dos libros.

Lembramos e dámoslles as grazas a todos os axentes implicados e participantes no Apadriña un Lector: membros do equipo da biblioteca, dirección, profesorado e alumnado do IES Leiras Pulpeiro (Lugo); dirección, profesorado e alumnado do CEIP Casás (Lugo); e Biblioteca Pública Nodal de Lugo. O seu futuro está nas vosas mans.

Imaxes da actividade en diferentes cursos académicos:

 

Sección: