A Escola de Imaxe e Son da Coruña (EIS)
Gustavo Pernas Cora
Profesor da Escola de Imaxe e Son da Coruña
Coordinador do Departamento de ENLG
Contextualización
O IES Imaxe e Son está situado en Someso, un barrio nos arrabaldes da cidade da Coruña, na confluencia do Martinete e o Birloque e nas proximidades do barrio de Elviña. As súas dependencias noutrora pertencían á chamada formación profesional acelerada. Hoxe a EIS comparte este gran recinto escolar co CIFP Someso.
Na actualidade, na EIS impártense todos os ciclos formativos superiores da familia profesional de Imaxe e Son da FP:
- CS Animación 3D, Xogos e Contornos Interactivos
- CS Iluminación, Captación e Tratamento da Imaxe
- CS Produción de Audiovisuais e Espectáculos
- CS Realización de Proxectos Audiovisuais e Espectáculos
- CS Son para Audiovisuais e Espectáculos
Estes ciclos ofértanse no réxime ordinario e no réxime modular para adultos na modalidade presencial e algún destes na modalidade de distancia. Ademais destes ciclos, no centro realízanse acreditacións de competencias para profesionais do sector audiovisual, unha formación continua para o emprego ou específica para traballadores do sector, e impártense tamén certificados de profesionalidade do Catálogo nacional das cualificacións.
O alumnado rolda as 470 persoas distribuídas en cinco ciclos con 16 grupos. Ao conviviren alumnos de réxime ordinario e de modular, en horario nocturno, a distancia ou coa opción de presentarse a probas libres, a diferenza doutros centros de ensino secundario, a franxa de idade amplíase e aumenta a media de idade por enriba dos 21 anos.
O claustro está composto por trinta profesores, dos corpos de PES e PTFP, que imparten clases nos 79 módulos correspondentes aos cinco ciclos formativos. A maioría dos docentes teñen destino definitivo no centro e hai unha parte significativa do profesorado con experiencia profesional previa no sector do audiovisual e dos espectáculos.
O centro conta coas seguintes instalacións:
- Un pavillón dedicado á animación en 2D, 3D e sistemas interactivos con estudios e aulas específicas.
- Laboratorios dixitais, estudios de fotografía e sala de retoque fotográfico.
- Un pavillón de son, con estudios de gravación musical, de radio e dobraxe, sala de posprodución multicanle, aula dixital, taller de electroacústica e cabinas de posprodución.
- Un estudio de televisión, con camerinos, controis de imaxe e son, sala de realización e control técnico equipado con todos os medios necesarios para a gravación de programas profesionais.
- Salas específicas de montaxe e posprodución de vídeo
- O museo de fotografía e audiovisual Pepe Sánchez e outra zona comúns.
- Un teatro-cinema dotado da infraestrutura necesaria para as representacións escénicas, concertos e proxección de películas, con capacidade para máis de 200 persoas.
Museo da EIS
25 ANOS EN FLASHBACK
O principio
O próximo ano 2016 faranse 25 da fundación da Escola de Imaxe e Son da Coruña, así que é un bo momento para facer balance e centrarnos nas achegas e experiencias pedagóxicas realizadas ao longo de todos estes anos.
Desde 1984, a creación dunha escola de imaxe e son era unha das reivindicacións constantes nos encontros e debates do sector, sobre todo no Xociviga do Carballiño. A demanda dun sector audiovisual, daquela emerxente en Galicia, cun número de produtoras en aumento e a falta dunha formación técnica e pública potenciaron o seu nacemento da man dun grupo de traballo, formado por profesores relacionados co audiovisual e traballadores da TVG, que, en maio de 1988, se constituiría nun seminario permanente e experimental liderado polo coordinador de formación profesional da Consellería de Educación, Xosé Luis Mira, e por Manolo González, como docente e representante do sector audiovisual.
En setembro de 1989, convócase o concurso público de adxudicación das obras, no recinto da antiga “Acelerada”. En xaneiro de 1990 publícase no DOG o decreto de creación da EIS e o 23 de febreiro do mesmo ano apróbase no BOE o regulamento do módulo de Operacións de Imaxe e Son e o de Dirección-Produción. Ao longo de 1990 proseguen as accións administrativas (equipamento, profesorado) ata a inauguración oficial da escola o 14 de febreiro de 1991.
A EIS nace seis anos despois da TVG e dous anos despois da estrea das tres primeiras longametraxes profesionais galegas: Urxa, Sempre Xonxa e Continental. Todo estaba por construír. Case non había referentes no estado nin existía a que logo se chamaría familia profesional de Imaxe e Son. Os nomes das materias reflicten aqueles primeiros pasos: Simbólica Sonora, Guión, Historia do Cine ou Arte e Percepción. Son indicadores tamén doutra eiva que se intentaba cubrir, a da falta de estudos artísticos superiores de Cine e Comunicación Audiovisual. A EIS nace adscrita ao ámbito da formación profesional, pero desde entón a dialéctica entre arte e técnica e entre creación e industria serán fundamentais para entender a súa traxectoria e os seus sinais de identidade.
Control da imaxe. Estudio de TV
Un modelo de referencia
Nos comezos o prototipo de alumno era o dun afeccionado ou semiprofesional que quería complementar un xeneralizado autodidactismo cunha aprendizaxe técnica oficial. Os estudos inicialmente tiñan unha duración dun ano e, para acceder a eles, o alumnado debía realizar unhas probas de acceso específicas. A EIS era unha escola singular na que convivían alumnos de diferentes idades e bulía xente apaixonada co audiovisual que intercambiaba experiencias co profesorado nun feed back continuo de prácticas, onde o debate estimulaba as ideas e a técnica nacía da necesidade expresiva duns estudantes claramente vocacionais. Daquela, a maioría dos profesores estaba en comisión de servizos, elixidos en concursos de méritos pola súa dobre faceta de ensinantes e profesionais do medio, ou directamente exercían a docencia a partir da súa condición de expertos técnicos na materia. Había unha implicación e unha dedicación nos proxectos dos alumnos por parte dos docentes que ía moito máis alá dos horarios oficiais. Tratábase dunha escola viva nun centro piloto onde se estaban a experimentar novas formas de pedagoxía en Galicia e desde o galego. Desde aquela foise fraguando o modelo de prácticas que había de simular o exercicio profesional nos contornos reais de traballo, creando pequenas unidades de produción, constituídas por alumnos operadores e alumnos de Produción-Dirección, aos que se lles asignaban as tarefas correspondentes na preprodución, rodaxe e montaxe dunha película. En pouco tempo, a EIS pasa a ser unha referencia no ámbito galego e estatal entre os centros formativos dedicados ao audiovisual, xa sexan públicos ou privados.
Preparando a toma de cine
Nun principio realizábanse como prácticas conxuntas dúas curtametraxes cunha duración aproximada de 10 minutos, unha documental e outra de ficción, dúas formas de representación da realidade ben diferenciadas,. No caso do documental, os alumnos escribían o guión despois dun proceso de documentación sobre un tema previamente elixido e aprobado nun pitching, no que se facía unha defensa argumentada diante dos profesores coa presentación dun concepto-proposta, informe necesario para avaliar a viabilidade, o interese e os valores de produción de cada proxecto. No caso da película de ficción, os alumnos de Realización escribían o guión e os de Produción facían o orzamento correspondente para presentar no pitching. E a partir da súa aprobación, os alumnos dos catro ciclos debían de desenvolver todas as tarefas profesionais, desde as localizacións e a selección de actores, ata a dirección, gravación e posprodución. Daquela os alumnos recibían aulas de Guión, imprescindible para elaborar toda a cadea de produción dun proxecto audiovisual. Escribir para cine implicaba un exercicio de creación e de análise da linguaxe específica e unha ferramenta para o desenvolvemento técnico posterior. As clases de Guión despois, coa implantación da LOXSE, habían de impartirse como parte do módulo de Comunicación e Expresión Audiovisual, e desaparecerían en 2011, coa LOE. Con elas perdéronse un referente e unha peza clave dos coñecementos transversais.
Pero o prestixio da EIS non procede só da súa práctica pedagóxica senón tamén da súa implicación directa na industria audiovisual e noutros eidos da educación. Diante da escaseza de infraestruturas e instalacións das produtoras, no estudio da EIS rodáronse numerosas secuencias cinematográficas e anuncios publicitarios e graváronse capítulos de series de TV. Tamén se colabora con frecuencia coas empresas do sector para facilitar os seus traballos, a cambio de que os alumnos participen nesas producións como unha práctica complementaria enriquecedora e distintiva do noso modelo. Por outra banda, a relación co colectivo profesional de actores é intensa e continua, abonda con mirar os carteis pendurados das paredes da escola e ver os nomes de Luis Tosar, María Bouzas ou Luis Zahera, por citar algúns dos protagonistas habituais das curtametraxes. Actores profesionais que moitas veces valoraron as súas colaboracións como unha oportunidade para desenvolver as súas destrezas diante da cámara e darlle continuidade á súa actividade interpretativa. Pero as seleccións abertas da EIS tamén eran cita obrigada na cidade para moitos actores afeccionados ou universitarios que puideron probar o seu talento e iniciarse nun medio ao que despois se dedicarían profesionalmente.
Toma de imaxes nun programa de TV
As nosas aulas desde entón foron e seguen a ser escenario de prácticas educativas experimentais ou anovadoras en convenios con outras entidades, como é o caso da universidade, o Concello da Coruña e o CGAI, afianzando así as actividades extraescolares. Por nomear algunhas, aí está a participación da EIS en experiencias como Pé de Imaxe, Cero en Conduta, A Coruña de Cine, o festival S8, Cinema Periférico, o festival de Ourense, as galas dos premios Mestre Mateo (premio que, por certo, recibiu a Escola de Imaxe e Son da Academia Galega do Audiovisual por toda a súa traxectoria) ou os convenios plurianuais con diversas entidades ou outras escolas de ámbito estatal, como é o caso do proxecto audiovisual J x J, ou de ámbito internacional, como o intercambio cos alumnos do Instituto Multimedia de Porto. Obradoiros, festivais, cursos, exposicións de fotografía, debates e charlas fan da EIS un foro aberto e un foco de interese que ilumina no ámbito do audiovisual e crea lazos e vasos comunicantes entre o mundo da educación e a cultura. Victor Erice, Acacio de Almeida, Juan Padrón ou Chema Madoz son algúns dos grandes profesionais do mundo do cine e da fotografía que pasaron pola EIS, impartindo aulas, conferencias ou talleres para complementar a formación ordinaria dos alumnos, pero tamén a formación continua dos traballadores do medio.
Punto de xiro LOXSE
En 1997, dentro do marco da LOXSE, modifícanse as ensinanzas de formación profesional. Produción, Realización, Imaxe e Son convértense en ciclos formativos superiores, cunha duración de dous anos. Aumenta o número de profesores, con novos perfís, e inclúense na familia de Comunicación, Imaxe e Son módulos relacionados coa ensinanza técnica das artes escénicas. Agora trátase de catro CFS de Audiovisuais e de Espectáculos. Pero o que cambia esencialmente é o perfil do alumnado. Ao suprimirse as probas de acceso propias, prima o expediente do alumno e a selección vén dada pola especialidade cursada no bacharelato, independentemente das súas experiencias ou aptitudes específicas. O bacharelato de ciencias puntuará máis para acceder á EIS e filtrará un prototipo de alumno máis técnico, co que se dá o paradoxo de que os alumnos de bacharelato artístico, que cursan materias relacionadas co audiovisual, apenas teñen opción para acceder a Imaxe e Son. Os estudos de bacharelato, acabados de cursar, uniformizan a idade do estudante, cunha media de 18 a 21 anos e un interese máis difuso pola materia. Porén, a fórmula das prácticas interciclo persiste como eixe vertebral e pedagóxico do centro, non sen as dificultades propias de adaptación aos novos plans de estudo.
Cómpre subliñar que a EIS (once anos antes da aparición da ESAD, Escola Superior de Arte Dramática de Galicia) é o primeiro centro oficial e regrado onde se imparten aulas de teatro a través de módulos como Representacións Escénicas, Iluminación de Espectáculos, Produción de Espectáculos ou Sonorización de Espectáculos. En poucos ámbitos se dan as condicións de convivencia de disciplinas tan próximas como as artes escénicas e o audiovisual que moitas veces semellan tan alleas no medio profesional. Ao xunguir ensinanzas de teatro e cine na mesma escola, o alumnado experimenta en primeira persoa o traballo de actor, fornecendo así a aprendizaxe da dirección de actores. O Teatreis será unha das prácticas que se fan entre ciclos, distintiva deste período, na que os alumnos realizan unha montaxe teatral desde a preprodución e a escrita dos textos ata a estrea no teatro da EIS, pasando polos ensaios nos que eles mesmos dirixen e interpretan, ou iluminan e sonorizan, segundo o ciclo, emulando os traballos profesionais do teatro.
Proba de son nun concerto-teatro
Ademais do Teatreis e da persistencia dos documentais e as curtas de ficción que sufrirán diferentes modificacións, converténdose en prácticas máis fragmentadas, irán perfilándose novas prácticas, como as de televisión, onde se realizan diversos tipos de programas, como os debates sobre temas de actualidade, nos que se invitan a relatores expertos nas correspondentes materias, programas de variedades ou comedias de situación para as que se constrúen decorados nos sets do estudio e se convoca a profesionais do medio. Tamén hai que destacar as prácticas de radio, nas que se chegaron a emitir programas informativos, reportaxes ou dramáticos, realizados polos alumnos da EIS, a través de convenios con emisoras profesionais ou as tradicionais exposicións fotográficas de alumnos que se realizan nos espazos de tránsito da escola, onde tamén expoñen alumnos dos obradoiros da Asociación K, que colabora habitualmente coa EIS e que preside o veterano profesional Pepe Sánchez, que lle dá nome ao noso museo de fotografía. E non hai que esquecer as producións especiais da EIS, que se convocan anualmente nas modalidades de temática libre e de homenaxe ao escritor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas, así como as retransmisións exteriores de concertos, galas ou concursos, en convenio con outras entidades.
Todas estas prácticas, ás que habería que sumar as propias de cada ciclo, naturalmente son avaliables dentro dos currículos e das unidades de competencia ás que están adscritas, pero tamén teñen un recoñecemento por parte de toda a comunidade educativa mediante as galas EIS Carballeira, outra práctica escénica que se realiza cada final de curso e na que se premian os traballos producidos na escola, simulando así os eventos e as galas de entrega das academias profesionais..
Por outra banda, é neste período, a partir de 2000, cando a EIS inicia a publicación periódica dunha serie de monografías baixo o título de Cadernos da EIS. Conscientes da carencia de bibliografía na nosa lingua sobre a materia audiovisual e escénica e seguindo un compromiso esencial cunha escola en galego, a EIS, a través do Departamento de Normalización Lingüística, leva editados doce cadernos dos que son autores profesores da escola. Trátase duns textos didácticos e divulgativos que teñen como destinatarios non só o alumnado da EIS, senón tamén os profesionais do sector, que son agasallados con esta publicación nas visitas que fan ao noso centro. Procuramos deste xeito reforzar as destrezas lingüísticas e o vocabulario específico das materias que se imparten no centro e fornecer de manuais en galego a biblioteca do centro. Os Cadernos da EIS é unha publicación senlleira á que se suman os libros de fotografía que compilan, bienalmente, os mellores traballos do alumnado nesta disciplina.
O punto de xiro LOE
O MEC, a través do Incual, Instituto para as Cualificacións Profesionais, convoca, no 2006, a expertos e docentes de todo o estado (tres profesores da EIS participarán neste proceso) para configurar e reestruturar a formación profesional, adaptándoa á nova realidade laboral. Xorden novas profesións e, como consecuencia, coa implantación da LOE, modificaranse os módulos e os ciclos formativos que se aplicarán na EIS desde 2011. Ademais da nova terminoloxía, que indica unha maior especialización, os grandes módulos da familia de Imaxe e Son, segundo unha desagregación das diferentes unidades de competencia, dividiranse basicamente en dous nas áreas de Realización e Produción, un dedicado á planificación e outro á xestión e execución dos procesos. É o momento no que tamén se vai reinterpretar o concepto de transversalidade, nun polémico debate que rematará cunha notable redución da presenza curricular dos módulos creados con este fin.
Por outra banda, a partir de 2012, na EIS, amplíase a oferta educativa cun novo CFS, o de Animación. É o primeiro centro de Galicia en impartir este ciclo e un dos primeiros do Estado, que nace nun momento de forte implantación da animación na industria audiovisual galega, pero de difícil continuidade, pois precisa de grandes investimentos, como tamén os precisa a educación, especialmente castigada polos recortes económicos nos últimos anos.
Aula de animación en 3D
Moito cambiaron as cousas desde aqueles anos nos que a EIS era un dos centros pioneiros do Estado. Cambiaron as leis de educación, a LOXSE, a LOE e máis recentemente a LOMCE, obrigándonos a continuas adaptacións. As programacións son, moitas veces, un xustillo demasiado estreito para o caudal de procesos da EIS, como as prácticas que, en moitos casos, non serían posibles sen un engadido de enerxía, vontade e horas extra por parte dos alumnos e dos profesores, cada vez máis ocupados en tarefas burocráticas. Neste contexto faise cada vez máis difícil a persistencia ou a consolidación de modelos pedagóxicos xa contrastados positivamente no canto de favorecer o ensino de cada ciclo como un compartimento estanco, como vén sendo habitual noutros centros de ensino.
Un mercado laboral en punto de clímax
Desde a súa creación, máis de 2000 titulados saíron das nosas aulas. Unha porcentaxe moi relevante dos traballadores técnicos da TVG, das emisoras de radio, das empresas de iluminación e sonorización ou das produtoras do audiovisual pasou pola EIS, que é desde hai moitos anos a canteira para un audiovisual realizado en Galicia e desde o galego. Nos créditos das series ou das longametraxes profesionais que se produciron nestas décadas repítense os mesmos nomes que asinaron as nosas producións escolares.
Realización dun informativo de TV. Control de realización
Pero se é numerosa a presenza de ex-alumnos nos departamentos técnicos, tamén é significativo e salientable ver que non son poucos os que se fixeron e se fan cargo da responsabilidade da produción ou das facetas máis creativas, como a dirección e realización, ou mesmo da autoría e guionización desas producións, moitas veces de éxito, mesmo fóra da nosa comunidade. Con todo, non todo é de cor de rosa, o impacto da crise e da súa especial incidencia no sector das industrias culturais dificultan enormemente a permanencia laboral dos alumnos nas empresas.
É sabido que a formación profesional depende en gran medida das necesidades do mercado laboral e profesional. O último módulo do ciclo cúrsano os alumnos formándose nos centros de traballo (FCT): hai 10 anos moitos alumnos eran contratados polas empresas ao rematar o período de prácticas, pero hoxe é excepcional que isto aconteza, mesmo hai grandes dificultades para encontrar produtoras ou empresas onde poidan realizar as prácticas. Ao longo dos sete últimos anos de crise son moitas as empresas que pecharon e outras persisten a duras penas, reducindo o número de contratados. Paradoxalmente a demanda de formación na EIS foi en aumento nestes anos e queda en relevancia polo elevado número de solicitantes que en cada curso procuran optar a unha praza. Hai que ter en conta que actualmente existen en Galicia outros cinco centros públicos que imparten Imaxe e Son e tres facultades de Comunicación Audiovisual e que nestes últimos anos proliferan as escolas privadas e semipúblicas que empregan o acrónimo EIS, tamén os mestrados de produción audiovisual nas universidades ou en fundacións e centros privados.
Finais e principios
Velaquí que a EIS continúa, a piques de facer 25 anos, afrontando novos desafíos nun sector que cambia a un ritmo vertixinoso as súas tecnoloxías, onde o analóxico se converte en pasado coa mesma celeridade na que a dixitalización multiplica as súas posibilidades de progreso, esixindo novos recursos, onde o perfil do alumnado reflicte novos usos e costumes no tempo das redes, da creba das grandes teorías e da fragmentación da mirada. A EIS precisa crear novos horizontes defendendo o seu ronsel, debe acuñar o seu modelo e a súa práctica pedagóxica, conseguir novas responsabilidades, apostar polo status de centro de referencia nacional, como un novo pulo e un proxecto que ilusione a unha comunidade educativa experimentada xa en moitos lances, debe redimensionarse na contorna interactivamente, potenciando a reflexión e o pensamento crítico no alumnado e axudando así máis eficazmente á resolución dos procesos técnicos porque non esquezamos, neste tempo no que se desbotan as humanidades con frivolidade e irresponsabilidade manifestas, que educar, en cada ámbito, significa, sempre, formar cidadáns para o futuro.