De Frankenstein á última tecnoloxía da luz
Concepción Varela Nieto
varelanieto@edu.xunta.es
Carmen Miñambres González
carmen.minambres@edu.xunta.es
Mercedes López Díaz
merceld@hotmail.com
Sonia Ríos Vázquez
sriosvazquez@edu.xunta.es
IES Johan Carballeira (Bueu-Pontevedra)
1. Xustificación do proxecto
O proxecto De Frankenstein á última tecnoloxía da luz nace a partir da proclamación do ano 2015 como Ano Internacional da Luz e das Tecnoloxías Baseadas na Luz por parte da Asemblea Xeral das Nacións Unidas.
Inspirada na decisión da ONU de recoñecer a importancia que a luz e as tecnoloxías baseadas nela teñen na vida, no desenvolvemento da sociedade e nos retos aos que se enfronta a humanidade, a profesora Carmen Miñambres comeza a xestar o embrión do que, tras meses de traballo, ilusión e esforzo compartido por toda a comunidade educativa do centro, se converteu neste proxecto.
Como profesora de Lingua Castelá e Literatura, Carmen Miñambres acendeu a primeira faísca deste traballo partindo da novela Frankenstein o el moderno Prometeo de Mary Shelley, considerada a pioneira do xénero da ciencia ficción. Nela, a autora, inspirada polo contexto científico da época en que vive, narra a creación dun home artificial a partir da experimentación científica. E coa novela por bandeira, esta docente propúxose deseñar todo un conxunto de actividades cun propósito final: converter os alumnos en modernos Prometeos, como creadores de vida a partir de materia inerte sen máis armas ca a súa imaxinación e creatividade.
Enseguida esa faísca se transmitiu á profesora Sonia Ríos, de Física e Química, que comezou a investigar sobre a ciencia e os descubrimentos científicos que inspiraron a Mary Shelley. O seu traballo xirou sobre o contexto científico de Luigi Galvani e Alessandro Volta, importantes físicos italianos de finais do século XVIII e principios do século XIX que contribuíron de maneira significativa ao entendemento da natureza de transmisión nerviosa e os fenómenos eléctricos e, con iso, unhas décadas despois, á posibilidade de xerar luz a partir de corrente eléctrica. As últimas tecnoloxías en iluminación son a consecuencia de décadas de enxeño e investigación que o noso alumnado debía coñecer, así que abordamos o estudo do fundamento físico-químico dos diversos dispositivos de iluminación artificial, desde a combustión dunha vela, ata a tecnoloxía OLED, que actualmente é unha realidade xa aplicada aos enxeños audiovisuais de última xeración. Esta apaixonante temática deu pé á investigación na aula sobre os inicios da electricidade, as propiedades da luz, e mesmo as cuestións éticas asociadas a toda investigación científica, tomando como base o debate xerado polo comportamento de Víctor Frankenstein na novela de Shelley.
Todo isto, sen esquecer outro interesante punto de inspiración para a escritora: as viaxes de exploración dos navíos británicos polo océano Pacífico. A novela comeza coas cartas do capitán Walton á súa irmá, nas que lle narra como, durante a súa viaxe ao Polo Norte, salva do xeo a Víctor Frankenstein, quen despois lle contaría a súa terrible historia. Neste punto, os nosos alumnos presencian unha interesante coincidencia: a oceanógrafa galega Ángeles Alvariño, proclamada Científica Galega do ano 2015 pola Real Academia Galega de Ciencias, dedicou parte do seu traballo á investigación das expedicións que o explorador italiano Alessandro Malaspina levou a cabo por orde do rei Carlos III en 1790.
Aquí é onde o Grupo de Astronomía decide traballar cos seus alumnos o campo magnético terrestre e o compás, así como o fundamento físico-químico do espectáculo das auroras boreais, tan característico dos polos terrestres.
Buscando novas liñas de traballo, pronto nos demos de conta de que o camiño aberto por estas dúas compañeiras, da ciencia cara á ciencia ficción, é unha vía de dobre sentido: unha banda de Möbius da imaxinación...
E así foi como tamén unha superficie matemática entrou a formar parte dun proxecto cada vez máis colaborador e interdisciplinar e, polo tanto, máis alentador e inspirador. A profesora Mercedes López, desde o Departamento de Matemáticas, sumouse ao traballo levando a cabo as investigacións sobre o traballo desenvolvido por Möbius, matemático alemán contemporáneo de Mary Shelley, e as súas aplicacións a diferentes campos, desde a arte á enxeñería, pasando pola literatura. Para trasladar a banda de Möbius á aula, a profesora de Pedagoxía Terapéutica, Concepción Varela, deseñou diferentes actividades adaptadas ao nivel do alumnado e encamiñadas a espertar a súa curiosidade por unha superficie tan chocante e sorprendente.
O obxectivo final novamente conectaba coa idea orixinal de Carmen Miñambres: conseguir converter a cada alumno nun novo “creador” de vida, encarnada no latexo duns peculiares corazóns matemáticos, como se detalla máis adiante
E neste papel de creadores de vida ou modernos Prometeos encaixaba tamén un antigo xogo chinés chamado tangram. Nel, xogando coas sete figuras planas inertes que compoñen un cadrado, e combinándoas de maneira acertada, pódense conseguir infinidade de figuras de animais ou humanas “vivas”, con sensación mesmo de movemento. Con este obxectivo, incorporouse tamén esta actividade ao ámbito matemático do proxecto.
Por outra banda, o tema de Frankenstein resultaba enormemente atractivo desde o punto de vista artístico. Enseguida a profesora Inés Maroño, de Educación Plástica e Visual, se uniu ao proxecto e lles propuxo aos seus alumnos participar no concurso Debuxando Monstros, no que foron premiados os pequenos artistas que mellor conseguiron reflectir nas súas láminas o mundo da novela, desde Mary Shelley aos protagonistas e antagonistas.
Deste xeito, cun grande equipo, moita motivación, empeño, traballo e tesón, o que foi no seu día unha débil faísca de inspiración converteuse nunha potente luminaria que alcanzou cos seus raios múltiples campos e disciplinas, iluminando todo o centro durante este 2015, Ano da Luz.
2. Accións, procedementos e recursos
As actividades realizadas para lograr os obxectivos propostos dividíronse en tres grandes grupos, co obxecto de achegar maior claridade á exposición, en función das tres grandes áreas que, aínda que interrelacionadas, podemos diferenciar neste proxecto: matemáticas, ciencia ficción e luz.
2.1. MATEMÁTICAS
Durante este curso 2014/15 desenvolvéronse as seguintes accións encamiñadas á consecución da mellora das capacidades matemáticas do noso alumnado:
A) Talleres matemáticos
- 1.Talleres de tangram
O tangram é un xogo chinés moi antigo, formado por sete pezas (cinco triángulos, un cadrado e un romboide), que se gardan formando un cadrado. Consiste en formar figuras utilizando as sete pezas dadas e sen solapalas.
Actualmente, o tangram utilízase en disciplinas como a psicoloxía, a educación física, o deseño, a moda, a filosofía, a pedagoxía e, por suposto, as matemáticas. Nesta área permite introducir conceptos de xeometría plana e promover o desenvolvemento de capacidades psicomotrices e intelectuais no alumnado, ao ligar de maneira lúdica a manipulación concreta de materiais coa formación de ideas abstractas.
As actividades co tangram consistiron en:
- Construción por parte de cada alumno do seu propio tangram en goma eva utilizando un modelo.
- Construción de figuras xeométricas inertes utilizando as fichas do tangram: cadrados, rectángulos, triángulo, hexágono... para familiarizarse co xogo e as súas pezas.
- Unha vez que os alumnos gañaron confianza na manipulación das pezas, o obxectivo final foi convertelos en modernos Prometeos, capaces de xerar “vida” tamén a través das matemáticas, construíndo as súas propias figuras animais e humanas en movemento a partir das pezas “inertes” do tangram.
Tangram
- 2. Banda de Möbius
A banda de Möbius é unha superficie paradoxal: non orientable, cunha soa cara e un só bordo.
Estas peculiares características convertérona, desde o seu descubrimento, nun obxecto sorprendente, e inspirador en numerosas disciplinas como a arquitectura, a música, a pintura, o cinema, a literatura, a enxeñería, o deseño, a escultura, a moda e a maxia.
Simboliza a idea do infinito, a eternidade, o eterno retorno, a natureza cíclica de moitos procesos sen principio nin final. É o antigo “ouroborus”, a serpe que morde a cola dos alquimistas, e o moderno símbolo da reciclaxe.
Para construíla, basta con tomar unha tira de papel e pegar os seus extremos despois de aplicarlle a un deles un xiro de 180º.
A súa simple construción, as súas sorprendentes propiedades e, sobre todo, os insólitos resultados que se obteñen ao manipulala, cortándoa e pegándoa, convertérona na candidata perfecta para ser explorada, na súa vertente máis lúdica e menos matemática, polos grupos de primeiro da ESO.
As actividades coa banda de Möbius consistiron en:
- Construción de “aros”: tomar tiras de papel e pegar os seus extremos directamente.
- Construción da banda de Möbius tal e como se describiu xa.
- Exploración e comparación de ambos os obxectos: número de caras, número de bordos, superficie orientable ou non orientable.
- Corte pola metade dos aros, para obter, como a lóxica indica, dous aros novos a metade de altos ca o orixinal.
- Corte pola metade da banda de Möbius para, sorprendentemente quizais, obter unha única cinta con dúas caras.
- Corte do aro pola súa terceira parte, co que se obteñen dous novos aros, de alturas dous terzos e un terzo do orixinal.
- Corte da banda de Möbius pola súa terceira parte, co que se obtén unha nova banda (igual de longa e un terzo de ancha) e unha cinta (o dobre de longa e un terzo de ancha), ambas enlazadas.
- Cuadratura con dous aros: consiste en cortar pola metade lonxitudinalmente a estrutura obtida ao pegar dous aros en planos perpendiculares. O resultado é, inesperadamente, un cadrado.
- Por último, o obxectivo final de todas estas actividades que enlaza novamente coa novela de Mary Shelley: converter os alumnos en modernos Prometeos, capaces de xerar vida (simbolizada en corazóns) a partir de algo inerte.
A actividade consiste en cortar pola metade lonxitudinalmente a estrutura obtida ao pegar dúas bandas de Möbius (elaboradas con diferentes xiros) en planos perpendiculares. As caras dos alumnos transfórmanse ao chegar coas súas tesoiras ao final do papel e comprobar con incredulidade que o que obtiveron é... un par de corazóns entrelazados!
Banda de Möbius
B) Recreos activos
Durante todos os recreos do curso 2014/15, os alumnos tiveron á súa disposición os triagramas que eles mesmos elaboraron o curso anterior nos talleres matemáticos realizados no marco dos contratos-programa. Ademais, poden resolver sudokus e quebracabezas, experimentar coas leis da probabilidade xogando cos bingos ou loterías, elaborar os seus propios algoritmos para encher pentaminós etc.
C) Titorización de alumnos do CEIP A Pedra
Os nosos alumnos guiaron os de sexto de primaria do veciño CEIP A Pedra na súa visita ao IES Johan Carballeira, e ensináronlles a xogar ao tangram.
D) Semana matemática
Durante os cinco recreos dunha semana, os alumnos que o desexaron puideron participar nun concurso matemático con xogos e actividades lúdicas deseñadas para contribuír ao desenvolvemento das súas capacidades matemáticas: elaboraron os seus propios fractais (escaleira de Cantor e triángulo de Sierpinski); xogaron coas pezas do tangram; manipularon a banda de Möbius para conseguir a cuadratura do círculo e os corazóns entrelazados e puxeron a proba o seu enxeño con xogos solitarios de lóxica, estratexia e crebacabezas tridimensionais (torres de Hanoi, cubos soma, quebracabezas topolóxicos metálicos etc.)
E) Blog contratos-programa
Comezamos a nosa andaina coa posta en marcha do blog, que se actualiza semanalmente.
2.2.CIENCIA - FICCIÓN
2.2.1. Ficción
A novela Frankenstein o el moderno Prometeo forma parte da programación da materia de Literatura Universal que se imparte en segundo de bacharelato no IES Johan Carballeira. Este feito permitiu que os alumnos que cursan a dita materia tivesen un coñecemento significativo da novela e do seu significado dentro da literatura e a ciencia. Tras este proceso de aprendizaxe, os alumnos desenvolveron as estratexias necesarias para transmitir ese coñecemento aos distintos niveis educativos do centro.
- Exposición
O resultado das accións anteriormente descritas foi unha exposición que se instalou na entrada do IES xunto co correspondente ao contexto científico da obra. Para iso, elaborouse un panel de dimensións 240x95 cm no que ven sintetizados os seguintes aspectos:
1. A autora Mary Shelley: creadora da novela de ciencia ficción
2. Un verano embrujado: xénese da novela Frankenstein o el moderno Prometeo (1818)
3. Caixas chinesas: resumo da novela
4. Contexto sociocultural da novela: o Romanticismo
5.Frankenstein: primeira novela de ciencia ficción
6.Prometeos modernos
O título orixinal da novela é Frankenstein or The Modern Prometeus (Frankenstein ou o Prometeo moderno). Prometeo recibiu o encargo de Zeus para modelar coas súas hábiles mans un ser humano de barro á imaxe e semellanza dos deuses. O protagonista de Frankenstein, en lugar de utilizar o barro, utilizou fragmentos de corpos humanos e propúxose facer un ser humano dotado dunha gran forza física, para o que seleccionou os membros adecuados.
- Traballo de aula
1. Lectura da novela
A lectura chegou ao alumnado tanto en formato tradicional, con edicións adaptadas aos distintos niveis educativos, como a través do blog de Contratos-Programa do centro.
2.Tras a lectura, nos diferentes grupos traballáronse e debatéronse os distintos temas que a novela aborda. Para iso víronse documentais de fontes como:
• A UNED: Profetas da ciencia ficción: Mary Shelley, máis que ciencia ficción
• Adaptacións cinematográficas sobre a novela
3. Modernos Prometeos
Por parellas, os alumnos levarán a cabo un proxecto similar, elixindo os trazos físicos e psicolóxicos que lles parezan esenciais para a súa criatura e partindo de personaxes coñecidos de calquera ámbito. Só importa unha cuestión: o ser humano resultante ten que estar preparado para sobrevivir na sociedade actual. Cada parella, polo tanto, deberá xustificar a importancia dos trazos seleccionados ante os demais, unha vez presentada a criatura.
As creacións de cada parella poden presentarse nun formato similar para levar a cabo unha exposición na clase ou para reunilas nun libro.
4. Lectura de artigos de opinión: mantívose un estreito seguimento de artigos de opinión na prensa relacionados cos temas que a obra trata. Sirvan a modo de exemplo: Frankenstein: el origen de la neuroética o Si todos fuéramos Frankenstein.
5. Concurso Debuxando Monstros (1.º ESO)
A actividade consistiu en reflectir a través de imaxes todos os elementos formais da novela: novela epistolar (caixas chinesas), autora, protagonistas, antagonistas. Posteriormente realizouse unha exposición no centro e seleccionáronse como gañadores do concurso aqueles que mellor reflicten a idiosincrasia da obra.
Debuxos participantes no concurso Debuxando monstros
6. Elaboración de marcapáxinas solidarios en colaboración coa ONG Save the Children. Esta actividade dirixiuse a todos os niveis educativos. O obxectivo foi reflectir distintos matices da ciencia ficción en formato de marcapáxinas. Posteriormente expuxéronse na entrada do instituto con motivo da celebración do Día Internacional do Libro. Aínda que nun principio se concibiu a actividade con temática pechada (ciencia ficción), finalmente, para que estivese aberta a todo o alumnado, a temática foi libre,
7. Dramatizacións da novela (ESO): a actividade consiste en caracterizar o alumnado como os distintos personaxes de Frankenstein.
2.2.2. Ciencia
- Traballo de aula
1. Os inicios da electricidade
Trabállase esta etapa da historia da ciencia en diversos niveis educativos:
- FPB Actividades Marítimo-Pesqueiras: estúdase o transvasamento de electróns para entender a corrosión do casco dos barcos. Para iso, tras probar o efecto da humidade, a salinidade e a presenza de osíxeno sobre a corrosión dun cravo de ferro, investígase no laboratorio sobre o efecto dun ánodo de sacrificio de aluminio colocado sobre el. Isto permite explicar que é unha serie galvánica sen meterse en complexos procesos redox que non constitúen un obxectivo para este nivel. A partir deste punto, cada alumno constrúe unha pila de Volta con moedas de 5 céntimos e papel de aluminio para, finalmente, ser todas conectadas en serie e comprobada a voltaxe como suma das voltaxes independentes.
Pila de moedas en serie
Ademais, estes alumnos experimentan coa electrostática manexando péndulos eléctricos cargados por fricción e, finalmente, elaboran a súa propia botella de Leyden. Estas son as botellas que se presentaron na exposición. O desenvolvemento destas actividades na aula ilustrouse coa evolución histórica da electricidade a principios do século XIX.
Cuarto de PDC e primeiro de bacharelato: trátase o inicio histórico da electricidade en relación co traballo sobre os modelos atómicos. Os alumnos comproban o funcionamento da botella de Leyden e a xeración de corrente eléctrica a través do dispositivo de Volta. En primeiro de bacharelato este traballo constitúe un preámbulo práctico e intuitivo interesante para a comprensión de reaccións redox e campo eléctrico, contidos que deben ser tratados en segundo de bacharelato.
Desenvolveuse este traballo con alumnos de cuarto de PDC e primeiro de bacharelato. O motivo foi o debate ético que suscita o comportamento do científico Víctor Frankenstein na novela. Iniciouse o debate a partir deste tema. A conclusión é a necesidade de avaliación das consecuencias dunha investigación antes de ser abordada e durante o seu desenvolvemento, así como da existencia dunha normativa reguladora. Isto lévanos a falar da Convención de Nurenberg e do Tratado de Helsinqui. Así mesmo, trátanse as prácticas éticas na investigación e a normativa vixente sobre o traballo con animais, transplantes de órganos e manipulación xenética. Tamén se valora a influencia dos intereses políticos e económicos sobre os temas que se elixen para desenvolver unha investigación. Achéganse vídeos e noticias recentes para alimentar o debate.
3. As expedicións ao Polo Norte
O estudo das viaxes interoceánicas de principios do século XIX formaba parte das nosas previsións, pero non nos foi posible tratalo este curso por falta de tempo, de modo que queda pendente de ser completado. Para ir introducindo o tema, o Grupo de Astronomía do IES, enmarcado nos Contratos-Programa, tratou este curso dous puntos fundamentais: a orientación magnética e as auroras boreais, tan características dos polos terrestres.
Por este motivo, traballouse sobre a noción de magnetosfera, para o que se realizaron talleres prácticos nos que os alumnos construíron o seu propio compás e levaron a cabo experimentos para observar a relación entre cargas eléctricas en movemento e campo magnético. Isto levou á explicación do comportamento das partículas cargadas do vento solar ao alcanzar a magnetosfera, e de como se xeran os saltos electrónicos que dan lugar á emisión de luz das auroras boreais. Para o alumnado de cuarto da ESO e primeiro de bacharelato este traballo implica unha interesantísima visión dos modelos atómicos. Para segundo de bacharelato supón un importante enfoque práctico da interrelación entre os campos eléctrico e magnético.
O taller de magnetismo foi trasladado despois ao CEIP A Pedra de Bueu para que os nosos alumnos lles explicasen as súas observacións aos nenos e nenas de primaria. O traballo desenvolvido pode consultarse no blog do grupo.
- Exposición
No mes de xuño pretendeuse divulgar o traballo desenvolvido ao longo do curso sobre o contexto científico de Mary Shelley. Para iso, elaborouse un panel explicativo de dimensións 240x95 cm que foi colocado na entrada do IES, xunto co panel dedicado á análise literaria. Neste panel expóñense as fontes de inspiración científica da autora. O soporte gráfico vai acompañado do material necesario para efectuar os experimentos relacionados con el. Os experimentos foron exhibidos xunto ao panel correspondente e explicados aos seus compañeiros por alumnos que se prestaron voluntarios.
O panel pretende poñer de relevancia a importancia da comunicación e colaboración entre científicos e dos erros na ciencia como punto de partida para novos descubrimentos. Tamén busca reivindicar o enxeño científico dos primeiros investigadores.
- Saídas educativas
Visita no mes de marzo ao Salón do Libro en Pontevedra co título Da ciencia á ficción. Os nosos alumnos de terceiro da ESO asistiron dentro do seu programa de visitas escolares.
2.3. A LUZ
- Traballo de aula
1. Propiedades da luz
- Novas tecnoloxías: ao longo do primeiro trimestre, os alumnos foron informados sobre a repercusión da tecnoloxía da luz sobre os avances científicos máis relevantes. Entre eles, os que se poden consultar nesta ligazón e nestoutra.
Tamén se proxectaron algúns vídeos tomados do espazo divulgativo da páxina oficial do Ano Internacional da Luz para dar a coñecer a importancia da fotónica.
- A luz na vida cotiá: como traballo voluntario para as vacacións de Nadal propónselles aos alumnos de primeiro de bacharelato e cuarto de PDC que busquen fotografías que teñan que ver coa luz e que intenten explicar o fenómeno que observaron. Estas fotografías cos seus comentarios foron revisadas e publicadas na internet para establecer un diálogo con cada alumno, de modo que fosen corrixindo e mellorando a súa explicación.
As temáticas foron moi variadas. Os alumnos que o desexaron puideron continuar ao longo dos meses seguintes a súa investigación sobre o tema elixido, para o que se puxo o laboratorio á disposición de quen o necesitase.
2. Debate sobre ética na ciencia
Dentro da ética en ciencia, ademais de tratar a necesidade de valoración das consecuencias da investigación, ao fío do comportamento de Víctor Frankenstein, tamén se falou da ética entre científicos, a interferencia dos intereses económicos sobre a investigación científica, o “xogo sucio”, a inxustiza no recoñecemento histórico…Para iso, proxectáronse algúns vídeos sobre este tema. Esta ligazón recolle o material empregado no debate, tomado de diversas fontes da internet:
- Exposición
Preparouse un póster explicativo de 60x85 cm onde se resume a evolución da luz artificial e a base científica da emisión de luz. Este póster estivo flanqueado por dous paneis cedidos ao centro pola empresa pontevedresa de iluminación SETGA (http://www.setga.es/cas/noticias01.asp) na que se resumen os seus 25 anos de labor internacional en favor da eficiencia enerxética. A información escrita foi acompañada por cada un dos dispositivos mencionados, para que os alumnos puidesen manipulalos. Ademais, púidose engadir unha luminaria cedida por SETGA, que é similar á que instalou a empresa nas rúas de Bueu, e un dispositivo OLED, como última tecnoloxía aplicada á iluminación.
- Saídas educativas
- Visita aos museos de ciencia da Coruña: no mes de maio os alumnos de terceiro e cuarto de PDC puideron viaxar á Casa das Ciencias e o MUNCYT, onde puideron manipular as propiedades da luz e coñecer dispositivos tecnolóxicos relacionados coa iluminación.
- Visita ao Espectáculo de Ciencia de Galiciencia promovido por Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) no seu décimo aniversario.
- Está solicitada a visita ao IES da exposición itinerante Un Universo de Luz, promovida polo CSIC e dedicada ao Ano Internacional da Luz .
3. Implicación da comunidade educativa e da contorna
As actuacións levadas a cabo desenvolvéronse na súa primeira etapa dentro das instalacións do centro.
Nunha segunda etapa, está prevista a implicación doutros centros escolares da contorna, co obxecto de facer desta unha iniciativa itinerante na que outros alumnos e profesores poidan participar achegando as súas propias ideas, de maneira que o resultado sexa máis enriquecedor para todos. Deste xeito, tamén o noso centro se faría receptor doutros proxectos que puidesen estimular o noso alumnado. Pretendemos tamén adaptar os materiais ao nivel de educación primaria, pois a estimulación de vocacións científicas e literarias debe promoverse desde a infancia. Con esta intención, elaboramos os pósteres da exposición nun material especial de lona que é máis resistente á posible deterioración polos traslados.
Un amplo grupo de alumnos involucrouse activamente na elaboración dos materiais da exposición (pósteres, debuxos, colocación da exposición, explicación dos experimentos ou outros contidos aos compañeiros…) e no do resto de actividades presentadas. Destaca igualmente o labor dos conserxes nas montaxes da exposición.
Ademais do profesorado implicado directamente no proxecto, outros profesores do centro cooperaron cedendo algunhas das súas horas lectivas para que os alumnos puidesen visitar a exposición e acompañándoos nas saídas a museos e charlas científicas. Nalgúns casos, propúxoselle ao alumnado completar cuestionarios sobre a información reflectida na exposición co obxecto de lograr unha maior atención e comprensión dos materiais que se exhibían.
No noso proxecto interveu a empresa pontevedresa de iluminación SETGA que, desde hai 25 anos, é referente internacional en deseño urbano, sustentabilidade e eficiencia enerxética. E está prevista a visita do alumnado do ciclo medio de Soldadura ás instalacións da empresa.
4. Medidas emprendidas para difundir a experiencia
As distintas actuacións e materiais de traballo fóronse publicando na páxina web do IES Johan Carballeira, desde os seguintes blogs asociados ao centro:
Por outra banda, contactamos coa prensa local para dar a coñecer o traballo de profesores e alumnos. A noticia foi publicada en Faro de Vigo o día 10-06-2015, e foi difundida pola empresa SETGA, colaboradora deste proxecto, na súa páxina web.
5. Conclusións
A forma de traballo que levamos a cabo neste proxecto baseouse nunha práctica pedagóxica de investigación, traballo en equipo, estruturación das clases, variedade de metodoloxía e recursos, atención á diversidade, vinculación ao proxecto educativo, aprendizaxes activas, disposición ao traballo rigoroso e profesional e avaliación permanente das aprendizaxes que se propuxeron. A valoración é, baixo o noso punto de vista, moi positiva, pois alcanzamos en maior ou menor medida os obxectivos que nos formularamos. Estas son as nosas conclusións, á espera de difundir o noso traballo e obter indicadores sobre a resposta que desencadea nos alumnos doutros centros:
- O enfoque interdisciplinar achegoulle ao profesorado unha nova maneira de abordar os contidos tratados no proxecto.
- A cooperación entre docentes supón unha experiencia sumamente enriquecedora, que se traslada así aos ollos dos alumnos, os cales deben aprender que o saber non está formado por compartimentos estancos, senón por áreas interconectadas, ademais de que aprenden a valorar positivamente a colaboración.
- O resultado final foi atractivo e motivador para o alumnado, que se achegaba ler os paneis e manipular o material colocado nas mesas da exposición.
- As actividades contribuíron a fomentar vocacións científicas, pois os alumnos traballaron como investigadores, aplicaron o método científico para mostrar os seus achados.
- Os alumnos reflexionaron sobre a ética no traballo científico, de modo que poidan no futuro ser uns cidadáns-investigadores-usuarios responsables.
- Logrouse espertar o interese do alumnado pola luz, as súas propiedades e manifestacións e a súa presenza e aplicacións na vida diaria.
- Conseguiuse que os alumnos se decatasen da importancia das observacións da contorna, casuais ou non, como posible inicio dunha investigación, e da necesidade do traballo sistemático posterior para poder chegar a algunha conclusión seria e reproducible.
Paneis da exposición